Imperio Seléucida
- Despois da morte de Alexandre Magno, os seus xenerais repartíronse o imperio, sendo protagonistas durante vinte anos de grandes loitas e pelexas por obter o poder. Foron os chamados diádocos, (διαδοχος) ou sucesores ou herdeiros. Despois destes antigos xenerais gobernaron os chamados epígonos (επιγονος), (os nados despois ou sucesores). A loita entre eles para obteren o poder e a hexemonía durou case cincuenta anos, ata o -281 en que morreu o último dos diádocos, Seleuco I Nicátor.
O vasto imperio de Alexandre Magno quedou dividido á súa morte da seguinte maneira:
- Asia para Antígono Monóftalmos. Era o que tiña máis poder e máis extensión de terras.
- Exipto para Ptolomeo, cuxa dinastía foi a máis estábel de todas, (dinastía Ptolemaica).
- Tracia e Asia Menor para Lisímaco.
- Babilonia e Siria para Seleuco, (dinastía Seleúcida). Estendíase por Siria a unha enorme extensión de terras que chegaban ata as fronteiras coa India.
- Grecia, e Macedonia para Casandro, (dinastía Antigónida).
A Dinastía seléucida foi fundada por Seleuco I Nicátor, trala derrota e morte do xeneral Antígono Monoftalmos. Esta dinastía gobernou ata o ano -69. O seu territorio comprendía Babilonia e Siria e gran parte de Asia Menor. Este vasto territorio estendíase para o leste, para o que hoxe é Paquistán e comprendía toda a gran meseta de Irán ata chegar ás montañas da India e polo norte ata os desertos do mar de Aral. Estaba constituído por 20 pobos de distintas razas, lingua e relixión, cun total de máis de 30 millóns de habitantes. Tivo dúas capitais: Antioquía en Siria (actualmente Antakya, Turquía) e Seleucia do Tigris en Mesopotamia.
Esta dinastía foi herdeira da cultura helenística que procuraron difundir, pero gobernaron ao modo dos seus antecesores os reis sirios, mesopotámicos e persas, facéndose os seus reis adorar como deuses. Frecuentemente estiveron en guerra coa dinastía Ptolemaica de Exipto.
Pero foi un reino demasiado cumprido, demasiado plural e os seléucidas foron perdendo aos poucos o goberno das terras do leste do río Éufrates e máis tarde foron expulsados de Asia Menor. Os pobos de Irán eran persas, medos e bactrianos e souberan conservar seu antiga relixión e a súa lingua, así que os gobernadores destes territorios aproveitaron a decadencia dos seléucidas para ser independentes. O gobernador grego da Bactriana, Diódoto, tomou o título de rei no -254, comezando desta maneira o reino de Bactriana (hoxe país de Balkh), conservando o grego como idioma, reino que durou ata o ano 126.
No ano -64 o romano Pompeio destituíu aos dous pretendentes ao trono seléucida e Roma anexionouse todos os territorios.
Os reis desta dinastía foron:
- Seleuco I Nicátor, sátrapa (-311 - -305), rei (-305 - -281).
- Antíoco I Sóter (-281 - -261).
- Antíoco II Teos (-261 - -246).
- Seleuco II Calinico (-246 - -225).
- Seleuco III Sóter Cerauno (-225 - -223).
- Antíoco III Megas (-223 - -187).
- Seleuco IV Filopátor (-187 - -175).
- Antíoco IV Epífanes (-175 - -164).
- Antíoco V Eupátor (-164 - -162).
- Demetrio I Sóter (-162 - -150).
- Alexandre Balas (-154 - -145).
- Demetrio II Nicátor (-145 - -138) e (-129 - -126).
- Antíoco VI Dioniso (-145 - -140?).
- Antíoco VII Everxetes (-138 - -129).
- Seleuco V Filométor (-126 - -125).
- Antíoco VIII Gripo (-125 - -96).
- Antíoco IX Eusebio (-114 - -96).
- Seleuco VI Epífanes (-96 - -95).
- Antíoco X Eusebio (-95 - -83).
- Demetrio III Eucarios (-95 - -88).
- Antíoco XI Epífanes (-95 - -92).
- Filipo I Filadelfo (-95 - -83).
- Antíoco XII Dioniso (-87 - -84).
- Antíoco XIII Asiático (-69 - -64).
- Filipo II Filorromano (-65 - -63).
Bibliografía [editar]
- Historia Universal Oriente y Grecia de Ch. Seignobos. Editorial Daniel Jorro, Madrid 1930
- Grecia cuna de Occidente de Peter Levi. Ediciones Folio S.A. ISBN 84-226-2616-0
- La Historia y sus protagonistas Ediciones Dolmen, 2000