Batalla de Ponte Sampaio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de homenaxe ós heroes de Ponte Sampaio, en Pontevedra.

A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo, localizado no municipio de Pontevedra, nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron as tropas francesas dirixidas polo mariscal Michel Ney, que tivo lugar entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da Guerra de Independencia española. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.

Índice

[editar] Antecedentes

Pablo Morillo, que dirixiu a defensa da ponte de Caldelas

A vitoria do mariscal Soult na batalla de Elviña, nas proximidades da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809, sobre as tropas británicas de Moore, deixaría campo libre para a ocupación de Galicia. En apenas dúas semanas rendéronse as cidades máis importantes do país. O mariscal Ney, que acompañaba a Soult, recibe ordes de controlar o Norte do país e máis Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. Á par Soult pasa a Portugal, onde toma o Porto no 29 de marzo.

Paseniñamente vanse montando alarmas populares nas diversas comarcas galegas. En marzo de 1809, Ney tenta someter a costa occidental galega, sen conseguir acabar con as partidas de guerrilleiros que acosan os destacamentos franceses. A fins de marzo dese ano foron recuperadas polos galegos as prazas de Vigo, Pontevedra e Tui, feitos que coutaban o enlace con Soult, en Portugal.

En maio, Ney tivo noticias de que o marqués de la Romana estaba en Asturias, polo que decidiu buscalo alí, porén foi unha manobra errada, pois o español retirárase para Galicia. O regreso de Soult desde Portugal ata Ourense foi dificultoso.

Reunidos Soult e Ney en Lugo, o 29 de maio, deciden unha nova estratexia. Soult buscará as tropas do marqués no Sur interior do país, entanto Ney partirá cara Pontevedra e Vigo con intención de recobrar as cidades. Tal acción conxunta buscaría o dominio definitivo de Galicia.

[editar] A batalla

Michel Ney, que xunto con Soult dirixiu as tropas francesas

Ney saíu da Coruña, pasando por Santiago. Levaba con el uns 8.000 infantes e 1.200 xinetes, con 13 canóns. Porén era unha acción anunciada, pois fixera publicar bandos sobre as súas intencións. As forzas regulares españolas, ao mando do conde de Noroña, esperaron o avance de Ney en Ponte Sampaio, que era paso obrigado no camiño entre Pontevedra e Vigo.

Ás forzas de liña do conde uníronselle diversos batallóns de milicias populares das comarcas cercanas e, incluso, de lugares afastados, como Lemos. Foron defendidas dúas pontes, a de Caldelas, baixo o mando de Pablo Morillo, e a propia de Sampaio, polo mesmo conde de Noroña.

O día 7 de xuño de 1809, as tropas de Ney avistaron o inimigo. Tentouse tomar a ponte de Sampaio en sucesivos ataques frontais, que foron rexeitados. Buscaron os franceses entón vaos apropiados no río Oitavén, pero os ataques foron infrutuosos unha e outra vez. As tentativas sobre a ponte de Caldelas, mostraron a mesma determinación dos españois.

No día 9, Ney xulgou polas perdas que serían inútiles novos ataques, polo que deu a orde de retirarse a Compostela.

[editar] Consecuencias

A batalla impedíu o dominio francés sobre o Sureste galego. Mentres, o fracaso de Soult no interior meridional de Galicia, e novos acontecementos no centro da península, onde Wellesley ameaza entrar en Madrid, obrigan a saír a ambos mariscais de Galicia. Ney faino por Pedrafita e o Bierzo, mentres Soult pasa polo Valdeorras e a Terra do Bolo, en dirección a Sanabria. No seu camiño véronse atacados polas partidas guerrilleiras, pero as súas tropas provocaron un verdadeiro regueiro de sangue e pillaxe. Cando por fin se xuntan ambos dous mariscais só lles fican 18.000 dos 53.000 ou 55.000 homes con os que chegaran en xaneiro de 1809.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Estrada Catoyra, Félix, Historia de los ejércitos gallegos durante la Guerra de la Independencia. Santiago de Compostela. Tipografía de El Eco Franciscano. 1916.
  • Portela Pazos, Salustiano, La guerra de independencia en Galicia. Santiago de Compostela. Tipografía del Seminario. 1964.
  • Osuna Rey. J. M., Los franceses en Galicia: Historia militar de la Guerra de Independencia en Galicia, 1809. A Coruña. Fundación Barrié de la Maza. 2006.
Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas