Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra
Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra | |
---|---|
Vista da facultade | |
Universidade: | Universidade de Vigo |
Localización: | Pontevedra |
Campus: | Pontevedra |
Enderezo: | Campus da Xunqueira 36005 |
Ano de fundación: | 9 de febreiro de 2006 |
Decano: | Óscar García García |
Docentes: | 118 |
Estudantes: | 1600[1] |
Teléfono: | 986801700 |
Correo electrónico: | sdexbp@uvigo.es |
Páxina web: | facultadeeducacióndeporte pontevedra |
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra é un centro educativo universitario da Universidade de Vigo, con sede en Pontevedra no campus da Xunqueira.
Historia
[editar | editar a fonte]O xerme da actual Facultade de Ciencias da Educación foi a Escola Normal de Mestres de Pontevedra (masculina) creada en 1845.[2] A súa primeira localización foi o antigo Colexio da Compañía de Xesús. En 1860 creouse a Escola Normal Superior de Mestras de Pontevedra, que foi a primeira escola de mestras feminina de Galicia e que tamén se situou no antigo Colexio da Compañía. Posteriormente, desde 1881 ata 1930 a súa sede foi o pazo de García Flórez.[3] A Escola de Mestres Masculina situouse posteriormente no pazo de Mugartegui. En 1896 empezouse a construír na Gran Vía de Montero Ríos o grande edificio ecléctico deseñado polo arquitecto Arturo Calvo Tomelén para a Escola de Artes e Oficios, que foi inaugurado en 1901 e que acolleu posteriormente a Escola Normal mixta de Pontevedra.[4]
O centro quedou instalado no edificio da Gran Vía de Montero Ríos e permaneceu como Escola Normal ata que pola Lei Xeral de Educación de 1970, se dispuxo que as Escolas Normais se integrarían nas universidades como Escolas Universitarias de Profesorado de Educación Xeral Básica. En 1972 a Escola Normal de Pontevedra integrouse na Universidade de Santiago de Compostela polo decreto 1381/1972, de 25 de maio, no seu artigo segundo e pasou a denominarse Escola Universitaria de Profesorado de Educación Xeral Básica de Pontevedra.[5] Así, o centro moderno de Maxisterio tivo a súa orixe na Escola Universitaria do Profesorado de EXB de Pontevedra, que se integrou na USC e que estaba situada á beira sur do río Lérez, na avenida de Bos Aires.
No curso académico 1993-94 comezaron a impartirse na Escola de Pontevedra as especialidades de Educación Física, Educación Musical, Educación Primaria e Educación Infantil, autorizadas polo decreto 26/1993, do 11 de febreiro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 2[6] conforme o R.D. 1440/1991 do 30 de agosto polo que se estableceu o título universitario oficial de Mestre, nas súas diversas especialidades.[7]
En 1998 iniciouse o proceso de conversión do centro en facultade, sendo decano comisario Pedro Figueroa Dorrego. Daquela había 1.400 persoas matriculadas como alumnado, e o profesorado estaba composto por unhas 90 persoas. En 1999, polo decreto 250/1999, do 9 de setembro, no artigo 3, creouse a Facultade de Ciencias da Educación por transformación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB e concedeuse a autorización para a implantación na facultade das ensinanzas conducentes á obtención do título de licenciado/a en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e autorizouse que na mesma se albergasen tamén os estudos conducentes ós títulos de mestre nas especialidades de educación infantil, educación primaria, educación musical e educación física.[8]
Consolidadas as bases, o centro universitario constituíuse co nome de Facultade de Ciencias da Educación e foi elixido o seu primeiro órgano directivo, composto por María Luisa Alonso Escontrela (decana), Antonia Blanco Pesqueira (vicedecana de organización académica), Jorge Figueroa Dorrego (vicedecano de docencia), Leonardo Fuentes Blanco (vicedecano de practicum) e María del Carmen Sánchez Rey (secretaria). No ano 2000 accedeu ao equipo directivo José María Cancela Carral como vicedecano de docencia.
En 2006 polo decreto 28/2006, do 9 de febreiro, a facultade pasou a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.[9]
O deseño do edificio da actual facultade que se inaugurou no campus da Xunqueira en outubro de 2006,[10] obra dos arquitectos Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera, obtivo o premio SICE en 2008, concedido polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.[11][12]
Titulacións
[editar | editar a fonte]A facultade acolle os 3 graos de Ciencias da Actividade Física e o Deporte e de Educación Primaria e de Educación Infantil, implantados no curso académico 2009-10.
Como estudos de posgrao, acolle cinco másteres:
- Mestrado Interuniversitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, en colaboración coa universidade da Coruña.
- Mestrado Interuniversitario de Dirección Integrada de Proxectos (DIP)
- Mestrado Universitario en Necesidades Específicas de Apoio Educativo (MUNAE)
- Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas. Especialidades: Ciencias Experimentais. Educación Física
- Mestrado Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria
Ademais ofrece 3 Doutoramentos en Educación, Deporte e Saúde, en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable e en Equidade e Innovación en Educación.
Equipo decanal
[editar | editar a fonte]O 15 de decembro de 2006 tiveron lugar as eleccións ao decanato na nova localización da facultade, no campus da Xunqueira, sendo elixido José María Cancela Carral como decano da Facultade para un período de tres anos. O 20 de abril de 2010 tiveron lugar novas eleccións ao decanato. Malia que só se presentou unha candidatura, de carácter continuísta e liderada polo profesor Cancela Carral, non foi aprobada pola Xunta da Facultade.
Mentres non se convocaron novas eleccións, Francisca Fariña Rivera foi nomeada decana de modo interino polo reitorado. Nas eleccións do 12 de maio de 2011 foi corroborada no posto. Durante o período 2011-2014 o equipo decanal estivo composto por Francisca Fariña Rivera (decana), María de los Ángeles Vilariño (secretaria), Uxío Pérez Pérez (vicedecano de organización académica), Carlos Lago (vicedecano de relacións institucionais e mobilidade), Roberto Barcala (vicedecano de estudos de grao, prácticum e formación continua) e Jorge Viaño (vicedecano de calidade). En xaneiro do 2014 celebráronse novas eleccións, sendo reelixida Francisca Fariña como decana co 80 % de apoio da Xunta de Facultade. Neste novo período María Esther Martínez Figueira substitúe no cargo a Roberto Barcala.
En 2015 Vicente Romo Pérez foi elixido novo decano da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, cargo no que foi reelixido en 2018.[13][14]
En 2021 Óscar García García foi elixido como novo decano da facultade.[15] En 2024 foi reelixido no cargo de decano.[16]
Cultura
[editar | editar a fonte]En abril celébrase a festividade de Santo Isidoro de Sevilla, patrón do centro. A facultade edita a Revista de Investigación en Educación.
Alumnos que estudaron na facultade
[editar | editar a fonte]Galería
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ciencias da Educación estudia internacionalizar uno de sus cuatro másteres de posgrado". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xaneiro de 2016.
- ↑ "Pequeña historia de la Escuela Normal". Faro (en castelán). 17 de setembro de 2016.
- ↑ Porto Ucha, Ángel Serafín, 2002, Instituciones para la formación de la mujer. La Escuela Normal Superior de Maestras de Pontevedra: Nacimiento y evolución (1860-1901), Santiago de Compostela (USC), Innovación Educativa, n.º 12, pp. 21-23
- ↑ "Ladrillo de lujo". Faro (en castelán). 10 de febreiro de 2011.
- ↑ "Decreto 1381/1972, de 25 de mayo, sobre integración de las Escuelas Normales en la Universidad como Escuelas Universitarias de Profesorado de Educación General Básica." (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 7 de xuño de 1972.
- ↑ "DECRETO 26/1993, de 11 de febrero, por el que se autoriza la implantación de estudios conducentes a los nuevos títulos de maestro en la Comunidad Autónoma, se concede autorización de nuevos estudios, y se crean centros en el Sistema Universitario de Galicia.". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 19 de febreiro de 1993.
- ↑ "Real Decreto 1440/1991, de 30 de agosto, por el que se establece el título universitario, oficial de Maestro, en sus diversas especialidades y las directrices generales propias de los planes de estudios conducentes a su obtención." (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 11 de outubro de 1991.
- ↑ "DECRETO 250/1999, do 9 de setembro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudios conducentes ás titulacións que se citan na Universidade de Vigo.". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 17 de setembro de 2009.
- ↑ "DECRETO 28/2006, do 9 de febreiro, polo que se autoriza o cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, que pasará a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 22 de febreiro de 2006.
- ↑ "La escuela de adultos estrena centro propio en Magisterio". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de outubro de 2006.
- ↑ "Irisarri e Piñera gañan un premio estatal á arquitectura sostible", artigo en Cultura Galega
- ↑ "Triunfa la arquitectura sostenible gallega". La Voz de Galicia. 30 de decembro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2011.
- ↑ "Vicente Romo, proclamado único candidato a decano de Ciencias da Educación". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de maio de 2015.
- ↑ "Vicente Romo, reelegido decano de Ciencias da Educación e do Deporte". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de abril de 2018.
- ↑ "Óscar García, nuevo decano de Ciencias da Educación: "Por suerte, esta facultad se nos ha quedado pequeña"". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de abril de 2021.
- ↑ "Óscar García, decano de Ciencias da Educación e do Deporte: «La facultad necesita más espacios y arquitectónicamente no es ningún problema»". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de marzo de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Porto Ucha, Ángel Serafín (2002). "Instituciones para la formación de la mujer. La Escuela Normal Superior de Maestras de Pontevedra: Nacimiento y evolución (1860-1901)". Innovación Educativa (USC) (12): 17–46. ISSN 1130-8656.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Facultade de Comunicación de Pontevedra
- Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra
- Facultade de Fisioterapia de Pontevedra
- Facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra