Traxedia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación teatral nunha cerámica, 350-340 a.C.

A traxedia é un xénero dramático no que as personaxes que interveñen acaban enfrontadas e na que a trama remata nun desenlace fatal.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe da traxedia é escura, mais pódese albiscar nos ditirambos, cantos e bailes en honra do deus Dioniso. Segundo a tradición foi Tespis o autor da primeira traxedia, non se conserva e tan só se sabe que o coro estaba formado por sátiros.

A traxedia naceu na Antiga Grecia nas obras de Tespis e Frínico, consolidándose máis adiante con Esquilo, Sófocles e Eurípides. Outros autores da época foron Querilo, autor de 170 traxedias e Prátinas, autor de 32.

Frínico inventou a traxedia con argumento histórico n'A conquista de Mileto, introduciu o verso iámbico e inaugurou a segunda parte nas traxedias. Con Esquilo fíxanse as regras fundamentais do drama tráxico, introduciu as máscaras e os coturnos e un segundo actor en escena que fixo posible a dramatización do conflito. A traxedia representábase cunha duración definida, tanto na ficción como na realidade: da alborada ao solpor. Os seus personaxes son heroes e deuses. Sófocles introduciu un terceiro actor, complicou as tramas, desenvolveu caracteres máis humanos, máis identificados co público. A rivalidade entre Esquilo e Sófocles contribuíu á evolución da traxedia.

A tradición da traxedia continuou en Roma. O primeiro autor foi Livio Andrónico e o máis coñecido Séneca. Non obstante, os romanos preferiron a comedia, de modo que a traxedia clásica permaneceu esquecida durante a Idade Media e non volveu aparecer ata o Renacemento por mor da influencia humanista e a súa procura das fontes clásicas, a comezos do século XVI fanse versións das traxedias dos autores clásicos e aparecen autores como Étienne Jodelle, Lope de Vega, Calderón de la Barca, Jean Racine, Pierre Corneille ou William Shakespeare.

Características[editar | editar a fonte]

Respecto ó contido, na traxedia plásmase un conflito tráxico -por medio dun heroísmo que reflicte pateticamente valores relixiosos ou morais- que camiña cara a unha solución dolorosa ou funesta. Respecto ás funcións, a traxedia cumpre a función teatral de ser unha institución moral presentadora de xuízos sobre o comportamento humano, que oscila entre deleitar e ensinar. Na traxedia preténdese demostrar as veleidades do destino rexido de forma inexorable pola divindade, facilitando a comprensión da condición humana (ineludible e imprevisible.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]