Analxésico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Un analxésico é un medicamento que produce analxesia, é dicir, que se utiliza para eliminar ou calmar a dor,[1] ben sexa de cabeza, muscular, artrítica ou outras.
Existen diferentes tipos de analxésicos e cada un deles ten as súas vantaxes e os seus riscos ou inconvenientes.
Aínda que o termo analxésico pódese usar para calquera substancia, é dicir, para calquera medio que reduza a dor, xeralmente refírese a un elemento dun conxunto de fármacos, de familias químicas diferentes, que eliminan ou calman a dor por diferentes mecanismos.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo analxésico, usado como adxectivo ("relativo ou pertencente á analxesia", e "que suprime ou diminúe a sensibilidade á dor"), e como substantivo ("medicameento que suprime ou calma a dor"), formouse, como é habitual en galego para moitos adxectivos e susbtantivos derivados, a partir da raíz do substantivo analxesia, coa adición do elemento ´-ico.[2]
En canto a analxesia é un termo que se adoptou contra 1700 no latín dos médicos, calco do grego antigo ἀναλγησία analgēsia, "insensibilidade" (de ἀν- an-, "partícula privativa", "non", e ἀλγείν algeín ou ἀλγέω algeō, "sentir dor", "ter dor".[3]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Antiinflamatorios non esteroideos
[editar | editar a fonte]Os antiinflamatorios non esteroideos (AINE) son un grupo heteroxéneo de fármacos, cuxo representante máis coñecido é o ácido acetilsalicílico (coñecido co nome comercial rexistrado de aspirina®.
Estes analxésicos actúan sobre todo inhibindo ás enzimas chamadas ciclooxixenases, cruciais para a produción de prostaglandinas, substancias mediadoras da dor. Corresponden ao chamado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) primeiro chanzo analxésico,[4] canda o paracetamol (AINE carente de efectos antiinflamatorios).
Ademais da súas propiedades analxésicas, os AINE son antipiréticos, antiinflamatorios e, algúns, antiagregantes plaquetarios.
Porén, teñen o inconveniente de que non se pode superar unha dose de tolerancia ou teito terapéutico debido aos graves efectos adversos, como poden ser as hemorraxias.
Opiáceos menores
[editar | editar a fonte]Son un grupo de substancias, a maioría sintéticas, que imitan, con menor poder analxésico, a acción dos opioides. Corresponden ao segundo chanzo analxésico da OMS.[4]
Opiáceos maiores
[editar | editar a fonte]Son un grupo de fármacos, uns naturais (opiáceos), como a morfina, e outros artificiais (opioides), como o fentanilo, que actúan sobre os receptores opioides das neuronas do sistema nervioso, imitando o poder analxésico dos opiáceos endóxenos.[5]
Son os fármacos analxésicos máis potentes coñecidos e corresponden ao terceiro chanzo analxésico da OMS.[4] Pódense asociar e potencian a súa acción cos AINE, pero non é bioloxicamente correcto asocialos a opiáceos menores.
Os opiáceos maiores non presentan teito terapéutico, polo que se pode aumentar a dose segundo a presenza de dor e a tolerancia do paciente. Presentan o inconveniente de que son substancias estupefacientes, e deprimen o sistema nervioso central nas primeiras doses.
Outros
[editar | editar a fonte]O ziconotide é un fármaco que non é nin opioide, nin un AINE, e tampuoco un anestésico local. Úsase no tratamento das dores crónicas.
Fármacos coadxuvantes
[editar | editar a fonte]Son fármacos que, aínda que non son analxésicos cando se administran illadamente, potencian a acción de calquera analxésico en asociación. Entre os fármacos coadxuvantes analxésicos encóntranse os:
- Corticoides.
- Antidepresivos, sobre todo os antidepresivos tricíclicos.
- Anticonvulsivantes, sobre todo na dor neuropática.
O efecto placebo
[editar | editar a fonte]Aínda que non se poden incluír dentro do grupo dos analxésicos, o placebo, é dicir, o efecto placebo ou alivio da dor en ausencia dun tratamento coñecido bioloxicamente como activo, é capaz de activar áreas cerebrais implicadas no alivio da dor, provocando cambios físicos na maneira na que o cerebro responde á dor, visíbel en resonancia magnética funcional, polo que está demostrado que a confianza que deposita o doente nun tratamento, mellora os resultados do mesmo. Pese a todo, ningunha fase do tratamento da dor pasa pola utilización de placebos, porque non é ético.
Efectos adversos
[editar | editar a fonte]Os analxésicos son medicamentos que poden causar dependencia física e mesmo poden, posibelmente, levar á morte se son administrados en exceso. O seu uso abusivo tamén pode provocar efectos colaterais, como hipertensión, gastrite e hepatite.[6]
Non é recomendabel o uso destas drogas por conta propia (compo tampouco o é a de calquera outro medicamento. Outras clases de drogas, que normalmente non son consideradas analxésicos, úsanse para tratar síndromes de dor neuropáticas. Estas inclúen antidepresivos tricíclicos e anticonvulsantes.
A aspirina pode inhibir a produción de prostaglandinas, substancias que protexen a mucosa gástrica (do estómago) e os riles, favorecendo así a produción de hemorraxias e úlceras gástricas.[6]
O paracetamol en doses maiores de 10 g/día pode causar hepatite medicamentosa.[6]
Moitos analxésicos conteñen altas cantidades de cafeína. Por iso, a súa falta pode causar a "cefalea de retirada" e, así, é necesario o consello médico para a retirada desas drogas.[6]
Lista dos principais analxésicos
[editar | editar a fonte]Analxésicos
|
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ analxésico no Dicionario da RAG.
- ↑ analxésico -a no Gran dicionario Xerais da lingua. Volume I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2009, ISBN 978-84-9914-071-1.
- ↑ analgesia (n.) no Online Etymology Dictionary.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Leone 2007, p. 91.
- ↑ Fitzal 1994, pp. 290–295.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Botelho, Rachel. (27 de maio de 2010). Analgésico pode levar a "vício" psíquico. Folha de S. Paulo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Analxésico |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Analxésico |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fitzal, S. (1994): "Medikamentöse Therapie, Inhalationstherapie". En: J. Kilian, H. Benzer & F. W. Ahnefeld (Editores): Grundzüge der Beatmung, 2ª ed. Berlin: Springer. ISBN 3-5405-7904-4.
- Leone, Salvino (2007): Nati per soffrire? Per un'etica del dolore. Roma: Città Nuova Editrice. ISBN 978-88-3112-672-4.
- Melchert, H. U.; H. Knopf, E. Pabel, M. Braemer-Hauth & Y. Du (2001): "Co- and multimedication in users of ASA and vitamin E drugs in the Federal Republic of Germany. Results of the Federal Health Surveys 1984–1999". Int. J. Clin. Pharmacol. Ther. 39 (11), pp. 488–491. Resume.
- Sarganas, G.; A. K. Buttery, W. Zhuang, I. K. Wolf, D. Grams, A. S. Rosario, C. Scheidt-Nave & H. Knopf (2015): "Prevalence, trends, patterns and associations of analgesic use in Germany". BMC Pharmacol Toxicol. 16 (28).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Analgésicos. Principios activos, información sobre medicamentos para profesionais da saúde, no sitio web Farmanuario (en castelán).
- Medicamentos esenciales. 14ª edición (marzo de 2005). Lista Modelo de la OMS Ver: 2. ANALGÉSICOS, ANTIPIRÉTICOS, ANTIINFLAMATORIOS NO ESTEROIDEOS (AINE) (en castelán).