Cabaza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cucúrbitas (xénero Cucurbita)
Calacú
Calacú
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Dilleniidae
Orde: Cucurbitales
Familia: Cucurbitaceae
Subfamilia: Cucurbitoideae
Tribo: Cucurbiteae
Xénero: Cucurbita
L.
Especies

Referencias: ITIS 22365 2002-11-06

As cucúrbitas[1] (Cucurbita) é un xénero pertencente á familia das cucurbitáceas, comprende un grupo de plantas rubideiras coñecidas coma cabaceiras ou calacueiras, cultivadas polas súas flores, as súas sementes comestíbeis, e especialmente os seus froitos coñecidos coma cabazas, cabazos, cabaciñas e calacús, dependendo da especie e a zona.

A diversidade dos cultivares e a facilidade coa que as especies de Cucurbita hibridan leva a moita confusión arredor da súa nomenclatura.

Nome común[editar | editar a fonte]

En galego as plantas reciben os nomes comúns de cabaceira, calacueira, caiota e cabaza[2]. Tamén se recollen outros nomes dialectais coma abobra, cabaxa ou pucho de turco[3]. Téñase en conta que en portugués o termo máis común é abóbora, aínda que na provincia de Minho, achegada a Galiza, é máis común a forma cabaça.

Descrición[editar | editar a fonte]

Son plantas rastreiras que poden chegar ós 10 m de lonxitude, de talos acanalados e de aspecto áspero, follas pubescentes, lobuladas e acorazonadas. Son especies dioicas; non é raro que dean flores dun só sexo. As flores, de bo tamaño e normalmente amarelas son unisexuais; as masculinas teñen os estames soldados en forma de piar e en ambos os sexos o cáliz está unido á corola. Están adaptadas á polinización por abellas dos géneros Peponapis e Xenoglossa. Os frutos son o produto polo que se cultivan habitualmente: tecnicamente son pepónides (un tipo de baga), e varían espectacularmente de tamaño entre especies, acadando 70 quilos de peso en C. maxima, e de forma; hainos alongados, cilíndricos e esféricos, máis ou menos bulbosos, e de cores que van do amarelo pálido ao verde intenso. A pela do froito endurécese a medida que avanza a tempada; a súa aparición a comezos do verán é tenra e feble, mais endurece e engrosa.

Concurso de C. maxima.
Cabazas
Cabaza amarela

Historia[editar | editar a fonte]

Existe evidencia arqueolóxica de abondo para considerar que as cucurbitáceas comezaron a se cultivar por vez primeira, de xeito sistemático, no que hoxe é México (estados de Puebla, Oaxaca e Estado de México).[4] O seu cultivo tamén se practicou en épocas prehispánicas en practicamente toda Mesoamérica, na triloxía milpera, xunto co millo e o feixón. Tamén se coñeceu ou se cultivou noutras culturas americanas, como no caso do Perú, onde se ten atopado cerámica mochica con representacións de cabazas. Máis tarde, a partir do século XVI, levouse a Europa, Asia e África. En Europa e Galiza tardaron en popularizarse; porén a facilidade do seu cultivo levou logo a empregalas como alimento dos animais.

Usos[editar | editar a fonte]

Uso gastronómico[editar | editar a fonte]

O principal uso da cabaza é o alimento de gado e persoas. En Galiza cos calacús alimentábanse os porcos principalmente.

Dende épocas remotas, en México prepáranse tradicionalmente en guisados con chiles doces ou ootras verduras. Tanto o seu froito como a súa flor son igualmente populares na cociña de Italia, EUA, Panamá e de Chile. As variedades de verán, normalmente de C. pepo, mais tamén C. moschata, coléctanse aínda inmaturas, e se consumen inmediatamente; son coñecidas en galego coma cabaciñas (zucchini en italiano e inglés).

Outras especies, en particular C. maxima, apáñanse maduras, cara finais do outono ou comezos do inverno. A pela dura permite que se almacenen en locais frescos e secos e conservarse durante varios meses.

Os froitos, como xa dixemos, son moi nutritivos en ambos os casos, contendo doses importantes de vitamina A, C, D, E, potasio, cinc e β-caroteno. As sementes empréganse tamén para a elaboración de aceite, e en gastronomía, torradas e ensaladas.

Propiedades[editar | editar a fonte]

Polo seu gran contido en vitamina A atribúenselle efectos beneficiosos sobre a visión. Tamén contén vitamina C e do grupo B, aínda que en menor cantidade. Fornécenos minerais como potasio, ferro, cobalto, boro, cinc e calcio.

O 90% do seu contido é auga, polo que é moi diurética, mais tamén é depurativa e dixestiva. Contén mucilaxes, poucas calorías e case nada de graxa, o que a fai axeitada nas dietas de adelgazamento. As súas sementes son utilizadas para inflamación da próstata.

Usos no Samaín[editar | editar a fonte]

As cabazas xigantes ou calacús son utilizada como ornamentación, especialmente nas festas de defuntos, sendo o símbolo do Halloween, onde son famosos os Jack-o'-lantern. Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a pervivencia do samaín en Galiza, e escribe que "aquí era hai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha vela". Estas cabazas iluminadas colocábanse sobre os valados ou nas encrucilladas, para asustar os camiñantes.


Uso coma recipiente[editar | editar a fonte]

Coa codia das cabazas, despois de secas, soen facerse vasillas nas zonas vinícolas, para auga e máis comunmente para viño. Hainas de varios tamaños, e algunhas acadan gran desenvolvemento; forman todas un van preto da parte superior, sendo moito máis anchas pola parte inferior (forma de oito). O símbolo máis claro é a cabaza do peregrino para levar a auga ou o viño durante o camiño.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Chámase cabaza a un tipo de pendente, un aro cun colgante de figura chata a modo de améndoa.

Ditos[editar | editar a fonte]

  • Darlle un bico á cabaza, beber un ou varios grolos. Normalmente cando ten viño.

Refráns[editar | editar a fonte]

  • Cabaza que non tèn viño non é cabaza nin cabaciño.
  • Inda non foi prá cabaza e xa se volveu vinagre.[5].

Variedades máis comúns[editar | editar a fonte]

  • Cucurbita pepo (Cucurbita oblonga) e Cucurbita pepo L. subsp. pepo. A maioría das especies de cabazas pertences a esta especie, tamén a cabaciña.
  • Cucurbita maxima, cabaza confeiteira, cidra
  • Cucurbita mixta
  • Cucurbita mostacha

As cabazas de verán son variedades de Cucurbita pepo. Se se recollen inmaturas, consómense como cabaciñas, aínda que se poden deixar madurar na planta como as de inverno. Así e todo, as variedades de inverno C. maxima e C. mostacha non se consomen verdes.

Existen multitude de variedades de diferentes cores e tamaños; as máis grandes chegan a pesar entre 18 a 36 kg. Aínda que é difícil manter as variedades puras cando se cultivan xuntas, a verdadeira especie C. pepo non se hibrida nunca con C. maxima, a chamada "cabaza confeiteira" da que se elabora o cabelo de anxo. Esta variedade, máis doce e zumarenta có resto, cando está madura posúe unha casca de cor amarela, rugosa, grosa e moi consistente, polo que se pode conservar moito tempo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome común en Vocabulario ortográfico da lingua galega. A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000 e Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, 2004
  3. E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
  4. [1]
  5. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cucúrbitas

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]