Saltar ao contido

Hórreo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hórreo inglés en Somerset Inglaterra.
Piorno de pedra en Pontevedra.
Hórreo de madeira en Allariz.

Un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo.[1] Caracterízase por manterse sobreelevado sobre pés, co fin de evitar a entrada de humidade e animais dende o chan e por permitir a ventilación a través de rañuras nas paredes perimétricas.

O antropólogo polaco Eugeniusz Frankowsky, en 1918, rexistra o uso de celeiros aéreos na Península Ibérica, rexión dos Alpes, península escandinava, área dos Balcáns, África subsahariana, Persia, sueste asiático, o Xapón, península de Kamchatka e área do estreito de Bering, empregados para a conservación do cereal.[2] Tamén existen na Polinesia, Australia e Nova Zelandia, onde se empregaban para gardar produtos do campo e bens prezados.[3] A especificidade do hórreo como tipoloxía reside na súa ligazón co cultivo do millo e á súa maduración e secado en zonas de clima atlántico. O uso do hórreo está estendido por boa parte do norte da Península Ibérica, con especial abundancia na rexión costeira noroeste, en áreas nas que a pronta chegada dun inverno longo, frío e húmido obriga a facer colleitas temperás.

Reconstrución de horreum en Saalburg, Alemaña.

A palabra latina horreum (do grego ὡρεῖον, σιτοφυλακεῖον, ἀποθήκη, celeiro) designaba en orixe un edificio no que se gardaban froitos do campo, especialmente o gran. A palabra horror, -oris, horror, provén da mesma raíz, polo que estes edificios tiñan de escuros e fríos.[4]

Durante o Imperio a palabra horreum empregábase para calquera lugar destinado a conservar cousas de calquera natureza, sexa viño (horrea vinearia), mercancías e provisións (horreum penarium) ou mesmo diñeiro ou obras de arte. Séneca di que a súa biblioteca é un horreum. O significado máis estendido da palabra é o de celeiro de froitos e cereal. Ademais dos horrea subterranea había outros dous tipos máis capaces de manter a humidade afastada, un deles construído en superficie e o outro (o chamado horrea pensilia ou sublimia) construído sobre pequenos pés dereitos de pedra sobre o chan.[5]

Os horrea publica formaban parte do sistema público de abasto das cidades romanas e da administración fiscal do Imperio. O mesmo se empregaban para a recadación de impostos que para a conservación de bens que nas casas non quedaban seguros, o horreaticus. Estaban baixo a supervisión dun funcionario responsable chamado horrearius.

Outros autores fan derivar o actual hórreo dun órreo prerromano presente na toponimia e na hidronimia, e que tería xa o significado de silo para o gran.[6]

A palabra cabazo provén, segundo Trapero Pardo, do termo cabaza, froito que frecuentemente se deixaba secar nos tornarratos. Segundo Corominas provén dun calapaccia, de probable orixe prerromano, que significaba «cuberta a modo de casca», en alusión probable aos sombreiros vexetais cos que se cubrían.[7] Outra explicación relaciona a palabra cabazo co tema latino capio, capere, empregado para nomear contedores e trebellos de capacidade. A palabra celeiro ou cileiro provén dun cellarium latino, de cella, silo ou adega baixo terra, como espigueiro ven de spicarium, derivada de spica, espiga.[6]

Orixe e historia

[editar | editar a fonte]
Celeiros en Suíza.
Celeiro en Suecia.
Celeiros en Okinawa.

Fontes literarias

[editar | editar a fonte]

Alén das tipoloxías que existen hoxe na Península, atópanse en todo o planeta celeiros aéreos sobre pés que son morfoloxicamente afíns ao hórreo, en todo ou en parte, tales como o stabur noruegués, o hebre sueco, o sol'ek polaco, o kukuruzniak serbio, por mencionar só algúns dos que se dan en Europa.[2] Estas similitudes morfolóxicas cos hórreos hispanos, porén, non poden supoñer parentesco entre eles, polas radicais diferenzas do medio no que se atopan, sobre todo no referente ao clima, ao réxime de cultivos e á dieta base.

É frecuente ler que o hórreo ten a súa orixe en celeiros elevados e ventilados que existían nos poboados celtibéricos antes da chegada dos romanos, pero as escasas referencias literarias que existen non permiten establecer unha relación formal co actual tipo. Marco Terencio Varrón, que no século I a.C. percorreu a Hispania con Pompeio, falaba ambiguamente duns celeiros sobre a terra empregados polos galaicos, supra terra granaria in agro quidam sublimia faciunt ut in Hispania Citeriore et in Apulia, ita ut non solum a lateribus per fenestras, sed etiam subtus a solo ventus regirare possit. Na mesma época Xulio César, en De bello civili, fala da súa erección: locis certis horrea constituit vecturasque frumenti. Virxilio, nas Xeórxicas, establece similitudes exiguus mus sub terris posuitque domus atque horrea fecit. Plinio o Vello, xa no século I, di na súa Naturalis Historia que na Hispania Citerior alibi, contra, suspendunt granaria lignea columnis et perflari undique malunt atque etiam a fundo, referíndose por vez primeira a celeiros aéreos sobre espeques. O agrónomo Columela, no século I d.C., en Liber de arboribus, insiste nese aspecto dos pensile horreum, quo imponantur fructus. Porro horrea pensilia dicuntur, quae non in plano posita sunt sed tignis suspensa, quo sicciora sint, preferible para as rexións húmidas.[6] Na mesma época Vitrubio, nos Dez Libros de Arquitectura, falando no Libro VI da disposición da casa campesiña, di que granaria sublimia et ad seeptemtrionem aut aquilonem spectantia disponantur; ita enim frumenta non poterint cito cancalescere, sed ab flatu refrigera diu servantur. Naamque ceterae regiones procreant curculionem et reliquas bestiolas, quae frumentis solent nocere, dando instrucións para facer os celeiros nun andar elevado aberto ao vento do norte e ao nordés, para evitar que o gran se caldee, pois os outros aires crían gurgullos.[8]

A primeira referencia documentada da existencia de hórreos no actual territorio español atópase nun documento do ano 800 relativo á fundación do mosteiro de Taranco, no Val de Mena, na actual provincia de Burgos. Tal documento rexistra doazóns de gando, terras e edificios, entre eles «hedificavimus ibi domicilia, cellarios, orreos, torcularibus, cortinis, ortos, molinis, manzanares, vineis seu cetera arbusta pomifera», aínda que non hai unanimidade entre os diversos autores sobre se se trata aquí dun hórreo tal e como agora o coñecemos ou doutra variante menos evolucionada. Gonzalo de Berceo, no século XII, evocando un milagre de San Millán de la Cogolla, fala duns artesáns que constrúen un hórreo de madeira.[9]

Miniatura dunha das Cantigas de Santa María, do século XIII.

Haberá que agardar ata o século XIII para atopar a primeira representación gráfica dun hórreo, concretamente no Códice Rico ou Códice T-1-1 da biblioteca do mosteiro de San Lorenzo de El Escorial, que contén as Cantigas de Santa María, atribuídas a Afonso X o Sabio. A cantiga que leva o número CLXXXVII está adornada cunha miniatura (lámina 203, miniatura 1.262) que representa dous hórreos góticos con porta en arco de ferradura no penal, e a lenda do milagre da Virxe:[6][8]

Como huos monges non avían que comer a rogaron Sancta María que os acorresse

Como os monges s'acharon outro día os orrios cheos de muy boo trigo

Como os monges ouveron depois gran pobreza e rogaron Sancta María que os acorrés

Como os monges acharon muyto ouro sobre lo altar de Sancta María

Como o abade diss o tesereyro se entrara algua gente na egreja

Como todo o convento deron loor a Sancta María que assi penssou deles.

Cambios na agricultura

[editar | editar a fonte]

Hai constancia arqueolóxica do uso do orxo, o paínzo (ou millo miúdo) e a avea como cereais panificables dende o período Sub-Boreal ata a chegada dos romanos. Tamén se sabe que se empregaba a fariña de landra tostada. Nos castros do norte apareceron muíños de man, sinal do uso de panificables. O millo miúdo, tan estendido na Idade Media, apto para ser cultivado con pouco rego, esixía ser posto a secar durante o inverno en canizos de vergas para poder trillalo, debullalo e cribalo.[6] O millo americano, polo contrario, é cultivo de regadío de recolección moi serodia: mentres que o trigo ou o centeo agroman na primavera e se apañan ao comezo do verán, o millo non agroma ata o comezo do verán e madurece case no outono. Así faise fundamental poder gardar o gran en condicións favorables para o seu secado e, ao mesmo tempo, protexido dos insectos, dos roedores e dos paxaros.

A consolidación do hórreo como tipoloxía producírase a partir dos cambios producidos pola introdución do cultivo do millo no século XVII, que desprazará o paínzo como alimento primario das clases populares, sobre todo en Galiza e Asturias. Os celeiros aéreos existentes maniféstanse capaces de asumir a conservación do novo cereal, necesitado de ventilación e secura para ser apto para a moenda. A maior proliferación do uso do hórreo producírase a partir dos procesos desamortizadores do século XIX, que reestruturarán a propiedade da terra e a distribución das súas rendas, e durará ata mediado o século XX coa mecanización das tarefas agrícolas.

Estudos modernos

[editar | editar a fonte]

Xa en 1695, en Antigüedades y cosas memorables del Principado de Asturias, o padre Luis Alfonso de Carvallo menciona «graneros, que llaman orrios, hechos de barretones, texidos con varas, tan firmes, y seguras, que aunque están encima de cuatro palos, expuestos a los ayres, y tempestades, y cargados de pan, y otras cosas, lo sufren todo».[10] A primeira descrición detallada dun hórreo asturiano é a feita por Jovellanos en 1792, con enumeración das partes compoñentes e unha explicación do xeito de construílo feita polo propio artesán.[11] En 1895 o naturalista alemán Hans Friedrich Gadow expuxo na súa obra In northern Spain a teoría de que o hórreo foi introducido polos suevos na baixa Idade Media, teoría que conta con bastante predicamento na actualidade. Posteriormente, na súa Monografía de Asturias de 1899, o asturiano Félix de Aramburu expresou a teoría de que a orixe do hórreo estaba na palafita.

O polaco Eugenius Frankowski, en 1920, na súa obra Hórreos y palafitos de la Península Ibérica, profundou nesa teoría palafítica, que máis adiante sería cuestionada pola teimosa ausencia de evidencias arqueolóxicas.[9] López Soler formula en 1931 a hipótese de que o hórreo, e en particular o hórreo galego, é o resultado da paulatina segregación dunha función que o volume da casa expulsa fóra.[12]

Extensión xeográfica

[editar | editar a fonte]
Espigueiros en Arcos de Valdevez, Portugal.

O hórreo foi unha construción auxiliar indispensable na vida campesiña do norte húmido peninsular, e en pleno uso ata a chegada da crise do sistema agrario tradicional. A súa boa adecuación a unhas necesidades climáticas moi específicas fixo que fose adoptado en áreas moi diferentes do norte húmido, con certas adaptacións formais segundo as zonas.

Deste xeito, aínda que baixo diferentes denominacións e tipoloxías, atopamos hórreos en Galiza, norte de Portugal, Asturias, provincia de León, Cantabria, País Vasco e Navarra. Estímase que se conservan en Galiza 30.000 hórreos, 10.000 en Asturias, 400 en León, 32 en Cantabria, 23 en Navarra e cantidades case testemuñais no País Vasco, alén dun número indeterminado de espigueiros en Portugal e dunha cantidade tamén descoñecida de cabazos móbiles vexetais en Galiza.[13]

As peculiaridades da estrutura da propiedade da terra e a dispersión da poboación permitiron que o hórreo mantivese a súa razón de ser sobre todo en Asturias, Galiza e norte de Portugal.[14] A área de convivencia do hórreo tipo asturiano con tipo galego-portugués ten o seu límite oriental no río Baraio, en correspondencia directa coa estrutura xeolóxica subxacente, coñecida como Cabalgamento de Baraio. O límite occidental desta área non está estudado con detalle, pero abrangue sectores do macizo do Courel.[15]

Hórreo galego

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Hórreo galego.
Hórreo mixto en Vilanova de Arousa.

O uso do hórreo esténdese por toda Galiza, coa soa excepción dalgunhas zonas do sueste raiano. Tamén se emprega, sen grandes variacións formais, no occidente asturiano e na rexión portuguesa do Minho, onde é chamado espigueiro, canastro ou caniço. En Galiza recibe diferentes nomes segundo a zona: hórreo ou hórrio no centro-norte, cabazo no noroeste da Coruña, cabozo no norte de Lugo, canastro na zona sur, máis raramente canasto, cabaceiro entre o centro e o nordeste de Ourense, igual na mesma dirección en Lugo, pero mesturado con formas máis pechadas (cabeceiro, cabeceira, cabaceira), canizo entre a ría de Vigo e o río Miño, piorno no Salnés, cabana máis no interior, paneira ou canastro no Morrazo, orno ou órneo no cabo do Morrazo, hórreo ou horro os de tipo asturiano no leste de Lugo; e outros apelativos de extensión menor.[16]

Trátase dun edificio de pequeno tamaño, oblongo e de planta rectangular con cuberta a dúas augas e escasa coxía. As súas dimensións, os seus materiais e os aparellos empregados na súa construción son moi variados, aínda que sempre dentro do repertorio habitual na arquitectura popular: cantería ou cachotería, madeira de castiñeiro, cuberta de tella cerámica, lousa de xisto ou colmo de centeo.

Hai unha tipoloxía menos elaborada que comprende pequenos celeiros lixeiros chamados cabazos, formados por un corpo de pólas ou vimbios tecidos, cuberto por un pequeno cono de xesta ou colmo. En áreas do Courel úsase máis o hórreo de tipo asturiano, ás veces con cuberta de colmo de centeo, e usualmente de pequeno tamaño. Na zona costeira hai outra tipoloxía escasamente difundida, coñecida como hórrea, que difire do hórreo na súa maior anchura, na distribución interior en corredor central e cámaras laterais e en empregar ternas de pés no canto de parellas.

Hórreo asturiano

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Hórreo asturiano.
Panera en Pola de Lena, Asturias.

En Asturias distínguese dous tipos. O máis estendido deles, o hórreo, é un edificio de planta cadrada que consta dunha cámara de madeira, moitas veces con corredor, que se sostén sobre catro pés. En lingua asturiana denomínase horru. En Asturias o uso do hórreo foi exclusivo das clases máis acomodadas, pero proliferou a partir da época renacentista, debido ao aumento da produción da terra. No século XVII viría a engadirse a panera, que segue o mesmo esquema formal, pero cun maior tamaño que obriga a asentala sobre seis ou máis pés e a darlle planta rectangular.[17]

Na comarca do Eo-Navia e no suroeste de Asturias, na área nordoriental de Galiza e en parte das comarcas do norte do Bierzo e da provincia de León atópase unha variante tipolóxica de hórreo tipo asturiano caracterizada polo uso de cubertas vexetais. As fontes documentais demostran que antano a súa extensión foi moito máis ampla, e que a súa abundancia foi maior nas zonas nas que existe na actualidade. A súa peculiaridade formal estriba na carencia de corredor, baixa altura, pouco vagantío e cuberta vexetal, que pode estar executada con colmo de centeo ou trigo, ou ben con xesta, uz ou carqueixa.[18]

Hórreo cántabro

[editar | editar a fonte]
Hórreo en Cosgaya, Cantabria.

Hoxe quedan só algúns hórreos nos vales cántabros de Pido, Las Ilces, Espinama, Cabuérniga e Polaciones. Suponse que no pasado estivo presente en toda a actual Cantabria. Faise mención a hórreos en Cantabria en diversos documentos a partir do século IX.[9] É un edificio de madeira de planta cuadrangular, consta dunha cámara que descansa sobre catro pés de carballo e cóbrese cun tellado de tella árabe, nalgunhas zonas a catro augas (como o asturiano) e noutras a dúas (como o leonés).

A supervivencia dun só exemplar fai supoñer a existencia outrora dun terceiro tipo, chamado panera, que se distingue por ter planta rectangular e seis ou máis pés, semellante á asturiana.[14] A posesión deste tipo de celeiros estaba sempre ligada a casas grandes e mosteiros, ata que no século XVI comezou a facerse máis abundante. A partir da introdución do millo no século XVII, a necesidade de secar o gran viuse satisfeita pola introdución da solana como elemento arquitectónico da casa e posibilitada pola maior continentalidade do clima da rexión.[19]

Hórreo vasco

[editar | editar a fonte]
Gereixa en Barinaga, Biscaia.

Faise mención a hórreos en Biscaia en diversos documentos a partir do século XIV[9], máis ou menos a época na que deberon de deixar de construírse.[6] Recibe o nome de garaia, coas súas variantes gereixa e garaya, aínda que existen tamén formas dialectais tales como arnaga.[20] Constan dunha cámara rectangular de madeira sobre catro ou seis pés de pedra ou madeira con tornarratos. O seu uso é múltiple, está dividido en tres estancias e non ten corredor en fachada, pero si ten un pequeno sobrado que voa nos pinchos dos testeiros. Teñen cuberta a dúas augas os máis grandes e a catro os máis pequenos. Deixaron de construírse no século XV ou XVI.[2]

O cambio que tivo lugar no século XVI, cando se pasou de construír as casas de madeira a facelas de pedra para evitar incendios, posibilitou a habilitación de faiados aptos como celeiros. Asemade o sistema agrario mudou a súa especialización cerealeira cara a unha orientación gandeira intensiva, o cal produciu unha transformación das milleiras en pastos. Ademais a progresiva deforestación dificultaba a construción con madeira. Estes cambios fixeron que a necesidade de contar con celeiros especializados na conservación do millo desaparecese.[8]

Hórreo navarro

[editar | editar a fonte]
Garaia en Lusarreta, Navarra.

Os escasos hórreos que se conservan en Navarra son edificios de planta rectangular e muros de cachotería sobre arcos ou lumieiras en planta baixa, cuberta de lousa de xisto ou tella cerámica a dúas augas sen beiril e, en ocasións, escaleira exterior exenta unida por unha pasarela de madeira. Reciben o nome de garaia.

A maioría dos hórreos navarros están localizados na área pirenaica. Estudos recentes relacionan algúns destes exemplares con tipoloxías arquitectónicas prerrománicas asturianas. O garaia que se considera máis antigo de Navarra é o de Iracheta, no val de Orba, restaurado en varias fases nas últimas décadas.

Hórreo leonés

[editar | editar a fonte]
Hórreo en Riaño, León.

Consta duna cámara de madeira de lamigueiro sobre pés de carballo, chamados pegollos, coroados por tornarratos, chamados solaneras. Carece de corredor exterior e a súa cuberta é de palla ou lousa de xisto a dúas augas. Na actualidade consérvase un número non superior a vinte.[21] Hainos tamén na provincia de Palencia. Frankowski explica que a súa forma e a súa función non difiren moito das do asturiano.[2]

Marco xurídico

[editar | editar a fonte]
Hórreo en ruínas en Argalo, Noia.

A primeira mención do hórreo nunha figura legal concernente á protección do Patrimonio ten lugar no Real Decreto Lei de 9 de agosto de 1926,[22] que lle dá ao hórreo a consideración de ben inmoble. Hai que ter en conta que dende 1863 a xurisprudencia lle dera rango de ben moble. Este cambio de status, que pode parecer un simple matiz, ábrelle a porta ao hórreo para ser considerado Monumento Histórico-Artístico, coa protección legal que esta figura implica.

Posteriormente, a caída dos hórreos no desuso levou ao lexislador a emitir un decreto específico para tentar a súa protección, xa que eran cada vez máis frecuentes a súa transformación, a súa destrución, a súa venda e o seu traslado por pezas, mesmo ao estranxeiro.[23] Deste xeito todos os hórreos galegos e asturianos de máis dun século quedan baixo a protección do Estado, que debería autorizar toda obra ou modificación.

Xa dentro do estado das Autonomías, cada comunidade autónoma fixo distinto uso da súa capacidade lexisladora para protexer o seu patrimonio cultural. No que se refire aos hórreos, a situación actual é a seguinte:

O hórreo de Carnota é Monumento Histórico-Artístico.
Moitos hórreos estanse adaptando a novos usos.
  • En Galiza non hai unha lexislación específica sobre hórreos e cabazos. A Lei do Patrimonio Cultural de Galiza protexe de xeito xenérico todos os hórreos cunha antigüidade maior de 50 anos.[24] Algún dos hórreos galegos é Monumento Histórico-Artístico, como o da reitoral de Santa Comba de Carnota, construído en 1768, ou a agrupación de hórreos de Combarro. No referente á promoción de medidas de conservación, en Galiza non existe unha política clara de subvención á restauración. O inventario de elementos patrimoniais de Galiza está a medio rematar, non é público e a recadación de datos non se leva a cabo dun xeito sistemático, limítase a nutrirse de información que recada a Dirección Xeral de Patrimonio de xeito casual e de resultas de procesos administrativos ordinarios doutras administracións.[25] Os hórreos e cabazos de Asturias e Galiza con máis de cen anos de antigüidade están exentos do pagamento do Imposto sobre Bens Inmobles (artigo 62 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais).
  • Asturias, dispón dun réxime específico de protección de hórreos, paneras e cabazos recollido na Lei do Principado de Asturias 1/2001, de 6 de marzo, de Patrimonio Cultural, na que se prohibe a construción de hórreos desvinculados da vivenda: obrígase a que os de nova factura deberán axeitarse aos materiais e características construtivas e morfolóxicas tradicionais destas edificacións, e establécense diversas regulacións respecto aos hórreos construídos con anterioridade a 1900, mesmo dos que non teñan sido declarados Ben de Interese Cultural nin incluídos no Inventario do Patrimonio Cultural de Asturias.​[26] Existen dous censos que resultan pouco fiables e están moi incompletos. Ambos foron iniciados en 1972 e realizados, na práctica, polos concellos.
  • Cantabria non ten máis lexislación que a Resolución do 16 de xullo de 1979 da Dirección General de Patrimonio Artístico, Archivos y Museos, pola que se incoaba expediente de declaración dos hórreos da provincia. En 1984 elaborouse un censo para inventariar os hórreos cántabros. O 27 de outubro de 2009, dictouse unha resolución da Dirección General de Cultura pola que se aprobaba a inclusión no Inventario General do Patrimonio Cultural de Cantabria de 21 hórreos. Quedaban así protexidos os seguintes: Camaleño: 4 hórreos en Espinama, 1 hórreo en Fuente Dé, 2 hórreos en Pido, 2 hórreos en Las Ilces, 2 hórreos en Mieses, 1 hórreo en Mogrovejo, 1 hórreo en Cosgaya, 1 hórreo en Areños, 1 hórreo en Baró. Pesaguero: 1 hórreo en Avellanedo, 1 hórreo en Valdeprado. Cabezón de Liébana: 1 hórreo en Somaniezo, 1 hórreo en Cabezón de Liébana. Camargo: 1 hórreo no Museo Etnográfico de Cantabria. Herrerías: 1 Panera en Cades. Por normativa municipal áchase tamén protexido o hórreo de Casar de Periedo (Cabezón de la Sal).
  • O País Vasco non ten unha normativa específica, pero a protección dos seus hórreos está regulada pola Lei de Patrimonio Cultural Vasco de 1990.[27] No Plan de Desenvolvemento Rural Sostible da Comunidade Autónoma do País Vasco (2000-2006) promovíase o mantemento das estruturas tradicionais anexas aos casaríos, como os hórreos, e indicábase que estes elementos deberían ser recollidos nun inventario.[28]
  • Navarra concedeu rango de Ben de Interese Cultural aos seus hórreos polo Decreto Foral 166/1993,[29], polo que a protección que teñen é a estipulada pola Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985.[30] Os hórreos navarros foron inventariados por Fermín de Leizaola e estudados por Javier Sancho Domingo, en colaboración coa Fundación Príncipe de Viana do Goberno Navarro.
  • Castela e León aprobou o Decreto 69/1984 polo que asume a protección os seus hórreos e pallozas.[31] José Luis González Arpide elaborou un inventario de hórreos que foi publicado en 1987 pola Deputación Foral de Biscaia.
  1. LORENZO FERNÁNDEZ, X.: A terra. Editorial Galaxia, 1982. ISBN 84-7154-407-5, 9788471544070.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 FRANKOWSKI, E. Hórreos y palafitos de la Península Ibérica. Edición facsímile. Ediciones Istmo. Madrid, 1986. ISBN 84-7090-168-0.
  3. Rolland, Eduardo (26 de marzo de 2014). "Así son os “pataka”, os hórreos galegos de Nova Zelandia". GCiencia. 
  4. KALTSCHMIDT, J.H. A school dictionary of the Latin language. William and Robert Chambers, 1850.
  5. SCHMITZ, L. Horreum. en SMITH, W.: A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. John Murray, Londres, 1875.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 RIVAS QUINTAS, E.: Millo e hórreo. Legumia e cestos. Laiovento, Noia 1996. ISBN 84-87847-81-1.
  7. MEILÁN, A.: "Manifestaciones culturales en 'As Figueiras' y su contorno", en Estudios y trabayos del Seminariu de Llingua Asturiana, Volume 2. Universidade de Oviedo, 1979. ISBN 84-7468-024-7, 9788474680249.
  8. 8,0 8,1 8,2 MARTÍNEZ RODRÍGUEZ, I.: El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1975. ISBN 84-85728-00-9.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 MILÁNS DEL BOSCH Y SOLANO, J.: La presencia del hórreo en el Camino de Santiago. Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  10. CAMPAL FERNÁNDEZ, J.L.: "El hórreo y su bibliografía. Hacia un repertorio general de los estudios sobre graneros aéreos". Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  11. JOVELLANOS, G. M. de.: Diarios. Instituto de Estudios Asturianos. Oviedo 1953.
  12. LÓPEZ SOLER, J.: "Los hórreos gallegos", en Actas y Memorias, tomo X, cadernos 1º e 2º. Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria. Madrid 1931. Facsímile reproducido como anexo en FRANKOWSKI, E.: Hórreos y palafitos de la Península Ibérica. Edición facsímile. Ediciones Istmo. Madrid 1986. ISBN 84-7090-168-0.
  13. GÓMEZ-TABANERA, J.M.: Nuevamente, sobre hórreos, paneras y cabazos. Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  14. 14,0 14,1 DÍEZ HERRERA, C.: La formación de la sociedad feudal en Cantabria: la organización del territorio en los siglos IX al XIV. Ed. Universidad de Cantabria, 1990. ISBN 84-87412-15-7, 9788487412158.
  15. FERNÁNDEZ-CATUXO, J.: Cabazos y medio natural: una nueva perspectiva para su estudio. Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  16. BAS LÓPEZ, B.: Os nomes galegos dos hórreos e dos seus elementos. Verba, Anuario galego de filoloxía, nº 7, 1980. Universidade de Santiago de Compostela. ISSN 0210377X.
  17. SOMOZA, J., ARIAS CABAL, A. Primer ensayo de un vocabulario bable. Dialecto de los naturales de Asturias. Academia Llingua Asturiana, 1996. ISBN 84-8168-064-8, 9788481680645.
  18. VARELA AENLLE, C.X.; FERNÁNDEZ RIESTRA, F.X.: El hórreo de tipo asturiano de cubierta vegetal en el noroeste peninsular. Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  19. RUIZ DE LA RIVA, E.: Casa y aldea en Cantabria: un estudio sobre la arquitectura del territorio en los Valles del Saja-Nansa. Universidad de Cantabria, 1991. ISBN 84-85429-99-0, 9788485429998.
  20. Orotariko Euskal Hiztegia. Euskaltzaindia, 1987.
  21. TRAPIELLO, P.G.: Picos de Europa en la montaña de Riaño. Editorial Artec, 1995. ISBN 84-89183-01-5, 9788489183018.
  22. "Real Decreto Ley de 9 de Agosto de 1926 relativo al tesoro artístico arqueológico nacional." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de outubro de 2013. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  23. Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los “hórreos” o “cabazos” antiguos existentes en Asturias y Galicia, BOE do 13 de marzo de 1973.
  24. Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia DEROGADA.
  25. "Varela Aenlle, C.X. El marco jurídico del hórreo. en". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2018. Consultado o 30 de maio de 2010. 
  26. "Ley del Principado de Asturias 1/2001, de 6 de marzo, de Patrimonio Cultural». BOPA nº 75" (PDF). Boletin Oficial del Principado de Asturias (BOPA). 30-03-2001. pp. 4131–4156. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30-05-2020. 
  27. Ley 7/1990, de 3 de julio, de Patrimonio Cultural Vasco.
  28. Departamento de Medio Ambiente, Planificación Territorial, Agricultura y Pesca. Gobierno Vasco. "Plan de Desarrollo Rural Sostenible de la Comunidad Autónoma del País Vasco (2000-2006". nekanet.net (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30-05-2020. Consultado o 11-12-2018. 
  29. Decreto Foral 166/1993 del 24 de mayo, BON do 7 de xuño de 1993.
  30. Ley 16/1985, de 25 de junio, del Patrimonio Histórico Español.
  31. Decreto 69/1984, de 2 de agosto, por el que se ponen bajo la protección de la Comunidad Autónoma de Castilla y León, los "horreos" y "pallozas" existentes en su ámbito territorial. BOCYL do 13 de agosto de 1984.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aramburu Zuloaga, Félix de (1989) [1899]. Monografía de Asturias. Col. Biblioteca histórica asturiana. Oviedo: Edit. Silverio Cañada. ISBN 9788472862906. 
  • Frankowski, Eugeniusz (1986) [1918)]. Hórreos y palafitos de la Península ibérica (facsímile). Madrid: Ed. Istmo. ISBN 8470901680. 
  • Gadow, Hans F. (1897). In northern Spain (en inglés). A. and C. Black. 
  • Gómez Tabernera, José Manuel (19-4-1973). "El hórreo a través del tiempo". ABC. pp. 88–91. 
  • Kraemer Koeller, Gustavo (1990). "Hórreos y bergaretos conservados en Cantabria". Actas del Primer Congreso Europeo del Hórreo. Santiago de Compostela. pp. 201–215. 
  • Roede, Lars (1990). "Almacenes típicos. Construcciones de madera en Noruega". Actas del Primer Congreso Europeo del Hórreo. Santiago de Compostela. pp. 343–347. 
  • Soraluce Blond, José Ramón (2014). "O hórreo: patrimonio arquitectónico". O hórreo: Patrimonio arquitectónico. Monografías 152. Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións. pp. 9–24. ISBN 978-84-9749-582-0. 
  • VV.AA. (2007). Gómez-Tabanera, Jose Manuel, ed. Actas del II congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Oviedo: Ed. Fondo Cultural del Noroeste. ISBN 978-8488071491. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]