Augusto González Besada
Augusto González Besada | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Augusto González-Besada y Mein |
Nacemento | 24 de xuño de 1865 |
Lugar de nacemento | Tui |
Falecemento | 4 de xuño de 1919 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | político e avogado |
Pai | Basilio González Besada |
Fillos | Carlos González Besada |
Irmáns | Moisés González Besada |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Augusto González Besada y Mein, nado en Tui o 24 de xuño de 1865 e finado en Madrid o 4 de xuño de 1919, foi un avogado e político galego. Foi ministro de Facenda, ministro de Gobernación e ministro de Fomento durante o reinado de Afonso XIII.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Augusto González Besada era membro dunha das familias máis poderosas de Pontevedra na que tanto o seu pai Basilio González Besada como os seus tíos Rafael e Sabino foron deputados provinciais e ademais este último foi gobernador civil en dúas ocasións e presidente da Deputación (1896-1898). Tras estudar o bacharelato en Pontevedra, continuou a súa formación na Universidade de Santiago onde estudou Dereito licenciándose en 1885 tras o cal afiliouse ao Colexio de Avogados de Pontevedra exercendo a avogacía tamén, con gran prestixio, en Madrid.
Membro do Partido Conservador comezou a súa carreira política como Gobernador civil de Pontevedra en 1895, despois obtivo acta de deputado no Congreso, polo distrito de Cambados, nas eleccións de 1899; escano que volveu obter nas eleccións de 1901, 1903 e 1905. Tras obter nos seguintes procesos electorais escanos polas circunscricións de Cádiz (1907), Almería (1910) e Alacant (1914), finalizou a súa carreira como deputado representando a Lugo ao obter a acta correspondente nas eleccións celebradas entre 1916 e 1919.

Tras ser, en 1902, subsecretario de Facenda foi nomeado, entre o 20 de xullo e o 5 de decembro de 1903, ministro de Facenda por Fernández Villaverde converténdose no Ministro de Facenda máis novo da Restauración borbónica en España. Esta mesma carteira ministerial desempeñouna noutras dúas ocasións: entre o 14 de setembro de 1908 e o 21 de outubro de 1909 en senllos gabinetes Maura. Tamén foi ministro de Gobernación entre o 27 de xaneiro e o 23 de xuño de 1905 con Fernández Villaverde, e ministro de Fomento entre o 25 de xaneiro de 1907 e o 14 de setembro de 1908 con Maura.
Ademais, actuou como un dos portavoces da oposición conservadora que rexeitou a lei de Substitución dos Consumos urdida por José Canalejas e Rodrigáñez, e anunciou o bloqueo unha vez os conservadores volvesen ao goberno, como así ocorreu. Foi presidente do Congreso (1914), dos Consellos de Estado, Instrución Pública e Fomento e a Xunta Central de Colonización. En 1915, Maura propúxoo como membro da Real Academia Española. Tamén foi membro da Academia de Ciencias Morais e Políticas, e da de Xurisprudencia chegou a ser presidente.
Entre os seus discursos político-literarios merece recordarse o que en 1905, sendo ministro da Gobernación, pronunciou en sesión solemne, con motivo do terceiro centenario do Quixote, baixo o título Apuntes de Sancho para gobernar la ínsula Barataria.
Asturias, que o nomeou fillo adoptivo, houbo de agradecerlle importantes consignacións que destinou para melloras en portos como os de Ribadesella, Villaviciosa e Xixón, así como para a repoboación dos ríos; pero, sobre todo, expresoulle o máximo recoñecemento polo decidido apoio que prestou á favorable resolución do proxecto dos chamados ferrocarrís estratéxicos. Do 2 ao 11 de agosto de 1911, en ocasión de desempeñar novamente a carteira de Fomento, realizou un longo percorrido por Asturias, onde visitou Sama de Langreo, Lena, Llanes, Ribadesella, Luarca e Vegadeo.
Foi presidente honorario da Exposición Rexional de 1909 xunto ao Marqués de Figueroa (Juan Armada). Como tal, o 28 de novembro de 1909 recibiu o título de fillo adoptivo de Santiago de Compostela de mans do alcalde accidental, Salvador Cabeza de León.
O 4 de xuño de 1919, tres días despois das eleccións xerais, González Besada faleceu. Substituíuno como deputado por Lugo o seu fillo Carlos González Besada y Giráldez. Ao ano seguinte, para honrar a súa memoria, Afonso XIII creou o condado de González-Besada, en favor da súa viúva.
Obras e colaboración en xornais[editar | editar a fonte]
- Cuadros de la literatura gallega en los siglos XIII y XIV (premio nos xogos florais de Santiago de 1885).
- Historia crítica de la literatura gallega. Edad antigua (1887).
- Deberes de ciudadanía olvidados o mal cumplidos por generaciones.
- Rosalía de Castro (traducido ao galego por Pilar García Negro, A Nosa Terra, 2004).
Como xornalista colaborou con xornais e revistas da nosa terra como El País Gallego, El Libredón, Extracto de Literatura, Galicia, La Cruz de Santiago, La Revista ou no pontevedrés La Correspondencia Gallega.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augusto González Besada ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
- Comín, F.; et al. (2000). Prensas Universitarias, ed. La Hacienda desde sus ministros. Del 98 a la guerra civil. Zaragoza. ISBN 84-7733-540-0.
- Vallejo Pousada, Rafael; Pro Ruiz, Juan e Pan-Montojo, Juan (2005). Cobián, González Besada e Bugallal: Tres ministros galegos na crise da Restauración. Pontevedra: Deputación Provincial. ISBN 84-8457-255-2.