Fitoplancto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diatomeas a través do microscopio

En bioloxía mariña e limnoloxía chámase fitoplancto ó conxunto dos organismos acuáticos autótrofos, que teñen capacidade fotosintética e que viven dispersos na auga.

Forman parte deste grupo moitos seres tradicionalmente considerados algas e estudados como tales (pola botánica e especialmente pola ficoloxía). Actualmente, estes organismos áchanse clasificados como bacterias - as algas azuis - ou como Protistas. Un dos grupos máis importantes, pola súa abundancia e diversidade, é o das diatomáceas, organismos microscópicos con pigmentos amarelo-dourados.

A pesar de que normalmente se considera ó plancto como integramente constituído de organismos microscópicos, hai algunhas algas, como certas especies de sargazos, que poden vivir libremente no océano sendo, polo tanto, igualmente parte do fitoplancto.

Importancia ecolóxica do fitoplancto[editar | editar a fonte]

O fitoplancto encóntrase na base da cadea trófica dos ecosistemas acuáticos, xa que serve de alimento a organismos maiores.

Pero amais diso, o fitoplancto é responsable de 98% do osíxeno da atmosfera. Teoricamente, xa que se pensa que a vida na Terra comezou no mar, o fitoplancto sería o responsable da aparición dos organismos heterótrofos, que utilizan, non só directamente o plancto na súa alimentación, senón tamén o osíxeno como fonte de enerxía.

Florecemento ou "bloom"[editar | editar a fonte]

Florecemento de fitoplancto no Mar Báltico.

O fitoplancto tamén pode ser responsable dalgúns problemas ecolóxicos cando se desenvolve demasiado: nunha situación de exceso de nutrientes e de temperatura favorable, estes organismos poden multiplicarse rapidamente formando o que se acostuma chamar florecemento (o "bloom", a palabra inglesa máis usada). Nesta situación, a auga vólvese de cor verdoso, pero rapidamente (1-2 días, dependendo da temperatura) vólvese marrón, cando o plancto esgota os nutrientes e comeza a morrer. A esa altura, a descomposición máis ou menos rápida dos organismos mortos pode levar ó esgotamento do osíxeno na auga e, como consecuencia, á morte masiva de peixes e outros organismos.

Esta situación pode ser natural -no caso dun afloramento intenso - pero pode tamén ser debida a unha situación de contaminación causada polo depósito en exceso de nutrientes na auga. Neste caso, dise que a masa de auga está eutrofizada. No caso da auga doce, cando esta situación se volve crónica, a auga pode permanecer cuberta dunha capa de cianobacterias.

Nos florecementos naturais, o problema cesa cando os nutrientes se esgotan o a temperatura se afasta dos niveis óptimos.

Outro caso de florecemento prexudicial é o das mareas vermellas, nas cales a auga do mar toma unha coloración roxa, e causadas polo desenvolvemento de organismos que liberan toxinas na auga, normalmente "algas marróns" microscópicas do grupo dos dinoflaxelados. Este fenómeno, cuxas causas inda non se coñecen (a contaminación costeira parece ter moito que ver), foi responsable da destrución de moitas instalacións de acuicultura mariña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]