Sebastián Malvar Pinto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lápida sepulcral do Arcebispo Malvar, no claustro da Catedral de Santiago.

Sebastián Malvar Pinto, tamén coñecido como o Arcebispo Malvar, nado en Salcedo en 1730 e falecido en Santiago de Compostela en 1795, foi un relixioso galego. Foi tío de Andrés, Manuel e Pedro Acuña Malvar.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou no convento de San Francisco de Pontevedra e no convento de San Francisco de Ribadavia. Realizou estudos eclesiásticos en Salamanca, cidade onde se ordenou como franciscano o 5 de marzo de 1747. Completou a súa formación anos despois realizando estudos de Teoloxía, e finalmente obtivo o grao de doutor na universidade salmantina e unha cátedra de Teoloxía, o que lle deu renome e fama. En 1777 foi designado para ocupar a sé episcopal de Buenos Aires, a onde viaxou acompañado do seu sobriño sacerdote Pedro Acuña Malvar, e do seu confesor persoal Frei Pedro Guitián Arias.

Unha vez en Buenos Aires, Malvar percorreu o territorio e observou a necesidades de igrexas, polo que ordenou erixir novas parroquias e poboados. As súas primeiras iniciativas á fronte da súa diocese foron encamiñadas a mellorar os costumes e a incrementar a evanxelización, preocupándose tamén por finalizar as obras de reconstrución da catedral porteña. Nos seis anos que permaneceu na diocese o bispo Malvar tivo varios enfrontamentos co vicerrei Vértiz –un crioulo con tendencias renovadoras-, así como co cabido catedralicio, por cuestións de preferencia e privilexios. Pola súa mentalidade conservadora, o bispo Malvar promoveu os exercicios espirituais e prohibiu as corridas de touros[Cómpre referencia].

En 1784 foi nomeado arcebispo de Santiago de Compostela, grazas, entre outros méritos, á súa implicación na sufocación da rebelión encabezada polo inca José Gabriel Cordoncanqui (Túpac Amaru II). Na viaxe de regreso, ao desembarcar en Cádiz, protagonizou xunto co seu sobriño un curioso suceso: os funcionarios de aduanas acusáronos de traer, fraudulentamente, na equipaxe que portaban, unha considerable cantidade de barras de ouro sen rexistrar. Para resolver o incidente Malvar doou a mercancía á Coroa, co que quedaba exenta de rexistro. Con todo, ao parecer, o rei devolveulla para que a empregase en obras en Compostela. O arcebispo Malvar faleceu na capital da súa arquidiocese aos once anos de tomar posesión dela.