Richard Wagner

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Richard Wagner
RichardWagner.jpg
Fotografía de Richard Wagner (München, 1871)
Fotógrafo: Franz Hanfstaengl
Nome completo Wilhelm Richard Wagner
Data de nacemento 22 de maio de 1823
Lugar de nacemento Leipzig, Flag of the Confederation of the Rhine.svg Confederación do Rin
Data de falecemento 13 de febreiro de 1883
Lugar de falecemento Venecia, Flag of Italy (1861-1946).svg Reino de Italia
Composicións máis destacadas * Der fliegende Holländer
* Tannhäuser
* Lohengrin
* Wesendonck-Lieder
* Tristan und Isolde
* Die Meistersinger von Nürnberg
* Der Ring des Nibelungen
**Das Rheingold
**Die Walküre
**Siegfried
**Götterdämmerung
* Parsifal
Parella/s Minna Planer, Cosima Wagner
Sinatura Richard Wagner Signature.svg
Richard Wagner coa súa muller Cosima.

Wilhelm Richard Wagner, nado en Leipzig o 22 de maio de 1813 e finado en Venecia o 13 de febreiro de 1883, foi un compositor, director de orquestra, poeta e teórico musical alemán. Wagner é coñecido principalmente polas súas óperas (se ben as súas derradeiras composicións escénicas foron denominadas por el mesmo polo nome "drama musical"), asumindo, á diferenza da meirande parte dos compositores de ópera, a elaboración da música e do libreto das mesmas.

Biografía[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Wilhelm Richard Wagner naceu o 22 de maio de 1813 na cidade alemá de Leipzig (daquela no Reino de Saxonia dentro da Confederación do Rin), concrétamente no nº 3 da rúa Brühl (A Casa dos Leóns Vermellos e Brancos), situada na xudería, sendo o noveno fillo de Carl Friedrich Wagner e Johanna Rosine Wagner (de solteira Paetz).[1][nota 1] Seu pai, un funcionario modesto, morreu aos seis meses de nacer Richard,[nota 2] En agosto de 1814, súa nai casa co actor, retratista e poeta Ludwig Geyer, de quen se especula podería ser o pai biolóxico de Wagner e co que tivo unha filla, Caecilie.[2] Geyer morreu cando Wagner contaba con apenas 10 anos. Dise que foi Geyer quen lle inculcou a paixón polo teatro e as artes.

Aos 15 anos de idade Wagner descobre a música e decide dedicarse a esta arte, polo que se inscribe na universidade da súa cidade natal en 1831. Entre os compositores que máis lle inflúen destaca Ludwig van Beethoven.

En 1832, Wagner comeza a composición da súa primeira ópera, Die Hochzeit (A voda) pero abandona a idea debido ao desagrado da súa irmá co argumento. A primeira ópera completa do xenial compositor, Die Feen (As Fadas) foi terminada en 1833 pero non sería estreada ata pouco logo da súa morte, en 1884.

Durante estes primeiros anos da súa carreira é nomeado director musical nas óperas de Wurzburgo e Magdeburgo. Entón escribe A prohibición de amar (Das Liebesverbot), ópera inspirada nunha peza de William Shakespeare (Measure for Measure). Presentou esta obra en 1836, pero foi acollida con pouco entusiasmo. Ese mesmo ano Wagner casa coa actriz Minna Planer. A parella trasládase a Königsberg e despois a Riga, onde Wagner ocupa o cargo de director musical. Tras algunhas semanas, Minna abandonao por outro home. Pouco despois ela regresa, pero a relación nunca se recompón e transcorrerá penosamente durante as tres seguintes décadas.

Sumidos nas débedas, os esposos abandonan Riga de xeito furtivo en 1839. Parten cara a Londres e no traxecto son vítimas dunha tormenta que inspira a Wagner O holandés errante (Der Fliegende Holländer). Os Wagner viven un período en París, onde Richard gaña a súa vida reorquestando as óperas doutros compositores.

Dresde[editar | editar a fonte]

En 1840, Wagner termina a súa ópera Rienzi. Regresa a Alemaña dous anos despois para estreala en Dresde, onde ten un éxito considerable. Os Wagner establécense nesta cidade durante seis anos. Neste período Wagner pon en escena O holandés errante e Tannhäuser, as súas primeiras obras mestras.

A estancia en Dresde acaba por mor da implicación de Wagner en medios anarquistas. Nos estados alemáns independentes da época, un movemento nacionalista comeza a facerse entender, reclamando a liberdade, así como a unificación nacional alemá. Wagner chega a frecuentar a Mijaíl Bakunin.

En 1849 estala unha revolución que foi reprimida polo rei Federico II co apoio de Prusia. Wagner vese forzado a fuxir, primeiro a París e logo a Zúric.

Exilio[editar | editar a fonte]

Wagner pasaría os doce anos seguintes no exilio. Tendo rematado Lohengrin antes da chamada insurrección de Dresde, acode ao seu amigo Franz Liszt, a quen lle pide velar por que esta ópera sexa representada na súa ausencia. Así, en agosto de 1850, Liszt dirixe en persoa a estrea en Weimar.

Con todo, Wagner atopábase nunha situación moi precaria, marxinado do mundo musical alemán, sen ingresos e con moi pouca esperanza de poder facer representar as obras que elaboraba. A súa muller, Minna, quen pouco apreciara as súas últimas óperas, encerrábase aos poucos nunha profunda depresión. Aínda por riba de males, o mesmo Wagner enfermouse de erisipela, o que aumentou aínda máis a dificultade do seu traballo.

Apadriñado por Luís II[editar | editar a fonte]

A carreira de Wagner toma un xiro inesperado en 1864, cando o rei Luís II de Baviera accede ao trono á idade de 18 anos. O novo rei, que admira a obra de Wagner desde a súa infancia, invita ao compositor a Múnic, paga as súas cuantiosas débedas e apoia o desenvolvemento da súa nova ópera. O rei Luís II foi coñecido polas súas tendencias homosexuais e tería un desexo reprimido por Wagner.

A pesar das dificultades, a presentación de Tristán e Isolda o 10 de xuño de 1865 é un éxito contundente.

En abril de 1865, Cosima, filla de Franz Liszt casada con Hans Guido von Bülow, dá a luz unha filla de Wagner. O escándalo fai crecer a presión sobre o rei para que expulse a Wagner da cidade. Luís II chega a pensar en abdicar para seguir a Wagner no exilio, pero o músico logra persuadilo.

Wagner trasládase ás proximidades de Lucerna. En 1867 termina a súa ópera Os mestres cantores de Núremberg (Die Meistersinger von Nürnberg). Tres anos despois, Cosima divórciase e contrae matrimonio con Wagner, quen lle ofrece o Idilio de Sigfrido con ocasión do seu aniversario. A parella ten outros dous fillos: Eva e Sigfrido (ademais de Isolda, filla da relación extramatrimonial).

Durante varios anos, o filósofo Friedrich Wilhelm Nietzsche foi un amigo próximo de Wagner, aínda que a relación terminou en inimizade.

O ciclo do Anel[editar | editar a fonte]

Wagner adicou máis de vinte e cinco anos da súa vida á concepción da máis ambiciosa das súas obras: o ciclo de catro óperas, un prologo e tres xornadas, que se coñece como O anel do nibelungo.

En 1848 Wagner escribiu un texto que titulou O mito nibelungo, a partir de diversas fontes de orixe medieval. O texto, que combina distintas sagas e lendas nunha soa liña narrativa, pode ser considerado o precedente claro da trama do ciclo do Anel.

Como sempre, Wagner escribiu integramente o libreto de cada unha das óperas, empezando polo libreto que chamou primeiro A morte de Sigfrido (Siegfrieds Tod) e que terminou converténdose posteriormente en O ocaso dos deuses. Entendendo que necesitaba unha ópera previa, escribiu o libreto O mozo Sigfrido (logo convertido en Sigfrido) que terminou en 1851, ano en que decidiu que debía completar o ciclo completo, que debería ser representado en catro noites consecutivas: O ouro do Rin, A valquiria, O mozo Sigfrido, e A morte de Sigfrido.

Terminou os textos de O ouro do Rin e de A valquiria en 1852. A partir de entón traballou de forma descontinua nas partituras, que foron compostas na orde no que se representan as óperas, o que se percibe claramente na forma na que se van incorporando progresivamente os distintos motivos ou leitmotiv á obra.

O traballo de composición foi bastante continuado entre 1852 e 1857, pero unha vez finalizado o segundo acto de Sigfrido, Wagner interrompeu a composición do ciclo uns doce anos, durante os que escribiu Tristán e Isolda e Os mestres cantores de Núremberg.

En 1869 volveu á composición de Sigfrido, terminando en outubro a composición de O ocaso dos deuses.

O ciclo completo non foi representado ata o verán de 1876, unha vez terminada, non sen grandes esforzos, a construción do teatro promovido en Bayreuth por Wagner para a representación do Anel, nas condicións requiridas polo mestre.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Logo de anos de esforzo e grazas á axuda financeira do seu benefactor Luís II (a pesar de todo), Wagner consegue finalmente inaugurar en 1876 o seu personalísimo Festival de Bayreuth na cidade homónima. Para iso construír un teatro a medida, o Bayreuther Festspielhaus, no que se seguen representando as súas obras, ano tras ano, desde entón (salvo o paréntese causar polas dúas guerras mundiais).

En 1877, Wagner inicia a súa última ópera, Parsifal. Tardou en compola catro anos, durante os cales escribe tamén unha serie de ensaios sobre a relixión e a arte.

Parsifal estréase en xaneiro de 1882. Nesta época Wagner está gravemente enfermo. A familia Wagner viaxa a Venecia no inverno. O 13 de febreiro de 1883, Wagner morre por mor dunha crise cardíaca. O seu corpo é repatriado e inhumado no xardín de Wahnfried, a súa vila en Bayreuth.

Produción literaria[editar | editar a fonte]

Portada da primeira edición de Oper und Drama (1851).

Wagner foi un escritor extremádamente prolífico, escribindo centos de libros, , poemas e artículos, así como unha gran correspondencia que abrangue toda a súa vida. As súas obras literarias cubren unha ampla temática, incluíndo a política, a filosofía e detalladas análises das súas óperas. Entre os ensaios compre salientar Die Kunst und die Revolution (Arte e revolución, 1849); Oper und Drama (Ópera e drama, 1851), un ensaio sobre teoría operística; e Das Judenthum in der Musik (O xudaísmo na música, 1850), un polémico ensaio dirixido contra os xudeos en xeral e contra Giacomo Meyerbeer en particular. Wagner planeou a publicación dunha edición de todas as súas publicacións para o 1865;[3] el cría que esta edición podería axudar ao mundo a entender o seu desenvolvemento intelectual e obxectivos artísticos.[4] A primeira destas edicións foi publicada entre 1871 e 1883, mais foi manipulada para suprimir ou alterar artigos que eran unha vergoña para el (por exemplo as alabanzas a Meyerbeer), ou mediante a alteración da data de algúns artigos.[5]

Tamén escribiu varias obras autobiográficas, como Mein Leben (Miña vida, 1880), que foi orixinalmente publicada para amigos cercanos nunha edición moi pequena (unhas 15 ou 18 copias por volume) en catro volumes entre 1870 e 1880. A primeira edición pública (con moitas partes suprimidas por Cosima) apareceu en 1911, aínda que o primeiro intento dunha edición completa (en alemán) non apareceu ata 1963.[6]

Nos seus últimos anos converteuse nun enérxico opositor da experimentación co animais, e en 1879 publicou unha carta aberta, Contra a vivisección, en apoio do activista polos dereitos dos animais Ernst von Weber.[7]

Existen varias edicións modernas completas ou parciais das obras literarias de Wagner,[8] incluíndo a edición do centenario en alemán editada por Dieter Borchmeyer (que sen embargo omitiu o ensaio Das Judenthum in der Musik e Mein Leben).[9] Hai prevista unha edición completa da correspondencia do compositor, que se estima ascenderá a entre os 10.000 e os 20.000 artigos, cuxo primeiro volumo apareceu en 1967,[10] e que está supervisada polo Instituto de Investigación Musical da Julius-Maximilians-Universität Würzburg. Do mesmo xeito en 2012 apareceron 20 volumos que abarcan o período de 1870.[11]

Ideoloxía de Wagner[editar | editar a fonte]

Patriotismo alemán[editar | editar a fonte]

Wagner foi ao principio -arrastrado polas ideas da revolución e dun renovado cristianismo- un home en favor da fraternidade dos pobos. Porén, pronto foi facéndose cada vez máis un nacionalista alemán, influído por xente como o Conde de Gobineau. Este nacionalismo pode verse claramente reflectido tanto nos argumentos das súas obras como nas súas mitológicos personaxes. Unha idea que repetiu moito foi a das colonias alemás, como pode verse na súa obra póstuma Relixión e arte.

Monarquía[editar | editar a fonte]

Richard Wagner sempre defendeu o concepto que se coñece como monarquía absolutista, aínda que defendía o dereito á liberdade do pobo. É dicir, que quería unha aristocracia e un goberno que tivese a autoridade para facer o que considerase oportuno e ao mesmo tempo o pobo non estivese tiranizado.

Relixión[editar | editar a fonte]

Acerca deste tema dinos Houston Stewart Chamberlain:

A relixión é, segundo Wagner, para a vida interior, o que a monarquía é para a exterior. Ata naqueles anos (1848-1852), nos cales Wagner estaba case directamente enemistado co Cristianismo xa histórico, non existe nin un escrito seu en que non fale da relixión como fundamento de "a propia dignidade humana", como "a fonte de todo arte", etc. As igrexas, pola contra, e a cristalización da revelación en dogmas -aínda que na súa maioría son tratadas por Wagner con gran respecto e danlle a oportunidade de tratalas cheas de luz-, parece que persoalmente lle son alleas, de maneira que se poden ler todos os seus escritos sen adiviñar a que confesión cristiá pertence el e, desde logo, nin das súas doutrinas, nin das súas obras artísticas, ningunha forma especial de Cristianismo ten o dereito de atribuírllo.
Houston Stewart Chamberlain, Richard Wagner. Ideoloxía

Aínda que segundo Hirschberger no seu libro The History of Philosophy,[12] Wagner finalmente converteuse ao cristianismo, para gran desilusión de Nietzsche, quen se inspirou nel antes e ata a súa conversión.

Algúns autores téñeno situado na esfera da relixión profunda e o simbolismo relixioso, así o escritor Mario Roso de Luna na súa obra, Wagner, mitólogo y ocultista, fai un estudo da relación das obras de Wagner cos mitos e a tradición de oriente e occidente. O escritor Samael Aun Weor na súa obra El Parsifal develado estuda a linguaxe iniciática das obras do maestro así como o significado simbólico das personaxes desta obra wagneriana.

Wagner e antisemitismo[editar | editar a fonte]

Portada da versión de 1869 de Das Judenthum in der Musik.

O antisemitismo de Wagner maniféstase no seu ensaio Das Judenthum in der Musik (O xudaísmo na música) publicado anónimo no seu momento (1850) e máis adiante baixo o seu nome. Nel, Wagner deplora a xudaización da arte moderna e sostén a tese segundo a cal "o xudeu" é realmente incapaz de expresarse artisticamente non pola súa aparencia exterior nin pola súa lingua, pero polo menos si polo seu canto, no entanto "aquel" chegue na música ao dominio do gusto público.

No seu ensaio Que é alemán? de 1865, Wagner intenta explicar o fracaso da Revolución de 1848 debido ao feito de que ao verdadeiro auténtico alemán -e os seus nomes- representoullo tan subitamente por unha clase de xente que era totalmente allea a el.

Ademais, sobre o círculo bayreuthiano ao redor de Richard e Cósima Wagner introduciuse na sociedade alemá, na segunda metade do século XIX, un racismo nunha forma totalmente nova: un racismo biologizante. Foi esencialmente representado polo francés Arthur de Gobineau, que impresionou a Wagner, e o inglés ?alemán de adopción- Houston Stewart Chamberlain. Ambos propagaron a superioridade dunha "raza aria" fronte ao judaísmo. Chamberlain casou en 1908 con Eva, filla de Wagner.

Algúns autores reclaman unha contradición dos argumentos sobre este tema, xa que Richard Wagner demostra aos seus amigos e compañeiros de traballo xudeus unha gran confianza. Entre outros coñecidos do autor destácanse: o seu axudante Karl Tausig, Joseph Rubinstein, Angelo Neumann e a famosa cantante Lilli Lehmann. A estrea do seu último traballo Parsifal confioullo ao director de orquestra Hermann Levi en Bayreuth.

A execución das obras de Wagner aínda é ardentemente controvertida en Israel. Así, por exemplo, a representación da abertura da ópera Tristán e Isolda en dirección do arxentino Daniel Barenboim en xullo de 2001 conduciu a un escándalo. Impedíronse outras representacións wagnerianas, en parte debido á sabotaxe con protestas por parte de sobrevivientes do Holocausto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dos seus fillos, dous (Carl Gustave e Maria Theresia) morreron sendo nenos. Os outros foron os seus irmáns Albert e Carl Julius, e as súas irmás Rosalie, Luise, Clara e Ottilie. Todos eles, agás o orfebre Carl Julius, tiveron carreiras relacionadas coa escena. Wagner tamén tivo unha media irmá máis nova que el, Caecilie, nada do matrimonio entre súa nai e o seu segundo home Geyer en 1815
  2. A data e as causas da morte de seu pai varían dependendo das fontes: na biografía de Wagner realizada para Naxos por Jesús Trujillo Sevilla, a morte produciuse tan só un mes despois do nacemento do compositor, e a causa sería unha epidemia de peste; pola súa, Ana Nuño na biografía realizada para RBA e Deutsche Grammophon sostén que foron tres meses, e que a súa morte se tería producido o 23 de novembro dese mesmo ano.
Referencias
  1. Wagner (1992) 3; Newman (1976) I, 12
  2. Millington (1992) 97
  3. Millington (2001) 193
  4. Millington (2001) 194
  5. Millington (2001) 194–5
  6. Millington (2001) 185–6
  7. Millington, The Wagner Compendium, pp. 174–177.
  8. Millington (2001) 195
  9. Borchmeyer, Richard Wagner Dichtungen und Schriften.
  10. Millington, The Wagner Compendium, pp. 190, 412.
  11. Edición da Correspondencia de Richard Wagner (en alemán)
  12. Hirschberger, J. The History of Philosophy, vol. 2, Bruce, Milwaukee, 1959, p. 507.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Richard Wagner
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Richard Wagner

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]