Frauta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Frauta
Frauta
Clasificación
Tesitura
Range flute.png
Instrumentos relacionados
Músicos

A frauta é un tipo de instrumento musical da familia dos Instrumentos de vento-madeira. A diferenza dos instrumentos de vento con palletas, unha frauta é un instrumento de vento que consta dun tubo cilíndrico que produce o seu son a partir do fluxo de aire, insuflado polo instrumentista, que entra a través dunha abertura ou bisel que vibra grazas ao contacto contra o bordo da embocadura. Segundo a clasificación de instrumentos musicais Hornbostel-Sachs atópase na categoría dos aerófonos, estes son instrumentos que en si non vibran, e que non teñen cordas ou membranas que o fagan.

O músico que toca a frauta adoitaselle chamar frautista.

Historia[editar | editar a fonte]

Frauta feita con un óso dun xove oso das cavernas. Trátase do instrumento de música máis antigo achado ata o momento.
Frauta do período Auriñaciense, feita con óso, atopada no xacemento de Geissenklösterle, Alemaña. Réplica exposta no Parque da Prehistoria de Treverga, Principado de Asturias.

Agás a voz, pola sinxeleza da súa construción, poida que sexa un dos instrumentos máis antigos, pois con diversas formas atópase en todas as culturas. As primeiras frautas asemellábanse a chifres, pois só tiñan un orificio (buraco), déronlle os romanos os nomes detibia, fístula e cálamus porque adoitaba facerse do óso chamado tibia ou dunha cana vexetal ou metálica. Acháronse en antigas ruínas non poucas destas frautas gregas e romanas de óso e de bronce como son de ver nas coleccións dos Museos Británico de Londres e Nacional de Nápoles. Atópanse a miúdo nas escavacións de cidades romanas uns cilindros ocos de sección de morna cun orificio lateral a xeito de frauta reducida que parece deberon servir de chifres. Máis antigas que todas elas son, sen dúbida, as frautas exipcias de cana e de óso e de sinxelas formas que garda o mencionado museo de Londres entre outros. A frauta máis antiga descuberta pode ser un fragmento dun fémur dun oso das cavernas xuvenil, con dous ou catro buracos, atopados en Divje Babe preto de Cerkno (Eslovenia) e datada en hai aproximadamente 43.000 anos. Con todo, todo isto é moi disputado[1][2] pois en 2008 atopouse unha frauta que dataron entre 40.000 e 35.000 anos atrás na rexión do Xura de Suabia de Alemaña.[3] Esta frauta furada con cinco buracos ten unha boquilla en forma de v e é feita do óso da á dun voitre. Os investigadores implicados no descubrimento publicarón as súas conclusións oficialmente no diario Nature, en agosto de 2009.[4] O descubrimento é especialmente importante porque representa o achado do instrumento musical máis antigo da historia e permite pór data á produción de música por parte da especie humana.[5] Esta frauta foi un dos instrumentos atopados na cova Hohle Fels, foi descuberta preto da Venus de Hohle Fels que é a escultura feminina máis antiga que se coñece.[6] Ten tres buracos e, do mesmo xeito que as frautas modernas de tres buracos, suxeriuse que modificando a presión de aire podería producir melodías de notable complexidade.[7] Ao anunciar o descubrimento, os científicos suxerían que o achado demostra a presenza dunha tradición musical ben establecida no tempo en que os humanos modernos colonizaron Europa.[8] Estas frautas demostran que xa había unha tradición musical desenvolvida desde os primeiros tempos da presenza dos humanos modernos en Europa.[9] Os científicos tamén suxeriron que o descubrimento desta frauta pode axudar a explicar a probable diferenza cognitiva e comportamental entre os Neanderthais e os primeiros humanos modernos.[5] Aínda que esta é a mellor conservada das que atoparon neste lugar, tamén se lle atoparon outras feitas con un cabeiro de mamut, unha delas con tres buracos. Unha antigüidade de entre 30,000 e 37,000 anos é a que se atribúe á frauta ou chifre feita cun cabeiro de mamut que se atopou na cova de Geißenklösterle, en Alemaña , preto de Ulm[10] en 2004. Aproximadamente da mesma época datan outras dúas frautas, estas feitas con óso de cisne, que se descubriron unha década antes na mesma cova alemá, e ás que se atribúe unha antigüidade duns 36.000 anos. Estas atoparíanse entre os instrumentos máis antigos que se coñecen, o que permite afirmar que a frauta (ou o chifre) sería o instrumento máis antigo da humanidade. Outras frautas igualmente do paleolítico con antigüidades entre os 20.000 e 25.000 anos xa consideran as dúas grandes tipoloxías de embocadura, segundo o bisel estea practicado no extremo do tubo sonoro ou no interior deste. Entre os primeiros, progresivamente fóronse desenvolvendo diversos tipos de bisel segundo tivera ou non tivese unha marca, que podería ter formas diversas (rectangular, ovoidal, triangular...). Son posteriores os tipos de frauta con bucato lateral.[11][12] No período Auriñaciense estes instrumentos, agora cunhas perforacións laterais, empezáronse a prodigar máis, e proliferaron uns 5000 anos máis tarde, no magdaleniano.

A frauta travesa apareceu con posterioridade aos chifres e frautas rectas. A máis antiga conservada é un chi (篪|) que foi descuberto na tumba do marqués Yi de Zeng, en Suizhou, na provincia chinesa de Hubei. Data do 433 antes de Cristo, durante a dinastía Zhou. Está feita de bambú e decorada con lacados, ten os dous extremos tapados e ten cinco buracos. As frautas chi aparecen mencionadas no Shi Jing, que foi recompilado e editado por Confucio.

Nas grandes civilizacións da antigüidade, as frautas -tanto rectas como travesas- aparecen en Mesopotamia cara ao 2500 a.C., con nomes como ti gi a, tigi ou tigtigi, con funcións rituais nos templos. En Exipto, onde se coñeceu co nome de seba, mantivo unha función similar. Tiña tres buracos e soprábase polo bordo do extremo do tubo, de xeito similar ao ney e o kaval. Non sería ata a Grecia clásica que se practicaron ata seis ou máis buracos nas frautas.

Un tipo arcaico de frauta travesa é o que se desenvolveu sobre todo en China durante a dinastía zhou e que se coñece co nome de Ti; tivo un número crecente de buracos, un dos cales tapábase cunha fina fibra vexetal que vibraba ao vibrar a columna de aire e modificaba o timbre do instrumento; alcanzou o seu desenvolvemento máximo durante a dinastía Ming. Outro tipo de frauta travesa é o que se desenvolveu na India e que se coñece como bansuri.

A frauta da Grecia clásica era o syrinx, aínda que ás veces tamén recibía o nome de aulos, aínda que en realidade era un instrumento de lingüeta. Algo parecido ocorría no mundo romano entre a fístula e a tibia. O termo árabe xenérico para a frauta era sabbâba que influíu sobre o termo castelán medieval ajabeba, aínda que este referíase a unha frauta travesa, aquel aplicábase a todo tipo de frautas.

Representación de dúas frautas travesas nunha miniatura das cantigas de Afonso X o Sabio

Aristóteles fixo a seguinte declaración sobre a frauta: "Nós escoitamos unha canción na frauta con máis pracer do que na lira, pois o canto da voz humana e a frauta mestúranse ben por causa da súa correspondencia e simpatía, unha e outra anímanse polo vento!"[13]

A frauta do deus Pan ou syrinx, que consta dunha serie de tubiños xustapostos e de magnitude decrecente, áchase debuxada en antigos relevos gregos e en pinturas romanas con idéntica forma á que ten hoxe en día.

Pintura de Edouard Manet, na que se representa a un raparigo tocando un frautín

A Biblia, no Xénese, capítulo 4, versículo 21, cita a Jubal[14] como pai de todos os que tocan o Ugab (frauta vertical de varios tubos) e o kinnor (lira portatil). O primeiro termo refírese ás veces a algúns instrumentos de vento en concreto e, outros, a algúns en particular; e o segundo a instrumentos de corda. Como tal, na tradición xudeo-cristiá, Jubal é tido como o inventor da frauta, un termo que se emprega nalgunhas traducións da Biblia.

Durante a Idade Media desenvolvéronse varios modelos de frautas dobres, ás veces tratábase de dous instrumentos separados que eran tocados xuntos e, noutros casos, dun instrumento construído xa como tal con dous tubos que nuns casos eran paralelos -como no caso do diple - e outros en ángulo, como o que toca un dos anxos músicos no retablo de Ferrer Bassa. De feito, xa na Grecia clásica existiran aulos dobres, en ángulo, segundo se pode ver en multitude de representacións pictóricas sobre cerámica.

Cara ao século XIV a frauta travesa aparece en varias fontes mencionada como frauta alemá, sen dúbida debido ao arraigamento que este instrumento tivo naquelas terras, mentres que a frauta de pico ou recto coñecíase como frauta de Inglaterra. Durante a Idade Media, todas as frautas -excepto os modelos de tesituras máis agudas- foron sempre consideradas instrumento de 'música baixa', é dicir de sonoridad suave, doce ata (pensemos na frauta de pico denominada tamén frauta doce), especialmente adecuadas para a música de interiores, e cun notable predicamento na iconografía relixiosa, especialmente nos abundantes concertos de anxos da pintura gótica e posterior, nos que a Virxe María aparece rodeada de anxos tocando instrumentos.[15]

En Europa, desenvolvéronse moitas tipoloxías de frautas na música tradicional e a folclórica, a inmensa maioría delas sopradas polo extremo do tubo e con canle de aire (ademais dalgunhas zonas que se han decantado máis ben polas frautas de pan). En cambio, no ámbito da música clásica as relacións entre as frautas de pico e as travesas foi bastante diferentes.

No Renacemento e no Barroco conviven ambos tipos de instrumentos. A frauta de pico, ao longo do século XVI desenvólvese nunha familia integrada por unha serie de instrumentos de características prácticamente idénticas, con afinacións diferentes -con predominio das frautas en do e fa- que permiten de tocar música polifónica cun timbre homoxéneo. En cambio, a frauta travesa, non chegou a desenvolver unha familia comparable á da envergadura da frauta de pico, aínda que Alexander Agricola no seu tratado música instrumental deudsch do 1528 mostra unha familia de catro frautas travesas de tamaños e tesituras diferentes. Aínda que unha parte da literatura barroca para frauta permite ser tocada con ambos tipos de frauta, aínda que se adapte máis ben a unha que á outra, tamén hai mostras de música exclusivamente pensada para unha e non para a outra. Constitúen un exemplo do primeiro caso as sonatas para un instrumento melódico e baixo continuo que Haendel publicou como acompañados cunha serie de instrumentos entre as que se atopan ambos tipos de frautas, ademais do violín ou o oboe, o certo é que algunhas son máis indicadas para un destes instrumentos. En cambio, Johann Sebastian Bach acompaña con dúas frautas de pico a o concertino no seu segundo concerto de Brandeburgo, pero cunha frauta travesa para o quinto da mesma serie . No Clasicismo a frauta traveseira xa era prácticamente a única empregada nos ámbitos da música de concerto e a ópera, só personaxes de baixa extracción social como Papageno en A frauta máxica de Mozart tocan outros tipos de frauta como a frauta de pan. Construída en madeira, deu un salto cualitativo importante no momento en que Theoblad Böhm (1794 - 1881) inventou e aplicoulle un sistema de claves que facilitaba a execución á vez que incrementaba sustancialmente as posibilidades; un sistema que máis tarde adaptaría e aplicaría a outros instrumentos de vento madeira. Posteriormente, a frauta traveseira pasaríase a construirse en metal. Ao longo do século XIX igual como sucedeu con tantos outros instrumentos de vento, a frauta traveseira de orquesta foi obxecto de experimentacións diversas, entre outras a do mesmo Boehm, ou as diferentes formas que se buscaban para construír frautas de tesituras máis graves.

Pola súa banda, a frauta de pico renaceu a unha escala importante ao longo do século XX, en dous terreos diferentes. Por unha banda, para a interpretación da música antiga con criterios e instrumentos o máis próximos posible aos da época en que fora creado o repertorio. Por outra banda, e unha vez feitas algunhas adaptacións como a fabricación industrializada a prezos económicos, a experimentación con plásticos diversos, e a adaptación do sistema de dixitación a unha modalidade máis simple, o instrumento popularizouse no mundo da educación musical na escola.

Son[editar | editar a fonte]

Exemplo do son dunha frauta. "Londres, British Museum, add.29987, Chominciamento de Gioia, XIIIs"

Unha frauta produce un son cando un fluxo de aire dirixido a través dun buraco de entrada no instrumento crea unha vibración de ar cara o buraco de saida.[16][17]

A pesar de que os chifres tamén producen o son por medio dun bisel e que tipoloxicamente poden ser considerados como frautas, o certo é que, normalmente, cando se refire á frauta é para aplicalo a instrumentos que teñen unhas posibilidades máis grandes que aqueles para articular sons varios. A frauta posúe un son melodioso, de timbre suave e doce.[18]

O seu son depende esencialmente, por un lado, da natureza e da dirección da onda do ar e, por outro, da lonxitude da columna do ar.

A produción dos sons, na frauta, como en calquera instrumento de vento cun tubo resoador, vén determinada polas chamadas leis de Bernouilli segundo as cales a frecuencia (e, polo tanto, a altura) do son producido é inversamente proporcional á lonxitude do tubo que vibra, e directamente proporcional á velocidade que ten o fluído (o ar neste caso) que hai dentro do tubo. Doutra banda, os tubos abertos poden producir o ton fundamental e todos os seus armónicos, mentres que os cercados só producen o fundamental e os armónicos impares. Finalmente dous tubos da mesma lonxitude, nos cales o ar vibra coa mesma velocidade, pero de forma que un sexa aberto e o outro cercado, o son fundamental que produce o tubo pechado ten unha frecuencia que é a metade que o outro, é dicir, que soa unha oitava inferior. Finalmente, cabe engadir que os tubos que teñen un diámetro especialmente pequeno en relación á súa lonxitude facilitan moito a produción de armónicos (e resulta difícil producir o son fundamental). De acordo con isto, a produción dos sons de diferentes alturas nunha frauta pódese facer de xeitos moi diversos:

  • Modificando a presión da columna de ar que se fai incidir sobre o bisel: a unha presión maior corresponde un son algo máis agudo, de forma que a variación continua de presión pode producir un son que fluctúa na súa altura, producindo un tipo de glissando de ámbito máis ben reducido. Esta variación tamén se pode facer de xeito descontinuo, para obter sons separados e articulados de altura diferente.
  • Modificando a presión da columna de aire pero nunha magnitude máis grande que no caso anterior: o aumento da presión e, polo tanto, da velocidade do aire dentro do tubo sonoro forza a variar o modo de vibración desta, de forma que deixa de soar a nota que soaba ata entón e pasa a soar un armónico superior.
  • Modificando a lonxitude do tubo sonoro. A altura do son producido é inversamente proporcional á lonxitude do tubo sonoro. Na maioría de frautas esta alteración é descontinua dado que a lonxitude da columna de aire dentro do tubo modifícase tapando e destapando buracos, pero nas frautas de pistón ou de émbolo esta modificación é continua e produce un efecto de glissando.

O son fundamental da frauta é o Dó3, a partir do cal a extensión do instrumento é de 3 oitavas, grazas aos harmónicos 2 e 4 (oitava e dúo oitavo), cuxa emisión é obtida pola modificación da presión do sopro.[19]

Tipos de Frautas[20][editar | editar a fonte]

Os grupos de frautas son os seguintes:

  • Frautas sopradas polo extremo, tanto si teñen muesca coma se non a teñen. Están moi estendidas. Entre elas, por citar as máis coñecidas en Occidente, a quena, que é tocada en varios países de América do Sur ou o Shakuhachi xaponés. Moitas delas son feitas de cana.
  • Frautas con conducto de aire e un bisel na fiestra, todo iso na embocadura. Son un grupo moi grande e moi numeroso. Aínda que non sexan realmente instrumentos musicais, neste grupo están os chifres (feita excepción dos globulares) e os siurells. As frautas de pico intégranse neste grupo. Tamén as numerosas frautas de tres buracos que se tocan cunha soa man (normalmente a esquerda: tres dedos tapan buracos e os outros dous suxeitan o instrumento, un tubo moi longo e delgado facilita a formación de armónicos e, xa que logo, a execución dunha escala enteira aínda que só haxa tres buracos) mentres coa outra se toca un tambor. Neste grupo hai numerosos exemplares: o pipe and tabor que interpreta a Morris dance en Inglaterra, o galoubet da Provenza, o flageolets, o txistu do País Vasco, a frauta da Maragatería, o pito rociero de Andalucía, etc. Aínda que non teñan tres buracos senón máis, os diferentes tipos de frautíns forman parte deste mesmo grupo.
  • Frautas de recipiente. Teñen a particularidade de que o resoador non ten forma tubular e si globular. Algunhas teñen buracos e poden articular algún tipo de melodía, pero outros son simples chifres. Os chifres metálicos máis habituais son deste tipo. Algúns son feitos de arxila. Hainos que se sopran no extremo, sen portelo, e outros con bisel despois da canle de aire e do portelo. Na cultura azteca foron moi frecuentes, feitas con arxila e representan seres mitolóxicos diversos. Tamén a ocarina forma parte desta tipoloxía, do mesmo xeito que o xun chinés e varias frautas globulares africanas.
Diagrama dunha frauta traveseira.
  • Frautas traveseiras. Están estendidas en áreas moi extensas. Desde o Xapón (frauta Fuye, feita de cana de bambú), pasando por o ty ou ti-tzu da China, e o bansuri da India, ademais das propias de México -en cerámica- ou Suráfrica. Desde o século XVI, varios exércitos europeos comezaron a empregar como instrumento militar, tanto nas batallas como nas paradas e outros demostracións, un tipo de frauta traveseira pequena e aguda coñecida nome pífano, que foi inmortalizada por Édouard Manet no cadro que leva o mesmo nome. Na tradición da música clásica, a parte da frauta traveseira en do, existe o frautín -que non incorporou un dos cambios máis importantes experimentados pola frauta traveseira e séguese facendo de madeira- que soa unha oitava máis aguda que a traveseira e que abunda nas orquestracións desde finais do século XIX. Separadamente, pero menos utilizadas que este, tamén existen a frauta contralto e a frauta baixa.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tenenbaum, David (xuño 2000). "Neanderthal jam" (en inglés). The Why Files. University of Wisconsin, Board of Regents. http://whyfiles.org/114music/4.html. Consultado o 8 de abril de 2012.
  2. Historia da frauta, UCLA. 8 de abril de 2012 (en inglés).
  3. BBC. "Is this bone a Neanderthal flute? [É esta unha frauta de óso de Neanderthal?]" (en inglés). http://news.bbc.co.uk/2/hi/science/nature/8117915.stm.
  4. Nicholas J. Conard, Maria Malina, and Susanne C. Münzel (August 2009). "New Flutes Document the Earliest Musical Tradition in Southwestern Germany". Nature 460 (7256): 737–40. Bibcode 2009Natur.460..737C. DOI:10.1038/nature08169. ISSN 0028-0836. PMID 19553935.
  5. 5,0 5,1 "'Oldest musical instrument' found". BBC World News. 2009-06-25. http://news.bbc.co.uk/1/hi/sci/tech/8117915.stm. Consultado o 26-6-2009.
  6. "Music for cavemen". MSNBC. 2009-06-24. http://cosmiclog.msnbc.msn.com/archive/2009/06/24/1976108.aspx. Consultado o 15-09-2012.
  7. Artigo de divulgación sobre o achado e gravación do son que pode producir unha reprodución desta frauta(en castelán)
  8. "Flutes Offer Clues to Stone-Age Music". The New York Times. http://www.nytimes.com/2009/06/25/science/25flute.html?_r=1&partner=rss&emc=rss. Consultado o 29-09-2012.
  9. Wilford, John N. (xuño 24, 2009). Flutes Offer Clues to Stone-Age Music. 459. p. 248–52. Bibcode 2009Natur.459..248C. DOI:10.1038/nature07995. PMID 19444215. http://www.nytimes.com/2009/06/25/science/25flute.html. Consultado o 18 de marzo de 2012.. Citation on p. 248.
  10. ‘Earliest musical instruments were first produced in Europe 40,000 years ago’ Universidade de Oxford (consultado o 6 de outubro de 2012)(en inglés)
  11. Gran Enciclopèdia de la Música. Barcelona, GEC
  12. Andrés, Ramon (1995): Diccionario de Instrumentos Musicales. Barcelona, Bibliograf
  13. "Frase de Aristóteles". http://www.frazz.com.br/frase.html/Aristoteles-Nos_escutamos_uma_ca-65180. Consultado o 18 de marzo de 2012.
  14. "Los Orígenes de las Primitivas Bandas". Histomúsica. http://www.histomusica.com/libros/bandas.php?capitulo=55.
  15. Rodríguez Suso, Carmen (1988): Un ejemplo de iconología musical: María Lactans y los Angeles en la Cataluña bajomedieval. Musiker: cuadernos de música, ISSN 1137-4470, Nº. 4, 1988, pags. 7-34
  16. Flute acoustics, UNSW. (en inglés) Consultado o 13 de maio de 2012.
  17. Wolfe, Joe. "Introduction to flute acoustics" (en inglés). UNSW Music Acoustics. http://www.phys.unsw.edu.au/music/flute/. Consultado o 13 de maio de 2012.
  18. "Frauta Doce e Frauta Transversal: Cal a diferenza?" (en pt). http://www.mundomax.com.br/blog/instrumentos-musicais/flauta-doce-e-flauta-transversal-qual-a-diferenca/. Consultado o 17 de febreiro de 2012.
  19. "Instrumentos -Frauta" (en pt). http://agnazare.ccems.pt/EB23EMUS/instrumentos/flauta.htm. Consultado o 17 de febreiro de 2012.
  20. Musical Instruments of the World. Diagram Group. 1976

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Frauta