Aquis Querquennis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°58′26.82″N 7°58′50.56″O / 41.9741167, -7.9807111

Complexo arqueolóxico romano
Aquis Querquennis
Aquis Querquennis, Bande 01.jpg
Vista xeral.
Parroquia: Baños de Bande
Concello: Bande
Provincia: Ourense
Datas
Ocupación: O campamento: último cuarto do século I d. C ata os anos 20 do II d. C.

A mansión-viaria: séculos II-III d.C.

Escavación: 1975 ata a actualidade
Estado actual: descuberto
Superficie: 2,5 hectáreas (campamento)
Véxase Tamén: Campamento romano da Ciadella

Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A Cidá, é un complexo arqueolóxico constituído por: un campamento romano e unha mansión-viaria, situado na parroquia de Baños (Bande). O campamento estableceuse no lugar para a construción da Vía XVIII ou Vía Nova, calzada que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta. Estivo ocupado entre o último cuarto do século I d.C. e os anos 20 do século II d.C. A mansión-viaria era un hospedaxe de viaxeiros na citada calzada, ocupada nos séculos II - III d. C. No mes de setembro do ano 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural.[1]

Atravesa o lugar unha ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, coñecida como Ruta da Raíña Santa, nome debido á peregrinación realizada por Isabel de Portugal, no século XIV e seguida nos séculos posteriores por numerosos camiñantes. Tal ruta coincide coa citada calzada romana Vía Nova no seu tramo inicial ata Bande e está a ser reivindicada como "camiño xacobeo" por diversas asociacións da comarca.[2]

No lugar atópase o moderno Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, que alberga un museo e varias salas explicativas do complexo arqueolóxico.

Historia do campamento[editar | editar a fonte]

Entrada principal ó recinto.
Zona dos hórrea e entrada lateral.

As primeiras prospeccións realizounas Florentino López Cuevillas na década de 1920, logo de visitar o recinto o 5 de xuño de 1921 canda Otero Pedrayo, Vicente Risco e o avogado de Bande Farruco Pena[3]. En 1949 foi anegado polo encoro das Conchas, de Fenosa. Esta empresa autorizou as escavacións a partir de 1975, baixo a dirección de Antonio Rodríguez Colmenero durante case vinte anos, centrándose especialmente no cuadrante noroeste. A día de hoxe continúan baixo a man de Santiago Ferrer Sierra.

O campamento, que ocupaba unha extensión de 2,5 hectáreas estaba rodeado por unha muralla con forma rectangular e esquinas arredondadas . Na mesma sobresaían torres defensivas cuadrangulares entre as portas e nas esquinas. A muralla foi levantada con perpiaños pequenos de granito, unidos a oso (encaixados sen cemento); tiña 3,20 m de anchura e unha altura próxima a 5 m. e estaba rematada por ameas semicilíndricas; O sistema defensivo posuía ademais un foxo exterior ten forma de V, con 5 metros de anchura e 3 m aproximadamente de fondo. Contaba con catro portas monumentais, das que se escavaron a Principalis Sinistra (porta principal do lado esquerdo) e a Decumana (no lado oeste) . A Principalis contaba con dous ocos (un de entrada e outro de saída). A Decumana era semellante, mais cunha única abertura. O sistema defensivo complétase co intervallum de 11 m de anchura, un espazo de seguridade sen construcións entre a muralla e a primeira liña de edificacións.

Escaváronse cinco barracóns para a tropa ou strigia, consistentes en aliñacións enfrontadas en torno a un patio central cunha cisterna para recoller a auga da choiva. As estancias ou contubernia eran de terra batida, estaban divididas en dúas partes: espazo para durmir e as lareiras . En cada unha podían vivir oito soldados. Á entrada dos barracóns atópanse unhas bases circulares, que serían a parte de abaixo de fornos comunitarios. Hai ademais no campamento dous horrea ou graneiros rectangulares, que se elevarían sobre liñas de piares de pedra e estaban delimitados por muros grosos con contrafortes externos. Tamén se atopou un edificio de planta case cadrada, que sería o hospital ou valetudinarium, consistente en varias estancias cadradas arredor dun patio central (compluvium). É posíbel que este patio contase cun perístilo de columnas de madeira asentadas sobre un muro baixo de pedra. Tamén apareceu un canal que conduciría as augas do compluvium cara o exterior do edificio.

O edificio central, que sería o cuartel xeral ou principia ten planta rectangular. Nel atopamos un vestíbulo flanqueado por deambulatorios cubertos e abertos á fachada. A continuación hai dúas habitacións pequenas a ambos lados, que son os posibles armamentaria, onde gardarían as armas de uso non cotián. Logo atópase un patio rectangular grande con perístilos en tres dos lados, coñecido como o foro. Despois hai unha basílica á que se accede por unha entrada central grande e dúas laterais máis estreitas. No fondo estaría a área sacro-administrativa, cun templo oficial ou aedes rodeado de cinco estancias, dúas polo norte e tres polo sur, que puideron ser o tabularium ou arquivo.

Tamén se escavaron as latrinas, un edificio rectangular pegado á muralla. Nelas atópase un canal de desaugue, unha cloaca central ,e, un espazo no cal se situarían uns bancos de madeira ou retretes (non conservados).

Fóra da muralla, na área máis cara o sur atopáronse dúas bases circulares pavimentadas con tégula, probablemente fosen bases de fornos cerámicos, Tamén apareceron vestixios dunha vivenda. Neste lugar asentaríase un vicus ou cannaba, que sería un pequeno poboado coetáneo ao campamento[4].

Crese que a unidade militar que ocupaba Aquis Querquennis foi a cohorte III, que dependía da Legio VII Gémina (cuxa base estaba en León) debido a que apareceron marcas cerámicas sobre tégula que así o confirman. Sería unha unidade con 600 soldados de infantería e de cabaleiría.

Historia da mansión-viaria[editar | editar a fonte]

A escasos metros do campamento atópase a mansión- viaria. Sería a terceira dende Braga. Nela hai varias estancias, que se empregarían para hospedar aos viaxeiros que percorrían a vía romana e como cuadras para as cabaleirías. Tamén se atopou un forno para cocer o pan e un pozo circular. Consérvase ademais un vestíbulo enlousado para acceder á mesma[5].

Moi preto da pousada atópase unha zona de augas termais, coñecida como O Baño. Nela hai varias piscinas e bañeiras de pedra, que son vestixios dun balneario que funcionou ata a construción do citado encoro das Conchas. No lugar estaría a terma romana, pero aínda non se levaron a cabo escavacións.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

 
 
 
 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A Xunta declara bens de interese cultural o castro de Castromao e o campamento romano de Aquis Querquernnis". Cultura Galega. 7 de setembro de 2018. Consultado o 13 de setembro de 2018. 
  2. L.F. (15/12/2009). "Asociaciones de A Baixa Limia reclaman el camino xacobeo de A Raíña Santa". La Región (en castelán). Consultado o 11-11-2018. 
  3. "Unha paisaxe arqueolóxica asolagada: Aquae Querquennae (Bande, Ourense)", artigo de José M. Costa en Roman Army, 18 de marzo de 2016.
  4. Rodríguez Colmenero, Antonio (2009). Aqvae Qverqvennae.Campamento militar romano y mansión viaria. Guía del yacimiento romano.41-43. 
  5. Rodríguez Colmenero (2009). Aqvae Qverqvennae. Campamento militar romano y mansión viaria. Guía del yacimiento arqueológico.15-18. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barciela Garrido, Pilar e Rey Seara, Eusebio: Xacementos arqueolóxicos de Galicia, Xerais, Vigo 2000, 234-239.
  • Rodriguez Colmenero, Antonio e Ferrer Sierra Santiago: Excavaciones Arqueológicas en Aquis Querquennis. Actuaciones en el campamento romano (1975-2005). (Anejos de Larouco 4). Lugo. 2006.