Antón Avilés de Taramancos
| Antón Avilés de Taramancos | |
|---|---|
| Estatua en Noia | |
| Nacemento: | 6 de abril de 1935 Boa (Noia) |
| Falecemento: | 23 de marzo de 1992 A Coruña |
| Lingua: | Galego |
| Xénero(s): | Poesía |
Xosé Antón Avilés Vinagre, coñecido como Avilés de Taramancos, nado en Boa (Noia) o 6 de abril de 1935 e finado na Coruña o 23 de marzo de 1992, foi un escritor galego. En 2003 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Índice |
[editar] Traxectoria
O seu pai era Severiano Avilés, mariñeiro e a súa nai Manuela Vinagre, labrega, que tiveron outros tres fillos antes de nacer Antón. Fixo o bacharelato en Noia, e xa aos 15 anos publica o seu primeiro poema, en galego, na revista local Tapal editada por Manuel Fabeiro Gómez. Chegou á Coruña para facer estudos de náutica, alí foi decisiva a súa amizade con Urbano Lugrís, Xohán Casal e Reimundo Patiño que influíron na súa concepción de Galicia e na súa ideoloxía. Neste tempo colaborou en revistas literarias como Aturuxo de Ferrol ou Quatro Ventos de Braga. Na revista Atlántida da Coruña publicou os seis poemas que constitúen As moradías do vento, e en 1959 publicou o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo e o poemario que enviou ao concurso literario organizado por Brais Pinto, Pequeno canto para un peito xoven, que quedou inédito ata 1982. Participou na estrea da obra teatral de Álvaro Cunqueiro, O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca.
En 1961 emigrou a Colombia, alí permaneceu ata 1980, primeiro na selva amazónica e máis adiante na embaixada brasileira en Bogotá. Alí coñeceu á que se converteu na súa muller en 1970 e a Manuel Arce Valladares, embaixador de Guatemala, de orixe galega. Unha vez finalizado o contrato coa embaixada iniciou unha serie de traballos sen moito éxito ata que conseguiu un traballo como distribuidor de libros en Cali.
O 15 de agosto de 1980 regresou a Noia, rexentou unha taberna, a Tasca Típica, na que organizou recitais poéticos e dende a que organizou a Sociedade Cultural Catavento. Presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1986), entidade pola que foi nomeado Socio de honra en 1995, e foi elixido concelleiro en Noia polo BNG, polo que ocupou o posto de concelleiro de cultura (1987-1991). Morreu dun cancro.
[editar] Obras
[editar] Poesía
- As moradías do vento (1955, separata de Atlántida).
- A frauta i o garamelo (1959, Moret. Reeditada no 2000 en Libros da Frouma).
- O tempo no espello (1982, Edicións do Castro).
- Cantos caucanos (1985, Sotelo Blanco. Edición bilingüe galego-castelán en Espiral Maior).
- As torres no ar (1989, Sotelo Blanco).
- Última fuxida a Harar (1992, Espiral Maior, póstuma).
- Obra poética completa (2003, Espiral Maior).
[editar] Narrativa
- Nova Crónica das Indias (1989, Ir Indo. Reeditada en 2003 por Xerais).
[editar] Ensaio
[editar] Teatro
- Tres capitáns de tempos idos (2003, Xerais).
[editar] Obras colectivas e antoloxías
- VII Festival da Poesia no Condado (1987, S. C. D. Condado).
- Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade (1995, Edicións do Castro).
- Obra poética. Antoloxía (1997, AS-PG e A Nosa Terra), por Xosé María Álvarez Cáccamo.
- Antoloxía (2003, Galaxia), por Ana Romaní.
- Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (2003, Tris Tram), por Arturo Casas.
- Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003, Espiral Maior).
- Poemas pola memoria (1936-2006) (2006, Xunta de Galicia).
- Tamén navegar (2011, Toxosoutos).
[editar] Traducións
- O cemiterio mariño, de Paul Valéry (1994, Espiral Maior).
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Álvarez Cáccamo, Xosé María (2003), Vida de Antón Avilés de Taramancos, Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-591-9.
- Avilés de Taramancos. Un francotirador da fermosura, de Aurora Marco, 2003, Toxosoutos.
- Avilés de Taramancos: A paixón pola terra, 2004, Consello da Xuventude de Galicia. Coordinado por Aurora Marco.
[editar] Ligazóns externas
- Biografía na Reasl Academia Galega
- Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos, libro dixitalizado.
- Ficha do autor na AELG
| Predecesor: Frei Martín Sarmiento |
Día das Letras Galegas 2003 Antón Avilés de Taramancos |
Sucesor: Xaquín Lorenzo |
|
||||||||