A semana na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Como acontece noutras culturas, en Galicia tamén estivo presente a vella preocupación supersticiosa polos días faustos e infaustos, felices e infelices. A seguir recóllense crenzas, refráns e cantigas que recollen a pegada da semana na cultura popular galega.

A semana[editar | editar a fonte]

Refraneiro
  • Cando a semana está de piollos, no val mudar a camisa [1].
  • Día tras día, semana ó cabo [2].
  • Na semana da Ascensión, tres días carne e tres días non [1].
  • Na semana de Ramos lava os teus panos; que na de Pasión, ou poderás ou non [1].
  • Toda a semana bambeouse, e o sábado arremangouse [1].
Cantigueiro
  • Cunha codia de pan quente,/ unha sardiña salgada/ e o abrazo dunha nena/ pasa un home unha somana [3].

O luns[editar | editar a fonte]

O día indicado para cortarse as uñas é o luns, porque así non se sofre de dores de cabeza nin de dores de moas [2].

Refraneiro
  • Lus e martes son dous días, cuarta e quinta xa o saberás, viernes non comerás carne e sábado ir á montería e domingo á misa, esa é a vida de Xan [4].
  • Lus marcha, martes chega, cuarta aguza, quinta talla, sesta carga e sábado chega meu primo Xan cun carro de leña [4].
  • Mozo de luns e bois de sábado non valen un ochavo.
  • Neno domingueiro renega do luns [5].
  • O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
  • O luns érgome, o martes cálzome, e o miércoles vístome [6].
  • O luns levántome, e o martes arremángome [6].
  • O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día [1].
  • O mariñeiro, o domingo, bo zapato e boa media, e o luns pola mañanciña vai descalzo pola area.
Cancioneiro
  • Cásate, Xan, en domingo,/ estarás o luns de voda,/ o martes traballarás,/ e acabouse a festa toda [7].
  • Cásate Xan en domingo,/ estarás o luns de voda/ e o martes traballarás / para que folgue túa dona.
  • Hoxe é luns, mañán é martes, / cuarta feira logo vén,/ de mañán en oito días/ éche a semana que vén.
  • Hoxe é sábado alegre,/ mañán domingo trunfante,/ pasado é lunes triste/ para el pobre trabajante [8].
  • Lus e martes son dous días,/ coarta e quinta xa o sabías;/ pensei, miña queridiña,/ que tantiño me querías [9].
  • O anelo que me deches/ con tres pedriñas azus/ solo me durou tres días:/ sábado, domingo e lus [10].
  • O mariñeiro o domingo / bo zapato e boa media, / o luns pola mañanciña / vai descalzo pola area.

O martes[editar | editar a fonte]

O martes tense por día especialmente nefasto, como tamén o é o día 13 de cada mes [2], e así queda recollido no refraneiro o consello de non acometer nese día ningunha empresa importante, como casar, embarcarse, matar o porco, etc.

Menos común é a crenza de que tamén son días infaustos o mércores e o venres, o que explica a denominación destes tres días como días de erre [2]. Aconséllase non facer negocios nestes días.

En Lalín din que o que nace en martes morrerá de mala morte.

Non se poden poñer as patacas en martes ou con lúa de forza, porque se non agrelan. Para escorrentar as meigas pode utilizarse esta expresión: ¡San Silvestre, que hoxe é martes! para que se perdan ó cambiar o día da semana.

Refraneiro
  • Algún día será domingo e martes de entroido [2].
  • Cada martes ten a súa semana [11].
  • Cada martes ten o seu domingo [11].
  • En martes con merda te fartes [11].
  • En martes, nin a cama mudes, nin a roupa laves [11].
  • En martes, nin panos cortes nin filla cases [11].
  • En martes, nin porco mates nin churra botes que pitos saque [11][12].
  • En martes, nin porco mates, nin galiña deites que pitos saque.
  • En martes nin te cases nin te embarques [13].
  • En martes, nin te cases nin te embarques, nin a túa porca mates, nin a túa pita botes, nin a túa tea urdas [12][14].
  • En martes nin te cases nin te embarques nin o teu porquiño mates [13].
  • En martes, nin tea tezas nin roupa laves [11].
  • En martes non cortes nin prantes [11].
  • En martes non te cases [11].
  • En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes [12].
  • En martes non te cases nin te embarques, nin o teu porquiño mates [11].
  • En martes non te embarques [11].
  • En todas partes, cada semana ten o seu martes [11].
  • Martes de entroido, ¡cando has de vir! Casquiñas de ovos, ¡case habés de ruxir! [15].
  • Martes de Antroido, ¡cando has de vir!, casquiñas de ovos, ¡cómo habés de ruxir! [11].
  • Martes, durme hastra que te afartes.
  • Mata en martes e a lúa non cates [16][17]
  • Non tódolos días é martes de entroido [2][18].
  • O entroido, coas súas malas artes, botou a san Matías fóra do martes [19].
  • O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
  • O luns érgome, o martes cálzome, e o miércoles vístome [6].
  • O luns levántome, e o martes arremángome [6].
  • O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día [1].
  • O martes e o venres nin te cases nin te embarques.
Cantigueiro
  • Adiós, martes de Antroido,/ adiós, meu amiguiño,/ hastra domingo de Páscoa/ xa non como máis touciño [20].
  • Adiós martes de Antroido,/ adiós meu pequeniño;/ miña mai non matou porco,/ non podo comer touciño [20][21].
  • Cásate Xan en domingo,/ estarás o luns de voda/ e o martes traballarás / para que folgue túa dona.
  • Cásate, Xan, en domingo,/ estarás o luns de boda,/ o martes traballarás,/ e acabouse a festa toda [22].
  • Lus e martes son dous días,/ coarta e quinta xa o sabías;/ pensei, miña queridiña,/ que tantiño me querías [9].

O mércores[editar | editar a fonte]

Nalgunhas bisbarras -que a fonte non identifica- evítase matar o porco en mércores porque se cre que mingua a carne [2].

Xa vimos que os días de erre son considerados de mal agoiro. O caso do mércores pode estar relacionado co feito de que nese día os xudeus acordaron dar morte a Xesús e se decidiu a traizón de Xudas.

Refraneiro
  • O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
  • O luns érgome, o martes cálzome, e o miércoles vístome [6].
  • O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día [1].
Cantigueiro
  • Hoxe é luns, mañán é martes, / cuarta feira logo vén, / de mañán en oito días / éche a semana que vén.
  • Lus e martes son dous días,/ coarta e quinta xa o sabías;/ pensei, miña queridiña,/ que tantiño me querías [9].

O xoves[editar | editar a fonte]

Algúns conservan o resto do cirio que iluminou o sagrario durante os oficios do Xoves Santo pois cren que se se acende ten a virtude de disipar as treboadas.

Para diagnosticar o enganido (nome popular do raquitismo) dun meniño, ponse un vaso de auga na súa cabeza e bótanse nove pingas de cera do cirio do Xoves Santo. Se as nove pingas se xuntan significa que o meniño ten o mal e, para curalo, xuntan a auga de nove fontes e botan nela follas de xaro, bañando despois ó meniño nela.

Locucións
  • ¡Sempre no medio, coma o xoves!
  • Ser máis atravesado que un xoves.
Refraneiro
  • O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
Cantigueiro
  • Lus e martes son dous días,/ coarta e quinta xa o sabías;/ pensei, miña queridiña,/ que tantiño me querías [9].

O venres[editar | editar a fonte]

O venres é un día maléfico porque en tal día mataron a Xesús, por iso é o día preferido polo mal [23]. En xeral, os tres días que levan ‘r’ (martes, mércores e venres) son considerados de mal agoiro e aconséllase non facer negocios neses días. Tampouco se debe cortar as uñas, especialmente o venres, porque de seguro sairán uñeiros [2].

No Barco de Valdeorras (Ourense), para curar a caída do calleiro, ponse no amencer do venres, e durante tres venres seguidos, un colar feito de pólas de bidueiro no pescozo do enfermo.

Locucións
  • Caldo de venres: o que se fai nos días de vixilia, sen botarlle carne nin graxa, e que só leva aceite rustrido. Os ollos que forma o aceite na superficie explican a frase ter máis ollos que o caldo de venres.
  • Cara de venres: a de aspecto tristeiro.
  • Non é cousa do outro venres: algo que non sorprende a ninguén, ou que resulta cousa normal e corrente despois de anuncialo como se fose unha marabilla ou algo insólito.
  • Sexta feira maior: Venres Santo.
Refraneiro
  • Navidá en venres, sementa onde puideres, navidade en domingo, vende os bois e bótao en trigo.
  • O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día [1].
  • O martes e o venres nin te cases nin te embarques.

O sábado[editar | editar a fonte]

As mulleres prefiren dar a luz o sábado, por ser este o día da Virxe, intercesora de tódalas parturientes. Así protexidas, saben que, se morren no transo, a Virxe levaraas ó ceo [24]. Tamén se cre que, pola mesma razón, ninguén que morra en sábado irá ó inferno, e que tódolos sábados do ano baixa a Virxe ó Purgatorio a sacar almas (Vicente Risco 1962, 334</ref>.

Porén, o sábado era o día sinalado para reunirse as meigas nos seus aquelarres [2].

O sétimo fillo varón nacido tras unha serie de seis fillos tamén homes terá poderes sobrenaturais: é quen de dar saúde coas mans. Na Fonsagrada cren que se ademais nace en sábado, eses poderes serán aínda maiores [25].

No Barco de Valdeorras (Ourense) expulsan o mal de aire facendo pasar a persoa que o sofre sobre os bafos que desprenda unha infusión de flores secas de romeu en auga bendita que fora recollida o Sábado de Gloria [26].

Léxico
  • Sábado longo: chámase así o Sábado Santo, polos longos oficios que se celebran en tal día e o xexún que se debía respectar [27].
  • Sábado Santo: último día da semana santa.
  • Carne de sábado: graxa, despoxos etc. que antigamente se permitía comer na vixilia dese día.
  • Chourizos do sábado: chámase así en Valdeorras a un chourizo delgado, feito con sangue, cebola etc. e ó que ademais se lle bota cabaza. Equivale á choula ou chourela doutros sitios [28].
Locucións
  • Falar máis que un barbeiro ós sábados: falar de máis, non dar calado. O sábado era o día propio para prepararse e acicalarse con vistas á festa do domingo.
Refraneiro
  • Cando o sábado chove e o domingo antes da misa, pola semana adiante verás que risa [29].
  • Fai o raposo o sábado, con que o domingo non vaia a misa [30].
  • Mozo de luns e bois de sábado non valen un ochavo.
  • Nin sábado sin sol, nin moza sen amor, nin vella sen door [29][31].
  • Non hai sábado sen sol nin María sen amor.
  • Non hai sábado sen sol, nin moza sen amor, nin vello sen door.
  • Non hai sábado sen sol, nin romeiro sen frol nin dama sen amor [32].
  • Non hai sábado sen sol, nin romeiro sen frol nin Marica sen amor.
  • Non hai sábado sin sol nin romeiro sen frol, nin rapaza sen amor [29].
  • O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
  • O sábado, día da Virxen e o domingo... de gardar.
  • O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día [1].
  • O sermón, o sabado e o salmón, na coresma teñen razón, despois non [33].
  • Quen o sábado vai ó muíño, pouca folga ten o domingo [29].
  • Sábado a noite, María colle a roca, que en toda a semana non lle toca.
  • Sábado á noite, María pilla a roca.
  • Sábado á noite, Marica cose a roupa.
  • Sábado á noite, Marica, dáme a roca [1].
  • Se sábado chove e domingo ante Misa, pola semana adiante verás que risa! [34].
  • Toda a semana bambeouse, e o sábado arremangouse [1].
Cantigueiro
  • Hoxe é sábado alegre,/ mañán domingo trunfante,/ pasado é lunes triste/ para el pobre trabajante [35].
  • O anelo que me deches/ con tres pedriñas azus/ solo me durou tres días:/ sábado, domingo e lus [36].

O domingo[editar | editar a fonte]

O mellor día para casar é o domingo.

En Mourente (Pontevedra), para curar a decipla (erisipela) rezan un ensalmo tres veces ó día durante nove días seguidos, pero se a bendición se bota o domingo antes da primeira misa vale polos nove días.

A posesión diabólica pode curarse queimando unhas pólas de oliveira que foran bendicidas o último Domingo de Ramos.[37]

Para protexer a casa do raio cómpre botar no lume ramos de loureiro bendicido o Domingo de Ramos [38].

No ciclo do entroido e a Pascua merecen ser mencionadas os seguintes domingos:

  • O domingo varredoiro, borrallento, fareleiro ou farelento é o domingo de septuaxésima, momento no que comezan as festas do carnaval ou entroidadas. Chámase así porque os mozos botan farelos, feluxe ou borralla ás mozas na roupa e na cabeza.
  • Séguelle o domingo corredoiro, de corredores, tamén chamado, no Concello de Cotobade, domingo de chicotes. Recibe o nome de corredoiro por ser o día da corrida do galo. É o domingo da sesaxésima, domingo anterior ó de entroido.
    • Na Pobra de Trives, os pais que tiñan fillos na escola acostumaban regalarlle en tal ocasión (no domingo corredoiro) un galo ó mestre. Para escoller o rapaz que llo ía dar, enterraban o galo na terra, coa cabeza fóra, e tapándolle os ollos ós rapaces. Aquel que atopara o galo era quen llo daba ó mestre. Vicente Risco di que o mesmo costume tiñan en Allariz.
    • Noutros lugares era este o día no que se corrían as olas, e de aí o nome de domingo oleiro. En Castro Caldelas corríanse as maulas, carreira entre veciños atados polas costas.
  • Vén despois o domingo de entroido ou de entroido, co que remata o tempo festivo e entra a coresma. É o domingo de quincuaxésima, precedente ó martes de entroido e mércores de cinza. Chámase tamén domingo lardeiro, polo moito que se comía nese día.
  • Finalmente, comezada xa a coresma, vén o domingo de piñata (ou, simplemente, a piñata). É o primeiro domingo de coresma e recibe o nome do baile que se celebraba, xa nun local pechado ó estarmos en coresma, cunha piñata pendurada do teito, chea de lambonadas diversas, e que tiñan que romper os asistentes ó baile, cos ollos vendados.

Xa na Semana Santa, cómpre mencionar outros tres domingos con nome propio.

  • Primeiro, o domingo de Lázaro ou domingo de paixón, quinto domingo de coresma, anterior ó domingo de ramos.
  • A seguir, o domingo de ramos, último domingo de coresma e co que comeza a Semana Santa, no que se conmemora a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. No domingo de ramos levábanse á parroquia os ramos de loureiro ou de oliveira para ser benditos durante a misa; noutros puntos de España son máis comúns as palmas.
    • En Betanzos e na comarca de Bergantiños teñen o costume de abendizoar as leiras para pedir a Deus fertilidade na terra e froito abondoso. Para iso, cando os veciños saen da igrexa o domingo de ramos, mollan unha póla de oliveira en auga bendita e regan as beiras da leira. Outra práctica era deixar espetado no chan un gran ramo de loureiro, tamén bendito.
    • Para protexer a casa nos días de tronada bótanse pólas de loureiro ó lume, loureiro que tamén tiña que ser bendito o domingo de ramos.
    • Para protexer o gando do mal de ollo poñen no pescozo do animal unha corda coa que se atara o ramo de loureiro bendito o domingo de ramos e na corda poñen un escrito ou un cacho de chumbo. E para librase da Santa Compaña había que facer no chan un círculo cunha vara de oliveira, preferiblemente bendita o domingo de ramos, e recitar este ensalmo: Fixen un circo co meu pau de oliva, que xa bendito por si acaso iba. E posto dentro del dicir: Eu te requero.
  • Remata a semana santa o domingo de Pascua ou domingo de resurrección, no que conmemora a resurrección de Xesús. É o domingo inmediato ó primeiro plenilunio despois do 20 de marzo.

Fóra das datas anteriores, outro domingo afamado sería o domingo de Pentecoste, que celebra a chegada do Espírito Santo. É o quincuaxésimo día que segue ó da Pascua de Resurrección, e que vén caer entre o 10 de maio e o 13 de xuño.

Léxico
  • Día crebado: día santo [2].
  • Día de festa: domingo ou día festivo.
  • Día do Señor: domingo do Corpus.
  • Día feirado: día festivo, no que non se traballa [2].
  • Día santo: domingo ou calquera outro día festivo. Pola contra, os días laborables denomínanse día solto, día decotío, día de labor ou día de traballo.
  • Domingo lirón: nome ourensán do ouriolo ou vichelocrego. O nome procede das vistosas cores deste paxaro, que parece como vestido para un día de festa. Noutros lugares recibe os nomes de mingoleirón ou ringaleirón, probablemente procedentes daquel.
Refraneiro
  • Algún día será domingo e martes de entroido [2].
  • Cada martes ten o seu domingo [11].
  • Cando chove o domingo antes da misa, toda a seman vai de risa [39].
  • Cando o ano entra en domingo, vende os boiciños e merca milliño.
  • Cando o ano entrare en domingo, vende o boi e merca millo [40].
  • Cando o ano entrare en domingo, vende os bois e merca millo [41].
  • Cando o domingo chove dispois da misa, a semaniña enteira vaise de risa [42].
  • Cando o domingo chove despois da misa, a semaniña enteira vaise en risa.
  • Cando o sábado chove e o domingo antes da misa, pola semana adiante verás que risa [29].
  • Día de entroido e domingo de páscoa, cada larpeiro na sua casa [43].
  • Día de Páscoa e domingo lardeiro, cada cadelo no seu palleiro [2][44].
  • Domingo de Entroido larafuzán, comícheme a carne, deixácheme o pan [45].
  • Domingo de Lázaro collín un paxaro, e o día de Pascuas aseino nas ascuas.
  • Domingo de Ramos lava os teus panos, que na de Pasión, ou poderás ou non.
  • Domingo de Ramos lava os teus panos, que na semana maior choverá ou quentará o sol.
  • Fai o raposo o sábado, con que o domingo non vaia a misa [30].
  • Home preguizoso, o domingo é afanoso [46].
  • Muller gobernadeira, domingo de Antroido lava a salgadeira [16].
  • Navidá en venres, sementa onde poideres; Navidá en domingo, vende os bois e bótao en trigo.
  • Neno domingueiro renega do luns [47].
  • O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día [1].
  • O mariñeiro, o domingo, bo zapato e boa media, e o luns pola mañanciña vai descalzo pola area.
  • O que o domingo eu faría, todos me dín que xa non é día.
  • O sábado, día da Virxen e o domingo... de gardar.
  • Quen o sábado vai ó muíño, pouca folga ten o domingo [29].
  • Se chove o domingo antes da misa, leva toda a semana de risa.
  • Se folgas nos días soltos, ¿qué deixas pros días santos? [2].
  • Se o domingo chove arredor da misa, pola semana adiante verás que risa [1].
  • Se sábado chove e domingo ante Misa, pola semana adiante verás que risa! [34].
  • Tantas oe a raposa pola semana, que o domingo non pode ir a misa.
Cantigueiro
  • A vida do carreteiro, / non hai vida como ela, / a semana no camiño, / o domingo na taberna.
  • A vida do carreteiro / non hai vida como ela: / a semana no carreto / e o domingo na taberna [48].
  • Adiós, martes de Antroido,/ adiós, meu amiguiño,/ hastra domingo de Páscoa/ xa non como máis touciño [20]
  • Antoniño, meu Antonio,/ meu caravel encarnado,/ onde foche oí-la misa/ iste domingo pasado/ que te non vin na igrexa/ nin darredor do sagrado? [49].
  • Cando ha de ser domingo, / domingo, cando ha de ser, / cando ha de ser domingo, / miniña, para te ver.
  • Cásate Xan en domingo, / estarás o luns de voda / e o martes traballarás / para que folgue túa dona.
  • Cásate, Xan, en domingo:/ estarás o luns de voda,/ o martes traballarás,/ e acabouse a festa toda [7].
  • Chamácheme moreniña, / éche do polvo da eira, / xa me verás o domingo / como a guinda na guindeira.
  • Chamácheme moreniña, / éche do polvo da eira, / xa me verás pra domingo / coma a guinda na guindeira.
  • Chamáchesme moreniña,/ chamáchesme moreneira,/ xa me verás pra domingo/ como a guinda na guindeira [50].
  • Costureiriña bonita,/ onde tes os teus melendros?/ Téñoos por baixo da almohada,/ gardadiños prós domingos [51].
  • Dime onde fuches á misa/ iste domingo pasado/ que mirei e non te vin/ meu cravo roxo pintado [52].
  • Domingos é o meu amor, / a Domingos hei d'amar; / domingos son dias santos; / tódolos penso gardar.
  • Hoxe é sábado alegre,/ mañán domingo trunfante,/ pasado é lunes triste/ para el pobre trabajante [53].
  • Miña Virxe do Xurés,/ que tan alta se foi pór/ pra lle dar os boenos días/ o domingo do Señor [54].
  • O anelo que me deches/ con tres pedriñas azus/ solo me durou tres días:/ sábado, domingo e lus [10].
  • O domingo fun á misa, / mirache para min e riche, / así a El Señor lle parezas / como a min me pareciche.
  • O mariñeiro ao domingo/ bo zapato e boa media;/ o luns pola mañán/ vai descalzo pola areia [55].
  • O mariñeiro ao domingo/ bo zapato e boa media;/ o luns pola mañanciña/ vai descalzo pola area [56].
  • Para o domingo que vén / lense as miñas moniciós / agora vanse acabando / as miñas murmulaciós.
  • Para o domingo que vén / sonche as miñas monicións, / con eso iranse acabando / tódalas marmuracións.
  • Perdín as miñas polainas / vindo o domingo da misa, / quen mas topou que mas volva / non sexan contos de risa.
  • Pra domingo fai un ano,/ amor meu, que te non vin,/ anque o tempo xa foi moito/ eu a lei non cha perdín [57].
  • Santa María de Entrimo/ tan alta se foi a pór/ para toca-las campanas/ o domingo do Señor [58].
  • Xaniño, Xaniño, Xan,/ perniñas de gavilán,/ andas engañando ás nenas/ domingo pola mañán.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 Eladio Rodríguez González, s. v. semana.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández, 221.
  4. 4,0 4,1 Elixio Rivas Quintas (1978).
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. neno.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Eladio Rodríguez González, s. v. luns.
  7. 7,0 7,1 Antón Fraguas, 49
  8. José Pérez Ballesteros I,105. Ballesteros anota no último verso: “La j de esta palabra la ha oído pronunciar el colector como g y también como en castellano”.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Xaquín Lorenzo Fernández, 91. No orixinal: xó sabías.
  10. 10,0 10,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 114. No orixinal: azús, dias, lús.
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 11,11 11,12 11,13 Eladio Rodríguez González, s. v. martes.
  12. 12,0 12,1 12,2 O libro do porco, 36.
  13. 13,0 13,1 Lino Lema Bouzas, 4.
  14. Tamén en Portugal: As terças e sextas-feiras não casses a filha nem urdas a teia. Terça e sexta-feira son martes e venres.
  15. Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
  16. 16,0 16,1 O libro do porco, 37.
  17. Contrarrefrán doutras coñecidas variantes (En martes, nin te cases..., En martes non te cases..., ou En martes nin porco mates..., e tamén da preocupación común por non matar en mingoante.
  18. Indica que non tódolos días son de festa e paparota. Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
  19. San Matías era o 24 de febreiro. Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
  20. 20,0 20,1 20,2 O libro do porco, 42
  21. No orixinal: matóu.
  22. Antón Fraguas, 49.
  23. Mariño Ferro.
  24. Antón Fraguas, 25
  25. Jesús Rodríguez López, 58.
  26. Mariño Ferro 1985, 131.
  27. Elixio Rivas Quintas (2001), s. v. sábado.
  28. En Castela (León, Palencia, Valladolid) e Asturias existen os chourizos sabadeños, sabadeñas ou sabadiegos, feitos coa carne de menor calidade e mailas asaduras (liviáns).
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 29,5 Eladio Rodríguez González, s. v. sábado.
  30. 30,0 30,1 Terra de Melide, 172.
  31. O sábado era o día de lavar a roupa branca e poñela ó sol. As mozas aproveitaban a ocasión para descansar e escaparse da casa, houbese sol ou non. Moreiras Santiso recolle de Correas a seguinte explicación: o sábado as mozas aliñan colos, toucas e gorgueiras, e ponnas a secar; das mozas se ocupan disto dise que están de sábado, e cando o amo ou o pai pregunta por elas respóndeselle que está na solana poñendo ó sol, faga sol ou non, e como todo isto é cotián dise que non hai sábado sin sol, é dicir, non hai sábado sen ter que facer tal traballo (Moreiras Santiso: Mil refráns do home, 166).
  32. Terra de Melide, 17.
  33. La Voz de Galicia, 5.07.1986. Eladio Rodríguez, s. v. Coresma, recolle outra forma que semella máis razonable: O sermón, o sábalo e o salmón, na coresma teñen sazón, dispois non. De ser esta a forma correcta fo refrán, a que dá La Voz non sería unha variante senón un erro de transcrición.
  34. 34,0 34,1 Marcial Valladares Núñez. No orixinal: chòve, po-l-a.
  35. José Pérez Ballesteros I,105. Ballesteros anota no último verso: “La j de esta palabra la ha oído pronunciar el colector como g y también como en castellano”.
  36. (Xaquín Lorenzo Fernández, 114. No orixinal: azús, dias, lús.
  37. Mariño Ferro 1985, 183.
  38. Vicente Risco 1962, 283.
  39. Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  40. Real Academia Galega, s. v. ano.
  41. Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  42. Eladio Rodríguez González, s. v. domingo.
  43. Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
  44. O libro do porco, 36. Chámase Domingo lardeiro de “lardo”, polo moito que se come nese día.
  45. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  46. Eladio Rodríguez González, s. v. home.
  47. Eladio Rodríguez González, s. v. neno.
  48. Xaquín Lorenzo Fernández, 52.
  49. Xaquín Lorenzo Fernández, 42. No orixinal: oíla, vín.
  50. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  51. Xaquín Lorenzo Fernández, 65. No orixinal: téños.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 70.
  53. José Pérez Ballesteros , I, 105. Ballesteros anota no último verso: “La j de esta palabra la ha oído pronunciar el colector como g y también como en castellano”.
  54. Xaquín Lorenzo Fernández, 103.
  55. Álvaro das Casas, Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: , pol-a.
  56. Lino Lema Bouzas, 15.
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 136.
  58. Xaquín Lorenzo Fernández, 141. No orixinal: tocalas. Xaquín Lorenzo fai notar que a igrexa de Santa María de Entrimo está no val, polo que supón que se trata dunha cantiga importada doutro sitio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé María: O libro do porco. Colección O Moucho 26. Edicións Castrelos, Vigo 1972.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • FRAGUAS FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos, 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974 (1ª ed. 1895).
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela, 1933.