James Cook
James Cook, nado o 27 de outubro de 1728 e finado o 14 de febreiro de 1779, foi un explorador e navegador británico. Fixo tres viaxes ao Océano Pacífico, nas cales foron descubertas as súas costas principais.
[editar] Traxectoria
Cook naceu en Marton, Yorkshire, pero sendo pícaro mudouse xunto coa familia a Great Ayton. Sendo novo desenvolveu unha fascinación polo mar (aprendeu el só cartografía) e viaxou ata Whitby para atopar emprego alá no transporte de hulla.
Durante a Guerra dos Sete Anos serviu na mariña real, participando no sitio de Quebec antes da batalla dos Plains of Abraham en 1759. Demostrou talento no recoñecemento de lugares e en cartografía e foi responsábel do levantamento de planos da entrada do Río Saint Lawrence durante o asedio. O seu dominio no recoñecemento serviu durante a década de 1760 para o levantamento de planos da enrevesada costa de Terra Nova, o que o puxo no punto de mira da Royal Society.
En 1768, no navío HMS Endeavour, foi o comandante escollido para levar os membros da Royal Society ao Tahití, para observar o tránsito de Venus, na primeira expedición científica polo Pacífico. Despois do éxito da expedición científica, Cook proseguiu con obxectivos de exploración. Durante a viaxe, descubriu o arquipélago que bautiza de Illas da Sociedade, na Polinesia francesa, e cartografou toda a Nova Celandia. No regreso, descubriu a costa occidental da Australia.
En 1772, Cook partiu para nova circunnavegación ao comando das naus Resolution e Adventure. Durante esta viaxe chegou á máis baixa latitude ao sur alcanzada até entón (70°10''S), cruzando pola primeira vez o círculo polar Antártico. Esta viaxe resultou na descuberta das Illas Cook.
En 1776, cos navíos Resolution e Discovery, partiu para o que sería a súa última misión e descubriu o arquipélago do Hawai, que chamou de Sandwich. Costeou a América e atravesou o estreito de Bering, chegando ao Ártico. No regreso ao Hawai, Cook morreu nun enfrontamento con nativos.
A distinción de Cook e a súa grande habilidade poden ser atribuídas á combinación da excelente arte no mar, a súa superior capacidade de recoñecemento e soltura no levantamento de planos, coraxe na exploración de lugares perigosos para confirmar os datos (por exemplo: baixou numerosas veces até o circulo polar antártico e explorou a Gran Barreira) e o seu sangue frío xunto coa procura das cadencias nas súas exploracións e o ir máis aló das instrucións dadas dende o Almirantado.
Cook ficou coñecido pola preocupación coa saúde e a alimentación da súa tripulación. Na súa primeira viaxe, ningún membro da tripulación morreu de escorbuto, doenza causada pola falta de ácido ascórbico no organismo e responsábel da morte de moitos mariñeiros até o século XVIII. É considerado o pai da Oceanía.