Fiestra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fiestra típica galega en Vilanova dos Infantes (Celanova).

Unha fiestra, tamén chamada xanela ou ventá, é un van ou oco elevado sobre o chan, que se abre nunha parede coa finalidade de proporcionar luz e ventilación á estancia correspondente. Tamén se denomina fiestra ó conxunto de dispositivos que se utilizan para pechar ese van.

O termo fiestra procede do latín fenestra, de onde tamén procede o termo defenestrar (botar a alguén por unha fiestra). A verba ventá procede de ventus (vento), facendo referencia á capacidade de ventilación que proporciona.

Elementos que a compoñen[editar | editar a fonte]

Fiestra da Casa Xammar, en Lleida.

O oco ten verticais que o enmarcan lateralmente, por unha parede de grande altura, peitoril, e por un lintel ou por un arco que o pecha pola parte superior. Tanto o lintel como, no seu caso, o arco, teñen por misión soportar as cargas que produce a parte de muro ou parede que gravita sobre o oco e transmitilas ás xambas.

O mecanismo de peche componse dun marco ou bastidor suxeito ás caras interiores do oco, ó que, á súa vez, se fixan mediante ferraxes axeitados ás batentes, xeralmente acristaladas con vidro.

Funcionalidade[editar | editar a fonte]

Unha das principais misións que cumpre unha fiestra é a de ventilación, permitindo a través dela a comunicación do interior da estancia co exterior. É evidente que, tratándose dun recinto habitable, a exposición ó ambiente externo non pode ser permanente por razóns climatolóxicas, de aí que se precise dispor dun sistema de peche eficaz. Porén, as follas da fiestra que serven de peche non deben impedir outro dos seus aspectos funcionais: a iluminación. Para permitir o paso da luz a través dela, as follas deben ser acristaladas. Malia que antes do século XX existían algunhas desvantaxes, como o excesivo soleamento interior ou a propia iluminación en circunstancias non desexadas e a redución do illamento térmico, dadas as prestacións do vidro illante a principios do século XXI, se pode considerar que estes inconvenientes xa están resoltos. Para paliar estes inconvenientes se utilizaron accesorios como as persianas, as contras e outros similares, que contribúen así mesmo á mellora do illamento, sen prexuízo de que, ademais, se utilice tamén vidro illante deseñado especialmente para esta fin.

Por último, outra das funcións que cumpre a fiestra é a de permitir as vistas a través dela. É moi común desexar ver cara o exterior sen que desde fóra se poida ver o que hai ou sucede dentro; unicamente é posible logralo con vidros altamente reflectantes baixo unhas condicións lumínicas determinadas. Toda vez que estas condicións varían, o efecto producido pode ser inverso ó desexado. Un exemplo son os chamados espellos-espía. Estes espellos actúan reflectindo as imaxes na cara do vidro con maior luminosidade. Na cara con menos luminosidade, un espectador pode ver a través do vidro o que sucede ó outro lado. En cambio, ó variar as condicións lumínicas, ambos lados permiten ver o que hai detrás aínda que con certa dificultade, debida á reflexión en ambas caras.

Fiestra nunha típica casa galega.

Contribúen tamén á funcionalidade os variados modos en que poden manobrar as follas dunha fiestra. Baixo este punto de vista, e sen ánimo de efectuar unha relación exhaustiva, se cataloga unha fiestra como:

  • corredoira, cando as súas follas se deslizan con rodamentos sobre guías horizontais;
  • abatible ou batente, cando as follas se apoian nos bordos con bisagras que serven para que o eixo de movemento estea no marco. Poden moverse as follas cara a fóra (apertura exterior), cara a dentro (apertura interior), en ambos sentidos (de vaivén), ou coas bisagras na parte superior e a apertura limitada (proxectante);
  • de guillotina, se o fan sobre guías verticais e a folla sube ou baixa;
  • basculante ou pivotante, cando xiran en torno a un eixo horizontal ou vertical no centro dos marcos;
  • oscilo-batente, cando as súas ferraxes permiten indistintamente o movemento basculante sobre un eixo inferior;
  • oscilo-paralela, cando as súas ferraxes permiten indistintamente o movemento basculante sobre un eixo inferior ou no que a folla principal se desliza como unha folla corredeira;
  • fixa, cando as súas follas non se poden mover.

Uso na edificación[editar | editar a fonte]

O emprego das fiestras nos edificios é xeneralizado desde sempre, aínda que o seu grao de utilización nun mesmo edificio pode oscilar tanto como entre a nada e a totalidade. Algúns tipos de edificios, por razóns de insonorización (teatros de ópera, salas de concertos...), ou ben de focalización da atención (salas de espectáculos), ou por conseguir interiorizar a actividade que neles se desenvolve (grandes almacéns), non posúen fiestra algunha. Isto é posible, entre outras razóns, polos actuais sistemas de acondicionamento de aire que o tratan térmica e hixienicamente.

Pola contra, en edificios de oficinas, por exemplo, é habitual que toda a súa fachada se converta nunha pura fiestra mediante a utilización de «muros cortina» ou outros sistemas de acristalamento integral. Para o caso das vivendas, a dotación de fiestras nas pezas habitables é obrigada por disposición legal. Os regulamentos de habitabilidade adoitan impor non só o seu uso, senón tamén as súas dimensións mínimas, esixindo polo común que a súa superficie non sexa inferior a un décimo da da estancia á que prestan servizo.

Materiais[editar | editar a fonte]

Fiestra con dous faladoiros de pedra, en Padrón, Galiza.

Tradicionalmente as fiestras eran de madeira debidamente tratada con pinturas ou vernices que melloraban o seu comportamento e durabilidade á intemperie. Posteriormente se utilizou o aceiro, que tamén precisa dun adecuado tratamento para previr a corrosión. Máis recentemente se xeneralizou o emprego do aluminio en perfiles de moi variada sección; é un metal máis lixeiro que o ferro e non se oxida ante a acción dos axentes atmosféricos, aínda que ten por inconveniente ser máis caro. Ultimamente se tende ó emprego do PVC (policloruro de vinilo), un plástico controvertido, pois, ás súas magníficas cualidades en canto a durabilidade, resistencia, illamento ou lixeireza, únese a da súa alta capacidade tóxica e contaminante ó degradarse ou queimarse.

Ornato[editar | editar a fonte]

As fiestras, presentes case sempre nas fachadas dos edificios, constitúen un dos elementos primordiais da súa composición estética. Aínda tratándose de simples ocos rectangulares desprovistos de calquera aditamento ornamental, a súa repetición harmoniosa e rítmica, nuns casos, ou, pola contra, a súa aleatoria disposición de aparencia desordenada noutros, adoita producir un efecto de apreciable valor artístico. Este mesmo resultado inténtase conseguir en ocasións dotando á propia fiestra de formas atractivas, incluso dun certo barroquismo exento de calquera funcionalidade que non sexa a decorativa. A fachada meridional do Mosteiro do Escorial é un exemplo do primeiro suposto, mentres que o último caso pode ilustrarse coas románicas fiestras aximeizadas, as góticas caladas de primorosa trazaría, as conopiais isabelinas, as efectistas fiestras angulares, as barrocas, ou as modernistas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fiestras

Outros artigos[editar | editar a fonte]