Friedrich Hölderlin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Friedrich Hölderlin.
Casa natal de Hölderlin, de autor descoñecido, ca. 1840.

Friedrich Hölderlin (Lauffen am Neckar, Baden-Württemberg, 20 de marzo de 1770 - Tübingen, 7 de xuño de 1843), poeta alemán do romanticismo. Considéraselle un dos máis grandes poetas líricos en alemán. As súas obras mesturan elementos do clasicismo e temas cristiáns.

A súa novela epistolar Hyperion (1797-99), escrito logo da revolta dos gregos contra os turcos otomanos (1770), é a expresión lírica da súa crenza nun novo Cristo grego, símbolo espiritual da rexeneración, que sobrepuxa a fraxilidade e a alienación dos homes.

Biografía[editar | editar a fonte]

Hölderlin dedicouse á literatura por un período de tempo de arredor de dous anos. Durante a súa vida non coñecería nin estabilidade nin felicidade, segundo confesou el mesmo, chegándolle a faltar tanto o diñeiro como o recoñecemento. O enfrontamento coa sociedade a raíz dun asunto amoroso cunha muller casada, levaríao ao final á tolemia: Son mortal, nado para o amor e para o sufrimento. Rexeitou a habitual aceptación idealista da felicidade; para el existe o pracer, mais é auga tépeda sobre a lingua.

Hölderlin perdeu o seu pai, administrador dun mosteiro local, á idade de dous anos. Poucos anos despois, súa nai, Johanna Christina Hölderlin, casou co gobernador de Nürtingen. Con catorce anos, comezou a escribir poemas, lidos polos seus compañeiros de escola e polos seus profesores. En 1788, ingresou na Universidade de Tübingen, estudando teoloxía e obtendo o título de mestre. Durante este período fíxose amigo de Hegel (1770-1831), compartindo ambos os dous unha grande admiración pola Revolución Francesa.

En 1793 foi presentado a Friedrich Schiller, que publicou algúns dos seus poemas. Traballou como preceptor en Waltershausen. Un punto de inflexión na súa vida aconteceu cando foi nomeado preceptor na casa dun riquísimo banqueiro de Frankfurt, Jakob Gontard. Hölderlin viviu unha historia de amor coa muller do seu patrón, Suzette Gontard, a quen denominaba Diotima nos seus poemas. A súa felicidade foi de curta dura, ao ser sabedor o home da relación. Porén, continuaríanse a escribir e a verse en segredo. Encontráronse por última vez en 1800. As cartas de Suzette ao poeta dan abondo información sobre a súa historia de amor.

Cansado dos sensabores amorosos, Hölderlin deixou Frankfurt no ano 1798. Comezou entón un período de intensa creatividade, con as súas grandes elexías e o segundo volume de 'Hiperión. Escribiu tamén textos filosóficos e unha traxedia, "Der Tod des Empedokles" (A morte de Empédocles), que quedou inconclusa. No final do seu grande himno 'Patmos', o poeta manifesta que a función principal do poeta é o cultivo da palabra e a interpretación da realidade. Pouco antes da súa viaxe a Francia, declarou: "Agora podo reencontrar unha una nova verdade, unha mellor visión en gran parte sobre nos mesmos e sobre o noso entorno, pensando que teño medo destas cousas que poden eventualmente asociarse en min como o vello Tántalo, que recibira dos deuses máis do que lle fora posíbel dixerir." Logo dun breve traballo como preceptor en Bordeos, Hölderlin volveu a Alemaña en 1802.

Por desgraza, esta viaxe agravou o seu estado de esquizofrenia. De retorno a Nürtingen soubo da morte de Suzette. En 1805 a súa saúde mental degradouse totalmente. Durante certos períodos, cando atinxía bastante lucidez para escribir, traducía as traxedias de Sófocles.

Os últimos 36 anos da vida de Hölderlin desenroláronse baixo a sombra da loucura, nunha casa de repouso de Tübingen. Faleceu o 7 de junt de 1843.

Obras[editar | editar a fonte]

En galego[editar | editar a fonte]

Álvaro Cunqueiro fixera algunhas versións de Hölderlin en galego:

  • Adeus, en La Noche. Suplemento del sábado, nº 5. Santiago de Compostela. 1949
  • Edades da vida, ibídem, nº 5. Santiago de Compostela. 1949
  • Primaveira, ibídem, nº 5. Santiago de Compostela. 1949