Götzen-Dämmerung oder Wie man mit dem Hammer philosophiert

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Götzen-Dämmerung oder Wie man mit dem Hammer philosophiert
Portada da primeira edición (1889)
Autor/aFriedrich Nietzsche
OrixeAlemaña
Lingualingua alemá
Xénero(s)filosofía e ensaio
Data de pub.1888
editar datos en Wikidata ]

O crepúsculo dos ídolos, ou Como filosofar co martelo (Götcen-Dämmerung oder Wie man mit den Hammer philosophiert, agosto-setembro 1888) é unha obra do filósofo alemán Friedrich Nietzsche onde dilacera as crenzas, os ídolos (a súa palabra para ideais), e analiza toda a xénese da culpa no ser humano.

Xa comezando polo título, podemos apreciar unha obra que dende a primeira á derradeira páxina, está cargada da grande ironía que Nietzsche é capaz de facer constar. O título, en concreto, é unha ironía contra Wagner (especialmente perceptible en alemán).

Estrutura da obra[editar | editar a fonte]

[editar | editar a fonte]

Nietzsche confesa que a tarefa de realizar a súa obra filosófica capital, xa sexa A vontade de poder ou A transvaloración de todos os valores, é un peso excesivo que o supera. Para liberarse dese terrible destino busca entreterse cunha obriña xovial, divertida e guerreira. O resultado sería precisamente esta obra O Crepúsculo dos ídolos.

Sentenzas e frechas[editar | editar a fonte]

Nesta primeira parte atopámonos con corenta e catro breves aforismos, que se contan entre os máis brillantes e enxeñosos de toda a obra nietzscheana. Neles Nietzsche, que xa se nos revelara como mestre do aforismo en Humano, demasiado humano, e Para alén do ben e do mal, ocupase de temas tan variados como a muller, o Reich alemán, o filósofo, a moral, a arte ou a ciencia. Esta primeira parte culmina no prodixioso aforismo que di: “Fórmula da miña ledicia: un si, un non, unha liña recta, unha meta”.

O problema de Sócrates[editar | editar a fonte]

Este capítulo retoma a tese principal do nacemento da traxedia, mediante unha monografía acerca de Sócrates, que xa fora tema central no nacemento da traxedia. O que a filoloxía académica considera o esplendor do pensamento grego, o binomio Sócrates-Platón, é para Nietzsche o principio da decadencia fisiolóxica dos gregos, do empobrecemento dos seus instintos. Sócrates, simboliza este primeiro paso para o nihilismo. Porén, Nietzsche exprésase nun estilo totalmente xovial; cóntanos que Sócrates foi plebeo, feo, e polo tanto criminal, enfermo e decadente. Tamén critica a súa dialéctica e a racionalidade, que segundo Nietzsche só e síntoma da enfermidade que o estaba a corroer. Sócrates non “foi libre” de ser dialéctico e racional: estivo forzado a selo.

A razón na filosofía[editar | editar a fonte]

Unha parte de grande importancia dende o punto de vista da metafísica de Nietzsche dentro do conxunto da obra; na que describe a idiosincrasia do filósofo típico que houbera ata este momento, contrapoñéndoo aos novos filósofos que están a aparecer. A idiosincrasia do filósofo resúmese no seu odio á vida mesma do devir, e no seu odio á vida. Tamén se leva a cabo unha crítica da metafísica platónica culpable da desvalorización do mundo sensible en favor dun mundo inexistente, o "mundo verdadeiro".

Como o mundo verdadeiro acabou converténdose nunha fábula[editar | editar a fonte]

Dúas páxinas nas que Nietzsche resume dous mil cincocentos anos de filosofía dende Platón, “partindo das brumas nocturnas e pasando polo amencer e pola mañá, culmina no mediodía” identificada con Zaratustra: “o instante da sombra máis curta”.

A moral como contranatureza[editar | editar a fonte]

Un ataque frontal e unha crítica devastadora á moral cristiá e o seu depravado divulgador, o sacerdote, onde se demostra a esplendorosa habilidade de Nietzsche para combinar a broma e a burla co ataque serio. Segundo Nietzsche, a moral tende a aniquilar as paixóns, por mor da estupidez existente nelas. E segundo el mesmo exemplifica, a medicina preconizada pola moral equivale a extraer os dentes para que estes non doan.

Os catro grandes erros[editar | editar a fonte]

Neste apartado, que se acha en intima conexión co terceiro e equivale a unha aplicación práctica da razón en filosofía, redúcense a catro grandes erros do pensamento occidental; todos psicolóxicos pero con graves consecuencias morais. Ademais, os catro converxen nunha crítica desapiadada dos conceptos de liberdade e culpa tal e como foron utilizados polo cristianismo para converter aos seres humanos en escravos. Estes catro erros son:

  • erro da confusión da causa coa consecuencia
  • erro da causalidade falsa
  • erro das causas imaxinarias
  • erro da vontade libre

Os melloradores da humanidade[editar | editar a fonte]

Para Nietzsche absolutamente todo o que a relixión e a moral fixeron ata este momento co pretexto de "mellorar" á humanidade serviu soamente para empeorala considerablemente, debilitando os seus instintos e converténdoa en rabaño. Tamén se alude por vez primeira á moral e a relixión india, recentemente descuberta por el a través da lectura do Código de Manú. Como conclusión do estudo e confrontación das diferentes morais chegase á seguinte afirmación: tódolos os medios con que se pretendeu ata agora facer moral á humanidade foron radicalmente inmorais.

O que os alemáns están perdendo[editar | editar a fonte]

É a partir deste capítulo onde a atmosfera da obra da un gran xiro en canto a temática e en canto a forma de tratala. Aquí, Nietzsche móstranos que foi sempre moi crítico con dous impulsos alemáns que durante o século XX desencadearán episodios terribles da historia de Europa: o nacionalismo e o antisemitismo, os que trata e critica nesta parte.

O que eu debo aos antigos[editar | editar a fonte]

Onde Nietzsche nos presenta os pros e os contras do mundo grego; unha excelente iniciación aos grandes autores da Antigüidade clásica, pola boca do noso autor e tratando o que el considera problemas, e tamén as virtudes desa época.

Incursións dun intempestivo[editar | editar a fonte]

Aquí continúase o que podería ser considerado unha especie de “segunda parte” da obra, posto que ata o momento se trataran outros temas, e de maneira diferente; onde se mantivera nun ton máis ben teórico, discursivo, “filosófico”. Porén, aquí chega o instante das confesións, e mesmo da autobiografía. Concretamente neste capítulo Nietzsche fainos ver como toda a cultura oficial da época é machucada polo martelo. Especialmente relevantes son as críticas a Rousseau, Kant e Schopenhauer.

Fala o martelo[editar | editar a fonte]

Para pechar a obra, e tras unha reflexión que Nietzsche nos pon en boca do diamante e o carbón... en tan só nunha páxina déixanos claro un consello: endurecedevos!

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]