Güiana (rexión)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As tres Güianas políticas.

Güiana[1][2] é unha rexión xeográfica situada no nordeste de América do Sur e politicamente dividida entre tres países: Güiana, Suriname e a Güiana Francesa, e comprende partes doutros da mesma zona: Brasil, Venezuela e Colombia.

Os tres países anteriormente citados evidentemente son diferentes, pero teñen unha historia e algunhas características que os unifican, xa que foron colonizados por países europeos situados fóra da Península Ibérica, a diferenza do resto de Suramérica. Isto afastounos, cultural e politicamente, do resto dos países do subcontinente do que forman parte e, en cambio, aproximounos á comunidade de países caribeños.

Países que a compoñen[editar | editar a fonte]

Baixo este termo agrúpanse tres territorios:

Güiana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Güiana.
Bandeira de Güiana.
Escudo de Güiana.

Güiana, cuxo nome oficial é República Cooperativa de Güiana, é un país situado ao norte de América do Sur, membro da UNASUR.

Limita ao norte co océano Atlántico, ao leste con Suriname, ao oeste con Venezuela e ao sur co Brasil.

Tamén adoita denominarse ás veces como Güiana británica, o seu nome antigo cando era unha colonia do Reino Unido, de quen obtivo a súa independencia o 26 de maio de 1966.

As dúas terceiras partes do occidente do país son reclamadas polo seu veciño occidental, Venezuela, a zona chamada por esta última como Güiana Esequiba (Guayana Esequiba). O seu veciño do leste, Suriname, tamén reclama para si unha parte do territorio oriental güianés.

A estimación de poboación para o ano 2010 foi de 784 894 habitantes. O inglés é o único idioma oficial. A cidade máis poboada é tamén a súa capital, Georgetown.

Suriname[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Suriname.
Bandeira de Suriname.
Escudo de Suriname.

Suriname (oficialmente e en neerlandés Republiek van Suriname), é un país situado no norte de América do Sur, limitado ao leste pola Güiana Francesa, ao oeste por Güiana, ao sur polo Brasil e ao norte polo océano Atlántico.

Tamén adoita denominarse como Güiana Holandesa, o seu nome antigo cando era unha colonia neerlandesa. Obtivo a súa independencia o 25 de novembro de 1975.[3]

A súa superficie é de 163 270 km², e a súa poboación, segundo datos da ONU de 2011, era de ao redor de 549 000 habitantes. Polo tanto, é o menos poboado dos países independentes de Suramérica.

Suriname reclama varias áreas territoriais situadas máis alá das súas fronteiras con Güiana e coa Güiana Francesa.

A súa capital é a cidade de Paramaribo. Está dividida en dez distritos e estes en suburbios. O país está dividido relixiosamente entre católicos, hinduístas , musulmáns e protestantes.

Güiana Francesa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Güiana Francesa.
Bandeira da Güiana Francesa.
Escudo da Güiana Francesa.

Güiana Francesa (oficialmente Guyane) é un departamento de ultramar de Francia, e unha Rexión Ultraperiférica da Unión Europea.[4]

Está situado na costa norte de América do Sur, entre o Brasil e Suriname, limitando ao norte polo océano Atlántico.

Como os outros departamentos de ultramar, a Güiana Francesa é tamén unha rexión de ultramar de Francia, unha das 26 rexións de dito país. A Güiana Francesa é parte integrante de Francia desde 1946.[5]

É coñecida por ser o último territorio europeo na América do Sur continental, ademais de por posuír un rápido crecemento de poboación, dos máis altos a nivel mundial.[6]

A estimación da poboación para o ano 2010 foi de 260 000 habitantes. A cidade máis poboada é tamén a capital do departamento de ultramar, Caiena.

o francés é o único idioma oficial.

Suriname reclama á Güiana Francesa a área entre os ríos Litani e Maruiní. Este conflito territorial aínda non acadou unha solución.

Os outros territorios[editar | editar a fonte]

A rexión da Güiana abarca, ademais das tres entidades políticas citadas, toda a área comprendida entre os ríos Orinoco e Amazonas, e cuxa principal característica xeolóxica é o escudo Güianés.

Ademais destas tres entidades, e dunha pequena parte do leste de Colombia, comprende estes outros dous territorios;

Güiana Venezolana[editar | editar a fonte]

Mapa das Güianas.
En trazo vermello descontinuo, límite do escudo Güianés.
En trazo negro descontinuo, afloramentos do escudo, que ás veces se inclúen nel.
     Güiana Venezolana      Güiana      Suriname      Güiana Francesa      Amapá

A Güiana Venezolana comprende aproximadamente a actual rexión de Güiana, o que antigamente foi a provincia de Güiana ou Guayana española do Imperio español. É unha ampla rexión natural que se localiza ao sueste do río Orinoco, estendéndose no territorio venezolano por medio millón de km², aproximadamente.

Güiana Brasileira[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Amapá.

A Güiana Brasileira (Guiana Brasileira) e, antigamente Güiana portuguesa (Guiana Portuguesa), é un territorio que comprende o actual estado de Amapá, parte do de Roraima e a parte norte do de Pará. É unha rexión de relevo pouco accidentado, en xeral por debaixo dos 300 m, e cuxa planicie litoral está caracterizada pola presenza de mangleiros e lagoas.

Formou parte do Imperio portugués e, despois, do brasileiro. A rexión sufriu invasións de ingleses e holandeses, que foron expulsados polos portugueses. No século XVIII Francia reivindicou a posesión da zona, pero no tratado de Utrecht, de 1713, establecéronse os límites entre o Brasil e a Güiana Francesa, que non foron respectados polos franceses.

O descubrimento de ouro e a valorización do caucho no mercado internacional, durante o século XIX, promoveron o poboamento da rexión e estimularon as disputas territoriais.

Bandeira da república de Cunaní (1886-1887).
Bandeira da república de Cunaní (1887-1904).

Os franceses estableceron alí a República de Cunaní ou République de la Guyane indépendante (1886-1891).

Pero o 1 de maio de 1900 a Comisión de Arbitraxe de Xenebra concedeu a posesión do territorio a Brasil, que o incorporou a Pará co nome de Araguari. En 1943 converteuse en territorio federal bautizado como Amapá.

O descubrimento de ricos xacementos de manganeso na Serra do Navio, en 1945, revolucionou a economía local.

E o 5 de outubro de 1988, coa promulgación da nova Constitución, foi elevado á categoría de Estado.

Xeografía da rexión[editar | editar a fonte]

O escudo de Güiana, que deu o nome á rexión.

Relevo[editar | editar a fonte]

O relevo güianés está formado basicamente polo escudo de Güiana, bordeado no litoral por unha chaira costeira, que constitúe a zona agrícola onde se concentra a maior parte da poboación. No interior do territorio, no Escudo, abundan os outeiros e as selvas e, no sur e no oeste, esténdese unha gran rexión de montañas sabanas.

O relevo máis importante do país é a serra de Pacaraima, que culmina no tepui Roraima, de 2810 msnm, situado na fronteira con Venezuela e o Brasil.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Os principais ríos son o Esequibo, o Cuyuní, o Mazaruni, o Demerara, o Suriname, o Courantyne, o Coppename, o Maroni, o Nickerie, o Saramacca, o Tapanahoni e o Paloemeu. Son famosas as cataratas de Kaieteur (de 226 m de salto).

Clima[editar | editar a fonte]

O clima é tropical de foresta, suavizado pola brisa mariña.

As precipitacións son abundantes, e xeralmente superan os 2000 mm anuais no occidente, chegando a 4000 mm en sectores orientais, o que fai ao clima moi húmido en toda a rexión.

Patrimonio biolóxico[editar | editar a fonte]

Unha densa selva tropical húmida cobre a maior parte do territorio. É a extensión setentrional da selva amazónica, a cal se desenvolve ao redor do río Amazonas e da súa conca fluvial. As altas temperaturas favorecen o desenvolvemento duna vexetación mesta e exuberante, sempre verde. Existen nela innumerábeis especies de plantas aínda sen clasificar, milleiros de especies de aves, innumerábeis anfibios e millóns de insectos.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t. 32, p. 18: Güiana Rexión do NL de América do Sur que se estende desde o río Orinoco ata o Atlántico e que comprende a Guyana Francesa, Surinam, o sector SL de Venezuela e unha parte do Brasil...
  2. "Güiana". Diciopedia do século 21 2. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1023. 
  3. Gimlette, John (2011): Wild Coast: Travels on South America's Untamed Edge. Profile Books.
  4. Gobierno de Canarias. "Canarias: una región ultraperiférica de la UE". Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2011. Consultado o 21 de abril de 2015. 
  5. Aldrich, Robert & Connell, John (2006): France's Overseas Frontier: Départements et territoires d'outre-mer. Cambridge University Press. ISBN 0-521-03036-6.
  6. Conseil Général de la Guyane. "Population Growth Rates" (en inglés). Consultado o 22 de abril de 2015. .
  7. pdf Arquivado 06 de decembro de 2010 en Wayback Machine. Rapid Assessment Program. 2008. Biodiversity in the Konashen Community-Owned Conservation Area, Guyana. Conservation International, Arlington, VA, USA.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]