Sanguñedo, Verea
Sanguñedo | |
---|---|
![]() Ponte do Cubo no regato de Quintela. | |
Concello | Verea[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°05′21″N 7°54′56″O / 42.08927778, -7.9155Coordenadas: 42°05′21″N 7°54′56″O / 42.08927778, -7.9155 |
Poboación | 97 hab. (2020) |
Entidades de poboación | 6[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Salvador de Sanguñedo é unha parroquia do concello de Verea na comarca da Terra de Celanova, na provincia de Ourense. No ano 2020 tiña noventa e sete habitantes, deles cincuenta eran homes e corenta e sete eran mulleres, o que supón unha diminución de 84 habitantes en relación ao ano 2000. A parroquia engloba os lugares de Abeleda, Balín, Casal de Abade, Os Casares, Outeiro e Sanguñedo.
Demografía[editar | editar a fonte]
Sanguñedo atópase nunha situación de crise demográfica, situación bastante común no interior de Galicia, sobre todo no rural. No ano 2020 tiña 97 habitantes, deles 50 eran homes e 47 eran mulleres, o que supón unha diminución de 84 habitantes en relación ao ano 2000.[2]

Xeografía[editar | editar a fonte]
Extensión parroquial[editar | editar a fonte]
Con 12,69 quilómetros cadrados, Sanguñedo é a terceira parroquia máis extensa do concello de Verea, tras San Miguel de Bangueses e santo Andrao de Cexo. Nela atopamos os núcleos de poboación de Abeleda, Casal de Abade, Casares, Outeiro e Sanguñedo.
Cursos fluviais[editar | editar a fonte]
- Río Ourille
- Regato de Balín
- Regato da Cernadela
- Regato de Sanguñedo
- Regato do Sobradiño
- Regato de Quintela
Toponimia[editar | editar a fonte]
San Salvador é un dos nomes que recibe Xesús como "salvador do xénero humano". Salvador empregouse en substitución de Xesús, xa que se consideraba grave irreverencia empregar este último como nome de persoa.[3] O étimo vén do latín salvator/-oris (salvador, liberador, redentor)[4]. Con este nome é tamén coñecido San Salvador de Horta. Por outra banda, Sanguñedo é un fitotopónimo[5], ven do arbusto sangomiño, sanguino, sanguvino ou sanguineto (Rhamnus sanguineus)[6] (Cornus sanguinea) [3].
Lugares de interese[editar | editar a fonte]
Igrexa de San Salvador de Sanguñedo[editar | editar a fonte]
A igrexa de San Salvador foi construída a principios do século XVIII, conta con algúns elementos complementados no século XIX. Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva.[7] Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos puntiagudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararaios ornamental con forma de cruz grega. A igrexa conta con tres altares; o altar maior ten un retablo construído en 1713 polo escultor Gregorio Álvarez, veciño de Quintela de Leirado e dourado por Agustín Vázquez; nel atópanse as imaxes da Inmaculada, San Francisco, Santo Antón e San Xosé. Os altares colaterais do Evanxeo da Nosa Señora do Carme e da Epístola da Nosa Señora das Dores, albergan as tallas da Virxe do Carme, Santa Tereixa, Santo Antón e San Bieito. [3]
Cruceiro do Campo de Outeiro[editar | editar a fonte]
O cruceiro de Sanguñedo está situado no Campo do Outeiro, diante da igrexa de San Salvador de Sanguñedo a medio camiño entre o lugar de Sanguñedo e Outeiro. Data do mesmo século que a igrexa (s. XVIII). O pedestal consta de tres chanzos, sobre el atópase un varal, primeiro cuadrangular e logo octogonal, que engarza cun capitel dórico e remata nunha cruz florenzada ocupada, no anverso, por un Cristo de expresividade dramática con pano de pureza e, no reverso, por unha Virxe orante sobre anxo. [3]
Capela da Virxe dos Remedios[editar | editar a fonte]
A capela, que se atopa en Casares, é de planta rectangular e ten o tellado a ter augas. Accédese á mesma por un adro porticado con asentos pétreos ao redor, apoiado en columnas de cemento. No retablo atopamos a Virxe dos Remedios e do Amparo. [3]
Ruta do Briñal[editar | editar a fonte]
Ruta sendeirista que trascorre por camiños agropecuarios que conectan diversos lugares das parroquias de Sanguñedo, Ourille e Pitelos. Une Casal de Abade coa aldea de Sabucedo. Por este sendeiro os gandeiros conducían o gando entre os prados da zona. O nome da ruta vén dado polo miradoiro do Briñal.[8]
Eira dos canastros de Casal de Abade[editar | editar a fonte]
Na aldea hai unha eira comunal con canastros (denominación da zona) do século XIX.
Pozo Mimón[editar | editar a fonte]
Poza fluvial no transcurso do regato do Sobradiño. Conta unha lenda[Cómpre referencia] que un día pasaba un cura montado nunha besta ao carón do regato do Sobradiño cando de súpeto caeu el e máis a besta á poza. Dende aquela algunhas persoas intentaron atopar os corpos sen vida, os cales nunca foron atopados.
Muíños de Caíde[editar | editar a fonte]
Os muíños atópanse no curso do regato do Sobradiño. Foron empregados dende mediados do século XVII ata a mecanización do moído. Crese que en orixe eran propiedade do abade.
Ponte do Cubo[editar | editar a fonte]
Ponte empregada polos gandeiros para salvar o regato de Quintela. Forma parte da ruta do Briñal.
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
Eira dos Canastros de Casal de Abade.
Abeleiro da Abeleda.
Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]
Lugares de Sanguñedo[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Sanguñedo no concello de Verea (Ourense) | |
---|---|
Abeleda | Balín | Casal de Abade | Os Casares | Outeiro | Sanguñedo |
Parroquias de Verea[editar | editar a fonte]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da Provincia de Orense.
- ↑ "Instituto Nacional de Estadística. Nomeclátor. Relación de unidades poboacionais.". www.ine.es. Consultado o 2021-02-01.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Méndez Míguez, Carlos (2020). Toponimia de Verea. Noia (A Coruña). ISBN 978-84-1217-313-0. OCLC 1254476944.
- ↑ "SALVADOR, radicación". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2021-09-02.
- ↑ amil (2021-01-26). "Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)". BadalNovas. Consultado o 2021-01-31.
- ↑ "Estudos de toponimia galega. Nicandro Ares Vázquez". Arquivado dende o orixinal o 13/02/2021. Consultado o 31/01/2021.
- ↑ "Iglesia de San Salvador de Sanguñedo – Terra de Celanova — Serra do Xurés" (en castelán). Consultado o 2021-01-29.
- ↑ "Ruta do Briñal". Wikiloc | Rutas del Mundo (en castelán). Consultado o 2021-01-30.