Ecuador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
República del Ecuador
Bandeira de Ecuador Escudo de Ecuador
Bandeira Escudo
Lema: «Dios, Patria y Libertad»
Himno nacional: Salve, Oh Patria
 
South America location ECU.png
 
Capital
 • Poboación
Quito
2.245.567 (setembro 2008)
Cidade máis poboada Guayaquil
Linguas oficiais
Español
Forma de goberno República democrática
Rafael Correa Delgado
Lenín Moreno Garcés
Fundación
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 71º
256.370 km²
4%
2010 km
2.237 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 62º
14.573.101 (2009)
55.51 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2007)
 • PIB per cápita
Posto 66º
US$ 56.402 mill.[1]
US$ 4.151 (2007)
PIB (PPA)
 • Total (2006)
 • PIB per cápita
Posto 70º
US$ 64.671 mill.
US$ 4.989 (2006)
IDH (2007) 0,807 (72º) – Alto
Moeda Dólar estadounidense
Xentilicio Ecuatoriana/o
Fuso horario UTC -5
Dominio de Internet .ec
Prefixo telefónico +593
Prefixo radiofónico HCA-HDZ
Código ISO 218 / ECU / EC
Membro de: ONU, OEA, BID, BM, FMI
Tódolos países do mundo

O Ecuador, oficialmente República del Ecuador, é un país da América do Sur, limitado a norte pola Colombia, a leste e sur polo Perú e a oeste polo Océano Pacífico. Alén do territorio continental, o Ecuador posúe tamén as illas Galápagos, sendo o territorio continental máis próximo daquelas illas.

Ecuador é un país multiétnico, con gran riqueza cultural, natural e arqueolóxica; situado en plena liña ecuatorial, a latitude cero. Ten 256.370 quilómetros cadrados de superficie, o que evidencia que é o estado máis miúdo dos países andinos, mais aínda así conta cunha gran biodiversidade[2].

A súa capital é San Francisco de Quito, sede dos principais entes estatais e do Goberno Nacional e a súa maior cidade é Santiago de Guayaquil, peirao marítimo principal e importante centro económico. Divídese en 24 provincias, distribuídas en catro rexións naturais: Amazonía, Costa, Sierra, e Región Insular. No Ecuador existen 55 volcáns, 14 en estado activo, 14 volcáns inactivos e 42 pasivos, sendo o volcán máis alto o Chimborazo, con 6.310 msnm. É o estado coa máis alta concentración de ríos por milla cadrada no mundo[3]. É o principal exportador de plátano a nivel mundial[4] e un dos principais exportadores de flores, camaróns e cacao.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Ecuador.

O nome Ecuador refírese á liña ficticia que divide o mundo en dous hemisferios (Norte e Sur) que atravesa o país, chamada liña Ecuatorial ou Ecuador. A República de Ecuador é un dos tres países que emerxeron da desintegración da "Gran Colombia" no 1830 (os outros son Colombia, Perú e Venezuela). Entre 1904 e 1942, Ecuador perdeu territorios nunha serie de conflitos cos seus veciños. En 1941 un conflito territorial entre o Ecuador e Peru conduciu as partes ao "Protocolo do Río de Xaneiro" homologado o 29 de xaneiro de 1942 establecendo fronteiras provisorias. O estado de conflito perdurou entre os dous países ata o 26 de outubro de 1999 cando os presidentes Jamil Mahuad (do Ecuador) e Alberto Fujimori (do Peru) asinaron o acordo denominado "Ata Brasilia". polo cal o Peru concedeu un quilometro cadrado do seu territorio no lugar chamado "Tiwinza" onde 14 de soldados do Ecuador foran sepultados, transformándose así nun campo santo. Ambos os países asinaron tamén tratados de comercio e acordos de navegación polos cais o Ecuador ten o dereito de navegación irrestricta polo río Amazonas.

Época precolombiana[editar | editar a fonte]

Ruinas de Ingapirca.

Os primeiros rexistros de asentamentos humanos coñecidos no actual territorio ecuatoriano son de fai aproximadamente 12.000 anos. Do Paleoindio fican vestixios en Las Vegas, Chobsi, Cubilán e pinturas rupestres amazónicas. Ademais, existen múltiples vestixios de puntas talladas de obsidiana, cerámica, uso de metais e en menor medida construcións, sendo as máis relevantes as que se achan na serra norte, como son as pirámides de Cochasquí e, na costa, as tumbas da cultura La Tolita. Estas rexións estaban habitadas só por pequenas poboacións de indios até que pasaron a formar parte do gran imperio Inca agás no norte, onde existía o Reino de Quito que se opuxo sen éxito á tentativa inca de integralo no seu imperio.

Á chegada dos incas, estímase que habitaban Ecuador máis de 46 pobos descendentes dos minchaleños e encarnacionillos e os máis numerosos eran: pastos, caranquis, imbayas, paltas, puruháes, panzaleos, cañaris, quitus, hambatus e outros, que foron sometidos mediante a potencia militar inca e por pactos entre os monarcas locais e os delegados do Imperio. Durante o Incario, construíronse algúns asentamentos, sendo dos máis importantes Ingapirca e Tumipampa (Tomebamba). A permanencia deste situación non foi maior de 60 anos.

Etapa española[editar | editar a fonte]

En 1534, o español Sebastián de Benalcázar conquistou terras ecuatorianas. Este, unha vez tomada a capital, Quito, o maior asentamento poboacional prehispánico en 1563, refundouna como cidade española, capital da Presidencia de Quito e Real Audiencia de Quito formando parte do Virreinato do Perú. Os españois utilizaron non só os asentamentos urbanos indíxenas como base das novas cidades mestizas, senón que tamén usaron varios elementos da estrutura social autóctona para colonizar os territorios que ocuparon; os indíxenas superábanos en número, mais os españois tiñan unha maior destreza militar polo que someteron ás poboacións indíxenas. Os Incas, ademais de estar en guerras internas descoñecían as armas de fogo. Dise que moitos indíxenas pensaron que os españois que montaban os seus cabalos eran seres de catro patas e comparaban o son dos canóns co dos tronos, mais non pasou moito tempo para que os indíxenas comezaran a defenderse a pesar da súa desvantaxe.

En 1739, integrouse o Virreinato de Nova Granada xunto con Caracas, Panamá e Santa Fé de Bogotá. Para o sometemento indíxena utilizáronse oprobiosas institucións, como a Mita e a Encomienda, que reduciron gran parte da poboación; ademais enfermidades como o sarampelo reduciron a poboación indíxena. Isto fixo que para o traballo forzado se trouxera poboación africana negra, en calidade de escravos, o que contribuíu á mestizaxe do Ecuador actual.

Emancipación e Gran Colombia[editar | editar a fonte]

Os tres departamentos (Quito, Cundinamarca e Venezuela) na época da Gran Colombia federada.
Artigo principal: Independencia de Ecuador.

Os primeiros movementos empezaron en 1809 coa rebelión dos crioulos contra o dominio español coñecida como Primeiro Grito de Independencia Americana. Aínda que tamén existiron outros precursores como Eugenio Espejo, indíxena que lanzou as primeiras proclamas por escrito na publicación El Nuevo Luciano de Quito. Os sublevados formaron unha Xunta de Goberno provisional o 10 de agosto de 1809 en Quito, mais os participantes acabaron sendo encarcerados e asasinados na Matanza do 2 de agosto de 1810. Aínda que nesta data non se falaba explicitamente da independencia do Ecuador, senón de fundar unha república monárquica ou unha monarquía republicana e de cambiar as autoridades afrancesadas de Quito, mantendo a fidelidade ao rei Fernando VII[5], parte da historiografía do Ecuador considera este acontecemento como o Primeiro Grito de Independencia Hispanoamericana e o inicio do proceso de emancipación da rexión.

Rematado o dominio francés e coa negativa do rei de España, Fernando VII, de acatar a A Pepa, desatáronse na América española unha serie de revoltas independentistas. Así, a antiga Presidencia e Audiencia de Quito consegue escindirse na Batalla de Pichincha do 24 de maio de 1822, grazas ao Mariscal Antonio José de Sucre, lugartenente de Simón Bolívar.

Os territorios de Quito e Guayaquil (que se separaran de España o 9 de outubro de 1820 e mantiña un goberno propio) pasaron a formar parte da Gran Colombia baixo o nome de Distrito do Sur. Á Gran Colombia tamén se anexionaría o resto da terra ecuatoriana. O colapso da nova república deu lugar á formación dos estados de Nova Granada (actuais Colombia e Panamá), Venezuela e Ecuador en 1830.

Primeiro século da República[editar | editar a fonte]

O presidente Gabriel García Moreno.
Artigo principal: Estado Liberal Ecuatoriano.

A República do Ecuador como tal naceu en 1830, cando abandonou definitivamente a federación da Gran Colombia. Para a nacente nación agardábase como presidente a Antonio José de Sucre, mais este foi asasinado, segundo algunhas versións, polo venezolano Juan José Flores, quen tomaría cargo como o primeiro presidente da República do Ecuador. Flores recolleu un país en caos e estivo mandando durante quince anos consecutivos, interrompidos de 1934 até 1893, cando sería o presidente Vicente Rocafuerte, aínda que o venezolano retomaría o poder despois. Cando Flores volveu, os grupos de poder da costa levantáronse co obxectivo de eliminar o militarismo estranxeiro. O presidente para o cargo foi José Joaquín de Olmedo, pensador guayaquileño, que só se mantivo no poder até que o lexislativo chamou a eleccións e se nomeou a Vicente Ramón Roca como presidente do Ecuador. Dende 1845 a 1859 viviuse un período de gobernos liberais até unhas eleccións onde se tornou presidente Gabriel García Moreno dende 1859 até 1875, ano no que foi asasinado.

Trala morte de Gabriel García Moreno os dous partidos políticos do Ecuador trataron de unificar o seu pensamento. Antonio Borrero Cortázar foi o primeiro presidente froito desta unificación, pero só durou un ano no poder e sería seguido por Ignacio de Veintimilla e a posterior aparición do reformista Eloy Alfaro. No período do presidente Luis Cordero realizouse a coñecida Venda da Bandeira, o que desencadeou na revolta militar que deu orixe ao liberalismo ecuatoriano con Eloy Alfaro como presidente constitucional.

Houbo un Goberno Plural Civil-Militar no cal cada integrante da xunta gobernaba durante unha semana, gobernando así até marzo de 1926 cando a xunta cesou a súa actividade e se nomeou como presidente a Isidro Ayora quen expediu unha nova constitución. En 1930 produciuse unha deflación xeral e Ayora viuse obrigado a renunciar, deixándolle o poder ao ministro de Goberno, Luis Larrea Alba, quen asumiu o poder o 24 de agosto de 1931 e ante a negativa do congreso para adquirir poderes plenos, decidiu disolvelo e o pobo reaccionou fronte á ditadura e así entregoulle o poder ao presidente do Senado Alfredo Baquerizo Moreno quen convocou comicios presidenciais para outubro, e tras unha serie de problemas de gobernos, Velásco Ibarra chegaría en 1934.

Política[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Política do Ecuador.
Rafael Correa, actual presidente constitucional do Ecuador.

O actual Estado Ecuatoriano está conformado por cinco poderes estatais: o Poder Executivo, o Poder Lexislativo, o Poder Xudicial, o Poder Electoral e o Poder de Transparencia e Control Cidadán.

A función executiva está delegada no Presidente do Ecuador, actualmente exercida por Rafael Correa, elixido para un período de catro anos (coa capacidade de ser reelecto unha soa vez). É o Xefe de Estado e de Goberno, é responsable da administración pública. Nomea a Ministros de Estado e servidores públicos. Define a política exterior, designa ao Chanceler da República, así como tamén embaixadores e cónsules. Exerce a máxima autoridade sobre as Forzas Armadas do Ecuador e a Policía Nacional do Ecuador, nomeando ás súas autoridades.

A función lexislativa correspóndelle á Asemblea Nacional da República do Ecuador, escolleita cada catro anos, unicameral, e composto por 124 asembleístas (15 por asignación nacional). É o encargado de redactar leis, fiscalizar aos órganos do poder público, aprobar tratados internacionais, orzamentos...

A Función Xudicial deléganse á Corte Nacional de Xustiza (CNJ), Cortes Provinciais, Tribunais e Xulgados. A CNJ estará composta por 21 xuíces para un período de nove anos (sen poderse reelixir) e renovarase un terzo da mesma cada tres anos.

O poder electoral garante o exercicio dos dereitos políticos e a organización da cidadanía. Está representada polo Consello Nacional Electoral (CNE) e o Tribunal Contencioso Electoral (TCE).

O poder cidadán está conformado polo Consello de Participación Social e Control Cidadán, o Valedor (Defensoría) do Pobo, a Contraloría Xeral do Estado e as superintendencias. As súas autoridades exercerán os seus postos durante cinco anos. Este poder encárgase de promover plans de transparencia e control público, así como tamén plans para deseñar mecanismos para combater a corrupción.

Subdivisións[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Subdivisións do Ecuador.

O territorio ecuatoriano divídese en rexións, provincias, cantóns e parroquias, recoñécese tamén unha organización particular para as metrópoles en Distritos Metropolitanos.

División por provincias de Ecuador
Ecuadorenumerado.PNG
# Provincia Capital
1 Azuay Cuenca
2 Bolivar Guaranda
3 Cañar Azogues
4 Carchi Tulcán
5 Chimborazo Riobamba
6 Cotopaxi Latacunga
7 El Oro Machala
8 Esmeraldas Ciudad Esmeraldas
9 Galápagos Puerto Baquerizo Moreno
10 Guayas Guayaquil
11 Imbabura Ibarra
12 Loja Loja
13 Los Rios Babahoyo
14 Manabí Portoviejo
15 Morona Santiago Macas
16 Napo Tena
17 Orellana Francisco de Orellana
18 Pastaza Puyo
19 Pichincha Quito
20 Santa Elena Santa Elena
21 Santo Domingo de los Tsáchilas Santo Domingo de los Colorados
22 Sucumbíos Nueva Loja
23 Tungurahua Ambato
24 Zamora Chinchipe Zamora

Xeografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xeografía do Ecuador.

O Ecuador é un dos menores países da América do Sur e, co Chile, o único que non partilla fronteira co Brasil. A paisaxe é dominada polos Andes, que atravesan o centro do país no sentido norte-sur, con altitudes que chegan aos 6.267 n no Chimborazo (praticamente no centro do país). A leste dos Andes, preto de 1/4 do territorio está integrado na bacia Amazónica, e a oeste estendese unha das máis extensas planicies costeiras da costa sur-americana do Pacífico.

A capital, Quito, localizase nos Andes e non é a maior cidade do país. Ese título cabe a Guayaquil, un porto de mar no golfo de Guayaquil, no suroeste.

O clima varia coa altitude, sendo tropical no litoral e na Amazonia e tornandose cada vez máis frio á medida que a altitude aumenta, nos Andes.

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía do Ecuador.

A economía do Ecuador depende moito da produción de petróleo, que xera o 40% das exportacións do país. Consecuentemente, as flutuacións do prezo deste produto nos mercados mundiais ten grande impacto nas finanzas do país. Tamén depende das transferencias de diñeiro recibidas de ecuatorianos no exterior, e da exportación de bananas e doutros produtos primarios.

Demografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Demografía do Ecuador.

Cultura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cultura do Ecuador.
Feriados
Data Nome en galego Nome local Observacións

Ritmos Musicais Tipicos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]


Países do mundo | América do Sur
Arxentina - Bolivia - Brasil - Colombia - Chile - Ecuador - Güiana - Paraguai - Perú - Suriname - Uruguai - Venezuela
Países con parte do seu territorio en América do Sur

Francia (Güiana francesa) - Reino Unido (Illas Malvinas)