Baía de Hudson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baía de Hudson
Partes centro e leste da baía, aínda cubertas polos xeos, o 21 de maio de 2005.

A baía de Hudson atópase no nordés do Canadá. Limitan coa mesma o norte das provincias de Ontario, Quebec e Manitoba e o sueste de Nunavut. A baía de Hudson forma parte do océano Ártico. Conecta polo leste co Océano Atlántico a través do estreito de Hudson, e polo norte co resto do Ártico, a través do canle de Foxe, que non se considera parte da baía. Todas as illas da baía de Hudson forman parte de Nunavut.

  • Coordenadas xeográficas: 78° a 95° W, 51° a 70° N

Historia[editar | editar a fonte]

Esta baía leva o nome do explorador inglés Henry Hudson que, en 1610, quedou alí atrapado entre os xeos co seu buque Discovery. A baía de Hudson está historicamente asociada coa loita franco-inglesa por América do Norte nos séculos XVII e XVIII, pois daba acceso aos vastos territorios de comercio de peles nos que cada país quería conseguir a exclusividade. Os franceses, establecidos no val do San Lorenzo (Nova Francia), enviaron a miúdo expedicións para desaloxar os postos de tratado de peles que os Ingleses erixiran alí baixo a protección da Compañía da Baía de Hudson. Os ingleses fixeron o mesmo cos postos franceses. A situación non se solucionou ata logo da cesión deste territorio á Gran Bretaña en 1713 polos Tratados de Utrecht.

Xeografía física[editar | editar a fonte]

A baía de Hudson ten preto de 1.000 km de anchura e 700 km de norte a sur e a súa conca é pouco profunda: a súa profundidade media é de 125 m e é inferior a 80 m ata 100 km da costa. O fondo é xeralmente pouco accidentado soamente con algunhas depresións e bancos pouco profundos. A razón é que foi formada durante a última glaciación polo "cepillado" do Escudo Canadense durante o Pre-Cambriano polos glaciares.

Se observamos o mapa da baía, podemos comprobar que a parte sueste da baía de Hudson ten a forma dun semicírculo. Aínda que ningunha proba apóiao, unha hipótese avanzada é que esta forma sería o cráter dun dos maiores impactos dun meteorito do mundo, cun diámetro duns 300 km[1].

O fluxo das augas das Illas Árticas ao norte da baía e das augas que proveñen de numerosos ríos como o Churchill e o Nelson, manteñen na baía un nivel máis elevado de auga doce que o nivel medio dos mares. As súas augas vértense cara ao océano Atlántico polo angosto Estreito de Hudson. Por mor deste estreitamento, e o tamaño excepcional da baía, a masa de auga pode dar moitas veces a volta antes de saír.

A xeada da baía prodúcese en outubro e persiste ata xuño aínda que se forman aberturas no xeo, ata durante o máis frío do inverno, baixo o efecto do vento. O contraste entre estas augas expostas ao aire libre cuxa temperatura é de aproximadamente -2 °C e o aire ambiente moito máis frío baixo as aberturas, xera precipitacións de neve importantes pero moi localizadas.

Tralo desxeo, prodúcese unha circulación marítima limitada. Ademais dos kayaks Inuits, os botes amerindios e barcos de cabotaxe de todo tipo, as embarcacións da Garda Costeira canadense abren canles no xeo e abastecen aos pobos costeiros. Algunhas embarcacións de altura tamén fan escala en Churchill (lago Manitoba) para o transporte do trigo que provén das Praderías canadenses.

Fauna[editar | editar a fonte]

As especies de peixes máis abundantes son o salvelino (salvelinus alpinus) ou troita ártica, o capelán (mallotus villosus), o bacallau polar (boreogadus saida) e o bacallau de Groenlandia (gadus ogac). Preto de 20.000 belugas (delphinapterus leucas) ou baleas brancas, pasan o verán ao longo da costa oeste da baía; os grupos do estuario do río Nelson son probablemente os máis importante do mundo.

O oso polar é outra importante habitante da baía. Preto da cidade de Churchill, os osos polares pasan a tempada estival hibernando, ao contrario que outros osos, e parindo aos seus pequenos. Os vertedoiros son un lugar de cita no outono no momento da volta cara á baía, ata que o xeo sexa bastante sólido para soportalos. Tratan así de atopar un pouco de alimento logo de 6 meses de xaxún antes de poder cazar a súa presa favorita: a foca. Isto causa problemas nas relacións humano-oso.

As marismas da baía de Hudson son frecuentadas por algunhas das poboacións máis importantes de aves acuáticas. En particular aniñan alí as famosas barnaclas canadenses (Branta canadensis) e unha das poboacións máis importantes do mundo de falcóns peregrinos.

Flora[editar | editar a fonte]

As terras ribeiregas da baía cobren 324.000 km², son relativamente chairas e cubertas de ciénagas acedas. A baía de Hudson sitúase en xeral ao norte do límite das árbores. A vexetación ao sur é de tipo muskeg, unha mestura de turba con algunhas árbores. Os índios Cree chámano wiinipekw, auga cenagosa, o mesmo nomee que para o lago Winnipeg. Avanzando cara ao norte da baía atopamos a tundra e o permafrost onde o mercurio está a maior parte do ano bastante por baixo do punto de conxelación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Artigo de Terence Dickinson pubricado no Canadian Geographic, numéro de maio-xuño de 1995