Iceberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iceberg
Iceberg - Fotomontaxe de como se vería un iceberg enteiro baixo a auga

Un iceberg ou témpano de xeo é unha illa de xeo procedente da fragmentación de xeo polar, que sempre procede dos continentes e que é arrastrada cara a latitudes máis baixas, ás veces axudadas polas correntes mariñas frías de orixe ártica, como é o caso da Corrente do Labrador ou de Groenlandia. Dun iceberg sobresae da auga só unha oitava parte o seu volume total, polo que estas masas xélidas constitúen un perigo para a navegación marítima, xa que poden acadar dimensións enormes.

Orixe[editar | editar a fonte]

O xeo que forma os icebergs está formado por auga salgada ao contrario do que se poida pensar, xa que aínda que o sal se usa como anticonxelante, simplemente é un retardador da conxelación e fai que a auga se conxele a aproximadamente -1 ºC (por iso se esparexe nas estradas). Aínda que o sal sexa un bo retardador da conxelación en terra, non serve de nada contra os -20 °C que se dan no océano Ártico e o Antártico. Os icebergs proceden dos glaciares que chegan á costa e rompen en grandes bloques que son despois arrastrados polas correntes, a miúdo ata latitudes bastante baixas. Un exemplo coñecido é o afundimento do Titanic, que se produciu ao colidir cun iceberg cando xa se atopaba preto das costas de Nova Inglaterra, debido a que a Corrente do Labrador adoita arrastralos ata as latitudes dos Bancos de Terranova e mesmo máis ó sur, ata o punto de encontro coa Corrente do Golfo. Se se observa nun mapa o límite sur dos xeos flotantes no Atlántico Norte, pódese comprobar que presenta unha prolongación cara ao sur paralela a América do Norte e outra cara ao norte xunto ás costas europeas. En outubro de 1999, un iceberg do tamaño de Londres desprendeuse da barreira de xeo Antártica.

Estas illas de xeo existen grazas a unha propiedade notable da auga: na súa forma sólida, ten menor densidade que en estado líquido. Se non fose este o caso, o xeo acumularíase no fondo dos océanos e non nas súas superficies.

Tamén o xeo é unha excepción no mundo dos elementos, e débese a que a molécula da auga (H2O), está polarizada electricamente (o átomo de osíxeno atrae máis aos electróns que os átomos de hidróxeno) o que impón ao xeo unha estrutura cristalina (polo xogo da atracción e da repulsión eléctrica). o que provoca que teña menos densidade que se fose un sólido amorfo.

O afundimento máis famoso debido a unha colisión cun iceberg foi a destrución do Titanic o 14 de abril de 1912.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Este termo é unha palabra de orixe xermánica composta, na que ice significa xeo (en inglés) e berg significa montaña (aínda é así en alemán, pero xa non en inglés). Un iceberg é polo tanto unha montaña de xeo. Aínda que o primeiro formante varía a súa forma escrita nas distintas linguas xermánicas (Eis en alemán, ijs en holandés ou ice en inglés), a súa pronuncia sempre é /ais/: polo tanto, a forma escrita normativa en galego procede do inglés e conserva esta pronuncia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Iceberg