Propaganda nazi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joseph Goebbels, ministro de propaganda nazi

A propaganda foi usada polo NSDAP nos anos previos e durante o liderado de Adolf Hitler en Alemaña (1933–1945). A propaganda nacionalsocialista proporcionou un instrumento crucial para adquirir e manter o poder, e para a posta en funcionamento das súas políticas, incluída a persecución da guerra total e o exterminio de millóns de persoas no Holocausto.

O uso xeneralizado da propaganda polos nazis é en gran parte responsable de que que a palabra "propaganda" adquirise as súas actuais connotacións negativas.[1]

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Na oposición (1919-1933)[editar | editar a fonte]

O líder nazi Adolf Hitler dedicou tres capítulos do seu libro Mein Kampf, xa de por si un instrumento propagandístico, ao estudo e a práctica da propaganda. Nel afirmaba ter aprendido o seu valor como soldado de infantaría na primeira guerra mundial exposto a unha propaganda británica moi eficaz e a outra alemá ineficiente. O argumento de que Alemaña perdeu a guerra en gran parte debido á propaganda británica, exposto en detalle no libro, reflicte as reivindicacións nacionalistas alemás comúns naquel momento. Aínda que non foi certo (a propaganda alemá durante a guerra era maiormente máis avanzada que a británica) converteuse na verdade oficial da Alemaña nazi grazas a Hitler.[2]

Mein Kampf contén as bases dos posteriores esforzos en propaganda dos nazis. Avaliando o seu público, Hitler escribe no capítulo VI:

A propaganda debe sempre dirixirse ás grandes masas do pobo. (...) Toda propaganda debe presentarse nunha forma popular e debe fixar o seu nivel intelectual co fin de non estar por riba das cabezas dos menos intelectuais daqueles aos que se dirixe. (...) A arte da propaganda consiste precisamente en ser capaz de despertar a imaxinación do público a través dun chamamento aos seus sentimentos, en fatopar a forma psicolóxica axeitada que capte a atención e a atracción dos corazóns das masas nacionais. As amplas masas de xente non están formadas por diplomáticos ou catedráticos de dereito, nin sequera por persoas que son capaces de formarse un xuízo razoado en determinados casos, senón por unha multitude vacilante de criaturas que está constantemente dubidando entre unha idea e outra. (...) A gran maioría dunha nación é tan feminina no seu carácter e na perspectiva que o seu pensamento e conduta están rexidas polo sentimento en vez de por un razoamento sobrio. Este sentimento, porén, non é complexo, senón sinxelo e consistente. Para el non existen moitas diferenciacións, senón un extremo negativo e outro positivo: amor e odio, ben e mal, verdade e mentira

En canto aos métodos que deben empregarse, explica:

A propaganda non debe investigar a verdade obxectiva e, na medida que é favorable ao outro bando, presentarse de acordo coas regras teóricas da xustiza; aínda que debe presentarse só este aspecto da verdade cando é favorable ao seu propio bando. (...) Os poderes receptivos das masas están moi restrinxidos, e o seu entendimento é feble. Por outra banda, eles esquecen rápido. Sendo este o caso, toda propaganda efectiva debe limitarse ao máis esencial e isto debe expresarse na medida do posible con fórmulas estereotipadas. Esas consignas deberían repetirse persistentemente ata que o último individuo chegue a captar a idea proposta. (...) Cada cambio realizado no obxecto dunha mensaxe propagandística debe sempre enfatizar a mesma conclusión. A consigna principal debe por suposto ilustrarse de moitas formas e dende distintos ángulos, pero ao final sempre hai que volver á afirmación da mesma fórmula.

Hitler puxo estas ideas na práctica co restablecemento do Völkischer Beobachter, un xornal diario publicado polo Partido Nazi (NSDAP) dende febreiro de 1925 e que chegou a unha tirada de 26.175 exemplares en 1929. A este uníuselle en 1926 o Der Angriff de Joseph Goebbels, outro xornal descaradamente propagandístico.

Durante a meirande parte do tempo dos nazis na oposición os seus medios de propaganda foron limitados. Con pouco acceso aos mass media, o partido continuou dependendo fortemente de Hitler e outros membros falando en reunións ata 1929.[3] En abril de 1930 Hitler nomeou a Goebbels xefe da ropaganda do partido. Goebbels, antigo xornalista e un dos dirixentes do partido en Berlín, ao pouco tempo demostrou as súas habilidades. Entre os seus primeiros éxitos estivo a organización de manifestacións con tumultos que lograron que a película antibélica estadounidense All Quiet on the Western Front fose prohibida en Alemaña.[4]

No poder (1933-1939)[editar | editar a fonte]

Antes da segunda guerra mundial, a estratexia propagandística nazi, oficialmente promulgada polo Ministerio de Instrución Pública e Propaganda, destacou en varios temas. Os seus obxectivos eran establecer inimigos externos (países que terían inflinxido o Tratado de Versalles a Alemaña) e inimigos internos, como xudeus, romaneses, homosexuais, bolxeviques e temas como a arte dexenerada. Hitler e os propagandistas nazis xogaron co antisemitismo e o resentimento presentes no país. Os xudeus foron acusados de cousas como roubarlles aos alemáns os froitos do seu traballo duro mentres que eles evitaban os esforzos físicos. Der Stürmer, un xormal propagandístico nazi, díxolles aos alemáns que os xudeus secuestraban nenos antes da Pascua porque "os xudeus precisaban o sangue de nenos cristiáns, quizais, para mesturalo co seu matzá". Carteis, películas, ilustracións e folletos foron vistos por toda Alemaña atacando a comunidade xudía, como o filme de 1940 Der ewige Jude.

Pouco despois de facerse co poder en 1933 establecéronse campos de concentración para opoñentes políticos. As primeiras persoas enviadas alí foron comunistas. Mandáronos debido aos seus lazos coa Unión Soviética e porque o nazismo se opuxo en gran medida ao comunismo. En 1935 introducíronse as leis antisemitas en Alemaña coñecidas como as Leis de Nuremberg, que prohibían aos non arios e aos opoñentes políticos dos nazis exercer cargos públicos e ter relacións sexuais e casar con persoas consideradas arias. As Leis de Nuremberg estaban baseadas na pureza racial, e buscaban preservar a raza aria que estaba á cabeza da xerarquía racial nazi, e que se dicía era a "herrenvolk" (raza superior),[5] e ensinar ao pobo alemán que visen os xudeus como subhumanos.

Un importante piar político e ideolóxico era a unificación de todas as persoas de etnia alemá que vivían fóra das fronteiras do Reich baixo a Grande Alemaña. En Mein Kampf, Hitler fixo unha referencia directa a aqueles que estaban fóra de Alemaña. Falaba da dor e a miseria aos que se vían forzados os que estaban fóra do país, e que soñaba cunha patria común. Rematou afirmando que necesitaban loitar por unha única nacionalidade. Ao longo de Mein Kampf, empurrou os alemáns de todo o mundo a que tivesen como principal obxectivo loitar polo poder político e a independencia. A propaganda nazi usou a política Heim ins Reich para lograr isto, a cal comezou en 1938.

Os esforzos da propaganda nazi centráronse entón en crear inimigos externos. Os propagandistas fortaleceron a actitude negariva de Alemaña cara ao Tratado de Versalles por reclamacións territoriais e etnocentrismo. Cando o tratado foi asinado en 1919 os titulares dos xornais non propagandistas de todo o país falaron dos sentimentos dos alemáns. "INACCEPTABLE", titulou o Frankfurter Zeitung. O Berliner Tageblatt escribiu "Se aceptamos as condicións, un furor militar de vinganza soará en Alemaña dentro duns poucos anos, un nacionalismo militante engulirao todo". Hitler, coñecedor do malestar da súa nación co tratado, usou este feito para influír no seu público. Referiuse repetidamente aos termos do tratado como un ataque directo a Alemaña e á súa xente. Nun discurso realizado o 30 de xaneiro de 1937 declarou directamente que retirara a sinatura alemá do documento para protestar polas indignantes proporcións dos termos. Afirmou que o tratado facía de Alemaña un país inferior aos outros só porque a culparon da guerra na que a puxeron. O éxito dos propagandistas nazis e o control que Hitler gañou co partido en Alemaña finalmente levaría cara á segunda guerra mundial.

Durante meses antes do estoupido do conflito en 1939, os xornais e os líderes alemáns levaron a cabo unha campaña propagandística nacional e internacional acusando as autoridades de Polonia de organizar ou tolerar violentas limpezas étnicas contra os alemáns que vivían no país. O 22 de agosto Adolf Hitler díxolle aos seus xenerais:

Proporcionarei un propagandístico casus belli. A súa credibilidade non importa. Non se lle pide ao vencedor que diga a verdade.

A parte principal desta campaña foi o proxecto de bandeira falsa Operación Himmler, que foi deseñado para crear a aparencia dunha agresión polaca a Alemaña, e que sería posteriormente usada para xustificar a invasión de Polonia.

Durante a guerra (1939-1945)[editar | editar a fonte]

Ata o remate da Batalla de Stalingrado o 4 de febreiro de 1943, a propaganda nazi enfatizou a destreza das armas alemás e a humanidade que os seus soldados amosaran coas xentes dos territorios ocupados. Os pilotos das frotas de bombardeo aliadas eran representados como asasinos covardes, e os estadounidense en particular como gánsters ao estilo de Al Capone. Ao mesmo tempo, a propaganda alemá intentou que os estadounidenses e británicos se afastasen entre si, e estas dos soviéticos. Unha das principais fontes de propaganda foi o Wehrmachtbericht, unha emisión de radio diaria que describía a situación militar de todas as frontes. As vitorias nazis permitían doadamente estas emisións propagandísticas e nese momento era difícil que se puidesen utilizar mal. Sátiras dos derrotados, relatos de ataques, e gabanzas polos caídos eran todos recursos útiles para os nazis. Porén, as derrotas non foron facilmente amañadas incluso nesta etapa; cando o Ark Royal demostrou que sobrevivira a un ataque alemán que a propaganda publicitara, o resultado foi considerablemente vergonzoso.

Tras Stalingrado, o tema principal cambiou a Alemaña como única defensora do que eles chamaban "cultura europea occidental" contra as "hordas bolxeviques". A aparición das "armas da vinganza" V-1 e V-2 foi enfatizada para convencer os británicos da falta de esperanza para derrotar a Alemaña.

Nesta etapa comezaron a xurdir doadamente problemas coa propaganda; formuláranse unhas expectativas de éxito demasiado altas e moi rapidamente, as cales requirían explicacións se non se cumprían, mitigando os efectos dos éxitos e calando as equivocacións provocando desconfianza.

Medios[editar | editar a fonte]

Xornais[editar | editar a fonte]

A diferenza doutros países, como Reino Unido ou Francia, en Alemaña non había unha gran prensa de difusión nacional, senón que tiña unha estrutura rexional ou como moito interrexional. Cando o partido nazi chegou ao poder publicábanse no país 4.700 diarios, e este só controlaba 121 publicacións. En algo menos de dous anos o partido publicaba directamente 436 diarios e controlaba toda a prensa alemá.[6]

O Völkischer Beobachter ("Observador do pobo") foi o diario oficial do NSDAP dende decembro de 1920. Difundía a ideoloxía nazi en forma de breves hipérboles dirixidas contra a debilidade do parlamentarismo, os males do xudaísmo e bolxevismo, a humillación nacional do Tratado de Versalles e outros temas do estilo. A este uníuselle en 1926 Der Angriff ("O ataque"), un xornal semanal e posteriormente diario fundado por Joseph Goebbels. Estaba principalmente dedicado a atacar os opoñentes políticos e os xudeus (unha das súas características máis rechamantes eran as caricaturas antisemitas de Hans Schweitzer), pero tamén glorificaba os heroes nazis como Horst Wessel.[3] O Illustrierter Beobachter foi o seu xornal semanal ilustrado.

Outras publicacións nazis eran:

  • Das Reich, unha publicación máis moderada e culta dirixida a intelectuais e estranxeiros.
  • Der Stürmer, o máis antisemita de todos.
  • Das Schwarze Korps, unha publicación das SS, cun ton máis intelectual.

Despois da chegada de Hitler ao poder en 1933, toda a prensa regular quedou totalmente baixo o control editorial nazi a través da política do Gleichschaltung, e tamén se estableceron xornais propagandísticos de curta vida nos territorios conquistados durante a segunda guerra mundial. Alfred Rosenberg foi un membro clave do partido nazi que tomou control dos seus xornais o cal foi abertamente eloxiado por Hitler. Porén, Hitler non estaba satisfeito co seu traballo e calumniouno ás súas costas desacreditándoo.

Xornais nos países ocupados[editar | editar a fonte]

En Ucraína, despois de que os nazis reprimiran os xornais, a meirande parte deles só escribían artigos de axencias alemás, producindo o estraño efecto de que había máis noticias antiestadounidense e antibritánicas que anticomunistas. Tamén imprimiron artigos sobre os antecedentes do dominio dos alemáns sobre Ucraína, como Catarina a Grande e os godos.

Discursos[editar | editar a fonte]

O partido nazi baseábase en gran parte nos oradores que facían as súas presentacións propagandísticas, máis intensamente antes de que chegase ao poder, pero tamén despois.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Welch, 6.
  2. Welch, 11.
  3. 3,0 3,1 (Welch 1993, p. 13)
  4. Welch, 14.
  5. The Breman Museum (ed.). "Teoría racial nazi". Consultado o 4 de xuño de 2014. 
  6. Pizarroso, p 338

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pizarroso Quintero, Alejandro (1990). Historia de la propaganda. Eudema. ISBN 9788477540632.
  • Welch, David (1993). The Third Reich: Politics and Propaganda. Routledge. ISBN 0-203-93014-2.