Civilización inca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Expansión do Imperio Inca

A civilización inca, tamén chamada civilización incaica ou civilización quechua, foi a derradeira das grandes civilizacións precolombianas que conservou o seu Estado independente durante a conquista de América. Coa extensión do imperio, esta foi absorbendo novas expresións culturais dos pobos incorporados, e situouse nos actuais territorios do Perú, Bolivia, Ecuador, a Arxentina e Colombia.

Dende a cidade sagrada de Cuzco, os quechuas consolidaron un Estado que logrou sintetizar os coñecementos artísticos, científicos e tecnolóxicos dos seus devanceiros. Baseados nun concepto de expansión do Estado, o Tawantin suyu (Imperio Inca) recolleu aqueles coñecementos e potenciounos. Na actualidade, algúns costumes e tradicións da desaparecida civilización inca prevalecen aínda nos países que formaron parte do Imperio Inca. Bolivia, Chile, Ecuador, Perú e norte da Arxentina (Jujuy e Salta).

A conquista do Tawantin suyu, realizada entre 1530 e 1540 polos casteláns, encabezados por Francisco Pizarro, puxo fin ó imperio e o nacemento do Vicerreinado do Perú. Porén, focos de resistencia dos chamados Incas de Vilcabamba mantivéronse ata 1572.

A economía inca baseouse na agricultura que desenvolveron mediante técnicas avanzadas, como os sucalcos de cultivo, coñecidos como andenes en castelán e pata-pata en quechua, para aproveitar as ladeiras dos cerros, así como sistemas de regadío herdados das culturas preincaicas. Os incas cultivaron millo, cacahuete, mandioca, pataca, feixón, algodón, tabaco e coca, entre outras. As terras eran de propiedade comunal e traballábanse de forma colectiva. Desenvolveron tamén unha gandería de camélidos suramericanos (llamas e alpacas). Polos excelentes camiños incas (Cápac Ñan) transitaban todo tipo de mercadorías: dende peixe e cunchas Spondylus ata sal e artesanías do interior.

Entre as expresións artísticas máis impresionantes da civilización inca atópanse os templos (Saqsaywaman e Quri Kancha), os pazos e os complexos estratexicamente emprazados (Machu Picchu, Ullantay Tampu e P'isaq).

Non se pode falar dun imperio monárquico socialista, pola clara diferenciación económica, política e social, o Imperio Inca estableceu o sistema de reciprocidade e complementariedade económica.

Organización política[editar | editar a fonte]

Detalle dunha galería de retratos dos soberanos incas que foi publicada en 1744 na obra Relación del Viaje a la América Meridional na que Jorge Juan e Antonio de Ulloa foron os seus autores.

A organización política incaica foi unha das máis avanzadas da América precolombiana. Luis E.Valcárcel dixo que o propósito do Estado inca era garantir o benestar de tódolos seus súbditos, a diferenza doutras monarquías históricas que buscaban só defender os privilexios de grupos reducidos. O imperio incaico «garantiu á totalidade dos seres humanos, baixo a súa xurisdición, o dereito á vida mediante a satisfacción plena das necesidades físicas primordiais de alimentación, vestido, vivenda, saúde e sexo». Isto acadouse organizando de maneira meticulosa os poboadores, considerados ante todo como actores do proceso da produción económica, de modo que puidesen evitar a fame e estar sempre previdos ante os embates destrutivos da natureza. Polo tanto, o estado inca tivo un alto sentido de previsión social.[1]

Organización administrativa[editar | editar a fonte]

División territorial: Suyu ou rexións[editar | editar a fonte]

Os cronistas afirmaron que o imperio incaico estivo dividido en catro grandes distritos coñecidos como suyu (do quechua, que significa rego): Chinchay Suyu, Anti Suyu, Qulla suyu e Kunti Suyu. O centro desta división era o propio Cuzco. Debido a isto, o imperio adoptou o nombe de Tawantin suyu, é dicir, os catro suyu, concordantes cos catro puntos cardinais. O concepto do suyu era sobre todo demarcativo, non equivalía a unha denominación política nin étnica. Os suyu dividíanse á súa vez en wamani ou grandes provincias, que adoitaban coincidir coas fronteiras dos territorios dos pobos ou etnias sometidas ó imperio. Os wamani dividíanse á súa vez en saya ou sectores, que eran dous: Hanan saya ou parte alta, e Hurin saya ou parte baixa. En cada saya vivía un número variable de ayllu ou grupos familiares.[2]

Este sistema de organización do territorio foi atribuído ó inca Pacha Kutiq Inka Yupanki, porén sábese que se trataba dunha práctica moito máis antiga.

Organización militar[editar | editar a fonte]

Os incas formaron un exército forte acorde coas necesidades do seu Estado expansionista. Dividíase en grupos de guerreiros profesionais e soldados recrutados especialmente para cada campaña, e baseaba o seu poder na cantidade de homes, a eficiente loxística, a férrea disciplina e moral de combate, e a construción de fortalezas militares. As accións bélicas gardaban un carácter relixioso.

O Estado Inca planificou tanto as conquistas de pobos veciños como a defensa do territorio propio. A súa base foi un exército ben dotado, unha rede de camiños que facilitaban o seu desprazamento e a construción de grandes fortalezas que cumprían como principal función a disuasión de posibles ataques e a súa contención, se chegaban a producirse.

Organización social[editar | editar a fonte]

O ayllu[editar | editar a fonte]

A base da organización social do Tawantin Suyu estivo no Ayllu, palabra de orixe quechua e aimará, que significa, entre outras cousas: comunidade, liñaxe, xenealoxía, casta, xénero e parentesco. Pode definirse o ayllu como o conxunto de descendentes dun antepasado común, real ou suposto que traballan a terra de maneira colectiva e cun espírito solidario.

No Imperio todo se facía por ayllu: o traballo comunal das terras (tanto as do pobo mesmo como as do Estado); as grandes obras públicas (camiños, pontes, templos); o servizo militar e outras actividades.

O xefe do ayllu ou curaca era o ancián máis recto e sabio, asesorado por un grupo de anciáns. Porén, cando o perigo amenazaba, o mando militar exercíao un sinchi, guerreiro combativo e prudente, elixido entre os máis fortes do ayllu.

Economía[editar | editar a fonte]

A economía inca estaba baseada na previsión e planificación de tódalas etapas do proceso produtivo. No Tawantin Suyu, nada estaba fóra do control permanente e directo do Estado, que, facendo súas as experiencias tecnolóxicas e culturais desenvoltas polas culturas preincas, organizou un aparello produtivo, fundamentalmente agrícola, que deu solución ós problemas de alimentación, vestido, vivenda e seguridade social dunha poboación cada vez máis numerosa.[1]

Non hai consenso en canto ó cálculo sobre o número de poboadores que albergaba o Imperio Inca á chegada dos españois. John Rowe calculou seis millóns: pola súa parte, Noble David Cook (1981) elevouno a nove millóns. Outros investigadores dan cifras menores.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Valcárcel, Luis E. (1964). Historia del Perú antiguo: a través de la fuente escrita. Juan Mejía Baca. 
  2. 2,0 2,1 Kauffmann, Federico (2002). Historia y arte del Perú antiguo. PEISA / Diario La República. ISBN 9972-40-212-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Valcárcel, Luis E. (1964). Historia del Perú Antiguo, a través de la fuente escrita 1 (1.ª edición). Lima: Editorial Juan Mejía Baca / Editorial Universitaria.
  • Kauffmann, Federico (2002). Historia y arte del Perú antiguo (1.ª edición). Lima: PEISA / Diario La República. ISBN 9972-40-212-6.