Xugo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O xugo é un apeiro agrícola que permite xunguir un ou, normalmente, dous animais de tiro a un carro ou outro instrumento que deba ser movido, coma o arado. Tradicionalmente están feitos de madeira de carballo, cerdeira, freixo ou otras madeiras resistentes abondo.
En Galiza utilízase para xunguir bois ou vacas, animais utilizados para o traballo do campo ata a aparición do tractor ou do camión. Noutras zonas emprégase tamén para xunguir bestas. A parella xunguida denomínase xunta ou xugada.
Índice |
[editar] Orixe do nome
O vocábulo galego xugo procede directamente do latín iugum, que a súa vez xorde da raíz indoeuropea *yak'om, de *yug-[1] ou *yeug- [2], "unir". Os seus derivados atópanse en todas as linguas fillas, como no sánscrito yugá, grego zygon, antigo alto alemán juch e anglosaxón geoc (alemán actual Joch, inglés actual yoke), antigo eslavo eclesiástico igo, armenio luc, hitita yugam, galés iau, etc. [3]. Algúns cognados en galego son: xugular, subxugar, cigoto, axustar, xustapor, xustapoñer, xunta, xuntar, xunto, axuntar, arrexuntar, ceugma ou ioga. O feito de que se atope tanto nas linguas indoeuropeas occidentais como nas orientais mostra que se trata dun termo común e moi antigo, un verdadeiro fósil, que indicaría que era un instrumento coñecido polos pobos indoeuropeos antes da súa dispersión.
[editar] Estrutura
O xugo común, de dúas vacas, componse dun pau horizontal máis ou menos recto, ás veces con dous arcos na cara inferior para adaptarse mellor ós pescozos dos animais, e mais os elementos de suxección destes, que poden ser dous pares de cangallas (paus rectos que atravesan o xugo), un par de cancís (paus en forma de U nos que se mete a cabeza do animal) ou un conxunto de correas, corneiras, coas que se atan os seus cornos ó xugo. A estes elementos básicos engádense outros auxiliares que se describen a seguir.
No centro do xugo vai un estrobo, loro, timoeiro ou sobeo, que serve para enganchar o xugo á cabezalla do carro ou ó timón do arado. Para asegurar esta suxección, o xugo vai tallado por riba cuns entrantes (mosas) e saíntes (castelos, castelares, camallóns) para atar mellor o estrobo [4], e por baixo cun rebaixe no que se adapta a cabezalla. Este estrobo pode estar feito de coiro ou dunha corre de carballo retorta. En calquera caso, para que non se deslice ó longo da cabezalla, inclúese na atadura a chavella, peza de madeira que atravesa verticalmente o extremo anterior da cabezalla [5].
É habitual que o xugo vaia decorado con tallas diversas ou figuras feitas con cravos, sobre todo na parte central e frontal. Esta decoración pode ser simplemente estética pero ás veces serve para identificar o propietario ou como signo protector contra o meigallo (mediante o tallado de cruces ou estrelas).
[editar] Tipoloxía dos xugos en Galiza
Segundo o seu emprego podemos falar de tres tipos de xugo:
- Xugo de sachar: máis longo có normal (ó redor de 1,5 m), para deixar entre os dois animais que puxan del un maior espazo e que non pisen o millo, as patacas, etc.
- Xugo do carro: xugo de dimensións normais (ó redor de 1 m) que deixan un espazo menor xa que só precisan dar cabida á cabezalla.
- Xugo dunha soa vaca: para xunguir un único animal. É utilizado para traballos lixeiros.
Existen tamén outros tipos de xugo, moi pouco comúns, como o xugo dobre ó que se xunguen dous animais a un lado e un só ó outro; este xugo utilízase para domear un novo animal a ser xunguido, afacéndoo ó traballo ó colocalo entre dous animais xa acostumados. Outro tipo de xugo sería o xugo mixto, utilizado cando hai que xunguir nun mesmo tiro un bovino e unha besta.
Segundo a estrutura do xugo existen tres grandes tipos, denominados xugo de canga, xugo de cancís e xugo de molida [6]. A descrición que segue corresponde ás formas típicas, pero poden atoparse numerosas variedades nos elementos que o conforman.
[editar] Xugo de canga
O xugo de canga denomínase así polas dúas varas laterais (cangas ou cangallas [7] que atravesan o xugo e pasan a cada lado do pescozo do animal. O simple nome canga substitúe, nalgunhas comarcas, á palabra xugo. Neste tipo de xugo, como no seguinte, os animais fan tracción co pescozo e a cruz, de onde lle vén o nome de xugo xugular.
As cangas son, normalmente, rectas pero tamén hai modelos que as presentan lixeiramente curvadas para abrazar mellor o pescozo. O extremo inferior presenta unhas escotaduras, apeaceiras, nas que se ata unha correa de coiro ou corda coa que se pecha o espazo aberto (as piogas ou apeares [8]. Habitualmente, os extremos superiores das cangallas interiores están unidos por unha cadea, arame ou corda, a trenla, ladrizo ou piogón, que axuda a manter vertical o aparello ó engancharse na chavella.
[editar] Xugo de cancís
Neste tipo, as cangallas son substituídas por cadanseu pau curvado en forma de U, extraíble, e no que se mete o pescozo do animal; hainos tamén de ferro. O cancil suxéitase ó xugo cunha caravilla por riba deste, a espicha ou bío. Como no tipo anterior, a tracción exércese co pescozo.
[editar] Xugo de molida
O xugo de molida está deseñado para que o animal efectúe a tracción coa testa ou fronte, para o cal posúe uns saíntes nos extremos que se atan ós cornos mediante unha corda ou correa, as cornás ou corneiras. De aí a designación alternativa de xugo cornal. Este xugo caracterízase por levar unha especie de almofada entre o xugo e a caluga do bovino, chamada molida ou molido, feita de pel e e con la ou pelo no interior. A molida ten como función evitar o roce do xugo coa pel do animal.
Outras pezas accesorias deste tipo de xugo son as cubertas ou cuberteiras, feitas de pel e que cubren e protexen as corneiras do sol e da chuvia. Adoitan rematar nun flocos, milfeiras, que, ó se mover segundo camiña o animal, espantan as moscas.
Nalgunhas zonas, este tipo de xugo únese á cabezalla mediante un aro de madeira que pende do centro do xugo, polo que pasa a cabezalla. A este aro chámanlle arcoxo.
[editar] Galería de imaxes
[editar] Distribución dos tipos de xugos na Galiza
Xaquín Lorenzo e, posteriormente, Manuel González estudiaron a distribución dos diferentes tipos de xugo en Galiza. O xugo de canga ocupa boa parte da Galiza occidental: norte e occidente de Lugo, toda a provincia da Coruña e mais o norte da de Pontevedra. Xaquín Lorenzo considerou que este era o tipo de xugo indíxena, polo que o denominou xugo galego.
O xugo de cancís ocupa un territorio menor que, en forma de cuña, esténdese desde a metade sur da provincia de Pontevedra e a zona noroccidental da de Ourense ata o norte da de Lugo, cubrindo a parte central desta. A área de distribución esténdese por Portugal, e Xaquín Lorenzo considerou que era orixinario deste país, dándolle o nome de xugo portugués.
O xugo de molida aparece a oriente dunha liña que desde o sur do concello de Ribadeo baixa verticalmente ata cerca da provincia de Ourense para abrirse seguindo, máis ou menos, o curso do Miño, quedando a maior parte de Ourense dentro da área de distribución. Esta continúase cara Castela, polo que Xaquín Lorenzo lle deu o nome de xugo castelán.
Evidentemente, as zonas de confluencia destas tres áreas solápanse e poden coexistir xugos dos tipos das áreas lindantes. Dun xeito xeral, pódese dicer que na Galiza máis montañosa predominaba o xugo de molida ou cornal, xa que os animais fan máis forza coa cabeza. Consecuentemente, a Galiza exterior usa tamén xugos de molida, que achamos na Asturias de fala galega, nos Ancares leoneses, no Bierzo e A Cabreira e en Sanabria.
As razóns de tal partición son históricas. O xugo de cangas é máis antigo. O xugo de molida é máis recente e foi seguramente introducido na Idade Media.
[editar] Galería de imaxes
[editar] Simboloxía do xugo
A imaxe do xugo simboliza a unión das forzas nunha tarefa común. Así, en heráldica, o xugo foi o emblema de Fernando II de Aragón, presentado xunto coas setas que representaban á súa dona Isabel I de Castela. No século XX, o símbolo do xugo e as setas foi adoptado pola Falange Española. O escudo de España adoptado trala Guerra Civil, en vigor ata 1981, tamén incluía estes símbolos.
O mesmo concepto de unión, de xunguir dúas entidades nunha soa, aparece tamén noutros contextos. Así, en diversas rexións, incluída Galicia, existiu o ritual matrimonial de unir á parella de noivos cun pano ou estola sobre os ombros. O mesmo acto do casar dúas personas (e unirse dúas familias) denomínase tamén como xunguir.
| “ | Unha vez a tía Ádega e o seu sobriño foron invitados a un casamento aldeán. Xunguíanse dúas casas labregas de moita riqueza e a lupanda tiña que ser sonada. —CASTELAO: Os dous de sempre | ” |
Pero tamén simboliza a opresión, o sometemento da vontade dunha persoa ou dun pobo á vontade allea. Así, escribe Castelao:
| “ | O noso pobo foi vítima do maquiavelismo castelán, pois era capaz de levantare contra os seus señores i endexamais pudo sacudir o xugo con que el mesmo axudou a someter á súa patria. —CASTELAO: Sempre en Galiza | ” |
[editar] O xugo na cultura popular galega
Ademais da pegada que deixou o xugo na literatura oral galega, que se recolle a continuación, cómpre recoller outros casos de trasferencia semántica:
- xugo: paus cruzados no interior do trobo de cortizo, cuxa función é servir de soporte ás abellas para que constrúan os panais.
- xugo: madeiro da campá que serve para que esta xire.
- xugo: pequena peza de coiro no mallo que une as capelizas do pértego e do mango.
- xugo: nas paredes de pedra, a pedra que atravesa de lado a lado para afianza-la estrutura.
- xugo: pedra ou poste de cemento colocado sobre os esteos, para ata-los arames nos que se prenden as vides.
[editar] Refraneiro
- Arrenego do sobeo no que non puxa o boi vello.
- Boi vello faise ó meu subeu e ó teu.
- Bois vellos con canga nova, embelga torta.
- Bois vellos con xugo novo, rego torto.
- Cando a canga espirra, o tempo revira.
- Cando loras quebran bois descansan.
- Cando o tempo anda á vira, os canciles espirran.
- Cando o tempo revira, os bois nos canciles espirran.
- De coiro alleo, boas piallas.
- De coiro alleo, correas longas.
- Do coiro alleo, boas piallas se fan.
- Do coiro hanche de saír as correas.
- En calzar abarcas e xoncer á molida pásase o día.
- ¡Malia do sobeu no que non turra o boi vello!
- Mentras ande na eira o xugo, que ande na casa o fuso.
- Mentras ande na leira o xugo, que ande na casa o fuso.
- Mentras corres creban, bois descansan.
- Mentras dobras creban, bois non aran.
- Mentras loras quebran, bois descansan.
- Mentras sogas quebran, bois folgan.
- Namentras dobras quebran, bois non aran.
- Ó boi vello, xugo novo.
- O que á mulida xungue, alparagatas gasta e de mulleres fai caso, sempre andará descalzo.
- Ó que pon seu xugo a concello uns lle dirán que é branco e outros lle dirán que é negro.
- O xugo do carreteiro debe ser de salgueiro.
- Parella vella con canga nova, embelga torta; e si nova a parella, nin torta nin dereita.
- Un tira prá canga e outro prá mulida.
[editar] Cantigueiro
-
- Eu fun á herba ó prado,
- deixei o xugo na presa,
- deixei a túa conversa,
- deixeina e mais non me pesa.
[editar] Adiviñas
-
- No monte nace,
- no monte se cría
- e vai bailar
- cos bois á corneiría.
[editar] Notas
- ↑ Roberts, Edward, e Pastor, Bárbara: Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española. Alianza, Madrid 2001, px. 197.
- ↑ Calvert Watkins (2000) The American Heritage dictionary of indo-european roots. Boston: Houghthon Mifflin books ISBN 0-618-08250-6
- ↑ Roberts, Edward, e Pastor, Bárbara: Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española. Alianza, Madrid 2001, px. 197.
- ↑ Normalmente, dous entrantes e tres saíntes.
- ↑ En ocasións, esta chavella pode ser horizontal.
- ↑ Por veces, os dous primeiros tipos agrúpanse nun só baixo o nome de xugo de canga.
- ↑ Outros nomes que reciben estas pezas son os de cancallas, cangallos, cangalleiras, chancís ou brigueiros. Nalgures tamén se chaman cancís.
- ↑ Tamén, cádigas, brochas ou ladrizas.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- GONZÁLEZ GONZÁLEZ, Manuel: "Os tipos de xugo e os seus nomes no territorio da fala galega", en Boletín da Real Academia Galega nº 365, 2004, 135-169.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Etnografía: cultura material" en Historia de Galiza II. Ed. Nós, Bos Aires 1962, 730-733.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Nomenclatura del carro gallego", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares XII, 1956, 54-113.
- OTERO CEBRAL, Xosé Luís: O carro en Galicia. Servicio de Publicacións da Deputación Provincial, Lugo 1994.