Saltar ao contido

A Parda, Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 13 de xaneiro de 2023 ás 17:08 por Jglamela (conversa | contribucións) (→‎Historia: Homónimo)
A Parda
Avenida Virxinia Pereira Renda e Conservatorio Profesional de Música
ConcelloPontevedra[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°25′33″N 8°37′50″O / 42.42575, -8.6304444444444Coordenadas: 42°25′33″N 8°37′50″O / 42.42575, -8.6304444444444
Entidades de poboación[1]
editar datos en Wikidata ]

A Parda é un barrio da cidade de Pontevedra na súa zona leste. Ten unha función sobre todo residencial e ten tamén importantes instalacións xudiciais, educativas e sanitarias.

Localización

O barrio da Parda está situado ao leste da cidade de Pontevedra. Limita ao norte coa rúa Estrada e a PO-532, ao sur coa PO-542 e O Marco, ao leste coa Rolda Leste[2] e ao oeste coas vías férreas e a estación do ferrocarril. Ao leste do barrio atópase o cemiterio municipal de Santo Amaro, proxectado en 1879 polo arquitecto Alejandro Sesmero e inaugurado en setembro de 1882.

Historia

O inicio do desenvolvemento do barrio da Parda produciuse coa demolición do antigo cárcere provincial da Parda grazas a un convenio conseguido polo alcalde Juan Luis Pedrosa en 1995 e á construción no seu soar do primeiro dos edificios xudiciais da Cidade da Xustiza de Pontevedra, cuxas obras empezaron a principios de 1996 e que se inaugurou en 1998.[3][4][5][6]

En 1999 acabáronse de urbanizar os terreos e construíuse a avenida transversal Xoán Carlos I (actual avenida Virxinia Pereira Renda) de catro carrís de circulación, entre as rúas da Estrada e Pintor Laxeiro.

En xullo de 2001 aprobouse a construción na avenida Xoán Carlos I do novo edificio do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, que foi inaugurado en setembro de 2004.[7][8][9][10]

En 2006 comezaron as obras de construción do novo Centro de Saúde da Parda na rúa Gaiteiro Ricardo Portela.[11] O centro de saúde, incluíndo nos seus servizos un Punto de Atención Continuada (PAC), foi inaugurado en outubro de 2009.[12]

En 2008 empezouse a construír o complexo deportivo da Parda. Os traballos quedaron a medio facer ao entrar a concesionaria en quebra en 2009.[13]

O 9 de setembro de 2009 inaugurouse no barrio da Parda o parque das Camelias, con entrada pola rúa Gaiteiro Ricardo Portela.[14]

En xaneiro de 2011 entrou en funcionamento a escola infantil da Parda na rúa Diego Sarmiento de Acuña, que pasou a formar parte da rede de garderías da Xunta de Galicia A galiña azul.[15] Foi proxectada polo arquitecto José Ramón Garitaonaindía de Vera.[16]

O 1 de agosto de 2016 empezou a construción do segundo edificio dos Xulgados.[17] O novo edificio foi inaugurado o 3 de setembro de 2019. A partir deste intre Pontevedra contou cunha Cidade da Xustiza conformada por estes dous edificios xudiciais no barrio da Parda.[18]

En outubro de 2019 entrou en servizo a Rolda Leste de case un quilómetro que circunvala o barrio polo leste e que mellorou o acceso ao Hospital Montecelo.[2]

Urbanismo

A Parda é o principal barrio da zona leste de Pontevedra e articúlase a partir dunha avenida principal de catro carrís, a avenida Virxinia Pereira Renda e dunha rúa de catro carrís que a cruza, a rúa Pintor Laxeiro. As rúas Estrada e Hortas comunican o barrio polo oeste co centro da cidade e a rúa Hortas tamén o comunica coas estacións de ferrocarril e autobuses.

O barrio ten como parques principais o parque das Camelias e o parque Martín Balea. O parque das Camelias ten 8.000 metros cadrados e conta cunha área de xogos infantís. Ten unha fonte ornamental formando bancada en semicírculo e especias arbóreas como camelias e magnolios.[14] O parque Martín Balea entre as rúas Pintor Laxeiro e Bacelar contará en 2023 cun parque infantil de preto de 1000 metros cadrados de superficie.[19] O barrio ten ademais o parque da rúa dos Soutos, que dispón tamén dun parque infantil.[20]

Na rúa do Marco, á dereita da avenida conde de Bugallal atópase o Pazo da Parda. Data de 1620 e foi fundado polos irmáns Malvar, deáns da catedral de Santiago de Compostela. O pazo acolleu importantes reunións políticas a principios do século XX, cando o seu propietario, Gabino Bugallal Araújo, II Conde de Bugallal e varias veces Ministro da Coroa e Presidente das Cortes Españolas, converteuno na súa residencia de verán.[21][22]

Instalacións

Centros escolares

O barrio da Parda conta con distintos centros escolares:

Organismos gobernamentais

No barrio atópase a Cidade da Xustiza de Pontevedra, composta por dous edificios de oito e seis andares, que foron inaugurados respectivamente en 1998 e 2019.

Deportes e lecer

  • O futuro complexo deportivo da Parda situarase ao oeste da rúa Francisco Tomás y Valiente, en fronte ao edificio dos Xulgados de 1998. Será licitado en 2023 e construiranse dous pavillóns, un polideportivo e outro para ximnasia rítmica.[13]

Galería

Notas

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. 2,0 2,1 "La Ronda Leste entra en servicio y prevé absorber 5.000 vehículos". Diario de Pontevedra (en castelán). 11 de outubro de 2019. 
  3. "Un complejo de 2,2 millones sitúa A Parda como barrio de expansión". El Correo Gallego (en castelán). 5 de setembro de 2008. 
  4. "A Parda, ciudad judicial". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de abril de 2010. 
  5. "A Parda deja de ser cárcel para convertirse en juzgado". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 2016. 
  6. "¿Quién abre la puerta de los juzgados de A Parda?". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de marzo de 2016. 
  7. "Luz verde a la construcción del nuevo conservatorio de música en A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xullo de 2001. 
  8. "El nuevo conservatorio estará disponible a finales del 2002". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de novembro de 2001. 
  9. "El Concello cede a la Xunta la parcela del nuevo Conservatorio de Música". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xullo de 2002. 
  10. "Lores se interesa por el estado de las obras del nuevo Conservatorio". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de marzo de 2004. 
  11. "El Sergas saca a contratación las obras del centro de salud de A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de febreiro de 2006. 
  12. "El nuevo centro de salud de A Parda ya atenderá pacientes en octubre". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de setembro de 2009. 
  13. 13,0 13,1 "La licitación del complejo deportivo de A Parda se lanzará a principios de 2023". Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de novembro de 2022. 
  14. 14,0 14,1 "El barrio de Parda estrena hoy un nuevo parque". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de setembro de 2009. 
  15. "La escuela infantil «de diseño» de A Parda está acabada, pero su apertura se demorará hasta enero". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de setembro de 2010. 
  16. "O Concello adxudica o mobiliario da gardería da Parda para entrar en funcionamento neste curso". Faro. 17 de agosto de 2010. 
  17. ""Día uno" de las obras del nuevo edificio judicial de A Parda". Pontevedra Viva (en castelán). 1 de agosto de 2016. 
  18. "Pontevedra inaugura su ciudad de la justicia". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de setembro de 2019. 
  19. "A licitación el proyecto del parque infantil "tematizado" de Pintor Laxeiro". Pontevedra Viva (en castelán). 1 de xaneiro de 2023. 
  20. "El parque infantil de la Rúa dos Soutos estrena su renovada imagen". Pontevedra Viva (en castelán). 25 de abril de 2020. 
  21. "El pazo de A Parda se pone en venta tras cuatro siglos con la familia Bugallal". Faro (en castelán). 3 de novembro de 2017. 
  22. "Una casa señorial con jardín y capilla: así es el Pazo da Parda, a la venta en Pontevedra". El Español (en castelán). 10 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas