Abel Tasman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abel Tasman
Rutas de Tasman

Abel Janszoon Tasman, nado na vila de Lutjegast, provincia de Groninga en 1603 e finado en 1659, foi un explorador holandés famoso polas súas viaxes realizadas entre 1642 e 1644, ao servizo da Vereenigde Oostindische Compagnie (VOC - Compañía Holandesa das Indias Orientais).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o primeiro europeo que chegou xunto á súa expedición á illa de Van Diemen, hoxe coñecida como Tasmania, e a Nova Zelandia. Ademais trazou mapas dunha gran parte das costas de Australia. O seu traballo foi investigar o territorio coñecido como "Nova Holanda", hoxe Australia, da que os holandeses descubriran a costa oeste e debían determinar se a zona pertencía á Terra Australis. A VOC esperaba que Tasman puidese localizar un novo e inexplorado continente con fins comerciais.

Para facer isto, entre 1642 e 1643, navegou por primeira vez, partindo do porto de Xacarta (antes coñecido como Batavia) o 14 de agosto de 1642, con dous pequenos barcos chamados "Heemskerck" e "Zeehaen" (galo do mar), primeiro ata a illa Mauricio (onde permaneceu por dous meses), e logo con rumbo este, máis aló das latitudes que foran exploradas polos holandeses. Por este camiño, pasou de longo o continente australiano, pero, finalmente, o 24 de novembro de 1642, descubriu a illa de Tasmania, á que chamou "Terra de Van Diemen"; posteriormente os colonizadores británicos cambiáronlle o nome. Logo de investigar a zona, embarcouse e navegou máis cara ao leste, descubrindo Nova Zelandia, á cal chamou "Staten Landt", coa teoría de que estaba conectada con algunha parte da Illa dos Estados, ao sur de Arxentina. Logo navegou cara ao norte seguindo a costa da Illa Sur, ancorando os seus barcos na baía Golden. Alí atopouse cun grupo de maorís, quen asasinaron a 4 dos seus mariñeiros; por iso chamou ao lugar "Baía dos asasinos". Saíu da illa e navegou cara ao norte, cruzando o Estreito de Cook que a separaba da Illa Norte. Tasman estaba convencido de que Nova Zelandia era parte da Terra Australis. No seu regreso a Batavia, descubriu o arquipélago de Tonga, o 21 de xaneiro de 1643.

Na súa segunda viaxe, en 1644, seguiu a costa sur de Nova Guinea, cara ao leste. Atravesou o Estreito de Torres que a separa de Australia e continuou a súa viaxe ao longo das costas australianas. Nesta viaxe trazou un primeiro mapa costeiro desta zona.

Desde o punto de vista da VOC, as exploracións de Tasman foron decepcionantes, xa que non atopara un área promisoria para o comercio nin unha ruta marítima nova. Por máis dun século, ata a era de James Cook, Tasmania e Nova Zelandia, non foron visitadas novamente polos europeos. Australia foi visitada pero xeralmente por accidente.

Abel Tasman faleceu en 1659 en Batavia (hoxe Xacarta), deixando á súa esposa Jannetje e á súa filla Claesgen, do seu primeiro matrimonio.

Honras[editar | editar a fonte]

Como moitos outros exploradores, o nome de Tasman foi honrado en moitos lugares. Entre eles:

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abel Tasman