Saltar ao contido

Pradairo xaponés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O pradairo xaponés,[1] ou pradairo palmado xaponés (Acer palmatum) (en xaponés:イロハカエデ irohakaede), é unha especie de pradairo nativa do Xapón e de Corea do Sur. Algunhas autoridades consideran que tamén é nativa da China,[2] mais en Flora da China trata os pradairos semellantes chineses coma especies separadas.[3] En Galiza é común coma ornamental na xardinaxe urbana principalmente en parques, e cada vez máis en xardíns privados pola beleza da follaxe e do porte.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un arbusto ou árboriña de folla caediza miúda que acada alturas de 6 a 10 m, raramente 16 m; con frecuencia medra coma planta accesoria en forestas e fragas sombrizas. Pode ter múltiples toros dende o chan. En hábito de crecemento, toma formas de pirámide (especialmente cando é novo) ou de cúpula, cando maduro.[4] As follas de 4-12 cm de longo e ancho, palmadas lobuladas con 5-7-9 lóbulos agudos rematados en punta; de cores verdes ou purpúreas avermelladas tornándose vermellas brillantes polo outono. Algunhas especies son moi decorativas polas súas follas encarnadas púrpura transparentes na primavera, máis tenues polo verán, volvéndose vermello violáceas polo outono. As flores están en pequenas cimas, son individuais, con 5-sépalos vermellos ou púrpuras e 5-pétalos abrancazados. O froito consiste nun par de sámaras con ás, cada unha de 2-3 cm de longo con sementes de 6-8 mm. As súas sementes e as de especies semellantes requiren se estratificar para xermolaren.[4][5]

Na natureza, Acer palmatum presenta considerábel variación xenética, pois as sementeiras da mesma árbore paterna poden mostrar diferenzas en características como o tamaño e a forma da folla, ou a cor.[4]

Recoñécense tres subespecies:[4][5]

  • Acer palmatum subsp. palmatum. Follas miúdas, 4–7 cm de largo, 5-7 lóbulos e marxes duplo serrados; ás de sementes de 10–15 mm; máis baixas altitudes a través do centro e sur do Xapón (Hokkaido fica excluído).
  • Acer palmatum subsp. amoenum (Carrière) H.Hara. Follas máis grandes, 6–10 cm de largo, 7-9 lóbulos e marxes simple serrados; ás de sementes de 20–25 mm. Maiores altitudes do Xapón e de Corea do Sur.
  • Acer palmatum subsp. matsumurae Koidz. As máis grandes follas, 9–12 cm de largo, 7 (raramente 5 ou 9) lóbulos e marxes duplo serrados; ás de sementes de 15–25 mm. Maiores altitudes do Xapón.

Cultivo e usos

[editar | editar a fonte]
Pradairo xaponés amosando a forma de cúpula.

Pode medrar en áreas temperadas de todo o mundo, dende que fora exportada no s. XIX dende o Xapón, onde xa era cultivada dende hai moitos séculos.[4] Numerosos cultivares están dispoñíbeis comercialmente e son un ítem popular na xardinaxe de Europa e de América do Norte. Os cultivares de follas vermellas son os máis sonados, seguidos polos arbustos verdes con follas profundamente disectadas.[4] É tamén unha elección popular e axeitada para entusiastas do bonsai e ten sido usada para esta arte a través da súa historia.

Condicións de crecemento

[editar | editar a fonte]

Como moitos pradairos, axéitase ebn a calquera condición, mais medra mellor en solos fondos, ben drenados e fértiles. Medra ben coma árbore secundaria, aturando recunchos sombrizos. Porén, tamén provocan moita sombra, facendo en extremo dificultosa o avance doutras especies. Nalgúns bosques pódese converter en especie invasora.

Sobre 1.000 cultivares foron elixidos por características particulares, e poden só ser propagados por enxerto. Algúns deses non están en cultivo no Hemisferio Occidental ou se perderon por xeracións, mais moitos novos cultivares se desenvolven cada década.[4] Os cultivares elíxense por aspectos fenotípicos como forma e tamaño de follas (suave a profundamente lobuladas, algúns palmados), cor da folla (de clarísima a verde escura ou de vermella a púrpura negra, ou variegadas con diversos patróns de branco e rosa), textura e cor da casca, e patróns de crecemento. Algúns cultivares son árbores fortes e máis grandes e sólidas ou vizosas que a propia propia especie. Moitos son arbustos que raramente acadan 5 dm en altura. Uns poucos e moi delicados cultivares medran tipicamente en vasos e non chegan a máis de 3 dm. Algúns dos cultivares máis deformes ou ananos son froito de mutacións ou foron artificialmente seleccionadas sobre moitas xeracións.[4]

Moitos cultivares teñen características prominentes durante diferentes estacións do ano, incluíndo cor de novas ou vellas follas, cor no verán extraordinaria, cor e forma de samaras, ou incluso da casca, que se converte en máis brillante durante o inverno.

Cultivares de exemplo

[editar | editar a fonte]
Exemplo de variación de folla, de varios cultivares de pradairo xaponés.
Vello bonsai de 112 anos, do "Xardín Botánico de Brooklyn.

A seguir aparece unha escolma cultivares notábeis ou populares, con breves notas acerca das características que posúen durante polo menos unha estación do ano:[4]

  • 'Aka shigitatsu sawa', follas rosa abrancazadas coas veas verdes
  • 'Ao ba jo' - unha variedade anana coa follaxe de verán bronce verdosa
  • 'Atropurpureum' - follas de cor vermella viño, incluíndo as pólas novas
  • 'Bloodgood' - cultivar mellorado de 'Atropurpureum'
  • 'Butterfly' - follas miúdas cos bordos abrancazados
  • 'Deshojo' - follas brillantes vermellas claras
  • 'Dissectum' - follas tipo agullas, hábito corcorvado
  • 'Golden Pond' - follaxe verde amarelenta polo verán
  • 'Goshiki koto hime' - delicada, variegada, anana
  • 'Higasa yama' - folla engurradas, variegadas con amarelo
  • 'Hupp's Dwarf' - arbusto miúdo, mesto, con follas miudiñas
  • 'Issai nishiki kawazu' - moi rugaso, coa casca rexa
  • 'Kagiri nishiki' - semellante a 'Butterfly' porén con tons máis rosados
  • 'Karasu gawa' - crecemento amodo, variegada con brillante rosa e branco
  • 'Katsura' - follas amarelas verdes punteadas con alaranxado
  • 'Koto no ito' - follas verde claras, coma fíos
  • 'Little Princess' - de pólas separadas, anana, con hábito irregular
  • 'Mama'- anana arbustiva con follaxe extremadamente variábel
  • 'Masu murasaki' - árboriña coas follas púrpuras
  • 'Mizu kuguri' - os gomos novos con pintas alaranxadas, hábito moi amplo
  • 'Nishiki gawa' - axeitada para bonsais
  • 'Nomura nishiki' - púrpura negro, follas en punta
  • 'Ojishi' - moi anana, medra só uns poucos centímetros por ano
  • 'Osakazuki' - arbusto tipo árbore con espectaculares cores outonizas
  • 'Peaches and Cream' - semellante a 'Aka shigitatsu sawa'
  • 'Pink Filigree' - finamente disectada, follas pardas rosadas
  • 'Red Filigree Lace' - feble, finamente disectada, púrpura negro
  • 'Sango kaku' - "pradairo de casca de coral" con rosa avermellado
  • 'Seiryu' - arbusto tipo árbore, verde con follas finamente disectadas
  • 'Shikage ori nishiki'- arbusto forma de vaso con follaxe purpúrea
  • 'Skeeter's Broom' - derivado de 'Bloodgood' "lixo de bruxa"
  • 'Tamukeyama' - finamente disectado, púrpura negro, hábito en fervenza
  • 'Tropenburg' - magro, crecemento vertical, follas convexas lobuladas, púrpuras
  • 'Tsuma gaki' - follas amarelas cos bordos vermello purpúreos
  • 'Uki gumo' - prominente, variegada en branco
  • 'Waka momiji' - outro "pradairo de casca de coral"
  • 'Yuba e' - árbore vertical con variegado escarlata
Plantas de follaxe vermella, vendidas coma 'Atropurpureum' e 'Bloodgood'.

Ademais dos cultivares descritos arriba, un número de grupos de cultivares foron naturalmente seleccionados co tempo estendendo as sementeiras. Moitos deses cultivares véndense co mesmo nome, polo que hai moita ambigüidade para os distinguir.[4] En particular, un número de pradairos xaponeses vermellos negruzcos véndense coma "Atropurpureum" e "Bloodgood". Moitos pradairos con follaxes delicadas en fitas comercialízanse cos nomes de "Dissectum", "Filigree" ou "Laceleaf".[4]

O termo "pradairo xaponés" tamén se usa para describir outras especies dentro de series Palmata, similar a A. palmatum e son nativas do Xapón, Corea, China incluíndo:

Estes pradairos fenotipicamente variábeis dentro de cada especie, poden hibridar con outros, distinguíndose entre eles podendo ser materia de gradiente de especiación. En propagación comercial, A. palmatum é frecuentemente usado como portaenxertos desas outras especies.[4]

  1. Nome vulgar preferido en galego, en Termos Esenciais de Botánica, entrada 555; Comizión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela, 2002.
  2. Germplasm Resources Information Network: Acer palmatum Arquivado 20 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
  3. Flora of China (draft): Acer[Ligazón morta]
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 van Gelderen, C.J. & van Gelderen, D.M. (1999). Maples for Gardens: A Color Encyclopedia.
  5. 5,0 5,1 Rushforth, K. (1999). Trees of Britain and Europe. Collins ISBN 0-00-220013-9.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]