Mosteiro de San Salvador de Celanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de San Salvador de Celanova
Fachada San Salvador de Celanova.jpg

Fachada do mosteiro.
Datos xerais
Localización Celanova
Coordenadas 42°09′6.55″N 07°57′24.85″W / 42.1518194°N 7.9569028°W / 42.1518194; -7.9569028Coordenadas: 42°09′6.55″N 07°57′24.85″W / 42.1518194°N 7.9569028°W / 42.1518194; -7.9569028
Catalogación Ben de Interese Cultural
Culto
Culto Igrexa Católica
Arquitectura
Estilo Prerrománico - Románico - RenacentistaBarroco
Identificador RI-51-0000782
San Salvador de Celanova en Galicia
San Salvador de Celanova
San Salvador de Celanova
Localización.

San Salvador de Celanova é un mosteiro medieval beneditino fundado por San Rosendo a mediados do século IX en Celanova.[1]

Foi declarado Monumento Nacional en 1931 e premio Europa Nostra no ano 1984.[2]

Situación[editar | editar a fonte]

O Mosteiro de San Salvador sitúase no concello de Celanova, no centro da mesma localidade pertencente á Comarca da Terra de Celanova, na provincia de Ourense. Dista só 26 quilómetros da capital.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Fachada leste do mosteiro.

Arredor do ano 937, San Rosendo construíu un cenobio na aldea de Vilar, nuns terreos propiedade do seu irmán, o conde Froila Gutiérrez[1]. Segundo conta a tradición, o mozo Rosendo recibiu en sonos unha revelación pola cal debía fundar no lugar de Vilar, actual Celanova, un cenobio. Segundo a lenda, San Rosendo subiu a un monte preto a Celanova, lanzou desde alí unha pedra, e no lugar onde caeu a pedra foi onde o Santo levantou o cenobio.[2]

San Rosendo foi bispo de Mondoñedo e de Iria, e Ordoño III nomeouno vicerrei de Galiza, mais retirouse ao pouco a este cenobio, onde foi o seu segundo abade até a súa morte o 1 de marzo de 977. O seu primeiro abade foi Franquila, que fora fundador do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, de onde provirían os monxes para a nova comunidade. Trala súa morte no ano 955 sucedeuno no cargo San Rosendo.[3] Deste primitivo mosteiro só queda a pequena capela de San Miguel, situada no que debeu ser anteriormente unha capela adicada a San Martín.[4]

Foi bendicida o 25 de setembro do ano 942. Atrás quedaban cinco anos de traballos.[3]

O lugar medrou arredor do mosteiro e acabaríase convertendo na actual Celanova. O abade ostentaba, entre outros, os títulos de conde de Bande e marqués de Torre de Sande, nomeaba xuíces e alcaldes en máis de 50 localidades e tiña asento reservado na catedral de Ourense.[5]

Após un período de decadencia, en 1506 sumouse á Congregación de San Bieito de Valladolid, co que recuperou certo esplendor, e deste modo comeza unha nova etapa, que lle concede maior esplendor.[5] A importancia do mosteiro foi medrando co tempo e no século XVI o mesmo Carlos I pensou na idea de retirarse a este mosteiro, aínda que prefireu Yuste pola climatoloxía máis benigna.[4] A importancia do mosteiro durante os séculos XVII e XVIII, así como o seu poder económico e social, quedaron reflectidos nas reformas que o mosteiro levaba a cabo co paso dos anos, chegándose a reconstruir todo o mosteiro.[5]

No século XIX prodúcese a desamortización, e isto supuxo o abandono do mosteiro como ocorreu con outros moitos outros. O concello pasou a ser o propietario das instalacións e a igrexa monacal pasou a ser templo parroquial honrando a San Rosendo. A igrexa construíuse no século XVI, comezándose en 1653 e rematándose no ano 1687. Pode ser considerado como un exemplo de transición do Barroco o Renacemento.[6][7] O resto das instalacións pasaron a propiedade de institucións públicas, que as utilizaron para diversas actividades. De feito, os Escolapios, tiveron unha escola e adicáronse alí á ensinanza, ata 1929. Despois nas instalacións estiveron durante breves períodos de tempo: Augustiños, Salesianos e incluso a Cidade dos Muchachos.[7]

Na actualidade, tras unha remodelación que lle valeu o premio Europa Nostra,[7][8] as instalacións monacais utilízanse para albergar diferentes institucións municipais e rexionais, como o propio concello, a biblioteca, un instituto de secundaria, a oficina de turismo ou o Servizo Galego de Colocación.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

No mosteiro realizáronse importantes obras no século XVII. Naquel entón contaba cun templo medieval pegado ao claustro renacentista.

Planta.

A Capela de San Miguel[editar | editar a fonte]

Capela prerrománica de San Miguel.
Artigo principal: San Miguel de Celanova.

Da época da fundación só resta, na horta, unha pequena capela prerrománica de influencia mozárabe consagrada a San Miguel (coñecida como Capela de San Miguel), única no seu estilo en Galicia. Ergueuna San Rosendo como santuario-oratorio dedicado ao seu irmán. Ocupa 22 m², con seis de altura. A nave é de planta rectangular; o cruceiro está cuberto por unha bóveda de aresta e a ábsida é circular no interior e cadrada no exterior. Os tres espazos sepáranse mediante arcos de ferradura.

Segundo o investigador da Universidade de Vigo Roberto Vázquez Rozas a capela foi construída segundo as proporcións matemáticas de Euclides[9].

O templo consta de tres espazos: a nave, o espazo central e a ábsida. O módulo central ten 3,836 metros de longo, o duplo da lonxitude do rectángulo da ábsida (1,915 m 2,31 de ancho). Estas proporcións están relacionadas coas medidas árabes, que posiblemente determinaron o tamaño da edificación. Así, na capela aparece a relación de proporción de 6, 9 e 12 pés árabes na ábsida, a nave e o espazo cadrado central. Isto responde aos principios da sección áurea expostos por Euclides cara ao século III a. C.

As fachadas[editar | editar a fonte]

As fachadas principais do mosteiro e da igrexa están en liña, cando o habitual é que se coloquen en ángulo recto. Dan para a Praza Maior, na que se colocou unha fonte procedente do claustro das Procesións, onde se erguera en 1580 imitando a fonte da praza da Ferrería de Pontevedra.

A fachada principal do mosteiro conta cunha portada na dereita. Nela, o primeiro corpo ocúpao unha porta alintelada flanqueada por dous pares de columnas de capiteis dóricos, o segundo unha porta acristalada con tímpano e un balcón con varanda de ferro forxado e o terceiro un frontón curvo cun escudo.

Mosteiro (monastery) de San Salvador, Celanova, Ourense, Galicia.jpg

A igrexa[editar | editar a fonte]

A fachada da igrexa, barroca, foi rematada en 1653, aínda que sufriu algunhas modificacións no século seguinte. Atópase próxima a unha torre, a dos Abades, obra iniciada no século XVI e rematada con elementos típicos barrocos. A porta principal está presidida por San Bieito, flanqueado por San Torcuato e San Rosendo, colocados estes últimos entre dous pares de columnas con capiteis corintios; San Bieito ten unha pedra na man. No corpo intermedio hai unha ventá moi grande e o superior culmínase cunha peineta co escudo abacial, rodeado por oito pináculos barrocos. O conxunto tende á horizontalidade

A planta da igrexa é de cruz latina (cun formato rectangular) con tres naves e foi deseñada por Melchor de Velasco en 1661 que asina un contrato coa comunidade beneditina polo que levantou a igrexa aproveitando a fachada recentemente rematada. A nave central cóbrese cun artesoado pétreo. Unha balconada percorre todo o beirado, que se apoia sobre grandes pilastras. O presbiterio rectangular entre sacristías e o cruceiro cuberto por unha cúpula resalta os seus elementos clasicistas. O conxunto non foi rematado por Melchor Velasco xa que as obras dilatáronse no tempo, e foi Pedro de Monteagudo o que traballou no seu acabado desde 1672, pertencendo a cúpula (1682-1684) a este último período.

A igrexa consagrouse polo ano 1687.

Coro.

O retablo barroco da capela maior é de 1697 e foi obra de Francisco Castro Canseco e algúns datos falan da continuación da obra por parte do seu taller trala súa morte, unindo o seu traballo co barroco compostelán tardío tomando como referencia as obras que se estaban a realizar no mosteiro de San Martiño Pinario. Deste xeito pódense atopar paralelismos (uso de estípites e o tratamento do remate dos laterais) nos retablos laterais dedicados a Santa Escolástica e Santa Xertrude. Isto fai pensar nunha cronoloxía tardía para esta parte da obra, posiblemente de tempos no que frei Plácido Iglesias foi mestre de obras do mosteiro. Noutros retablos como o de San Rosendo, montado no ano 1718 consta o traballo de Frei Primitivo.

O templo conta tamén cun cadeirado plateresca de finais do XV no coro alto, adornado con figuras de misericordias, algunhas delas choqueiras ou procaces. O coro baixo, de principios do XVII, cara a 1715 a 1720, é obra tamén de Francisco de Castro Canseco, aínda que hai autores que sosteñen a obra de outros autores e a participación de Castro Canseco só cara ao final da obra, polo que se fala da convivencia de dous estilos. Conta con 38 cadeiras na altura superior e 28 na inferior. Nos sitiais da parte baixa relátanse as vidas de San Bieito (no lado da epístola) e a de San Rosendo (na do evanxeo). Nos respaldos están tallados santos da Orde Beneditina (nos superiores) e escenas da vida do mosteiro (nos inferiores). Os seus lados longos únense por medio dunha fronte aberta por medio dun arco de medio punto que orixinariamente permitiría a contemplación directa do altar maior desde os pés da igrexa.

No ano 1735 a comunidade contratou a un reixeiro ourensán, Rodrigo Díaz de Lombán a realización de dúas reixas que pechan o coro.

Claustro procesional.

Os claustros[editar | editar a fonte]

Galería do claustro procesional, Detalle das bóvedas de crucería.

No interior hai dous claustros:

O claustro Vello ou claustro das Procesións ten planta cadrada e é obra de Frei Juan de Badajoz. O seu corpo inferior, de estilo renacentista. Comezouse a súa construción cara ao ano 1550 e rematouse no ano 1594. Apóiase sobre vinte e catro arcos semicirculares e está cuberto por bóvedas de crucería no desenvolvemento e por bóvedas estreladas nas esquinas. O corpo superior, barroco, foi remodelado no XVIII obra do mestre de obras frei Plácido Iglesias, que decora as placas con formas cilíndricas, acios de froitos e volutas e gárgolas nos seus balcóns. As ménsulas nas que pousan as nervaduras da bóvedas decóranse con bustos de Carlos V, Filipe II, Xoán de Austria e outros.

O claustro Novo ou do Poleiro, neoclásico, foi construído a finais do XVII ou comezos do XVIII e conta cun grande balcón corrido montado sobre grandes ménsulas que serve de lugar de aceso ás celas que se atopan nese nivel, ao que lle debe o seu alcume.

Estado actual[editar | editar a fonte]

A súa situación privilexiada no centro da vila de Celanova fixo que este mosteiro fose reempregado trala exclaustración para fins civís. Na actualidade é a sede da Reitoral, o Concello, o Xulgado, a Biblioteca, o instituto de educación secundaria e outras dependencias oficiais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Ficha en Turgalicia
  2. 2,0 2,1 Páxina sobre Celanova na Revista Ibérica (en castelán)
  3. 3,0 3,1 Páxina do mosteiro na web Terra de Celanova (en castelán)
  4. 4,0 4,1 Páxina na web Galicia Máxica
  5. 5,0 5,1 5,2 Páxina de Turismo Ourense (en castelán)
  6. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome magia
  7. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome orense
  8. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome paxinas
  9. "Descobren que a capela de Celanova segue a xeometría de Euclides", La Voz de Galicia, 3 de agosto de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro de San Salvador de Celanova

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • San Salvador de Celanova. Varios autores. Edilesa 2001.
  • El monacato gallego en la edad media. Freire Camaniel, José. A Coruña: Funadación Pedro Barrié de la Maza. 1998.
  • El Monasterio de Celanova. Hipólito de Sa Bravo.Editorial Everest.
  • Crónica y guía del Monasterio de Celanova. Alfredo Cid Rumbao. Editorial La Región.
  • Historia de los Monasterios y Prioratos anejos a Celanova. Fray Benito De La Cueva. Granada 1991.
  • Mosteiros de Galicia na idade media. Pérez Rodríguez, Fco. Javier. Ourense: Deputación Provincial de Ourense 2008.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]