Xosé Pérez Ballesteros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "José Pérez Ballesteros")
Xosé Pérez Ballesteros
José Pérez Ballesteros.JPG
Retrato de Xosé Pérez Ballesteros en Coruña Moderna, 1905.
Datos persoais
Nacemento 30 de xullo de 1833
Falecemento 30 de outubro de 1918
Actividade
Lingua Galego e castelán
Estudos Dereito, Filosofía e Letras
Sinatura Ballesteros.jpg

Xosé Pérez Ballesteros, nado en Santiago de Compostela o 30 de xullo de 1833 e falecido na Coruña o 30 de outubro de 1918, foi un escritor en galego e castelán, e un investigador do folclore galego, considerado como un dos Precursores.

Biografía[editar | editar a fonte]

Cursou as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, acabando por doutorarse na primeira delas en 1859, cunha tese sobre o concilio de Trento, que presentou na Universidade Central madrileña.

En 1862 participou na colectánea poética do Album de la Caridad, cunha soa obra "Un soño", que databa de 1853.

En 1865 aprobou por oposición a cátedra de Lóxica, Psicoloxía e Ética, que exerceu no Instituto de bacharelato da Coruña. En 1878 pasou a ostentar o cargo de director de dito centro de estudos, no que permaneceu até a súa xubilación. Nese mesmo ano de 1878, publica o seu primeiro libro de poesías: Versos en dialecto gallego.

Ao ser fundada a sociedade "El Folklore Gallego" na cidade herculina, o 25 de febreiro de 1884, que presidiu Emilia Pardo Bazán, Pérez Ballesteros ingresou nela como vogal da xunta directiva. Nese mesmo ano dedicaría á dita asociación a primeira escolma de entidade sobre a cantiga galega, o Cancionero Popular Gallego, publicado nos dous anos seguintes.

Nos anos sucesivos, desde un punto de vista creativo, publicou só outro libro poético, Foguetes (1888), e, de resto, composicións soltas, que apareceron en diversos xornais e revistas, como El Heraldo Gallego de Ourense, Revista de Galicia ou Revista Gallega da Coruña, en A Monteira de Lugo etc. Colaborou con catro poemas na edición políglota de Lo Gayter del Llobregat (1888-89), na que participaron outros cinco escritores galegos. Publicou tamén algúns artigos de temas lingüísticos e literarios.

Ballesteros foi un dos asiduos dos faladoiros da coruñesa Cova Céltica, a animada e erudita trastenda galeguista de entre séculos, radicada na libraría de Uxío Carré Aldao. En 1905, Pérez Ballesteros formou parte da comisión con representantes de toda Galiza, que segundo encomenda de Manuel Curros Enríquez desde Cuba, debería encargarse de organizar a Academia Galega; Ballesteros, xunto con Manuel Murguía, era o representante da provincia da Coruña. Pouco tempo despois, Pérez Ballesteros foi un dos corenta membros fundadores da Real Academia Galega, da que foi o seu primeiro tesoureiro.

Obra[editar | editar a fonte]

Tumba de Xosé Pérez Ballesteros no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Creación literaria[editar | editar a fonte]

  • Versos en dialecto gallego y correspondencia castellana de sus principales voces.[1] Madrid. P. Calleja y Compañía, Editores. 1878, con prólogo de Juan Antonio Saco y Arce.
  • Foguetes.[2] A Coruña. Andrés Martínez Salazar Editor. 1888.

Investigación[editar | editar a fonte]

  • Juício crítico acerca del Concilio de Trento y estado de la disciplina eclesiástica antes y después de su celebración.[3] (tese de doutoramento). Madrid. 1859.
  • Cancionero Popular Gallego y en particular de la provincia de La Coruña.[4] Madrid. Biblioteca de Tradiciones Populares, T. VII (1885), T. VIII (1886), T. IX (1886), con prólogo de Teófilo Braga e apéndice de Antonio Machado y Álvarez. En 1979 fíxose unha edición facsímile desta obra por Akal Editor, na colección Arealonga - ISBN 84-7339-445-3
  • Apuntes cervantinos. A Coruña. Tipografía La Constancia. 1905.

Artigos diversos[editar | editar a fonte]

  • Un descubrimiento zoológico del Sr. López Seoane, na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, nº 9, 28-III-1881.
  • Cuestión gramatical: conto, na revista Galicia, nº 5. A Coruña. 1888.
  • Indicaciones acerca de la Prosodia y Ortografía gallegas, na revista Galicia, nº 8. A Coruña. 1888.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carballo Calero, Ricardo: Historia da literatura galega contemporánea. Vigo. Ed. Galaxia. 1975.
  • Alonso Montero, Xesús: Xosé Pérez Ballesteros e a poesía popular galega, en Pérez Ballesteros, José: Cancionero popular galego, t. I, Madrid. Akal Ed. 1979 (edición facsímile da súa obra), páxs. I-IX.