Sarabia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha bóla de sarabia excepcionalmente grande.
Treboada de sarabia.
Saraiba en Pontevedra.

A sarabia, saraiba, saragana, pedra ou pedrazo, é un tipo de precipitación que consiste en partículas irregulares de xeo. A sarabia xérase en treboadas intensas en que se producen pingas de auga sobrearrefriadas, líquidas pero a temperaturas por debaixo do seu punto normal de fusión (0ºC), e ocorre tanto en verán coma en inverno. Pero dáse máis cando está presente a canícula.

Cando as pingas de auga sobrearrefriada chocan na nube con outras partículas xeadas ou grans de po, poden cristalizar sen dificultade conxelándose rapidamente ó seu redor. Nas treboadas máis intensas prodúcese precipitación xeada en forma de sarabia especialmente grande cando esta se forma no seo de fortes correntes ascendentes. Neste caso o gran de sarabia pode permanecer máis tempo na atmosfera dispoñéndo dunha maior capacidade de crecemento. Cando o empuxe cara a arriba cesa ou a sarabia acadou un tamaño elevado, o aire xa non pode aguantar o peso do gran de sarabia e este acaba caendo.

Os grans de sarabia acostuman ser pequenos, dalgúns milímetros de diámetro, xeralmente en forma de bólas. Así a todo, de vez en cando orixínanse grans moito maiores, de varios centímetros de diámetro, debido a que na circulación ciclónica da treboada os pequenos grans ascenden e descenden varias veces, formándose distintas capas de xeo, unhas sobre outras. Dependendo do seu tamaño, poden non ser máis ca unha pequena molestia, causar danos en automóbiles e estruturas de cristal ou incluso matar a persoas. Debido ó seu proceso de formación todos eles teñen unha estrutura en forma de capas de cebola.


Curiosidades[editar | editar a fonte]

En Galicia era tradición que cando se vía ameaza de sarabia poñer un anaco de pan no antepeito das xanelas que daban cara aos nubeiros e tronantes para evitar que fixera mal e tamén había a lenda que metendo tres pedras no seo dunha doncela cesaba[1]. En España, nas Comunidades de Castela León, Castela A Mancha e parte de Aragón as campás das igrexas facían o toque de tentenublo para afastar as treboadas de sarabia.

O gran de sarabia máis pesado rexistrada caeu en Coffeyville, Kansas (Estados Unidos), o 3 de setembro de 1970, e pesaba 770 gramos, tendo un radio de 14,5 cm. E o máis grande rexistrado caeu en Aurora, Nebraska o 22 de xuño do 2003 e tiña un radio de 17,8 cm, inda que o seu peso era inferior ao que se encontrou en Coffeyville.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xesús Taboada Chivite Etnografía Galega. Cultura Espiritual páxina 126

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sarabia