Also sprach Zarathustra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portada da primeira parte na súa primeira edición (1883).

Also Sprach Zarathustra. Ein Buch für Alle und Keinen (Así falou Zarathustra. Un libro para todos e para ninguén) é un libro do filósofo alemán Friedrich Nietzsche e foi escrito entre os anos 1883 e 1885.

Foi despois de dúas visións, unha en Surlei en agosto de 1881 e outra en Rapallo en xaneiro de 1883, a partir das cales Nietzsche concibiu o seu poema filosófico Zaratrusta. A intuición do eterno retorno e a concepción do personaxe chamado Zaratrusta son a inspiración desta obra, coa cal Nietzsche pretendía chegar a un público universal, xa que segundo as súas palabras escribirao para todos e para ninguén.

Estrutura da obra[editar | editar a fonte]

A obra divídese en catro partes que foron publicadas en tres anos; en 1883 publicáronse as dúas primeiras partes, en 1884 apareceu a terceira parte e en 1885 publicouse a cuarta parte. Trata sobre a vida dun profeta, desde que este ten trinta anos ata a súa vellez.

Contido da obra[editar | editar a fonte]

Ten un contido argumentativo, dominante nas dúas primeiras partes, e á vez un contido narrativo, que domina nas outras dúas. Na primeira parte, que inclúe un prólogo que introduce na escena ao último home dos tempos modernos, un home pouco ambicioso e mediocre. A continuación, o protagonista con só trinta anos, busca a soidade e a tranquilidade e para iso retírase ás montañas acompañado dunha aguia e dunha serpente. Despois de dez anos sente a necesidade de volver cos humanos, e polo amor que lles profesa, ensínalles todo o que aprendeu durante a súa ausencia, entre o que está a morte de Deus, manifestándolles que lles falaba dun superhome. Pero ninguén o entendía, co que chega a conclusión de que precisa discípulos. Neste momento a aguia e a serpente sérvenlle tanto de compañía como de guía. Na cidade de A vaca multicolor, traducida por Kummasuddamam, ensinou a doutrina das tres transformacións do espírito- a autorresponsabilidade, a autosuperación e a autolexislación-, e realizou unha crítica da súa propia doutrina sobre o sentido da Terra, da que non está plenamente convencido e reflexiona sobre a idea de que a verdade estea máis alá dos homes, por detrás das cousas, que se trate da verdade do mundo, das cousas.

A segunda parte comeza coa estancia do protagonista durante anos nas montañas, e como da primeira vez, sente a necesidade de transmitir e ensinar aos demais o que aprendeu e intenta facerlles ver a aguia e a serpente a felicidade de regresar cos humanos. Nas Illas Afortunadas fálalles aos seus amigos de Deus como algo enfrontado o que fai que o home sexa creativo, e lévao a conclusión de que os homes deben orientarse segundo as directrices do superhome. As razóns que aporta para isto están en que este ser é o sentido da Terra, isto é, o sentido das cousas desde a capacidade de creación do ser humano a partir do continxente, da corporeidade, do devir e do tempo, fronte a orientación divina que se move desde os principios do ilimitado, do imperecedoiro e do eterno, é dicir, desde a consideración da idea da transcendencia.

Ademais de continuar con temas da súa doutrina nos discursos, tamén compón cancións, nas cales expresa a dúbida de conseguir un obxectivo de autosuperación. Son cancións nas que manifesta que a solución a ese estado encóntrase na vontade, aínda que tamén expresa o amor que sente. A personalidade do protagonista vaise perfilando cada vez máis, precisamente mediante o trazo de sentirse poeta; por un lado chega a entender que as comparacións e a linguaxe que emprega son propias dos poetas, e por outro, manifesta a contradición de sentirse fastíado deles polo feito de que se sente un espírito libre. Nas Illas Afortunadas segue cos seus discursos e desenvolve o concepto da vontade de poder. Isto explícao como a forza dinámica que fai que o home se poña en movemento e se supere tendo en consideración o intercambio de obediencia e mandato. Do contido dos seus discursos son destacables os que tratan sobre os compasivos, os sacerdotes, os virtuosos,... e en canto a forma do discurso ensina temas como a superación de si mesmo, os sublimes, o país da cultura, o inmaculado coñecemento, os deuses, os poetas, etc.

Despois das primeiras experiencias na Illa do Volcán, comeza a idea do eterno retorno do idéntico, e ante o convencemento de que o que pode ofrecer coas súas doutrinas é un froito aínda non maduro, decide abandonar aos seus amigos na busca da soidade como medio para profundar os seus coñecementos.

Ao comezo da terceira parte nárrase a nova marcha de Zaratrusta. Aos catro días de abandonar as Illas Afortunadas diríxese a si mesmo falando sobre a boaventura non querida e de antes da saída do sol. Zaratrusta bótase a chorar antes de abandonar as illas xa que sente a soidade e o desexo de amar sen esquecerse de si mesmo.

Xa na viaxe, en barco desde as illas, conta a quen desexa escoitalo o contido do seu soño. Alí chama dunha maneira especial a identificación do personaxe coas experiencias e vivencias que está tendo a medida que a súa vida evoluciona. Deste modo, ten a oportunidade de seguir reflexionando sobre as ideas dos tres males: o egoísmo, a ambición de poder e a voluptuosidade. A partir do soño coa serpe á cal lle arrinca a cabeza, comeza a sentir que vai sandar o mal do fastío que sempre o acompañou. Zaratrusta volve actuar como poeta que canta poemas nos que expresa a felicidade que lle proporciona o estado en que se sente, son unha loanza ao concepto de eterno retorno do idéntico.

Na cuarta parte a acción faise máis complexa e máis novelesca no sentido clásico do termo. O autor comeza narrando como o protagonista se queda nas montañas desfrutando da soidade e do tempo de moitos meses e anos que fan del un ancián cuxos cabelos tornan brancos. A felicidade de Zaratrusta expresada ao final da terceira parte pode conducir a pensar que dese modo e nese momento remataría a obra, con todo, o autor non parece satisfeito e segue narrando o que pasa dentro do protagonista despois dese momento que non parece movelo máis alá do anhelo de regresar outra vez xunto aos homes, pero si a necesidade de falar de si mesmo e da súa doutrina. Zaratrusta está cheo de felicidade e quere servir de atractivo para que sexan os homes quen veñan xunto del, e non ao revés, como ata agora fora. Sobe entón a unha montaña a realizar a ofrenda do mel e ao día seguinte encóntrase co adiviño e escoita o berro de socorro do home superior, a cuxo encontro se pon en camiño en contra da opinión do propio adiviño. Na marcha cara ao lugar de onde procede o berro atópase con diferentes homes aos que invita a que o vaian visitar durante a noite na cova. En primeiro lugar encóntrase cunha corte na que viaxan os dous reis que queren velo, pois non se deixaron influenciar polo pobo e buscaban tamén a ese ser que é mellor que eles; logo ao concienciudo do espírito que manifesta que se sente seguidor de Zaratrusta; logo ao mago a quen invita a súa cova; ao xubilado, un ancián que busca ao verdadeiro Zaratrusta; ao último Papa, que non ten nada que facer despois de que Deus morrese e busca ao Zaratrusta máis piadoso de todos os ateos; ao máis feo dos homes que matou a Deus e lle agradece a Deus o seu desprezo pola compaixón; ao mendigo voluntario que deixou as súas riquezas para servir aos pobres e para quen Zaratrusta é o único home que admira; a súa propia sombra na que recoñece a eliminación dos seus valores periclitados, pero tamén a desorientación a que pode levalo o exceso de autonomía. No camiño de regreso escoita o berro que sae da súa cova e ve a todos os que encontrou pola mañá en dirección ao lugar do cal procede o berro e saúdanse. Dentro todos xuntos, incluídos os animais e un asno, celebran a cea. Nela mediante vinte discursos, fálalles aos seus comensais sobre a realidade do home superior e remata aconsellándolles que se superen aínda máis. É a última celebración con todos os homes superiores antes de abandonar por terceira vez as montañas. Zaratrusta sae da súa cova. O mago canta a canción da melancolía; atopándose Zaratrusta fóra, os invitados falan da ciencia para rematar por enfrontarse a el e rirse del unha vez que regresou e se atopara con eles dentro. O viaxeiro a sombra de Zaratrusta pídelle que se quede e ponse a tocar coa arpa a canción entre fillas do deserto, a festa segue co espertar. Logo ocorre o inesperado: despois do ambiente de festa sae da cova, atopándose a volta con que todos os convidados están adorando ao asno e en plena noite decide expulsalos do lugar. Entón, acompañado da lira, recita a canción do noctámbulo, na que glorifica a lei do eterno retorno do idéntico. Pola mañá espera a chegada do gran mediodía coa felicidade e a esperanza de atopar aos compañeiros adecuados.

Personaxes da obra[editar | editar a fonte]

O personaxe máis importante desta obra é o protagonista, Zaratrusta; a relación que este mantén cos demais limítase a unha acción que se centra nunha actividade dirixida por el e na que os seus discípulos, amigos ou compañeiros limítanse a mostrar unha actitude meramente pasiva ao longo da maior parte do argumento. Por outro lado, entre os personaxes débese ter en conta aos animais, cuxa actividade é máis activa en ocasións cá doutros personaxes humanos.

De comezo, podemos pensar que Zaratrusta é o profeta persa do mesmo nome, unha simbolización de Xesús de Nazaret ou unha simbolización do autor da obra.

Así falou Zaratrusta é unha obra de fición aínda que nela haxa personaxes e acontecementos protagonizados por personaxes reais. Neste sentido pode dicirse que Zaratrusta é un personaxe de ficción e a narración que se fai da súa vida é tamén ficción. Podemos tamén pensar que se trata da figura de Xesús de Nazaret adaptada á nova doutrina. É tamén se pode pensar que sexa o profeta persa, a realidade é que o lector atópase cunha forma de enmascaramento detrás da cal se esconde o autor da obra e que Zaratrusta é sen mais unha forma de expresión literaria de Nietzsche e, en consecuencia, a expresión ficticia referencial desta persoa.

Hai un personaxe real que é a referencia do contido fundamental da obra que constitúe a doutrina do protagonista. Se así fose, detrás de Zaratrusta pódese identificar tanto ao autor como a persoa da historia que outorga o fundamento filosófico da obra. Trataríase dun filósofo da antigüidade grega, cuxo pensamento Nietzsche coñece ben a consecuencia da súa actividade inicial como investigador.

En resumo, a estrutura da obra xira entorno a Zaratrusta e é el quen determina que esta se desenvolva nunha dirección determinada. É profesor, mestre dunha doutrina e a súa acción móvese co obxectivo de comunicala aos humanos.

Os animais[editar | editar a fonte]

Despois de que Zaratrusta na novena parte do prólogo da obra lle fálase ao seu corazón sobre o estado no que se atopa tras o seu fracaso como mestre, advertindo que para a obra non serve calquera persoa, se non seres, compañeiros que sexan capaces de colaborar na súa actividade máis alá do ben e do mal. No final do prólogo aparecen dous animais, unha aguia e unha serpe; son animais perigosos aos que Zaratrusta cualifica: a aguia como o máis altivo e a serpe como o máis intelixente que existe baixo o sol. Ambos queren saber se Zaratrusta aínda vive.

A partir deste momento, os animais entran na acción da obra como se fosen dous personaxes que desempeñan unha función nela. A relación do protagonista cos animais consiste en que estarán con el na cova e preocuparanse do seu estado anímico e corporal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]