Charles Darwin
| Este artigo ou sección precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
| Charles Robert Darwin | |
|---|---|
| Darwin con 51 anos. | |
| Nacemento: | 12 de febreiro de 1809 Shrewsbury, Shropshire, Inglaterra |
| Falecemento: | 19 de abril de 1882 Down, Kent, Inglaterra |
Charles Robert Darwin, nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista inglés que observou e postulou, achegando evidencias relevantes, que tódalas especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común por medio dun proceso denominado selección natural. A idea de evolución chegou a ser unha postura apoiada pola comunidade científica e pola sociedade ó final da súa vida, mais a teoría da selección natural como proceso esencial que explica o proceso evolutivo, e que hoxe constitúe a síntese moderna da teoría evolutiva, só sería aceptada, trala súa morte, durante a década dos anos 1930. A síntese moderna da súa teoría evolutiva constitúe actualmente a teoría unificadora das ciencias naturais e explica a diversidade de vida existente actualmente.
Índice |
[editar] Información xeral
Darwin abortou as súas aspiracións na medicina para adicarse ó estudo dos invertebrados mariños estando na Universidade de Edimburgo e afianzou esa paixón polas ciencias naturais na Universidade de Cambridge. A viaxe de Darwin no HSM Beagle consolidouno coma un eminente xeólogo que foi quen de achegar probas ás ideas uniformistas de Charles Lyell e, así mesmo, tornouse coñecido coas publicacións das memorias da viaxe. Sorprendido pola distribución xeográfica das especies salvaxes e dos fósiles que atopou no decorrer da súa viaxe, adicouse ó estudo da transmutación das especies chegando a concibir a súa teoría da selección natural no ano 1838. Malia que debateu as súas ideas con varios naturalistas, o seu traballo de xeólogo tívoo ocupado facendo que adiase o intenso traballo de estudo que esas as probas recollidas durante a viaxe precisaban. De feito rematou escribindo as súas teorías sobre o asunto cando no 1858 Alfred Russel Wallace lle enviou un artigo describindo exactamente a mesma idea ca el tiña en canto á evolución por selección natural. Os contactos entre ambos derivaron na publicación conxuntamente da teoría da evolución das especies por selección natural.
Na súa obra do 1859 A orixe das especies (On the Origin of the species) establece a descendencia evolutiva con modificacións coma a explicación científica principal na explicación da diversificación da vida. Ocupouse da evolución humana e da selección sexual en The descendent of Man (O descendente do home) e Selection in Relation to Sex (Da selección en base ó sexo) así coma en The Expression of the Emotions in Man and Animals (Sobre da expresión das emocións no home e nos animais). A súa investigación sobre de plantas publicouse en varios volumes e o seu derradeiro libro escrito é un estudo das lombrigas e o seu efecto no solo.
A magnitude da obra de Charles Darwin fixo que fose unha das cinco persoas do século XIX non pertencentes á casa real inglesa que foi soterrado con honras de funeral de estado. Xace enterrado en Westminister Abbey, ó lado de John Herschel e Isaac Newton.
[editar] Vida de Darwin
[editar] Infancia e educación
Charles Robert Darwin naceu en Shrewsbury en Shropshie, Inglaterra, o 12 de xaneiro de 1809 no domicilio familiar, the Mount. Foi o quinto dos seis fillos do adiñeirado doutor e financeiro Robert Darwin e Susannah Darwin (apelido de solteira, Wedgwood). Era neto de Erasmus Darwin, por vía paterna, e Josiha Wedgwood, por vía materna. Ámbalas dúas familias eran Unitarias, aínda que os Wedgwood adoptaron o anglicismo. Robert Darwin, a pesar de ser un librepensador, bautizou ó seu fillo polo rito da igrexa anglicana, malia que os seus irmáns e máis el asistiran logo ós oficios relixiosos nas capelas Unitarias, ás cales adoitaban asistir a canda a súa nai. Ós oito anos de idade, cando comezou en 1817 á asistir á escola de día impartida polo seu pastor, Charles xa mostraba o seu gusto pola historia natural e o coleccionismo. Ese mes de xullo a súa nai morreu. Dende setembro do 1818 asistiu xunto co seu irmán maior Erasmus a un internado anglicano próximo, Shrewsbury.
Darwin pasou o verán do 1825 como aprendiz de doutor axudando ó seu pai tratando os pobres de Shropshire, antes de que se unira a Erasmus para comezar os estudos na Universidade de Edimburgo no outubro do 1825. Darwin atopaba as clases maxistrais aburridas e a cirurxía arrepiante así que decide abandonar os seus estudos de medicina. Aprendería taxidermia da man de John Edmonstone, un escravo negro ó que se lle concedera a liberdade e que acompañara ó naturalista Charles Waterton nas súas viaxes polo Sur da América selvática.
No segundo ano Darwin uniuse á Plinian Society, que era un grupo de estudantes de historia natural que debatía acerca do materialismo radical. Axudou a Robert Edmun Grant nas súas investigacións acerca da anatomía e ciclo de vida de invertebrados na ría de Forth e en marzo de 1827 presentou na Plinian Society as súas propias descubertas, que consistían en que as esporas negras das cunchas de ostra son os ovos dunha samesuga. Nun momento determinado Grant gabou as ideas evolutivas de Lamarck e sorprendeuse, aínda que lera había pouco ideas similares do seu propio avó, Erasmus Darwin, pero permaneceu indiferente ante elas. Darwin, nesa época, aprendeu tamén a metodoloxía da clasificación das plantas e colaborou no traballo das coleccións do Museo Universitario, que era dos máis grandes de Europa nese momento.
O rexeitamento dos estudos en medicina anoxaron a seu pai que acabou por decidir envialo ó Christ's College, Cambridge, para que cursara o bacharelato de artes, un paso previo para converterse en pastor anglicano. Darwin comezou alí en xaneiro do 1828 pero preferiu adicarse alí a montar a cabalo e practicar o tiro. O seu curmán Fox afeccionouno á popular cultura da recolección de escaravellos e que Darwin había, de alí en diante, practicar con fervor. Mesmo algunha das descubertas de Darwin remata nas Illustrations of British Entomology de Stevens (un tratado de entomoloxía das illas británicas). Así mesmo, fíxose amigo intimo de John Stevens Henslow e coñeceu a outros naturalistas que entendían o traballo científico coma teoloxía natural. Para estes últimos, titores universitarios, sería "o home que vai a tras de Henslow". Mais, cos exames cerca, Darwin preparouse, interesándose especialmente pola linguaxe e lóxica de William Pasley sobre das "Evidenvias da Cristiandade", conseguindo colocarse nos exames do 1831 coma o décimo de entre 178.
Darwin tivo que permanecer en Cambridge ata xuño. Nese momento estuda a "Natural Theology" de Pasley na que se fai un argumento explicando a intervención divina no deseño natural e na que se explica a adaptación coma Deus actuando mediante as leis da natureza. Leu o novo libro de John Herschel, no que se describe a intención da filosofía natural como o coñecemento adquirido do razoamento dedutivo baseado na observación, e a "Personal Narrative" de Alexander von Humboldt na que se narran as súas viaxes científicas. O "fervor colaborador" de Darwin fixo que nese momento se propuxera unha viaxe a Tenerife con algúns compañeiros de estudos coa fin de estudar historia natural dos trópicos. Como preparación da viaxe apuntouse as clases de xeoloxía de Adam Sedgwick durante as cales se estratigrafiaba en Gales durante o verán enteiro. Cando retornou atopouse cunha carta de Henslow informándoo de que o propuxera como candidato naturalista idóneo, aínda que "sen rematar de formar", para un posto, non pagado, co capitán Robert FrtizRoy no barco HMS Beagle, en calidade máis de acompañante ca de mero operario. O barco partía de porto en catro semanas a unha expedición pola costa de Suramérica. O seu pai puxo obxección á viaxe de dous anos, pois considerábaa unha perda de tempo. Finalmente o seu cuñado Josiah Wedgwood fixo que o pai de Darwin reconsiderara positivamente a participación na viaxe.
[editar] A viaxe no Beagle
A viaxe que realiza o Beagle durou cinco anos. Tal e como FritzRoy pensara, Charles Darwin pasou a meirande parte do tempo en terra investigando na xeoloxía dos lugares que visitaban e recollendo material para coleccións de historia natural mentres que o barco se adicaba á exploración e cartografado das costas. Darwin anotaba coidadosamente as observacións que ía realizando e así como especulacións teóricas e periodicamente enviaba os espécimes recollidos a Cambridge acompañados de cartas que incluían copias desas notas súas, que eran entregadas á súa familia. Darwin chegara a dominar a xeoloxía e adquirira destreza na recollida e tratamento entomolóxico de escaravellos e na disección de invertebrados mariños, mais noutras áreas non deixaba de ser un novato que intelixentemente recollía espécime para que expertos na materia so examinaran. Inda que sufría forte e frecuentemente os trastornos propios da navegación a meirande parte das súas notas de zooloxía eran sobre de invertebrados mariños, incluíndo mostras de plancto que recollía en momentos de mar calmo.
Na primeira parada en Santiago, Cabo Verde Darwin atopouse con que unha banda branca a elevada altitude nos acantilados de rochas volcánicas era un estrato formado por cunchas mariñas. FritzRoy déralle a Darwin o primeiro volume dos Principios de Xeoloxía de Charles Lyell nos que se establecían os principios do uniformismo nos que falan de levantamentos e inmersións de terras ó longo de inmensos períodos de tempo así que Darwin comezou a ver as cousas na maneira en que Lyell as entendera e teorizar e pensar en escribir un libro sobre de xeoloxía. En Brasil Darwin fascinouse pola selva e escandalizouse por ver a escravitude.
Os achados de Darwin Punta Alta na Patagonia sobre fósiles de grandes mamíferos extintos en cantís ó lado de modernas cunchas constitúen un fito importante pois indican unha extinción recente sen signos de cambio no clima ou catástrofe. Localizou o pouco coñecido Megatherium, que presentaba unha coiraza ósea e que de primeiras facía pensar nel coma nunha versión xigante da coiraza dos armadillos locais. Estas descubertas tiveron un enorme interese cando se fixeron coñecidas en Inglaterra. Acompañando os gauchos polo interior adicouse á exploración xeolóxica e recolleu máis fósiles que lle aportaron unha mellor perspectiva social, política e antropolóxica da xente colonial e nativa neses tempos de revolución. Nesas viaxes ó interior tamén observou que dous tipos de Rhea, tiñan territorios separados pero solapantes. Mais o sur comprobou a existencia de chairas en chanzos de cantos e cunchas mariñas e identificounas como praias emerxidas que sufriron varias elevacións. Leu o segundo volume da obra de Lyell e chegou a aceptar a súa visión dos "centros de creación" das especies, porén as súas descubertas teorizacións facían que se opuxera á idea da suave continuidade e extinción das especies.
Tres indíxenas de Tierra de Fuego que embarcaran durante a primeira viaxe do Beagle pasaron un ano en Inglaterra e logo foron levados de novo á Tierra de Fuego como misioneiros. Darwin vía neles xentes amigable e civilizada mais os seus parentes só os vían como "miserables e salvaxes degradados", coma unha forma máis de animal doméstico. Para Darwin as diferenzas non eran máis que as propias dos diferentes avances culturais e non unha inferioridade racial. En contra do que moitos dos seus amigos científicos opinaban non había xa un insalvable salto entre os humanos e os animais. Tras un ano de misión eses nativos xa abandonara a idea da misión e vivía casados coma outros nativos máis sen desexo ningún por volver Inglaterra.
Darwin viviu un tremor de terra estando en Chile e obtivo evidencias de que a terra se levantara. Na cima dos Andes identificou cunchas mariñas e outros fósiles de árbores que medran á beira da area do mar. Isto condúceo a propoñer que segundo a terra se erguía, as illas oceánicas sea afunden e os arrecifes de corais medran rodeándoas formando atolóns.
Nas Illas Galápagos, de orixe xeolóxica recente, Darwin procurou probas relacionando a vida salvaxe a un "centro de creación" ancestral e atopouse con que os paxaros mimedes, Mimidae, estaban emparentados cos que vira en Chile mais variaban de illa en illa. Igualmente, puido oír falar de que a forma das coirazas das tartarugas permitía dicir que illa eran; mais nunca puido comprobar isto xa que non deu recollido as coirazas mesmo cando eran prato habitual a bordo do barco. En Australia, a rata canguro, Potoroidae, e o ornitorrinco resultáronlle tan estraños que Darwin chegou a pensar que foran obra de dous Creadores diferentes. Tamén en Australia puido comprobar o "bo humor e a amabilidade" dos aborixes australianos e describir a súa retirada dos territorios forzados polos asentamentos europeos.
O Beagle investigou a formación do atoles das Illas Cocos revelando información importante para contrastar as hipóteses de Darwin ó respecto. FritzRoy comezou nese momento a escribir as "Narrativas" oficiais da viaxes do Beagle e, tras lelas, propuxo que o diario de Darwin fora incorporado nese rexistro. O diario de Darwin sería posteriormente rescrito coma un terceiro volume por separado adicado soamente á historia natural.
En Cidade do Cabo Darwin e FritzRoy coñecerían a John Herschel, que lle escribira recentemente a Lyell loando o seu uniformismo e abrindo amplas especulacións acerca do "misterio dos misterios, a substitución dunhas especies por outras" pois era "unha contradición natural ó proceso milagreiro" (en alusión á creación). Ó organizar as súas notas Darwin, cando xa o barco se dirixía cara o seu país, escribiu que se as súas pescudas acerca dos Mimidae, as tartarugas e os raposos das Illas Malvinas eran correctas daquela "eses feitos atentan contra idea de que as especies son algo estable",inda que rematou por moi sutilmente cambiar esa frase escribindo "poderían atentar". Posteriormente escribiría que tales feitos lle "parecían mostrar luz acerca da orixe das especies".
[editar] Concepción da Teoría Evolutiva
Cando o Beagle volve a porto o 2 de Outubro de 1836 Darwin xa era unha celebridade nos círculos científicos pois un ano antes, en Decembro de 1835 Henslow encargarase de gabar ó seu pupilo entre o gremio repartindo panfletos coas súas cartas xeolóxicas. Ó retornar á súa Inglaterra natal Darwin visita primeiro a familiares na súa casa de Shrewsbury e logo apresúrase a ir a Cambridge para ver a Henslow, quen lle recomendara buscar naturalistas que aceptaran trata-los espécimes botánicos que fora recollendo durante a viaxe. Como o pai de Darwin xa lle tiña preparados fondos para que se puidera manter exclusivamente adicado á misión científica, Darwin acode as institucións de Londres para obter recoñecemento e na procura de expertos que describan as súas coleccións. Os zoólogos naquela hora tiñan morea de traballo no campo descritivo así que os espécimes da súa colección corrían un serio perigo de acabar sendo gardados sen describir.
Charles Lyell ansiosamente recibirá a Darwin e coñecerao por primeira vez o 29 de Outubro dese ano. Lyell preséntalle ó biólogo, anatomista e paleontólogo Richard Owen, quen dispuña de espazo no Real Colexio de Cirurxiáns británico onde había o material do necesario para o estudo dos fósiles que Darwin recollera. Os resultados dos traballos de Owen inclúen un preguiceiros extinto xigante, un esqueleto case completo de Scelidotherium, o Toxodon que era similar a un roedor e do tamaño dun hipopótamo e similar a unha capibara. Os fragmentos de coiraza pertencían ó Glyptodon, un armadillo xigante, tal e como Darwin pensara inicialmente. Estas especies extintas eran todas semellantes a especies vivas de América do Sur.
A mediados de Decembro Darwin alóxase en Cambridge para organizar o traballo das súas coleccións e reescribir o seu Xornal. Daquela escribe o seu primeiro informe científico no que describe a lenta elevación das masas sudamericanas e leo ante a Sociedade Xeolóxica de Londres o 4 de Xaneiro de 1837 co entusiasta apoio de Lyell. Ese mesmo día presenta os seus espécimes de mamíferos e paxaros na Sociedade Zoolóxica. O ornitólogo John Gould axiña anunciaría que os paxaros das Illas Galápagos que Darwin relacionara con outros xéneros, son en realidade doce especies de frinxilifos, pinzóns. O 17 de febreiro Darwin foi elixido para o Consello da Sociedade Xeolóxica e nesa mesma data a presentación presidencial de Lyell informa das descubertas de Owen relativos ós fósiles de Darwin, facendo fincapé na continuidade xeográfica das especies, como proba das súas ideas uniformistas.
A primeiros de Marzo Darwin trasládase a Londres para estar preto do seu traballo e únese ó círculo social de científicos e expertos de Lyell, como Charles Babbage, quen chegou a describir a Deus coma un programador de leis. As cartas de John Herschel relativas ó "misterio dos misterios", a orixe das especies, foron amplamente discutidas buscando explicacións nas leis científicas e non en milagres. Darwin permaneceu co seu irmán librepensador Erasmus, quen pertencía ós círculos do Partido Británico Whig e amigo persoal de Harriet Marineau,defensora do maltusianismo que sostiña a controvertida idea das reformas das leis dos pobres británica que pretendía parar que o benestar causara máis superpoboación e máis pobreza. Harriet Martineau, como unitaria aceptaba as implicacións radicais da transmutación das especies que Edmond Grant e a escola de cirurxiáns influenciados por Geoffroy mais que os anglicanos defensores da orde social desbotaban.
Na súa primeira xuntanza para discutir as súas descubertas, Gould fálalle a Darwin de que os mímidae das diferentes illas eran especies separadas, non simplemente variedades, e que o grupo de pinzós incluía ós carrizos. Darwin, quen non recollera información dos pinzóns por illa, busca localizalos a partir de notas de outros no Beagle, incluíndo as de FritRoy. Efectivamente, as dúas rheas eran especies separadas e así, o 14 de Marzo Darwin anuncia que a súa distribución cambiou avanzando cara ó sur.
A mediados de marzo, Darwin especula no seu "libro de notas vermello" acerca da posibilidade de que "unha especies se transforme noutra" como posible explicación da distribución das especies vivas e das extintas. As súas divagacións sobre do tempo de vida e a reprodución asexual e sexual conforman un libro de notas "B" no que a mediados de Xullo anota que as variación na descendencia "para se adaptar e alterar a raza fronte a un mundo cambiante" explican os casos das tartarugas das Galápagos, os mímidae e as rheas. Nese momento representa a descendencia coma unha árbore ramificada, logo as ramificacións xenealóxicas dun único árbore evolutivo e escribe que "é absurdo falar de que un animal sexa superior a outro", clara referencia descartando as ideas lamarquianas de liñazas mutando a formas superiores.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
- Obras completas de Charles Darwin Online (en inglés)
- Obras no Dominio Público (en portugués)
- Obras no Proxecto Gutenberg
- Obras en Cervantes Virtual (en castelán)
- The Darwin Correspondence Online Database (en inglés)
- Charles Darwin
- Obras de Charles Darwin (en inglés)