Gilles Deleuze

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gilles Deleuze en 1987.

Gilles Deleuze, nado en París o 18 de xaneiro de 1925 e finado na mesma cidade o 4 de novembro de 1995, foi un filósofo francés cuxas ideas se inscriben inicialmente no movemento estruturalista e nas denominadas "filosofías da morte do suxeito", aínda que o seu pensamento, creador e iconoclasta, é inclasificable. Michel Foucault dixo del que era "o único espírito filosófico de Francia", e que o século XX sería deleuziano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou filosofía con Ferdinand Alquié, Georges Canguilhem, Merleau-Ponty, Maurice de Gandillac e Jean Hyppolite na Sorbona. Exerceu como profesor de filosofía en varias cidades de provincia e posteriormente simultaneou a súa docencia en París e Lión.

Dende 1969 foi profesor de filosofía na Universidade París VIII - Vincennes, ata a súa xubilación en 1987, data na que pasou a ser profesor emérito. Unha das súas últimas actividades foi a de colaborar coa cadea de televisión ARTE narrando a a súa visión do mundo a partir do abecedario. Afectado por unha grave insuficiencia respiratoria, suicidouse o sábado 4 de novembro de 1995 lanzándose pola fiestra do seu apartamento da avenida de Niel en París. Esta tráxica morte súmase á de Foucault (que morreu en 1984 por mor da SIDA), aos suicidios de Guy Debord e Nikos Poulantzas e á morte de Althusser (en 1990, ingresado nun psiquiátrico despois de ter asasinado á súa muller), e pecha un sombrío destino da denominada escola de París dos anos 60-80.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Segundo Deleuze, a tarefa da filosofía actual é pensar as condicións que fan posible a aparición das nocións mesmas de ser e de suxeito que están na base da filosofía moderna, xurdida pola necesidade de fundamentar o ser no suxeito debido á fin das metafísicas do ser que se produciu ao final da Idade Media. Deleuze comparte esta investigación con autores como Foucault, por exemplo, e efectúaa baixo a principal inspiración de Nietzsche. Trátase de mostrar que hai un fundamento anterior ao ser e ao suxeito, e ao ser como suxeito. Trátase, pois, de "desconstruir" a subxetividade e criticar a idea segundo a cal o suxeito e a súa representación son o punto de partida e o fundamento. Con isto aborda unha nova forma de pensar, en tanto que se trata de pensar o non-pensado e velado pola lóxica da identidade.

Esta forma de pensar, que en Deleuze se desenvolve a partir do estudo minucioso de grandes filósofos (a súa primeira produción filosófica son unha serie de monografías sobre o materialismo de Lucrecio, o panteísmo de Spinoza, o empirismo de Hume, o vitalismo de Bergson, o pensamento de Kant e o de Nietzsche), desenvólvese a partir da crítica da liña de pensamento que vai dende Platón a Hegel pasando polo cristianismo e Descartes, e que se baseou no dualismo entre materia e espírito. Contra este dualismo Deleuze reivindica o proxecto nietzscheano da inversión do platonismo, e unha concepción do real entendido como formado por unha multiplicidade de planos sen cabida para aquel dualismo nin para un pretendido privilexio do suxeito como polo de referencia. Esta crítica do dualismo susténtaa Deleuze no vitalismo de Bergson (ata o punto de que pode considerarse que é Deleuze quen desenvolve o bergsonismo), e no vitalismo de Nietzsche (Deleuze contribuíu á súa revitalización como pensador, e foi un dos impulsores do renovado interese pola súa obra). O élan vital de Bergson, como o eterno retorno nietzscheano aparecen como afirmacións incondicionais da vida fronte ao pensamento negativo de raíz platónica, cristiá e que culmina nas nocións de alienación e dialéctica en Hegel.

En lugar da negación da negación, Deleuze, seguindo a crítica nietzscheana ao hegelianismo, sustenta a afirmación da afirmación. Por iso a filosofía non pode limitarse a ser crítica, senón que ten que ser creadora de valores novos, e efectuar aquela tarefa de pensar o non pensado, así como pensar as bases da aparición do privilexio metafísico do ser entendido como identidade, e o privilexio do suxeito. Se na demolición do dualismo de raíz platónica Deleuze se inspira en Nietzsche, a posta en cuestión do principio de identidade e do papel do suxeito inspírase nos seus estudos sobre o empirismo de Hume (que, á súa vez, é un dos puntos de partida de la filosofía de Bergson).

Deleuze mostra que o que aparece trala subxectividade non é a antiga noción do ser, senón a diferenza; o ser como diferenza, o ser como tempo. O tema da diferenza é o núcleo do pensamento de Deleuze, quen considera que a noción imperante de subxectividade e de identidade é a que imposibilitou o pensamento da diferenza. A elaboración dun pensamento da diferenza, non subordinado á identidade, implica unha relectura da historia da filosofía xa que, segundo Deleuze, en filósofos tales como Lucrecio, Spinoza, Leibniz, Hume, Kant, Nietzsche e Bergson; en literatos como Proust, Sacher-Masoch ou Kafka; en determinados aspectos da noción psicolóxica de inconsciente e en pintores como Bacon, defínense implícita ou explicitamente aspectos clave do ámbito da pre-subxetividade (a duración bergsoniana, por exemplo, que é constitutiva do suxeito). De aí a serie de estudos monográficos que Deleuze elabora sobre os autores mencionados. Así, por exemplo, analiza a filosofía de Hume e con el pregúntase ¿como é posíbel que a partir do dado poida construírse o suxeito? Como Hume, considera que son os hábitos quen o constitúen pero, entón, son estes os que nos teñen a nós e non nós a eles. En lugar dunha teoría do que facemos debe elaborarse unha teoría do que nos fai. Como Bergson, afirmará que todo organismo é un conxunto de contraccións, retencións e esperas; un plegue da materia-imaxe, do tempo-duración, plegue que aparece como diferenza.

A filosofía do ser e do suxeito baseada no ocultamento da diferenza considerou dous tipos de diferenzas:

  • a diferenza conceptual e intrínseca (segundo a cal x e y son diferentes cando non poden definirse da mesma maneira) e
  • a diferenza non conceptual ou extrínseca (segundo a cal x e x' son diferentes polo feito de non ocupar o mesmo espazo, aínda que poidan definirse da mesma maneira).

Nese caso, a diferenza non conceptual é concibida como repetición do idéntico, pero Deleuze nega que a repetición sexa a reprodución dunha realidade orixinaria: non pode haber unha repetición non conceptual, de maneira que a repetición non é nunca unha repetición dun modelo orixinario. Desta maneira, pon en cuestión as teorizacións do principio de identidade e da noción clásica de suxeito que, para Deleuze, é sempre necesariamente heteroxéneo, e o seu pensamento, de raíz bergsoniana, é o do cualitativo, fóra de toda cuantificación. Iso non invalida a necesidade do estudo matemático, pero Deleuze sinala dúas estruturas topolóxicas diferentes do espazo:

  • a estrutura estriada, que procede dun punto de vista fixo, e
  • a estrutura lisa, que é o lugar do devir, do fluxo e das multiplicidades intensivas, que se correspondería ao mundo dun corpo sen órganos.

Análise das súas obras[editar | editar a fonte]

O conxunto das investigacións e resultados dos seus estudos exponos Deleuze nas súas obras fundamentais, tales como Diferenza e repetición (1968); A lóxica do sentido (1969, obra de grande diversidade temática, na que estuda autores como Lewis Carroll, os estoicos, Klosowski, Gombrowicz, Joyce, etc.); O plegue; Cine 1: a imaxe - movemento (1981); Cine 2: a imaxe - tempo (1985). Obras, todas elas, que tiveron unha grande influencia no pensamento contemporáneo, en autores como Foucault ou Paul Virilio, por exemplo.

En Diferenza e repetición Deleuze aborda a cuádrupla raíz da representación: a identidade, a analoxía, a oposición e a semellanza, e o panorama ontolóxico que xorde deste estudo non é xa o dun mundo poboado por suxeitos ou obxectos, senón por singularidades libres, asubxectivas e preindividuais; intensidades virtuais bergsonianas, esencias espinozianas e forzas nietzscheanas.

En O Antiedipo (1972), escrito en colaboración co ex psiquiatra Félix Guattari, estuda outra das condicións da pre-subxectividade, a noción de inconsciente, e aborda a relación da psicanálise coa política e a historia. Nesta obra afírmase que a psicanálise, en tanto que se sustenta nun modelo familiar tradicional (o que se manifesta na mesma importancia outorgada ao complexo de Edipo), non é máis ca un instrumento de represión, entre outros, incapaz de comprender a realidade do desexo individual, que Deleuze e Guattari mostran multiforme, creador e imposible de canalizar. De feito a mesma noción do complexo de Edipo é, segundo Deleuze-Guattari, unha manifestación daquela noción viciada da repetición: é o desexo actual do suxeito como repetición alienada dunha catexis orixinaria que o segue atando á nai e institúe o desexo como negatividade, de maneira que todo desexo ulterior será concibido como unha repetición imperfecta daquel primeiro desexo orixinario. En contra disto Deleuze e Guattari sustentan o carácter plenamente afirmativo do desexo, e sinalan que as repeticións non son reprodución de ningunha relación orixinaria fundante: non hai repetición dun primeiro termo. Por iso, contrariamente ás análises clásicas que insisten na relación do desexo coa carencia (esta é a interpretación de Platón en O banquete e Freud en O complexo de Edipo), Deleuze preséntao como orientado, de feito, cara á produción e articulación de solucións inéditas: desexar é transgredir as normas e facer aflorar fluxos profundos. Por outra parte, non é o desexo o que se converte en necesidade, é todo o contrario: son as necesidades as que se converten en desexo.

En Mil mesetas (1980, segundo tomo de Capitalismo e esquizofrenia, obra da cal O Antiedipo é a primeira parte), prolóngase esta concepción do desexo e da máquina desexante, o estudo das estruturas lisas e estriadas do espazo, diríxese fundamentalmente ás súas consecuencias políticas.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Empirismo e subxectividade (1953).
  • Nietzsche e a filosofía (1962).
  • A filosofía crítica de Kant (1963).
  • Proust e os signos (1964).
  • Nietzsche (1965).
  • O bergsonismo (1966).
  • Diferenza e repetición (1968).
  • Presentación de Sacher-Masoch (1967).
  • Spinoza e o problema da expresión (1968).
  • A lóxica do sentido (1969).
  • O Antiedipo (1972).
  • Kafka. Por unha literatura menor (1975).
  • Mil mesetas (1980).
  • Spinoza: Filosofía práctica (1981).
  • Francis Bacon: Lóxica da sensación (1981)
  • Cine-1: A imaxe - movemento (1983).
  • Cine-2: A imaxe - tempo (1985).
  • Foucault (1986).
  • Pericles e Verdi (1988).
  • O plegue (1988).
  • ¿Qué é a filosofía? (1991).
  • Crítica e clínica (1993).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]