Saltar ao contido

Pérgola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pérgola con xasmíns e roseiras rubideiras nun camiño no Parque de Castrelos en Vigo.

Unha pérgola é un elemento arquitectónico propio de xardíns ou paseos que consiste nunha armazón formada por columnas que sosteñen trabes polas que ruben plantas, co fin de dar sombra e ornamental. En inglés adoita denominarse coma arbour[1]. O termo relacionado emparrado (ou parra) só se refire á suxeición dunha videira cunha estrutura que normalmente non deixa de ser unha pérgola. Nalgúns vocábulos aparece como parreira[2].

Unha ladeira con socalcos cubertos con parras en Settimo Vittone, Piemonte.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A pérgola é un elemento arquitectónico e estrutural, conformado por un corredor flanqueado por columnas que soportan trabes lonxitudinais que unen as columnas de cada banda, e outras transversais, os cangos ou ripas, que unen ambas bandas e suxeitan un enreixado aberto ou enlatado, onde usualmente se desenvolven plantas rubideiras. O uso máis común é a protección de zonas de paso dunha zona axardinada, zonas de lecer, xantar etc. mais tamén poden formar parte dun edificio como protección de zonas peonís.

Abeiro e sombra nun túnel verde, con materiais modernos, en Mirabellgarten, Salzburgo.

A verba galega pérgola (en portugués tamén pérgula) provén da palabra italiana pergola e, á súa vez, esta procede da verba latina pergula. O termo en italiano xa era utilizado arredor de 1645 e en inglés usábase este termo en 1675. En galego é un vocábulo moderno, empregándose antigamente (e referido ás videiras) o termo emparrado ou parreira.

Pérgola metálica formada por piares cilíndricos e cangos planos como teito. As plantas rubideiras (buganvíleas), aínda novas, co tempo han cubrir a estrutura e aumentarán a superficie de sombra. O chan poroso so a estrutura, tradicional en climas cálidos, permite a acumulación e posterior evaporación da auga refrescando o paseo.

As pérgolas poden ligar pavillóns, poden facer de marquesiñas nas portas dos edificios cara ás zonas axardinadas como terrazas ou piscinas, e poden ser estruturas completamente autónomas que fornecen sombra e acubillo ao longo dun carreiro.

Pérgola realizada en obra: con postes de ladrillo árabe e trabes de formigón. Ten unicamente as trabes principais: aquelas que fican entre entre poste e poste. Unha estrutura de arames de aceiro dá soporte entre trabe e trabe á vexetación.

As pérgolas son elementos arquitectónicos de maior lonxevidade ca os túneles verdes dos xardíns da Alta Idade Media e principios do Renacemento, que estaban a miúdo formados por gromos novos e flexíbeis de salgueiros ou abeleiras unidos pola testa para formaren unha serie de arcos, sobre os que se tecían uns listóns lonxitudinais, onde se desenvolvían as plantas rubideiras para facer un paseo fresco, sombrizo e moderadamente seco.

Na Vila La Petraia os segmentos curvados interiores e exteriores dos paseos verdes, precursores das actuais pérgolas, formaban unha estrutura que podía ser vista desde unha terraza situada máis arriba e proporcionaban algo de intimidade ao fogar ofrecendo unha visión frondosa dunha horta encravada que evocaba o Xardín do Edén.

A artificialidade tan natural das pérgolas converteunas nun dos elementos favoritos dos xardíns naturalistas de estilo inglés dos séculos XVIII e XIX. Algunhas das pérgolas máis fermosas foron realizadas con piares de ladrillo e pedra e rexos cangos como elementos característicos dos xardíns deseñados por Sir Edwin Lutyens e Gertrude Jekyll, convertendo estas estruturas firmes e luxosamente plantadas en sinatura dos seus deseños.

En Galiza

[editar | editar a fonte]

En Galiza aínda que non son aínda moi comúns as pérgolas en xardíns privados o que si é común é o uso análogo dos emparrados de videiras á beira das vivendas para dar sombra (ademais de viño), onde se adoitan celebrar os xantares e ceas no verán. Hoxe en día a videira comparte lugar co kiwi e diferentes especies de roseiras rubideiras, glicinias, xasmíns etc. A pérgola tradicional en Galiza acostuma constar de elementos verticais postes chantados (piares) en pedra de gra, con elementos horizontais (forxado) en madeira de carballo, castiñeiro ou robinia polos que medran as videiras. É común plantar roseiras decorativas á beira dos postes de pedra. As máis das veces a parra vai acaroada á vivenda ou a outra construción auxiliar, constando soamente de dous piares. Non é raro atopar nas pérgolas, e, en xeral, nos emparrados, postes transversais apoiados nos verticais para impedir o xiro e envorcado da estrutura.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Inclúense algúns termos en inglés pola importancia destes elementos na xardinaxe inglesa
  2. http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=parreira&tipo_busca=lema

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]