Saltar ao contido

Rianxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaRianxo
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°38′56″N 8°49′03″O / 42.6489, -8.8174
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
CapitalRianxo Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación10.854 (2023) Editar o valor en Wikidata (184,59 hab./km²)
Xentiliciorianxeiro Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie58,8 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude4 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataJulián Bustelo Abuín Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Rianxo Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15920 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15072 Editar o valor en Wikidata

Páxina webrianxo.gal Editar o valor en Wikidata

Rianxo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barbanza. Linda ao norte cos municipios de Lousame e Rois, ao oeste con Boiro, ao leste con Dodro e Catoira a través da Ponte de Catoira sobre o río Ulla, e ao sur coa ría de Arousa. Sitúase a menos de 50 km de Santiago de Compostela e a 150 km da capital de provincia galega máis distante: Ourense.

Segundo o IGE no 2015 tiña unha poboación de 11.386 habitantes[1] (11.729 en 2012, 11.780 en 2011, 11.826 en 2010), o que o converte no terceiro concello en poboación da comarca, despois de Ribeira e Boiro. O concello posúe unha densidade de poboación de 197,24 hab./km² e unha superficie de 58,8 km².

O seu xentilicio é rianxeiro/rianxeira.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Situación

[editar | editar a fonte]

O concello de Rianxo atópase na marxe dereita do río Ulla e da ría de Arousa, a uns 50 km de Compostela. Rianxo fai fronteira polo norte cos concellos de Lousame e Rois; polo sur coa ría de Arousa, que o separa da provincia de Pontevedra; polo leste cos concellos de Dodro e Catoira (separada do territorio rianxeiro polo río Ulla), e polo oeste co concello de Boiro.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Censo total 11.386 (2015)
Menores de 15 anos 1.454 (12.77 %)
Entre 15 e 64 anos 7.165 (62.93 %)
Maiores de 65 anos 2.767 (24.3 %)
Serie de poboación histórica de Rianxo
(Fonte/s: INE)
Ano19001930195019812004200920112012201320142015
Poboación8.2779.46111.12012.71511.58211.76911.78011.72911.59811.47911.386

Prehistoria

[editar | editar a fonte]

Existen probas que demostran que o actual territorio de Rianxo xa estaba poboado no Neolítico, 4000 anos a. e. c. Nas ladeiras do monte Lioira, entre as parroquias de Leiro e Asados, atópase unha necrópole megalítica con máis de vinte túmulos. Na localidade de alto de Burés apareceron oito mámoas e outras seis no Campiño.

O declive da cultura megalítica comezou a finais do III milenio a. e. c. deixando paso á Idade de Bronce, da que se conservan en Rianxo varios vestixios; entre eles, uns puñais de espeto, atopados no monte Lioira, e mais o casco de Leiro, un cunco de lámina de ouro con decoración astral atopado na praia de Leiro. Da idade de bronce tamén se atopan na parroquia de Isorna varios gravados e petróglifos.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]

A cultura castrexa desenvólvese dende o final da Idade de Bronce até o século VI. Desta época consérvanse polo menos 10 castros, abandonados coa chegada dos romanos.

A conquista romana de Galicia foi máis prolongada ca no resto da península por mor da súa situación xeográfica e á súa accidentada xeografía.

A presenza dos romanos en Rianxo fica demostrada pola Via per Loca Maritima de Caldas a Betanzos cuxo percorrido se supón que discorre bordeando a beira dereita do río Ulla por Rianxo e da que non se teñen localizados restos certos. Citar tamén o achado en 2006 nunha casa de Taragoña dunha estela funeraria[2]. Tamén polo achado en 2010 de catro enterramentos con restos óseos de tres individuos no seu interior e datados entre o século III e o século V da nosa era[3].

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Rianxo atópase moi próximo a Santiago de Compostela, xusto en fronte das torres do Oeste en Catoira, na outra beira do río Ulla. O Ulla é un río navegábel para barcos de pouco calado até Iria, polo que Rianxo tivo que soportar as continuas incursións dos normandos, que se produciron entre os séculos IX e XI, que pretendían chegar dende Iria a Compostela.

No ano 934, a vila de Rianxo e todas as súas posesións foron transferidas a Santiago como privilexio outorgado polo rei Ramiro II. Un século máis tarde, en 1057, Alonso V e o bispo Hermenexildo confirmaban a xurisdición compostelá sobre Rianxo. No século XI, en que comezou o feudalismo en Galiza, Rianxo converteuse na cabeza da xurisdición eclesiástica exercida pola Mitra Compostelá que cobraba diezmos de mar e outras rendas aos rianxeiros. O apoxeo compostelán continuou ao longo dos séculos XII e XIII, deixando unha profunda pegada en Rianxo.

O primeiro señor de Rianxo foi o almirante Paio Gómez de Soutomaior, coñecido como Paio Gómez Chariño. Chariño tomou parte na conquista de Sevilla como quinto almirante de Castela ao mando das naves galegas. Era ademais un recoñecido poeta e trobador. Foi asasinado en 1295 e soterrado en San Francisco de Pontevedra. Entre as súas propiedades cabe mencionar o pazo Martelo, hoxe reconvertido na biblioteca municipal, e a torre-fortaleza da desembocadura do río Te, da que só fican os alicerces.

O señorío de Rianxo estivo en mans dos Chariño até despois das Revoltas Irmandiñas do século XV. Tras longos preitos, outorgarase de novo o señorío á Mitra Compostelá en 1532.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

A Mitra Compostelá exerceu a súa xurisdición en Rianxo dende 1532 até ben entrado 1814. Durante esta época e ao abrigo da Mitra xurdiron as liñaxes máis ilustres de Rianxo: os Torrado e a familia Bastón cuxas posesións a día de hoxe forman parte do patrimonio artístico de Rianxo.

Tamén no século XVI, concretamente entre 1580 e 1590, tivo lugar unha vaga de peste que devastou a rexión, matando a moitos habitantes.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]
Casa de Castelao en Rianxo, localizada na rúa de Abaixo.

A parte final do século XIX e os comezos do XX caracterizáronse en Rianxo pola presenza dun activo movemento cultural e político. Rianxo está relacionado con nomes tan importantes para a cultura galega como Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Brea Segade, Eduardo Dieste ou Xosé Arcos Moldes entre outros. Todos eles estaban fortemente vencellados ao galeguismo, movemento integrado nas Irmandades da Fala e estreitamente relacionado coa corrente populista As Ligas Agrarias.

Con Castelao á cabeza, fundaron a revista El barbero municipal, unha publicación que trataba de fomentar a unión da mocidade rianxeira e que se editou dende 1910 a 1914. Case todos os intelectuais locais deixaron Rianxo por motivos políticos, exiliándose durante a guerra civil ou a posguerra en Suramérica.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O topónimo de Rianxo provén seguramente do latín rivus angulus, «a curvatura do río» (Rivu(m) Ángulu(m) > Riv'ang'lo > Rianxo) dada a forma que describe a ría ao seu paso pola vila. Porén, tamén se especula con que provén de rivus amplus, «río ancho».

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

A vila de Rianxo destaca polo seu atractivo turístico e cultural. Na parroquia do Araño atópase o meirande hórreo de toda Galicia,[4] en canto a lonxitude (36,75 metros a cámara e 37,05 m o celeiro) e capacidade (cámara 109,31 m³, celeiro 59,09 m³). No tocante ao seu atractivo paisaxístico a vila destaca polo esteiro do Ulla, as súas praias e os miradoiros do Castro Barbudo, do Monte Pena e do Pico Muralla, dende o que se pode ver as torres da catedral de Santiago de Compostela e incluso as Illas Cíes, na bocana da Ría de Vigo, e aínda máis alá, ata preto da costa portuguesa. Rianxo tamén destaca polo seu patrimonio arqueolóxico e cultural. Na vila atópanse numerosas mámoas como Os Campiños; petróglifos, na actualidade están catalogadas 59 estacións rupestres no concello; castros como o do Castriño, o das Sercas ou o de Traba; ademais de igrexas, capelas, ermidas, pazos, hórreos e os máis de 188 cruceiros catalogados na vila.[5]

Etnografía

[editar | editar a fonte]

Festas e celebracións

[editar | editar a fonte]

Ademais de polas súas paisaxes e patrimonio, Rianxo tamén é coñecida por A Rianxeira, canción popular galega, convertida nun dos símbolos culturais de Galicia e particularmente representativa do colectivo dos emigrantes popularizada por emigrantes rianxeiros no exterior.

[editar | editar a fonte]
Cantigueiro
  • A aldeia da Atalaia/ rodeada de loureiros/ non a pasean casados/ que a pasean solteiros.[6]
  • Aí vén o maio/ pola punta de Rianxo,/ vén a patadas/ co fillo do Macanxo.[7]
  • Alá vén Nosa Señora/ andando pola ribeira,/ trai as perniñas ó aire,/ parece unha rianxeira.[8]
  • Araño, meu Arañiño/ Na parroquia do Araño/ teño todo o meu cariño.[9]
  • As miniñas de Rianxo/ pagan as rendas ó cuco,/ eu como son rianxeira/ tócalle o pito, Farruco!.[10][11]
  • As mociñas do Araño/ mentras os máis van á misa,/ quedan na corte coas vacas/ rillando palla maísa.
  • Cando veño do axexo,/ cando vou para a luzada/ quérote ver rianxeira/ sempre no muelle sentada.[12]
  • De Rianxo, miña nai,/ de Rianxo para Noia,/ de Rianxo, miña nai,/ que se fai a festa toda.[13]
  • Deprendéronme a cantar/ as neniñas de Rianxo,/ deprendéronme a cantar/ indo polo mar abaixo.[14]
  • En Somoza nace o sol,/ na Marquesa nace a lúa,/ na aldea da Atalaia/ nace a estrela da fortuna.[15]
  • Eu caseime no Araño/ co fillo dun arañón,/ pensando que non pasaba fame/ o forno da miña sogra cría silvas no verán.
  • Eu de onde estou ben vexo/ as rabizas en Teaio,/ tamén vexo os meus amores/ na arrechán de Araño.[16]
  • Para bailar e cantar/ xa Rianxo ten a sona,/ para rapazas bonitas/ vivan as de Taragoña.[17]
  • Quérenme as nenas de eiquí/ e as da banda de Leiro,/ se me collen en Rianxo/ berraranme en Abanqueiro.[18]
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de laranxo/ quen che mandou dar pintura/ foi o cura de Rianxo.[19]
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de sanguiño/ líbrame, santo bendito/ do lobo de Rianxiño.[20]
  • Señor San Bartolomeu/ que estás no medio da Ría,/ dunha banda tes Rianxo/ e doutra Vilagarcía.[21]
  • Si o río de Te/ fora de coñá/ máis de catro mozos/ irían alá.[22]
  • Teño un amor en Rianxo/ outro en Vilagarcía./ Para ver os meus amores/ teño que cruza-la ría.

Economía

[editar | editar a fonte]

Na vila de Rianxo o sector predominante é o primario no que destacan principalmente a pesca de baixura (sobre todo da sardiña e da xouba), o marisqueo (do berberecho e da ameixa), e o cultivo do mexillón, existindo tamén outras actividades como a agricultura, a explotación forestal e a gandería. A maior presenza industrial é a conserveira. Nos últimos anos produciuse un notable incremento do turismo que influíu notable e positivamente na economía da vila, chegando nos meses estivais case a duplicarse a poboación. En Rianxo existe unha grande oferta de festas variadas, actos culturais e actividades deportivas.[23]

Política e goberno

[editar | editar a fonte]
Casa do concello

Julián Bustelo (Rianxo en Común) é o alcalde de Rianxo desde xuño de 2023, cando accedeu ao posto tras as eleccións do 28 de maio de 2023.[24] Nas eleccións municipais do 2023, cun 67,7% de participación, Rianxo en Común foi o partido máis votado con 1810 votos (28,98 %), obtendo 5 edís; o PSdeG-PSOE foi a segunda candidatura máis votada con 1790 sufraxios (28,66%) e 5 concelleiros, seguido polo PP con 1767 apoios (28,29%) e tamén 5 representantes, Pola súa banda, o BNG obtivo 814 votos (13,03%) e 2 concelleiros.[25]

Eleccións municipais, 25 de maio de 2003[26]
Partido Votos % Concelleiros
PSOE 4.404 58,88 % 11
PP 1.275 16,47 % 3
BNG 1.178 15,22 % 2
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011[27]
Partido Votos % Concelleiros
PP 2.439 36.11 % 6
BNG 2.146 31.77 % 6
PSOE 2.030 30.05 % 5
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[28]
Partido Votos % Concelleiros
PSOE 3.540 49,27 % 9
BNG 1.737 24,18 % 4
PP 1.725 24,01 % 4
Eleccións municipais, 2 de xuño de 2015[29]
Partido Votos % Concelleiros
BNG 2.164 34.38 % 6
PP 1.687 26.80 % 5
PSOE 1.662 26.41 % 4
SON 695 11.04 % 2

Cidades irmandadas

[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Rianxo
Vila de Rianxo
  1. "IGE". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2018. Consultado o 13 de maio de 2008. 
  2. "Unos arqueólogos hallan en Rianxo una lápida funeraria romana". La Voz de Galicia (en castelán). 2006-09-01. Consultado o 2024-09-08. 
  3. "Los romanos de Rianxo al fin descansan juntos". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-10-08. Consultado o 2024-09-08. 
  4. http://portelo.rianxo.com/index.php?idMenu=374&idIdioma=2 Arquivado 16 de agosto de 2009 en Wayback Machine. O hórreo máis grande
  5. Lois M. Blanco, La Voz de Galicia, 4.03.1993.
  6. A Atalaia é un lugar da parroquia de Santa María de Asados (Rianxo). Fermín Bouza Brey 1929, 203. No orixinal: Atalaya, non-a.
  7. Fermín Bouza-Brey 1929, 177. No orixinal: Ahí, ven, pol-a.
  8. Fermín Bouza-Brey 1929, 184. No orixinal: ven, pol-a, ô.
  9. Fermín Bouza Brey 1929, 202.
  10. José Pérez Ballesteros, II, 54,17. No orixinal: tócall'o pito.
  11. Fermín Bouza-Brey 1929, 177. No orixinal: neniñas, ô cuco.
  12. Lino Lema Bouzas, 13. No orixinal: asexo. Pescar ó axexo é facelo desde o solpor ata que se fai noite; e pescar á luzada é facelo ó mencer.
  13. Fermín Bouza-Brey 1929, 204. No orixinal: Noya.
  14. Fermín Bouza-Brey 1929, 166.
  15. Fermín Bouza-Brey 1929, 202. No orixinal: Atalaya. Somoza, A Marquesa e A Atalaia son tres lugares da parroquia de Santa María de Asados (Rianxo).
  16. Teaio é lugar da parroquia de San Xoán de Laíño, estremeira coa do Araño (Rianxo). As rabizas son as follas tenras do nabo. Fermín Bouza-Brey 1929, 202. No orixinal: Teayo.
  17. Fermín Bouza-Brey 1929, 172.
  18. Exemplo da confrontación entre parroquias lindeiras: Leiro (de Rianxo) e Abanqueiro (de Boiro). Fermín Bouza-Brey 1929, 162.
  19. Fermín Bouza-Brey 1929, 184.
  20. Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo. Rianxiño é un lugar da parroquia de Santa Comba de Rianxo. Fermín Bouza-Brey 1929, 184.
  21. Refírese a unha capela dedicada a San Bertomeu que había, no século XVIII, nas illas Malveiras; Bouza Brey engade que estas illas aparecen como ínsua de San Bartolomeu nas cartas de navegación antigas. Fermín Bouza-Brey 1929, 187. No orixinal: de unha, de outra.
  22. O río Te (ou río da Torre) atravesa a parroquia de Taragoña, en Rianxo. Fermín Bouza-Brey 1929, 187.
  23. http://portelo.rianxo.com/index.php?idMenu=151&idIdioma=2 Arquivado 03 de setembro de 2011 en Wayback Machine. Economía de Rianxo
  24. https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2023-06-17). "Julián Bustelo, nuevo alcalde de Rianxo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-06-18. 
  25. PAÍS, Ediciones EL (2023-05-28). "Resultados Electorales en Rianxo: Elecciones Municipales". EL PAÍS (en castelán). Consultado o 2023-06-18. 
  26. Eleccións 2003
  27. "Resultados provisionales - Elecciones Municipales 2011 - A Coruña - Rianxo 2011". elecciones.mir.es. Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2016. Consultado o 2016-06-22. 
  28. Eleccións 2007
  29. "Resultados provisionales - Elecciones Municipales 2015 - A Coruña - Rianxo 2015". elecciones.mir.es. Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2016. Consultado o 2016-01-14. 
  30. http://www.laopiniondezamora.es/comarcas/2010/07/03/requejo-rianxo-hermanados-virgen-guadalupe/447317.html Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Noticia en "La Opinión de Zamora" en castelán
  31. "Rianxo y Padrón afianzan su histórica hermandad". La Voz de Galicia (en castelán). 2012-09-12. Consultado o 2018-07-04. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña. 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Rianxo

O Araño (Santa Baia) | Asados (Santa María) | Isorna (Santa María) | Leiro (Santa María) | Rianxo (Santa Comba) | Taragoña (San Salvador)