Inca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Imperio Inca")
Imperio Inca
Mapa do Imperio Inca
O Imperio Inca no momento da súa máxima expansión
Lema do imperio : Ama suwa, ama chulla, ama qilla
(Non sexas ladrón, non sexas mentireiro, non sexas folgazán)
Lingua oficial Quechua
Capital Cusco
Soberanos 12 (dinastías Urin Cusco e Hanan Cusco)
Superficie 2.000.000 km²
Poboación arredor de 15 millóns
Establecemento 1250
Disolución 1548

O Imperio Inca foi o berce da civilización inca, unha das tres grandes civilizacións de América, que apareceu no século XIII e foi disolto no século XVI.

Unificou diversas culturas da América do Sur preinca e con elas constituíu o imperio máis extenso do continente americano. A súa historia e cosmovisión, unificadoras de todos os pobos do mundo coñecido, permitiu facer un certo paralelo entre o Imperio Inca e o Imperio Romano pola súa traxectoria cultural e a súa pluralidade.

O seu centro foi o que agora se coñece como a República do Perú e a súa capital o Cusco, o embigo do mundo. O idioma oficial no Imperio Incaico era o quechua ou runasimi, a lingua dos homes. Sábese, ademais, que entre a nobreza falábase o puquiña como lingua secreta, chamada incasimi por ser o idioma orixinario desta etnia. Máis tarde foi considerada como a lingua dos deuses pola crenza de que a familia real descendía directamente deles.

Territorio, expansión e conquistas[editar | editar a fonte]

O Imperio Incaico abranguía, no seu período de apoxeo (para 1532), unha parte significativa das actuais repúblicas de Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia, Chile e Arxentina, con case 9.000 quilómetros de costa sobre o Océano Pacífico e un territorio de máis de 2 millóns de km². Atribúese a máxima expansión aos grandes conquistadores Incas Pachacútec e Túpac Yupanqui.

Para o norte, o Imperio Incaico estendíase ata o río Ancasmaio, ao norte da actual cidade de Pasto (Colombia).

Para o nordeste, estendíase ata a selva amazónica das actuais repúblicas de Perú e Bolivia, chegando a ser moi pouco nítidos os seus límites con esta debido ás esporádicas expedicións de exploración da selva por parte dos habitantes do Imperio.

Para o sueste, o Imperio Incaico chegou a cruzar a cordilleira dos Andes (o que en xeopolítica moderna se coñece como "encabalgarse") chegando un tanto máis aló do que agora son as cidades de Salta e Tucumán na actual Arxentina. O territorio inca da República Arxentina abranguía as actuais provincias de Mendoza, San Juan, San Luis, Córdoba, La Rioja, Catamarca, Tucumán, Santiago del Estero, Salta e Jujui.

Para o sur, existen probas de que o Imperio Incaico chegou a abranguer ata o río Biobío (actual rexión VIII de Chile), e aínda máis aló, onde debido ao frío imperante decidiron non avanzar máis, deixando ese territorio para os araucanos, orixinarios desas terras, a quen os Incas desprazaran desde a súa posición orixinal no que agora é a cidade de Santiago de Chile.

Para o oeste, se ben o Imperio Incaico limitaba co Océano Pacífico, hai quen argumenta que os Incas chegaron a manter, a pesar das limitacións navais da época, certa relación comercial con algún pobo da afastada Polinesia (Oceanía), aínda que actualmente descoñecese cal pobo sería este. Unha das persoas que defendeu esta teoría foi o defunto explorador difusionista noruegués Thor Heyerdahl)

Organización territorial[editar | editar a fonte]

Expansión do imperio Inca.

O imperio consistiu en catro grandes rexións (suyos), que formaban no seu conxunto o Tahuantinsuio. Cada suyo estaba a cargo dun suyuyuq, que formaban parte do Concello Imperial.

O grupo Hanan (Alto), composto polos suyos:

O grupo Urin (Baixo), composto polos os suyos:

Cada suyo subdividíase en provincias (huamanis) correspondentes á área de cada grupo étnico. Estes, á súa vez, se subdividían en sayas. Cada saya incluía un número determinado de familias (ayllus).

Política[editar | editar a fonte]

O tipo de goberno era monárquico teocrático, no que o emperador recibía o título de Sapa Inca. O criterio de formación do Imperio Inca estaba baseado na territorialidade, o mesmo que posteriormente formou parte da base xurídica do Imperio Español que, en resumidas contas, era unificar as catro grandes partes do mundo coñecido (que é a etimoloxía de Tahuantinsuio, nome da unidade política, equivalente ao Imperio europeo) no embigo do mundo (que é a etimoloxía de Cusco, a capital).

Emperador (Inca)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Emperadores incas.

A estes gobernantes, aos que se lles atribuía unha orixe divina, acostuma asociarlles os títulos de Apu (Apu Inca) e Sapa (Sapa Inca): Divino Inca e Único Inca, respectivamente.

A capaccuna era a lista oficial de gobernantes da civilización Inca. Especulase que existiron máis gobernantes dos que esta acepta e que varios foron borrados da historia oficial do Imperio por distintos motivos, aínda que é improbábel. En total, foron 12 os emperadores Incas.

Contrario ao que se coida, Atahualpa (que gobernou de facto o Imperio Inca entre 1532 e 1533) non forma parte da capaccuna, xa que, a diferencia dos demais emperadores, nunca chegou a cinguir a mascaipacha (coroa imperial), único símbolo de poder imperial no Tahuantinsuio, outorgado polas panacas reais do Cusco. Por tanto, é impropio chamarlle "Sapa Inca" a Atahualpa, como algunhas veces se titula.

Consello Imperial[editar | editar a fonte]

Máximo organismo dedicado á asesoría do Inca. Integrado por oito persoas:

Cultura[editar | editar a fonte]

Poden salientarse unhas características da súa civilización:

Filosofía comunitaria[editar | editar a fonte]

Unha parte das terras cultivadas eran dedicadas ao estado, ao Inca e ás persoas que non podían traballar como os vellos ou minusválidos. Había abundancia de produtos agrícolas como para alimentar cumpridamente todo o Imperio Incaico.

Sociedade[editar | editar a fonte]

As Panacas[editar | editar a fonte]

As panacas eran descendentes directos dun Inca reinante, excluíndo o sucesor e conservaban a momia do Inca falecido ao igual que as súas memorias, facendo uso de quipus, cantares e pinturas de xeración en xeración.

Hurin Cuzco
Panaca Inca
Chima panaca Manco Cápac
Raura panaca Sinchi Rocha
Awayni panaca Lloque Yupanqui
Uscamayta panaca Mayta Cápac
Apu Mayta Cápac panaca Cápac Yupanqui

Estas panacas reais, formaban, xunto cos ayllus, a elite cuzqueña. Tiveron un rol na política do incanato, sendo as súas alianzas e inimizades cruciais para a historia da capital inca. Dise que houbo outras panacas, as cales tiveron un papel importante en épocas anteriores. Unha nota curiosa sobre das panacas, é que se se lle engaden as panacas tradicionais, obtense un total de 8 panacas por cada dinastía, o cal é un número frecuente na organización andina dos ayllus por ser un múltiplo da dualidade e da cuadriplicación.

Hanan Cuzco
Panaca Inca
Wikak'iraw panaca Inca Rocha
Awkaylli panaca Yahuar Huaca
Suqsu panaca Wiracocha
Hatun ayllu Pachacútec Inca Yupanqui
Cápac ayllu Túpac Yupanqui
Tumipanpa panaca Huayna Cápac

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia do Imperio Inca.

Orixe[editar | editar a fonte]

Mito de Manco Cápac e Mama Ocllo[editar | editar a fonte]

Segundo o Inca Garcilaso da Vega, o mito conta que Manco Cápac e Mama Ocllo saíron do lago Titicaca como unha parella divina e foron ao norte no afán de encontrar o vale "escollido". Ao chegar ao cerro Wanakawri (ou Huanacaure), cerca do que sería un día Cusco. A vara máxica que posuía o primeiro Inca fundiuse no chan. Era o sinal agardado, alí fundarían o Estado. Con esta parella de heroes civilizadores chegaron a orde, a cultura e mailas artes, e era o mesmo Sol o que infundía calor e poder aos seus fillos.

Considerase que este mito puido ser alterado por Garcilaso para ser amosado aos europeos.

Mito dos Irmáns Ayar[editar | editar a fonte]

Cóntase que os irmáns Ayar saíron da cova Pacaritambo(Pousada da Produción, Pousada do Amencer ou Casa do Agachamento), no cerro Tambotoco. Este cerro posuía tres ventás:

  • Maras Toco do que proviña o grupo dos maras, os cales foron unha xeración sen pais (pico).
  • Sutic Toco da que procede o grupo de tampus
  • Capac Toco da que saíron 4 irmáns: Ayar Uchu, AyarAuca, Ayar Cachi e Ayar Manco.

Estes catro irmáns estaban acompañados por catro irmás: Mama Ocllo, Mama Huaco, Mama Raua e Mama Ipacura. As catro parellas buscaron polos Andes un lugar propicio para se establecer.

Debido a temores de que Ayar Cachi tiña poderes máxicos (derrubar cerros ca súa fonda ou crear quebradas) os tres irmáns desfixéronse deste convencéndoo que regresase ao Pacaritambo para que trouxera algunhas cousas que lle esqueceran. Unha vez dentro da cova, a entrada foi bloqueada.

Logo de anos de busca, os irmáns chegaron a Quirirmanta en onde celebraron un concello ao pe dun cerro. No concello decidiron que Ayar Uchu ficaría no lugar transformado nunha huaca, que recibiría o nome de Huanacauri. Esta transformación era un xeito de perpetuar a divindade ou sacralizar a unha personaxe, mais deste xeito, transformado en huaca, non podía comunicarse cos outros irmáns seus.

Ao chegar ao pobo de Matagua, Ayar Manco lanzou dúas varas de ouro para o norte, unha caeu en Colcabamba, mais debido á dureza da terra, a vara non se cravou no chan. A outra vara chegou a Guayanaypata. Foi neste lugar onde atoparon resistencia por parte dos seus poboadores, polo que tiveron que tornar a Matagua. Xa en Matagua, Ayar Manco ordenou a Ayar Auca poboar o lugar indicado pola vara. Auca voou para dito lugar, cumprindo a orde do seu irmán. Ao pisar o chan, Ayar Auca converteuse en pedra. Segundo as crenzas andinas, as guancas ou pedras eran indicadores de posesión.

Deste xeito Ayas Auca convértese no primeiro poboador do lugar tan desexado. Ayar Manco pasou a se chamar Manco Cápac

Os Chancas[editar | editar a fonte]

Situada entre os ríos Pampas e Pachachacas foi unha das culturas que se impuxo, aínda que non por moito tempo, ao poderío Inca. Lamentabelmente non hai unha data exacta sobre as batallas.

Sen embargo, a máis importante foi documentada por Juan de Betanzos, quen casou coa Ñusta Añas Colque (princesa Inca). Betanzos recolleu cantares da familia da Ñusta. Dise que os Chancas dividironse en 3 grandes bandos, un deles dirixiuse ao Contisuio, liderado por Malma e Irapa. O segundo exército dirixiuse ao Antisuio, guiados por Yá Vilca e Toquelo Vilca. O terceiro bando dirixiuse directamente para o Cusco, conducido por Tumai Waraca e Astu Huaraca. Cando os Chancas chegaron a Vilcacunga, enviaron mensaxeiros ao Cusco facendo saber as súas intencións para cos Incas, ao saber isto, o Inca Viracocha fuxiu para o forte de Caquia Yaquiyaguanta, levando consigo aos seus fillos Urco e Socso.

No Cusco ficou Cusi Yupanqui (antigo nome de Pachacútec), quen era un suposto fillo de Viracocha. Yupanqui quedou cos seus xenerais e serventes. Pachacútec enviou a 3 emisarios a pedir axuda aos curacas veciños, os cales negaron axuda debido aos temores para os Chancas. A pesar da negativa doutras curacas, a de Chañan Cury Coca axudou a Yupanqui. Xuntos crearon un foxo cuberto de ramas e terra arredor da cidade. Á madrugada seguinte, os Chancas descenderon do cerro Carmenca de súpeto, caendo pouco a pouco na trapa.

Segundo o mito, nun intre crucial da batalla, os purucaucas pasaron de ser simples pedras a feros soldados responsábeis da vitoria dos Incas. A fama foi tal que algunhas curacas xa se rendían só polo temor de ter que se enfrontar a tal inimigo.

Logo da vitoria, Yupanqui perseguiu os seus inimigos para se apoderar do seu estandarte. Os Chancas recuaron ata Ichopampa. Os curacas veciños ao Cusco ficaran no cumio dos cerros próximos á espera do resultado. Ao ver que o exército de Yupanqui iniciaba a persecución, estas curacas uníronse ás forzas vitoriosas. A segunda batalla tivo lugar en Ichopampa, onde os dous xefes Chancas foron asasinados, co que o exército Inca, xunto coas outras curacas veciñas unidas a estes desexosos de vitoria, apoderouse dun valioso motín, e consecuentemente abrindo o paso a un importante desenvolvemento do Imperio Incaico.

Datas importantes[editar | editar a fonte]

  • 1438. Cusco é posta en perigo pola invasión dos chancas, pobos da serra central peruana. O inca en funcións (Huiracocha) renuncia, mais o seu fillo Pachacútec toma o seu lugar e vence en batalla. É o último gran perigo na historia do Imperio Inca.
  • 1463. Absorción do Reino Chimú a mans dos incas. O ámbito andino completo é unificado baixo tutela incaica.
  • 1548. Terminan as guerras civís entre españois, e comeza a hexemonía española propiamente dita. Os últimos focos de resistencia incaica serán suprimidos nos anos seguintes (para 1572).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]