Orde do Císter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Orde do Císter
Ordo Cisterciensis
Arms of Ordo cisterciensis.svg

Escudo da orde do Císter
Orde relixiosa da Igrexa Católica
Historia
Fundación 1098
Fundador San Roberto de Molesme
Goberno e estrutura
Abade Xeral Mauro-Giuseppe Lepori
Membros Arredor de 800
Outros datos
Siglas O.Cist.
Páxina web www.ocist.org

A orde do Císter (en latín: Ordo cisterciensis, o.Cist.) é unha orde relixiosa fundada en Citeaux por Roberto de Molesmes no ano 1098. Foron coñecidos na idade media como os monxes brancos, pola cor do seu hábito, en oposición aos monxes negros, que eran os beneditinos.

Ó perde-la orde de Cluny o seu fervor á causa das riquezas acumuladas, xorde a reforma cisterciense, saída do mosteiro do Císter en Borgoña.

O Císter chega ó seu maior esplendor no século XII, en tempos de Bernardo de Claraval, abade do mosteiro de Claraval.

No ano 1427, en Santa María de Sión, na periferia de Toledo, frei Martín de Vargas fundou a Congregación Cisterciense Reformada, tamén coñecida como Congregación de Castela. No caso das comunidades cistercienses galegas os efectos deste feito tardaron en chegar, nalgúns casos incluso un século, pero cando o fixeron supúxolles a moitas delas trocos moi importantes na súa organización.

Fundacións[editar | editar a fonte]

A tendencia da orde foi a de ocupar terras inhabitadas en lugares polo común afastados dos núcleos de poboación. Ademais, desde o ano 1191 pesa a prohibición sobre as comunidades cistercienses de mercar bens inmobles, prohibición que foi anulada no ano 1216 e posta de novo en vigor máis tarde.

O proceso de fundación e construción dos novos cenobios cistercienses regúlase nos Capítulos Xerais do Císter

Doce monxes, trece co abade, serán enviados a un novo mosteiro, pero non partirán ata que o lugar estea provisto de edificios (oratorio, refectorio, dormitorio, cela de hóspedes e cela de porteiro)

O mosteiro de nova fundación debería situarse nun lugar illado, lonxe de cidades, castelos ou aldeas, lonxe do tráfico de xente. Incluso prohibíase a construción de vivendas no contorno do mosteiro.

Arquitectura cisterciense[editar | editar a fonte]

As normas que rexeron no Císter constitúen un conxunto de restricións, unha primacía da parquedade fronte ao exceso decorativo propio do contemporáneo románico pleno de orixe francés que en Galicia tiña a Catedral de Santiago como obrigada referencia e fonte de inspiración.

Prohíbese polo tanto calquera tipo de decoración, incluída a escultura e a pintura. Os Capítulos Xerais chegaron mesmo regular os cristais das xanelas dos templos, establecendo que todas debían ser brancas, sen pinturas nin cruces, e que aquelas pintadas habían de ser substituídas no prazo de dous anos, e que no caso contrario o abade, o prior e o cerilleiro terían que xaxuar cada sexto día a pan e auga ata o seu cambio.