Quebec

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata da provincia canadense do Quebec. Para o artigo sobre a súa capital véxase Quebec (cidade).
Québec
Bandeira de Québec
Lema: Je me souviens (Francés: Eu lémbrome)
Mapa do Canadá con Québec destacado
Outras provincias e territorios do Canadá
Capital Cidade de Quebec (Ville de Québec)
Maior cidade Montreal (Ville de Montréal)
Tenente Gobernador Pierre Duchesne
Primeiro ministro Philippe Couillard (PLQ)
Área 1 542 056 km² (2º)
 - Terrestre 1 183 128 km²
 - Auga 176 928 km² (11,5%)
Poboación (2004)
 - Poboación 7 560 592 (2º)
 - Densidade 5,43 /km² (5º)
Admisión na Confederación
 - Data Membro fundador da Confederación do Canadá, criada o 1 de xullo de 1867
 - Orde
Fuso horario UTC-5
Representación parlamentaria
 - Deputados 75
 - Senadores 24
Abreviacións
 - Abreviación postal QC
 - ISO 3166-2 CA-QC
Prefixo Postal G, H, X
Web site www.gouv.qc.ca

O Quebec é unha provincia do Canadá cunha poboación de preto de 7,5 millóns de habitantes. A maioría dos Quebequeses falan o francés. A capital do Quebec é a cidade de Quebec e a súa metrópole é Montreal.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O Quebec está situado ao leste do Canadá, limitado pola provincia do Ontario e a baía de Hudson ao oeste, os provincias de Terra Nova e Labrador e do Nova Brunswick ao leste, os Estados de Maine, New Hampshire, Vermont e de Estado de Nova York, (EUA) ao sur, e o Océano Ártico ao norte.

A provincia, a máis grande do Canadá, é un vasto territorio (preto de 3 veces a superficie da Francia), do cal a maior parte está moi pouco poboada. O territorio do Quebec é extremadamente rico en recursos naturais cos seus bosques de coníferas, lagos e os seus ríos ; o papel, o bosque e o hidroelectricidade están entre as máis importantes industrias da provincia.

A rexión máis poboada é o vale do río San Lourenzo, no sur, onde están situadas a capital, Quebec, e a metrópole, Montreal.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Quebec.

Os primeiros habitantes da actual Quebec foron os algonquinos, iroqueses e inuit. Foi Jacques Cartier o primeiro explorador europeo en chegar ao territorio en 1534, quen establece unha colonia en Stadacona, preto da actual cidade de Quebec e establécese a colonia francesa de Nova Francia. En 1763 Francia cede o territorio ao Reino Unido, nel habitaban un 65.000 franceses que mantiveron o uso das leis civís francesas e a Igrexa Católica mantivo os seus dereitos. En 1791 creouse a provincia do Baixo Canadá que tiña a súa propia Asemblea lexislativa. Logo da Rebelión de 1837 Baixo Canadá desapareceu e en 1867 formouse a provincia de Quebec.

A Nova Francia (1534-1763)[editar | editar a fonte]

Retrato de Jacques Cartier por Théophile Hamel, 1844.

Partindo de Saint-Malo no 20 de abril de 1534 con 61 homes en dous barcos, Jacques Cartier é considerado como o primeiro explorador europeo en chegar a Canadá (porén, en 1497, Jean Cabot navegara polo golfo de Saint-Laurent). Planta unha cruz en Gaspé en 1534 e navega polo Río Saint-Laurent durante o seu segundo viaxe en 1535. Cartier aventurouse até Hochelaga (no lugar do futuro Montreal) onde o seu equipo pasa o inverno: 20 persoas morren de escorbuto até que Cartier obtén dos iroqueses unha receita (a base de follas de cedro branco) contra esta doenza. Decididas a establecer unha colonia, as autoridades do Reino de Francia deu o mando dunha nova expedición a Jean-François de la Rocque de Roberval. A nova colonia coñece un inverno difícil que lle custa a vida a máis de 50 individuos. Por mor doutras preocupacións, especialmente as guerras europeas, Francia deixa de ter interese no Canadá durante máis de medio século. Este período é chamado comunmente as «tentativas inútiles ».

Pódese afirmar que os comezos da Nova Francia ou o que é o mesmo, de Canadá, sitúanse en 1600, cando establécese en Tadoussac Pierre de Chauvin. Este pobo volveuse moi coñecido polas súas baleas.

En 1603, os colonos franceses, dirixidos por Samuel de Champlain, aliáronse ás tribos amerindias dos Huróns-Wendats e dos Algonquíns contra os Iroqueses. Naquela época, contábase cunha poboación de arredor de 30,000 Wendats e de 15,000 iroqueses, máis unha serie de epidemias minguou a poboación de Wendats a uns 12,000 individuos, namentres que a poboación de iroqueses permaneceu inalterada. En 1608, Samuel de Champlain fonda a vila de Quebec que era entón empregada como simple emprazamento de comercio. En 1627, a creación por Richelieu da Compagnie de la Nouvelle-France permitiu a centos de accionistas o desenvolvemento de Canadá. Ó vindeiro ano, a primeira expedición, que contaba con 400 membros, caeu entre as mans dos británicos e non chegou xamáis ó seu destino. Logo da capitulación de Quebec ante os irmáns Kirke, os ingleses ocupan Quebec e Acadia, de 1629 a 1632. Samuel de Champlain foi feito prisioneiro e despois chegou a quebra da compañía. Tralo Tratado de Saint-Germain-en-Laye, Francia retoma a posesión da colonia en 1632. A vila de Trois-Rivières foi fundada en 1634. En 1640, a Nova Francia tan só contaba con 500 persoas. As guerras iroquesas e as enfermidades foron as principais causas de mortalidade na colonia francesa. En 1642, Paul de Chomedey de Maisonneuve fonda Ville-Marie (futuro Montreal) que tan só era, naqueles tempos, un forte que servía de protección contra os ataques dos iroqueses (a primeira guerra iroquesa dura de 1642 a 1667).

Mapa da Nova Francia, feita por Samuel de Champlain en 1612.

De 1627 a 1663, a poboación pasa 100 habitantes a uns 2,500. En 35 anos, arredor de 1,250 inmigrantes franceses viron a aumentar a pequena poboación orixinal; a natalidade ocupouse de dobrar o seu número. Certas provincias francesas xogaron un papel preponderante: Normandía, Aunis, comté du Perche, París, Poitou, Maine, Saintonge, Anjou e Bretaña.

Os inmigrantes proviñan especialmente das rexións costeiras e de vilas portuarias, así como da grande rexión parisina.

En 1663, o ministro de Finanzas Jean-Baptiste Colbert estableceu un goberno real en Nova Francia. O territorio debía administrarse como unha provincia francesa baixo o mando dun gobernador. En 1665, o rexemento de Carignan-Salières (reximento de elite) chegou á colonia co fin de expulsar ou suprimir ós iroqueses. En 1666, o intendente da Nova Francia, Jean Talon, organizou o primeiro censo que da o número de 3,215 habitantes. Grazas ás políticas pronatalistas de Talon así como ao envío de Luís XIV de 900 rapazas casadeiras, a poboación da colonia pasa a ser de 6,700 habitantes en 1672. En 1684, estimulados polos Británicos, os iroqueses dirixen unha serie de ataques contra os establecementos franceses. En 1686, os franceses apoderáronse de tres fortes ingleses da baía de Hudson. Baixo o goberno de Frontenac, os franceses levaron a cabo unha serie de incursións contra os postos da Nova Inglaterra e expulsaron ós ingleses de Acadia, de Terranova e da baía de Hudson. Con todo, en 1687, Francia e Inglaterra asinan o tratado de Ryswick que pon fin a primeira guerra intercolonial. En 1701, asinouse a paz cos iroqueses. A colonia contaba con máis de 15,000 habitantes. Coa sinatura dos Tratados de Utrecht, en 1713, Francia cedeu a Gran Bretaña Acadia (Nova Escocia), Terranova e a baía de Hudson.

A guerra dos Sete Anos (17561763), entre Gran Bretaña e Francia, trouxo un cambio decisivo en América. Las colonias británicas uníronse para rematar coa Nova Francia. En 1755, son desprazados máis de 7,000 acadienses cara á costa americana por orde do gobernador de Nova Escocia (Lawrence), que temía a súa intervención na guerra. En 1756, o xeneral Louis-Joseph de Montcalm desembarca en Nova Francia con 3,000 homes. En 1759, o xeneral británico James Wolfe e o seu exército asediaron durante dez semanas a cidade de Quebec, que capitula tras unha célebre batalla nas chaos de Abraham (durante a cal Montcalm e Wolfe foron feridos mortalmente). Na primavera seguinte, en 1760, houbo unha tentativa de reconquista, e o xeneral Lévis, ó mando dun forte continxente provinte de Montreal, ataca Quebec. A derradeira batalla[1] non foi a decisiva (259 mortos e 829 feridos no bando británico, 193 feridos e 640 mortos nas tropas de Lévis)[2]. Os ingleses batéronse en retirada cara a cidade, deixando tras de sí ós seus feridos. Estando Quebec asediada, Lévis agardaba reforzos por mar procedentes da Francia. Debido a que a flota francesa de axuda foi interceptada na Batalla da Ristigouche, estes reforzos non chegaron xamais. Foi máis ben a frota inglesa que chega con máis de 18,000 homes. Lévis levanta o asedio. Despois os británicos apoderáronse de Montreal: a Nova Francia estaba conquistada. A colonia máis grande de Francia contaba por aquel entón con arredor de 55,000 habitantes. A poboación amerindia era por aquel entón duns 600,000 individuos.

O réxime británico (1763-1867)[editar | editar a fonte]

Gran Bretaña tomou posesión da Nova Francia polo tratado de París en 1763 que pon fin á guerra dos Sete Anos. Esta veu a destrución de lugares importantes de Quebec (Quebec, Côte-du-Sud, Bas-du-Fleuve) e provocou o drama da Grande Perturbación. Un grande número de Acadienses fuxiu desta deportación que separou ás familas para sempre e provocou unha grande mortalidade, refuxiándose en Quebec. Hoxe en día haberá arredor dun millón de Quebequeses que teñan orixe acadiense.

Co Tratado de París, Francia salvaba os mobles en Europa, pero perdía o seu primeiro imperio colonial , nas Indias e en América.

O rei Luís XV e os seus conselleiros tentaron de consolarse coa conservación de Guadalupe e das illas de azucre, e minimizando a perda do Quebec, entón considerado como unha colonia custosa, un vasto territorio de xeo sen grande importancia para o reino de Francia. Tan só as illas de Saint-Pierre-et-Miquelon permaneceron francesas (para permitirlles pescar en América). Pero Francia non tardará en vingarse axudando ós Estados Unidos na guerra de Independencia.

Por mor deste tratado, a maioría dos aristócratas volveron a Francia. Gran Bretaña, por entón soberana, redactou unha constitución (a Proclamación Real) para a Nova Francia que pasou a ser a «Provincia de Quebec». Esta constitución prevía a un prazo máis ou menos longo a asimilación dos canadenses franceses. Máis de 2,000 deles volveron a Francia entre 1760 e 1770. Os católicos estaban tan desprovistos de dereitos como os de Irlanda: tódalas funcións públicas estaban reservadas á pequena minoría de protestantes. O exército británico fíxose cun grande número de señoríos, namentres que o funcionamento das escolas quebequesas estaba particularmente comprometido, notablemente polo peche á Igrexa Católica.

Até 1766, os británicos loitaron contra as tribos amerindias aliadas á Francia que rebelábanse baixo a dirección do xefe Pontiac. Para evitar que os problemas das colonias americanas se estendesen ó Canadá, o goberno británico decide pasar a ser máis aberto cos canado-franceses e revoca a Proclamación Real que, entre outras cousas, facía da relixión anglicana a única relixión oficial. En 1774 redactouse o Acta de Quebec que viña a atenuar as veleidades de asimilación de 11 anos antes e establecía os dereitos do pobo canadense, incluída a lingua francesa, o dereito civil e a relixión católica e que ampliaba o territorio da provincia.

Os americanos (á súa testa Montgomery e Arnold) decidiron incluír pola forza ós canadenses na súa loita pola independencia. Eles comezaron coa invasión da provincia de Quebec en 1774 (toda a rexión de Montreal pasa polas súas mans), máis, ó ano seguinte, fracasan na súa tentativa de tomar a cidade de Quebec. Os reforzos británicos chegaron en grande número e os americanos foron obrigados a abandonar a provincia. Os canado-franceses permaneceron máis ou menos neutrais durante o conflito, seguindo as recomendacións da Igrexa Católica, que tomar partido polos británicos. Seguindo á independencia dos Estados Unidos, os lealistas americanos instaláronse en Quebec. Insatisfeitos polos numerosos dereitos cedidos ós francocanadenses, os ingleses demandaron reformas e obtiveron resposta no Acta constitucional de 1791 que dividiu o territorio no Alto Canadá (o Ontario de hoxe) e o Baixo Canadá (o Quebec de hoxe). O parlamentarismo británico foi adoptado, pero os límites do sistema colonial foron moi criticados e contestados.

En 1834, membros do Partido Patriota (Papineau, Elzéar Bédard e Augustin-Norbert Morin) redactaron e presentaron, a título de programa político e de reivindicacións, 92 resolucións que expresaban unha verdadeira perda de confianza nas institucións monárquicas británicas. Para paliar ese poder abusivo monárquico sobre os canadenses franceses, Papineau e o seu Partido reclamaban un goberno responsable elixido que controlaría as rendas e elaboraría as leis do Baixo Canadá. En 1835, Lord Gosford chega a Quebec para tentar vincularse rapidamente cos patriotas, tendo recibido este mandato. Pero en 1837, esgotadas tódalas estratexias pacíficas e ante unha negativa categórica de Londres a considerar as 92 resolucións, o Partido Patriota amósase a favor dunha rebelión armada. Simultaneamente, algúns británicos rebeldes do Alto Canadá aspiraban ás mesmas reivindicacións, ou sexa, obter gobernos responsables (xente elixida que tomase as decisións no canto dun goberno imposto por Londres). O Baixo Canadá tomou as armas, tendo á súa testa a Louis-Joseph Papineau (deputado nacionalista e xefe do Partido Patriota). O Alto Canadá rebélase baixo as ordes de William MacKenzie. Estas dúas revoltas foron esmagadas por Londres.

A derrota dos patriotas marca o fin da influencia do liberalismo na sociedade quebequesa. O fracaso do levantamento baixocanadense impediu ó pobo desenvolverse: o acceso ás novas terras era problemático para os canadenses franceses, xa que estaban monopolizadas pola Family Compact así como o comercio coa Metrópole colonial. E entón cando comeza o grande movemento de emigración dos francocanadenses aos Estados Unidos que marca o século XIX.

Lord Durham foi enviado por Londres para facer unha investigación. No seu famoso informe (o informe Durham), recomenda proceder á asimilación integral da colectividade canadense-francesa para unha unificación das dúas Canadás e a adopción dun goberno responsable. O Acta de Unión de 1840 foi votado en Londres. Dáballe ó Alto Canadá o mesmo número de deputados que ó Baixo Canadá e facía do inglés a súa lingua oficial. O Canadá unido contaba entón con 500,000 anglofalantes e 600,000 francófonos. O Alto Candá anglofalante e pouco poboado converteuse en igual do Baixo Canadá francófono máis poboado, o que satisfacía ás intencións asimilistas dos británicos. Lord Durham preveu que os anglófonos serían pronto máis numerosos e que dominarían así a Asemblea. Gradualmente, os anglófonos adoptaron o nome de Canadenses (que os habitantes de orixe francés empregaban dende o século XVII). Polo tanto, eles comezaron a ser chamados « Canadenses franceses ».

Os problemas políticos continuaron, acadando un novo paroxismo en 1849, mentres que é incendiado o Parlamento de Canadá situado en Montreal dende 1843. O goberno vai votar unha lei para restablecer os dereitos dos franceses e compensar ás vítimas inocentes dos conflitos de 1837 a 1838, o que enfurece ós extremistas británicos. O parlamento variou entre Quebec e Toronto até 1867.

Non é até 1849 que establécese o goberno responsable polo partido reformista. Os canadenses franceses non eran xa maioritarios, e entón o partido é dirixido por Robert Baldwin no Alto Canadá e Louis-Hippolyte Lafontaine no Baixo Canadá. Grazas á obtención dun goberno responsable, unha certa calma reina na escena política canadense. En 1864, as elites políticas entablaron debates sobre unha potencial confederación canadense. Londres da entón o seu apoio ó proxecto de unión federal e fixo incluso presión sobre os gobernadores das colonias para que a aceptasen.

A federación canadense (1867)[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Quebec
Ano Habitantes
1851 890,261
1861 1,111,566
1871 1,191,516
1881 1,359,027
1891 1,488,535
1901 1,648,898
1911 2,005,776
1921 2,360,510
1931 2,874,662
1941 3,331,882
1951 4,055,681
1956 4,628,378
1961 5,259,211
Ano Habitantes
1966 5,780,845
1971 6,137,306
1976 6,396,767
1981 6,547,705
1986 6,708,468
1991 7,064,586
1996 7,246,896
2001 7,396,990
2002 7,445,745
2003 7,493,958
2004 7,547,728
2005 7,598,146
2006 7,669,100
Fonte : Instituto de Estadística de Quebec

Por mor dun acordo entre o partido conservador de John Alexander MacDonald e o partido liberal de George Brown, apoiados por George-Étienne Cartier, o Acta da América do Norte británica crea a confederación canadense, que foi proclamada o 1 d xullo de 1867 e á cal únense Nova Brunswick e Nova Escocia. Derivará nunha segunda división administrativa que forma as provincias de Quebec e de Ontario.

Rexións administrativas[editar | editar a fonte]

O Quebec está dividido en 17 rexións administrativas:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ver: Batalla de Sainte-Foy
  2. Jacques Lacoursière. 1995. Histoire populaire du Québec. Des origines à 1791. Septentrion.