Océano Antártico

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Océano Antártico
Localización xeográfica
ContinenteAntártida
Xeografía
Mares contiguosParte da pasaxe de Drake, parte do mar de Scotia, mar de Weddell, mar do Rei Haakon VII, mar de Lazarev, mar de Riiser-Larsen, mar dos Cosmonautas, mar da Cooperación, mar de Davis, mar de Mawson, mar de d'Urville, mar de Somov, mar de Ross, mar de Amundsen e o mar de Bellingshausen
Illas interioresIllas da Antártida
Características
Superficie20.327.000 km² [1]
Lonxitude máxima17.968 km da costa [1]
Profundiade máxima7235 m (Foxa das Sandwich do Sur)
Profundidade media4000-5000 m
Mapa

Localización do océano Antártico

Mapa que mostra a liña de converxencia Antártica

O océano Antártico, tamén coñecido como océano Glacial Antártico ou océano Austral[2] (Southern Ocean en inglés), é o nome dado ao conxunto das augas que bañan o continente Antártico, que na realidade constitúen o prolongamento meridional dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. Moitos científicos, oceanógrafos e xeógrafos, non recoñecen a existencia do océano Antártico, considerándoo como unha conxunción de partes dos outros océanos.[Cómpre referencia]

O océano Antártico esténdese desde a costa antártica até os 60° S, límite convencional cos tres océanos mencionados. É o penúltimo océano en extensión (só o océano Ártico é menor).[3] Formalmente, a súa extensión foi definida pola Organización Hidrográfica Internacional (IHO) no ano 2000 e coincide cos límites fixados polo Tratado Antártico,[4][5] mais a decisión non foi ratificada. Outros toman como límite natural do océano Antártico a estacional e flutuante converxencia antártica.

Existencia e definicións[editar | editar a fonte]

Mapa de 1863 que mostra o océano Antártico (Southern Ocean) estendido ata as costas de Australia.

A Organización Hidrográfica Internacional (IHO) é o organismo competente en fixar os bordos e dar nome aos océanos e mares. Isto recóllese na súa publicación "Límites dos océanos e mares" (Limits of Oceans and Seas, en inglés). Nas dúas primeiras edicións de 1928 e 1937 recoñecíase a existencia dun océano que bordea a Antártida. Porén, na terceira edición de 1953 omitiuse a existencia deste océano, ampliando os límites dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico ata as costas do continente antártico.[6] As razóns para non considerar a existencia dun océano austral foron a flutuación estacional dos seus límites hidrográficos do norte, e para contentar aos científicos que crían que un océano debería definirse como "auga rodeada por terra" e non "auga que rodea a terra". Porén dábase liberdade ás oficinas hidrográficas dos estados membros para considerar a existencia deste océano e definir os seus propios límites, así o Reino Unido utilizou o paralelo 55°S como límite setentrional deste océano.[6]

A redefinición do océano foi abordada de novo pola IHO no ano 2000 enviando unha enquisa aos 68 países membros. Responderon 28, dos que só a Arxentina rexeitou a proposta. Canto ao nome, a opción maioritaria foi a de "océano do Sur" (Southern Ocean en inglés) elixida por 18 dos países que responderon afirmativamente, fronte a alternativa de "océano Antártico", a pesar de que este nome é o máis común en moitas linguas. A metade dos votos apoiaban que o límite do océano fose o paralelo 60ºS, un paralelo que non toca terra. Outros límites tiveron 14 votos, principalmente o paralelo 50ºS, e ata houbo algún voto para límites moi setentrionais, como o paralelo 35ºS.

Baseándose na enquisa do ano 2000, a IHO incluíu o océano e os seus bordos setentrionais nos 60ºS, mais isto non foi formalmente adoptado debido a disputas dos nomes doutras áreas marítimas, como a existente sobre o mar do Xapón, que impediron o lanzamento dunha nova edición de Limits of oceans and seas. Con todo, circula un bosquexo de 2002 dunha nova edición que é usada pola IHO e algunhas organizacións como a CIA estadounidense.[1]

En Australia, as autoridades cartográficas definen o océano Antártico incluíndo toda a masa de auga entre a Antártida e as costas do sur de Australia e Nova Zelandia,[7][8] aínda que as autoridades de Nova Zelandia non seguen xeralmente esta definición.[9] Os mapas costeiros de Tasmania e Australia Meridional chaman o seu mar como Southern Ocean,[10][11][12] mentres que o cabo de Leeuwin en Australia Occidental é descrito como o punto no que se atopan os océanos Índico e Antártico.[13]

A National Geographic Society non recoñece o océano, representándoo, como moito, cun tipo de letra diferente á dos outros océanos. No seu lugar, mostra o Pacífico, Atlántico e Índico estendéndose ata Antártida, tanto nos mapas impresos como nos online.[14] Porén, en contra do que di o seu libro de estilo, nalgúns blogs de National Geographic úsase o termo.[15]

Historia das exploracións antárticas[editar | editar a fonte]

Primeiras expedicións[editar | editar a fonte]

Mapamundi de Abraham Ortelius (1570) que une a Antártida con Australia.

No Mundo occidental, a crenza nunha Terra Australis - un vasto continente localizado no extremo sur do globo terrestre para "equilibrar" ás vastas terras do norte: Europa, Asia e África do Norte - existiu xa desde os tempos de Tolomeo (100-178). A circunnavegación do cabo de Boa Esperanza en 1487 por Bartolomeu Dias atraeu por primeira vez os exploradores dentro da zona da fría Antártida, feito que demostrou que había un océano que separaba África de calquera terra da Antártida que puidese existir. Fernando de Magalhães , que pasou polo estreito de Magallanes en 1520, asumiu que as illas da Terra do Fogo, ao sur eran unha extensión desta terra austral descoñecida. En 1564, Abraham Ortelius publicou o seu primeiro mapa, Typus Orbis Terrarum, un mapa mural de oito follas do mundo, no que se identificaba a Regio Patalis e a rexión de Locach como unha extensión cara ao norte da Terra Australis, chegando ata a Illa de Nova Guinea.[16][17]

Os xeógrafos europeos continuaron a conectar nos seus globos terrestres a costa da Terra do Fogo coa costa de Nova Guinea, deixando desbocar as súas imaxinacións no vasto espazo ao sur dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico para bosquexar os bordos da Terra Australis Incognita ("A descoñecida terra do sur"), un vasto continente que nalgunhas partes chegaba aos trópicos. A busca desta gran terra ao sur motivou a exploradores do século xvi e dos primeiros anos do xvii.

O español Gabriel de Castilla, quen afirmou en 1603 ter visto montañas nevadas máis ao sur do paralelo 64ºS, recoñécese como o primeiro explorador que descubriu o continente antártico, aínda que foi ignorado no seu tempo. En 1606, Pedro Fernández de Quirós tomou posesión, en nome do rei de España, de todas as terras que descubriu en Australia do Espírito Santo (o actual Vanuatu) e aquelas que descubriría "mesmo ata o Polo"

Francis Drake, ao igual que os exploradores españois anteriores, pensaba que debería haber un canal aberto ao sur da Terra do Fogo. En 1615 Willem Schouten e Jacob Le Maire descubriron o Cabo de Fornos, extremo sur da Terra do Fogo, demostrando así que o arquipélago da Terra do Fogo non estaba conectado á terra do sur, como se pensaba. Posteriormente, en 1642, Abel Tasman mostrou que mesmo Nova Holanda (Australia) estaba separada polo mar de calquera continente ao sur.

Retrato de Edmund Halley por Thomas Murray, c. 1687.

A visita a Xeorxia do Sur de Anthony de la Roché en 1675 foi a primeira expedición máis ao sur da converxencia antártica[18][19]. Xusto despois da viaxe, os cartógrafos empezaron a nomear a illa co seu nome para recoñecer o seu descubrimento.

Século XVIII[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1700, durante unha viaxe de investigacións magnéticas ao Atlántico Sur, Edmond Halley atopouse con placas de xeo na latitude de 52ºS, no punto máis meridional que acadou (unhas 140 millas ao norte da illa de Xeorxia do Sur). A expedición que organizou o oficial naval francés Jean-Baptiste Charles Bouvet de Lozier para descubrir a "Terra do Sur", descrita polo medio lendario "sieur de Gonneyville", tivo como consecuencia o achado da illa Bouvet na latitude 54°10′ S en 1730.

En 1771, Yves Joseph Kerguelen viaxou desde Francia ata o Índico con instrucións para a busca ao sur da illa Mauricio dun "continente moi grande". Atopou unha terra no paralelo 50° S que chamou Francia do Sur e creu ser a masa central do continente ao sur. Foi enviado de novo para completar a exploración da nova terra, mais resultou que non había máis terra que a descuberta na anterior viaxe: unha illa inhospitalaria que rebautizou co nome de Illa Desolación, aínda que posteriormente foi renomeada co seu nome (Illas Kerguelen).

Retrato de James Cook, quen probou coas súas viaxes que as augas rodeaban completamente as latitudes meridionais do globo.

James Cook foi o primeiro en atravesar o Círculo polar antártico o 17 de xaneiro de 1773, chegando á latitude 67° 15' S nos 39° 35' E, onde os seus dous barcos foron detidos polo xeo. Cook volveu a atravesar o Círculo Polar Antártico o 20 de decembro de 1773, permanecendo máis ao sur del durante tres días, e alcanzando a latitude 67° 31′ S antes de retornar ao norte no meridiano 135° W. Un longo desvío ata os 47° 50′ S serviulle a Cook para mostrar que non había conexión terrestre entre Nova Zelandia e Terra do Fogo; xirando de novo cara ao sur, atravesou por terceira vez o Círculo Antártico na latitude 109° 30′ W, chegando, antes de que os xeos frearan o seu avance catro días despois, os 71° 10′ S nos 106° 54′ W. Este punto, acadado o 30 de xaneiro de 1774, foi o máis meridional ao que se chegou no século XVIII.

Século XIX[editar | editar a fonte]

Fabian Gottlieb von Bellingshausen.

A primeira vez que se avistou terra firme máis ao sur do paralelo 60º S foi o 19 de febreiro de 1819, cando o inglés William Smith divisou a illa Livingston. Poucos meses despois, Smith volveu para explorar as outras illas do arquipélago das Shetland do Sur, desembarcando na illa Rei Xurxo e reclamando para o Reino Unido a soberanía sobre os novos territorios. O primeiro avistamento do continente antártico non se pode atribuír a unha única persoa. Porén, pódese reducir a busca a tres personaxes. Segundo varias fontes,[20][21][22] tres homes avistarían o manto de xeo ou o continente antártico dentro dun período de días ou meses en 1820: Fabian von Bellingshausen, un capitán da mariña imperial rusa; Edward Bransfield, capitán da armada británica; e Nathaniel Palmer, un cazador baleeiro estadounidense.

Entre 1822 e 1824, unha expedición comandada por James Weddell a bordo do bergantín Jane, e da que tamén formaba parte a nave Beaufoy capitaneada por Matthew Brisbane navegou ás illas Órcadas do Sur para a caza de focas. Apenas acharon focas polo que se dirixiron máis ao sur na procura dunha terra mellor para a caza. O tempo foi infrecuentemente apracible e tranquilo, e o 20 de febreiro de 1823 os dous barcos acadaron a latitude 74°15' S na lonxitude 34°16'45″ W, a posición máis ao sur alcanzada ata entón por ningún barco. Avistaron algúns icebergs mais ningún sinal de terra, polo que decidiron retornar. Weddell imaxinou que o mar continuaba ata o Polo Sur, pero se continuase a súa navegación dous días máis chegaría ás costas da Terra de Coats, ao leste do mar de Weddell, na Antártida.[23]

O buque USS Vincennes da expedición Wilkes, en Disappointment Bay (Antártida) a comezos de 1840.

En decembro de 1839, como parte da expedición Wilkes organizada polos Estados Unidos entre 1838 e 1842, saíu unha frota de Sydney cara ao océano Antártico e comunicaron o descubrimento do continente antártico ao oeste das illas Balleny, o 25 de xaneiro de 1840. Esta parte da Antártida foi posteriormente designada Terra de Wilkes. Debido ás discrepancias existentes nos cadernos de bitácora de varios barcos da expedición Wilkes, e insinuacións de que foron en consecuencia alterados, existe unha controversia entre a expedición Wilkes, que viu unha "illa de xeo" a 175 km da costa o 16 de xaneiro e despois a costa mesma o 25 de xaneiro, e a expedición francesa de Jules Dumont d'Urville, que avistou a costa o 20 de xaneiro, aproximadamente 400 km máis ao oeste, e desembarcou nun illote do arquipélago Géologie, a 4 km do continente, o 22 de xaneiro para obter mostras de mineral, algas e animais, na que foi a primeira vez en ser avistada a costa antártica na súa proximidade. A controversia aumentou polas accións do comandante do buque americano USS Porpoise, o tenente Cadwalader Ringgold, quen, despois de avistar o barco de d'Urbille, evitou deliberadamente o contacto.

O explorador James Clark Ross atravesou o que hoxe se coñece como mar de Ross e descubriu a illa Ross en 1841. Navegou ao longo dunha inmensa parede de xeo que posteriormente foi designada como a plataforma de xeo de Ross. Os montes volcánicos Erebus e Terror da illa Ross foron designados así por seren tamén o nome de dous barcos da expedición de Ross.[24]

Século XX[editar | editar a fonte]

O Endurance atrapado entre o xeo (Biblioteca Nacional de Australia).

A Expedición Imperial Trans-Antártica de 1914, dirixida por Ernest Shackleton, pretendía cruzar o continente antártico pasando polo Polo Sur, mais o seu barco, o bergantín Endurance, foi atrapado e estrullado polas placas de xeo, mesmo antes de que desembarcasen. Os membros da expedición sobreviviron de xornadas épicas viaxando en zorras sobre a capa de xeo ata a illa Elefante. Desde alí, Shackleton e cinco homes máis cruzaron o océano nun dos botes salvavidas do Endurance que bautizaron co nome dun dos patrocinadores da expedición, James Caird, ata alcanzar a illa de Xeorxia do Sur onde deron a alarma na estación baleeira de Grytviken.

En 1946, 4.700 militares norteamericanos dirixidos polo contraalmirante Richard Evelyn Byrd visitaron a Antártida nunha expedición chamada Operación Highjump. Comunicada á opinión pública como unha misión científica, os detalles foron mantidos en segredo e debeu ser realmente unha operación de adestramento e ensaio militar. O grupo contiña unha inhabitual cantidade de equipamento militar, incluíndo un portaavións, submarinos, barcos militares de apoio, tropas de asalto e vehículos militares. Estaba previsto que a expedición durase oito meses pero inesperadamente foi dada por concluída aos dous meses de iniciada. Exceptuando algúns apuntamentos extravagantes de Byrd nos seus diarios, nunca foi dada unha explicación oficial real da pronta finalización da expedición.[25]

Un dos oficiais de Byrd, o capitán Finn Ronne, volveu á Antártida coa súa propia expedición en 1947-1948. Levaba apoio naval, tres avións e cans. Ronne rebateu a idea de que o continente antártico estaba dividido en dous, establecendo que a Antártida Occidental e a Oriental forman un só continente, é dicir, que o mar de Weddell e o de Ross non están conectados.[26] A expedición explorou e cartografou grandes áreas da terra de Palmer e da liña costeira do mar de Weddell, e identificou a plataforma de xeo de Filchner-Ronne.[27] Ronne percorreu 3.600 millas en esquís e zorras tiradas por cans, máis que ningún explorador na historia.[28] A expedición Ronne descubriu e cartografou a derradeira liña de costa descoñecida do planeta e foi a primeira en incluír mulleres entre os seus membros.[29]

O Tratado da Antártida asinouse o día 1 de decembro de 1959 e entrou en vigor o 23 de xuño de 1961. Foi asinado polos seguintes 12 países: Suráfrica, a Arxentina, Australia, Bélxica, Chile, os Estados Unidos, Francia, Noruega, Nova Zelandia, o Reino Unido, o Xapón e a Unión Soviética, e ratificado posteriormente por outros 41. Este tratado protexe as terras e mares austrais dos usos bélicos e as probas nucleares, reservándoas só para usos pacíficos e científicos.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Xeoloxicamente, o Antártico é o máis novo dos océanos. Formouse cando a Antártida e América do Sur se separaron coa apertura da pasaxe de Drake, hai aproximadamente 30 millóns de anos. A separación dos continentes permitiu a formación da corrente circumpolar antártica.

O océano Antártico difire dos outros océanos en que o seu límite máis grande, o límite norte, non toca ningunha masa continental senón que limita cos océanos Atlántico, Índico e Pacífico.

Outra razón para considerar o océano Antártico como un océano á parte está no feito de que moita da auga que posúe, difire da auga dos outros océanos. Que a auga circule ao redor da Antártida bastante rapidamente e debido á corrente circumpolar antártica, así a auga no océano Antártico ao sur, por exemplo, de Nova Zelandia aseméllase á auga no océano Antártico ao sur de América do Sur, moito máis do que se asemella á auga do océano Pacífico.

Mares antárticos.

Subdivisións do océano Antártico[editar | editar a fonte]

O océano Antártico é, xunto co Ártico, o único que circunda o globo de forma completa, e rodea completamente a Antártida. Ten unha superficie de 20.327.000 km², unha cifra que comprende aos mares periféricos, que no sentido horario son: parte da pasaxe de Drake (ou mar de Hoces), parte do mar de Scotia, mar de Weddell, mar do Rei Haakon VII, mar de Lazarev, mar de Riiser-Larsen, mar dos Cosmonautas, mar da Cooperación, mar de Davis, mar de Mawson, mar de d'Urville, mar de Somov, mar de Ross, mar de Amundsen e o mar de Bellingshausen. A terra firme que bordea o océano ten 17.968 km de costa.

Recursos naturais[editar | editar a fonte]

Poderían existir grandes reservas de petróleo e gas natural no talude continental antártico, e nódulos de manganeso no propio océano.

Os icebergs que se forman cada ano no océano Antártico teñen a suficiente auga doce para cubrir as necesidades da poboación mundial durante varios meses. Nas últimas décadas houbo propostas, ningunha delas fiable ou viable aínda, para remolcar estes icebergs ata rexións ao norte máis áridas (coma Australia) onde puidera ser aproveitada a súa auga.[30]

Oceanografía física[editar | editar a fonte]

Banquisa e correntes[editar | editar a fonte]

A corrente circumpolar antártica comunica os océanos Atlántico, Índico e Pacífico.

A banquisa que se forma ao redor do continente antártico ten aproximadamente un metro de espesura, ocupa unha superficie de, polo menos, 2,6 millóns de km² en marzo, e chega ao seu valor máximo de 18,8 millóns de km² en setembro, unha superficie que heptuplica a de marzo.

A corrente circumpolar antártica móvese sempre cara ao leste, formando unha curva pechada de 21.000 km de longo,. É a maior corrente do mundo, e transporta 130 millóns de m³/s, 100 veces máis que todos os ríos da Terra xuntos. As ondas poden chegar a seren moi altas.

Fondo oceánico[editar | editar a fonte]

Fondo mariño xunto ao xeo no océano Antártico.

O océano Antártico, cunha profundidade xeralmente comprendida entre os 4.000 e 5.000 metros, é un océano profundo con poucas zonas estreitas de augas pouco profundas. A plataforma continental antártica é estreita e relativamente profunda con respecto ás outras: dos 400 aos 800 metros, contra unha media mundial de 133 metros. A maior parte do fondo oceánico está cuberta por depósitos de orixe glacial, escavados sobre o terreo xeado e posteriormente trasladados ao mar.

O punto máis profundo do océano atópase no extremo meridional da Fosa Sandwich do Sur e alcanza 7.235 m de profundidade.

Algúns procesos que operan ao longo da costa da Antártida producen un tipo de masas oceánicas que non se atopan en ningún outro lugar do hemisferio sur. Unha destas é o fondo de auga antártica, moi fría, altamente salina, e densa que se forma baixo a banquisa.

Mesetas de xeo[editar | editar a fonte]

Os glaciares e inlandsis antárticos que se estenderon e flotan sobre a superficie do océano formaron un amplo sistema de mesetas (ou barreiras) de xeo. Pedazos destas mesetas que están conectadas aos glaciares en terras firme rompen e forman campos de xeo e bloques de xeo (ou icebergs). Debido ao quecemento global actual algunhas destas masivas mesetas estanse derretendo, contribuíndo á subida do nivel superficial da auga.

Algúns dos icebergs antárticos acadan dimensións impoñentes e constitúen un perigo para a navegación.

Clima[editar | editar a fonte]

A temperatura do mar varía de +10° C a -2 °C. Tempestades ciclónicas móvense cara ao leste ao redor do continente antártico e frecuentemente chegan a facerse intensas debido ao contraste das temperaturas dos xeos e do océano aberto.[1]

Na superficie oceánica comprendida entre os 40° de latitude sur e o círculo polar antártico prodúcense os ventos máis fortes xamais rexistrados na Terra. No inverno o océano xéase ao sur dos 65° S no sector do Pacífico e dos 55° S no sector do Atlántico, descendendo a temperatura superficial por debaixo dos cero graos. Porén, nalgúns puntos da costa, os fortes e constantes ventos que veñen do interior manteñen a costa libre de xeo tamén no inverno.[1]

Nebulosidade sobre o océano Antártico.

Nebulosidade sobre o océano Antártico.


Biodiversidade[editar | editar a fonte]

O océano Antártico ten unha biodiversidade inmensa e aínda moi pouco explorada. A súa fauna varía desde pingüíns, pinnípedes e cetáceos, até cianobacterias, fitoplancto e krill que, a pesar de seren pequenos organismos, serven de alimento para os animais maiores. A flora do océano Antártico está composta por algas mariñas e outros organismos autótrofos.

Conservación[editar | editar a fonte]

O incremento da radiación ultravioleta procedente do Sol, resultado do buraco de ozono antártico, ten un impacto na produción primaria do fitoplancto mariño das capas superficiais,[31] e aumenta a probabilidade de dano do ADN dalgúns peixes.[Cómpre referencia]

As actividades pesqueiras ilegais, as non reguladas e as non declaradas, especialmente as capturas de pescada negra patagónica ou pescada austral (estímase que se pesca cinco ou seis veces máis do regulado), probabelmente están afectando á sostibilidade das especies. As artes de pesca usadas na captura da pescada negra, pola súa gran longura, están causando unha gran mortandade nas aves mariñas.[Cómpre referencia]

Acordos internacionais[editar | editar a fonte]

A navegación e a pesca están reguladas por varios tratados. A pesca comercial das baleas está prohibida ao sur dos 40° S (ao sur dos 60º S entre os 50º e 130º de lonxitude oeste). En 1999 foron asinados novos tratados para evitar a pesca ilegal.

Varias nacións prohiben a explotación mineira do océano ao sur da flutuante converxencia antártica[32], que se atopa no medio da corrente circumpolar antártica e serve de liña divisoria entre as xélidas augas superficiais polares ao sur e aquelas máis mornas ao norte.

Os acordos do Tratado Antártico aplícanse na rexión do globo situada ao sur dos 60º S (artigo VI)[33]. A cláusula 2 do artigo IV prohibe novas reclamacións de soberanía territorial sobre a Antártida[33].

Economía[editar | editar a fonte]

Entre o 1 de xullo de 1998 e o 30 de xuño de 1999 pescáronse 119.898 toneladas, o 85% das cales era de krill e o 14% de pescada negra ou pescada austral (Merluccius australis).

No verán antártico 1998-99, 10.013 turistas, a maioría en barco, visitaron o océano Antártico e a Antártida, fronte aos 9.604 do verán anterior.

Portos[editar | editar a fonte]

Graves rachaduras nun peirao sobre o xeo en uso durante catro tempadas na Estación McMurdo retardaron operacións de carga en 1983 e reveláronse un risco para a seguridade.

Entre os principais portos operacionais están a Base Rothera, a Base Palmer, a Villa Las Estrellas, a Base Esperanza, a Base Mawson, a Estación McMurdo, e os ancoradoiros no mar na Antártida.

Poucos portos existen na costa sur (Antártida) do océano Antártico, unha vez que as condicións do xeo restrinxen o uso da maioría das praias para curtos períodos, en pleno verán. E mesmo no verán algúns requiren escolta de navíos crebaxeo para o acceso. A maioría dos portos da Antártida son operados por estacións de seguimento gobernamentais e, agás en caso de emerxencia, permanecen pechados aos navíos comerciais ou particulares. Navíos en calquera porto ao sur dos 60 graos de latitude sur están suxeitos á inspección por observadores do Tratado da Antártida.

O porto máis ao sur do océano Glacial Antártico opera na Estación McMurdo na latitude de 77º 50' sur. A enseada Winter Quarters forma un pequeno porto, na punta sur da Illa Ross, onde un peirao sobre o xeo flutuante fai posíbeis operacións portuarias no verán. Os integrantes da Operación Deep Freeze construíron o primeiro peirao sobre o xeo en McMurdo en 1973.[34]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 CIA (ed.). "The Workd Factbook. Oceans: Southern Ocean" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2017. Consultado o 3 de outubro de 2016. 
  2. NGS 2014.
  3. "Introduction - Southern Ocean". CIA Factbook (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13/02/2017. Consultado o 16/05/2015. ...como tal, o océano Antártico é hoxe dos cinco océanos o cuarto máis grande do mundo (tras os óceanos Pacífico, Atlántico, e Índico, sendo máis largo que o océano Ártico). 
  4. Pyne, Stephen J. (1986). University of Washington Press, ed. The Ice: A Journey to Antarctica (en inglés). (Un estudio da exploración antártica, ciencias da terra, casquete glaciar, estètica, literatura e xeopolítica) 
  5. "The Antarctic Treaty" (en inglés). 
  6. 6,0 6,1 Organizacíón Higrográfica Internacional, ed. (1953). "Limits of Oceans and Seas" (PDF) (en inglés) (3 ed.). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 20 de outubro de 2016. Consultado o 3 de outubro de 2016. 
  7. Darby, Andrew (22/12/2003). The Age, ed. "Canberra all at sea over position of Southern Ocean". Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  8. Encyclopaedia Britannica (ed.). "Indian Ocean". Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  9. "InfoMap: Asia, South-East; Pacific, South-West" (en inglés). Arquivado dende o orixinal (JPEG) o 04 de xaneiro de 2012. Consultado o 04 de outubro de 2013. 
  10. "Map showing Australian definition of the Southern Ocean" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de setembro de 2008. Consultado o 04 de outubro de 2013. 
  11. Australian Hydrographic Service, ed. (29 de xuño de 1990). "Chart Aus343: Australia South Coast - South Australia - Whidbey Isles to Cape Du Couedic" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2009. Consultado o 11 de outubro de 2010. 
  12. Australian Hydrographic Service, ed. (18 juliol 2008). "Chart Aus792: Australia - Tasmania- Trial Harbour to Low Rocky Point" (en anglès). Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2009. Consultado o 11 outubro 2010. 
  13. "Assessment Documentation for Cape Leeuwin Lighthouse" (PDF). Register of Heritage Places (en inglés). 13 maio 2005. p. 11. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de agosto de 2011. Consultado o 13 outubro 2010. 
  14. National Geographic Society (ed.). "Maps Home". Consultado o 31 de marzo de 2014. 
  15. National Geographic (ed.). "Southern Ocean - News Watch". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2013. Consultado o 26 de abril de 2013. 
  16. Joost Depuydt, ‘Abraham Ortelius (1527–1598)’, Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, 2004
  17. Peter Barber, "Ortelius' great world map", National Library of Australia, Mapping our World: Terra Incognita to Australia, Canberra, National Library of Australia, 2013, p.95.
  18. Dalrymple, Alexander (1771). A Collection of Voyages Made to the Ocean Between Cape Horn and Cape of Good Hope (dous volumes) (en inglés). Londres. 
  19. Headland, Robert K. (1984). The Island of South Georgia (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0-521-25274-1. 
  20. U.S. Antarctic Program External Panel. National Science Foundation, ed. "Antarctica —past and present" (PDF) (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2007. 
  21. Guy G. Guthridge. NASA, ed. "Nathaniel Brown Palmer" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2006. Consultado o 14 de novembro de 2007. 
  22. "Palmer Station" (en inglés). Archived from the original on 28 de agosto de 2006. Consultado o 4 de outubro de 2016. 
  23. Weddel, James (1970) [1825]. United States Naval Institute, ed. A voyage towards the South Pole: performed in the years 1822-24, containing an examination of the Antarctic Sea (en inglés). pp. 44, map. 
  24. "South-Pole – Exploring Antarctica". South-Pole.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14/2/2006. Consultado o 12 de febreiro de 2006. 
  25. Richard E. Byrd, Richard H. Cruzen. "THE UNITED STATES NAVY ANTARCTIC DEVELOPMENTS PROJECT 1946-1947". Operation Highjump (en inglés). Consultado o 22 de agosto do 2020. 
  26. "Milestones, 28 January 1980". Time (en inglés). 28/1/1980. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2010. Consultado o 4 de maio de 2010. 
  27. "Historic Names — Norwegian-American Scientific Traverse of East Antarctica". Traverse.npolar.no (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2008. Consultado o 4 de outubro de 2016. 
  28. Navy Military History Arquivado 02 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. History.navy.mil. Retrieved on 29 January 2012.
  29. Finn Ronne. The Columbia Encyclopedia, Sixth Edition 2008
  30. National Oceanic and Atmospheric Administration (ed.). "Water from Icebergs". Ocean Explorer. Consultado o 23 de xaneiro de 2014. 
  31. Smith RC; Prézelin BB; Baker KS; Bidigare RR; Boucher NP; Coley T; Karentz D; MacIntyre S; Matlick HA; Menzies D (1992). "Ozone depletion: ultraviolet radiation and phytoplankton biology in antarctic waters". Science (en inglés) 255 (5047): 952–9. ISSN 0036-8075. PMID 1546292. doi:10.1126/science.1546292. 
  32. U.S. Central Intelligence Agency (ed.). "The World Fact Book: Environment - International Agreements". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2014. Consultado o 19 de xaneiro de 2014. 
  33. 33,0 33,1 National Science Foundation (ed.). "The Antarctic Treaty" (en inglés). Consultado o 29 de setembro de 2016. 
  34. "Unique ice pier provides harbor for ships," Arquivado 30-06-2007 en Wayback Machine. Antarctic Sun. 8 fr janeiro de 2006; McMurdo Station, Antarctica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Coordenadas: 78°S 167°L / -78, -167

Os cinco océanos

Atlántico

Ártico

Índico

Pacífico

Antártico