Stephen Hawking

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Stephen William Hawking (Oxford, 8 de xaneiro de 1942 - ), físico teórico e cosmólogo británico.

Stephen Hawking

Biografía[editar | editar a fonte]

Stephen William Hawking naceu o 8 de xaneiro de 1942 en Oxford, Inglaterra. Seus pais foron Frank e Isobel Hawking. Ten dúas irmás máis novas, Philippa e Mary, e un irmán adoptivo, Edward. Da súa familia, Hawking tivo na súa nai, quen era unha activa política, o membro máis próximo.

A casa dos seus pais estaba no norte de Londres, pero durante a Segunda Guerra Mundial considerábase que Oxford era un dos lugares máis seguros para ter nenos. Cando tiña oito anos, a súa familia mudouse a St. Albans, unha vila a unhas 20 millas ó norte de Londres. Ós once anos Stephen foi á Escola de St. Albans, e logo ó Colexio Maior Universitario en Oxford, antigo colexio do seu pai. Stephen quería facer Matemáticas, pese a que o seu pai preferiría Medicina. Como Matemáticas non podía estudarse no Colexio Universitario, optou por Física. Despois de tres anos e non moito traballo concedéuselle o título de primeira clase con honores en Ciencias Naturais.

Tras obtene-lo Doutorado pasou a ser Investigador, e máis tarde Profesor nos Colexios Maiores de Gonville e Caius. Despois de abandona-lo Instituto de Astronomía en 1973, Stephen entrou no Departamento de Matemáticas Aplicadas e Física teórica, e desde 1980 ocupa o posto de Profesor Lucasiano de Matemáticas. A Cátedra foi fundada en 1663 con fondos concedidos no testamento do Reverendo Henry Lucas, quen fora Membro do Parlamento pola Universidade. Foi primeiro cuberta por Isaac Barrow, e logo en 1669 por Isaac Newton.

En 1985 foi traqueostomizado e desde entón emprega un sintetizador de voz para comunicarse. Gradualmente foi perdendo o uso dos seus brazos e pernas, así como do resto da musculatura voluntaria, incluíndo a forza do pescozo para manter a cabeza ergueita, con todo o cal a súa mobilidade é practicamente nula (Esclerose lateral amiotrófica, o mesmo caso de Jason Becker). A cadeira de rodas que utiliza en público está controlada por unha computadora que Hawking manexa mediante leves movementos de cabeza e ollos, o que tamén lle permite seleccionar palabras e frases no sintetizador de voz.

Casou por primeira vez en xullo de 1965 con Jane Wilde. Hawking casouse por segunda vez coa súa enfermeira - Elaine Mason - o 16 de setembro de 1995. Hawking continúa combinando a vida en familia (coa súa esposa, os seus tres fillos e un neto) e a súa investigación en física teórica xunto cun extenso programa de viaxes e conferencias.

O asteroide 7672 Hawking foi chamado así na súa homenaxe.

Obra[editar | editar a fonte]

Hawking traballou nas leis básicas que gobernan o universo. Xunto con Roger Penrose mostrou que a Teoría Xeral da Relatividade de Einstein implica que o espazo e o tempo han de ter un principio no Big Bang e un final dentro de buracos negros. Semellantes resultados sinalan a necesidade de unificar a Relatividade Xeral coa Teoría Cuántica, o outro gran desenvolvemento científico da primeira metade do século XX. Unha consecuencia de tal unificación que el descubriu era que os buracos negros non eran totalmente negros, senón que podían emitir radiación e partículas subatómicas (coñecidas como radiación Hawking) e eventualmente evaporarse e desaparecer. Outra conxectura é que o universo non ten bordos ou límites no tempo imaxinario. Isto implicaría que o modo en que o universo empezou queda completamente determinado polas leis da ciencia.

As súas numerosas publicacións inclúen "A Estrutura a Grande Escala do Espaciotiempo" con G. F. R. Ellis, "Relatividad Xeral: Revisión no Centenario de Einstein" con W. Israel, e "300 Anos de Gravidade", con W. Israel. Stephen Hawking publicou tres libros de divulgación: o seu éxito de vendas Breve Historia do Tempo, "Buracos Negros e Universos Bebés e Outros Ensaios" e máis recentemente en 2001, "O Universo nunha Casca de Noz", e en 2005, Brevísima Historia do Tempo, unha versión revisada e ampliada do seu primeiro best-seller.

Obras técnicas[editar | editar a fonte]

Obras populares[editar | editar a fonte]

Currículum[editar | editar a fonte]

O Profesor Hawking ten doce doutorados honoríficos, gañou o CBE en 1982 e foi designado Compañeiro de Honor en 1989. É o receptor de numerosos premios (por exemplo, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 1989), galardóns e medallas e é Membro de Honor da Royal Society e da US National Academy of Sciencies.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]