James Clark Ross

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sir James Clark Ross.

James Clark Ross, nado en Londres o 15 de abril de 1800 e finado en Aylesbury o 3 de abril de 1862, foi un oficial naval e explorador británico. Explorou o Ártico xunto co seu tío John Ross e William Parry, e máis tarde dirixiu as súas propias expedicións á Antártida.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Londres e en 1812 entrou na mariña real británica, coa que participou nas guerras napoleónicas. Integrou a expedición do seu tío, John Ross, na procura do Paso do Noroeste en 1818. Entre 1819 e 1827 participou en catro expedicións árticas con William Parry, e entre 1829 e 1833 serviu de novo co seu tío na expedición na que se localizou a posición do Polo Norte Magnético o 1 de xuño de 1831.

Capitán dende 1834, entre 1835 e 1838 participou nas investigacións magnéticas en Gran Bretaña. Entre 1839 e 1843 dirixiu a expedición antártica do HMS Erebus e do HMS Terror que cartografaron boa parte da liña de costa do continente. En 1841 descubriu o Mar de Ross, Terra Vitoria e os volcáns Monte Erebus e Monte Terror.

En 1847 publicou as experiencias da súa expedición co título de A Voyage of Discovery and Research to Southern and Antarctic Regions.