Manuel Abelenda Zapata
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de novembro de 1889 A Coruña, España |
Morte | 20 de febreiro de 1957 (67 anos) Perillo, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Manuel Abelenda Zapata, nado na Coruña o 2 de novembro de 1889 e finado en Perillo (Oleiros) o 20 de febreiro de 1957[1], foi un pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado nunha familia moi humilde e iniciouse en traballos artesanais antes de entregarse á pintura; os únicos estudos relacionados con esta arte fíxoos na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal a partir de 1903, na que pronto destaca e obtén os modestos premios da época. Cun complemento económico concedido polo Concello da Coruña e mais a Deputación Provincial viaxa en 1909 a Madrid, onde se integra nos ensinos do Círculo de Bellas Artes. En 1913 viaxa a Roma para estudar na Academia de España, como bolseiro da Deputación, pero regresa a España ó ano seguinte.
En 1923 instalouse en Perillo (Oleiros), tras casar cunha muller dese lugar.
A partir deses anos realiza numerosas exposicións en cidades galegas (A Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago etc.), Madrid e Barcelona, sendo considerado pola crítica da época un dos primeiros intérpretes da paisaxe galega. Novamente, cunha bolsa da Deputación coruñesa, viaxa a Italia, Suíza e Francia en 1930.
A guerra civil sorpréndeo en Madrid, onde se atopaba opositando a unha cátedra de profesor de debuxo, e permanece en Madrid ata 1939, data na que regresa á Coruña.
Continúa participando con éxito en diferentes exposicións (Vigo, 1940; Madrid, 1941; Barcelona, 1942; Oporto, 1942; Bilbao, 1945 etc.) e recibe terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1943, polo seu cadro Mañana de octubre desde mi estudio. É nomeado académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes (1941) e académico correspondente da Real Academia Galega (1946).
En 1957 morre repentinamente na súa casa de Perillo.
A súa obra móstrase en Europa e América, de feito, en museos de Suramérica figuran obras súas, así como no de Arte Moderna de Madrid e nos de Galiza.
Abelenda foi por completo alleo a todas as innovacións europeas do seu tempo. Pola contra, apegado á paisaxe da súa terra, interprétaa con modos técnicos emparentados co impresionismo e cun sentimento lírico intimista, de raíz literaria.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en 1923 con Obdulia Freire Mariñas, e foron pais de Obdulia, Leonardo e Manuela Abelenda Freire.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sigüenza (21-II-1957). "Falleció un artista. Manuel Abelenda". Faro de Vigo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bangueses Vázquez, Mercedes (2010). Ilustradores galegos de preguerra (1880-1936). IEV. ISBN 978-84-89599-44-4.
- Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Editorial Noguer. 1976.
- Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Ediciones 1970.
- Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
- Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caixa de Aforros Municipal de Vigo, 1981.
- Pablos, Francisco: Pintores galegos do Novecentos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
- Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Vol. I. Xixón, S. Cañada, Edit., 1974.
- Fundación Barrié: Manuel Abelenda, Catálogo da Exposición celebrada pola Deputación da Coruña co gallo do centenario do nacemento. 1989.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Abelenda Zapata |