Fernando Álvarez de Sotomayor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernando Álvarez de Sotomayor
Nome completoFernando‏ Álvarez de Sotomayor y Zaragoza
Nacemento25 de setembro de 1875
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento17 de marzo de 1960
Lugar de falecementoMadrid
Soterradocamposanto de San Isidro
NacionalidadeEspaña
Alma máterReal Academia de España en Roma e Instituto Cardenal Cisneros
Ocupaciónpintor e político
FillosMaría del Rosario Álvarez
PremiosGran Cruz da Orde de Isabel a Católica, Gran Cruz de Afonso X o Sabio e Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso XII
Na rede
Dialnet: 2520251
editar datos en Wikidata ]

Fernando Álvarez de Sotomayor Zaragoza, nado en Ferrol o 25 de setembro de 1875 e finado en Madrid o 17 de marzo de 1960, foi un pintor académico galego. Boa parte da súa obra destaca por reflectir diversos aspectos da vida de Galicia con luminosidade e colorido.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia burguesa ferrolá, o seu pai morreu cando Fernando era un rapaz. A familia trasladou a súa residencia a Toledo, e nesta cidade desenvolveu a súa vocación ao carón do profesor de debuxo José Gutiérrez e do paisaxista José Vera. En 1893 iniciou en Madrid os seus estudos universitarios; alí coñeceu ao pintor Manuel Domínguez, quen o orientou definitivamente cara a pintura. Estudou o bacharelato en Madrid. Intentou seguir varias carreiras, adicándose finalmente por completo á pintura.

Formación e viaxes[editar | editar a fonte]

Tras a súa aprendizaxe do obradoiro de Manuel Domínguez, en 1899 gañou unha pensión da Escola de San Fernando para a Academia de Belas Artes de Roma. Dende a cidade italiana viaxou a París, Países Baixos e Bélxica. Iso permitiulle coñecer aos impresionistas franceses e á pintura flamenga e holandesa, que tiveron unha grande influencia na súa obra. Tras retornar a Madrid en 1904, logra a primeira medalla da Exposición Nacional de Belas Artes. Con posterioridade obtén outros recoñecementos como o primeiro premio na Exposición Internacional de Barcelona ou a medalla de ouro da Exposición Internacional de Múnic.

Asentamento en Galicia[editar | editar a fonte]

En 1905 volveu a Galicia, onde foi seducido polo ambiente sinxelo da vida aldeá e preparou a súa serie de temas galaicos. Nesta etapa figuran obras como O segador, Saíndo de misa no pazo de Mende e Comida de voda en Bergantiños.

Comezou a pintar personaxes populares, como labregos galegos, cun estilo moi influenciado pola pintura do Século de ouro neerlandés, que provocou unha gran polarización na valoración das súas obras, pois a xente mostrábase entusiasmada ou moi en contra do seu xeito de pintar.[1] Pola súa maneira de recoñecer a cultura do pobo e por introducir un xeito novo de pintar (aínda que moi alonxado das vangardas) foi un dos precursores dos Renovadores da arte galega do século XX.

Profesor en Chile[editar | editar a fonte]

En 1908 instalouse en Santiago de Chile, de cuxa Escola Superior de Belas Artes foi director ata o seu regreso a España en 1915. En Chile a súa influencia foi fundamental, aínda que só viviu seis anos nese país. Coas súas clases primeiro e despois como director da Escola de Belas Artes, deixou unha pegada orixinal favorecendo os temas populares e a impronta peninsular na primeira xeración de artistas chilenos coñecida como a "Xeración do 13". Tras a súa volta, en España desenvolveu unha importante carreira artística que o converteu nun dos máis importantes e influentes personaxes do medio artístico oficial. Pódeselle considerar o pintor da Corte de Afonso XIII, e chegou a dirixir o Museo do Prado en diversos períodos (entre 1922 e 1931, e trala guerra civil española, de 1939 ata a súa morte no ano 1960) e a Academia de Belas Artes de San Fernando a partir do ano 1953.

Participación política e dirección do Prado[editar | editar a fonte]

En xullo de 1936 atópase na Coruña e toma partido polo bando nacional: nunhas declaracións ao portugués Diário de Notícias recollidas na portada do xornal lugués El Progreso o 30 de marzo de 1937, difunde que o cadro "Cristo crucificado" de Diego de Velázquez, localizado no Museo do Prado, puido ser destruído pola "furia insana, iconoclasta" dos "marxistas" (algo falso, pois o cadro aínda existe) e afirma que volverá ser artista cando "España sea enteramente nuestra, nacionalista, esto es española".[2]

En 1938 foi designado alcalde da Coruña[3] e, máis adiante, procurador nas Cortes españolas.

Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo Rubio, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, a Pardo Bazán e Picadillo.

Temática e estilisticamente, a súa obra enlaza coa de pintores como Rosales, Pradilla ou Muñoz Degrain. Mediante o emprego de cores puras e luminosas e unha temática campesiña ou folclórica persegue a exaltación da intrahistoria. No seu catálogo abundan os retratos de personaxes da vida política e económica do país. En 1922, cando foi nomeado director do Museo do Prado, a súa evolución artística abriuse a unha nova etapa, caracterizada polos retratos con paisaxes velazqueños, como o de Afonso XIII e a Duquesa de Santoña. Algúns cadros mitolóxicos, como Leda ou Sátiro e ninfas, pertencen tamén a este momento.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Coa caída da monarquía, estableceuse en Inglaterra e non regresou a España ata finalizada a Guerra Civil. As exposicións de pintura española realizadas en Xenebra e Buenos Aires aumentaron o carácter tradicional da súa pintura, como o demostran os retratos da Duquesa de Alba e do Duque de Híjar. Nos últimos doce anos da súa vida produciu obras de ampla factura como Ceres, San Agustín, San Vicente Ferrer ou O infortunio.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Unha boa parte da súa obra atópase en América, aínda que tamén é considerable o número de óleos, acuarelas e debuxos reunidos pola Fundación Caixa Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A pintura de Fernando Álvarez de Sotomayor - Efeméridas - Podcast en iVoox". iVoox. Consultado o 2022-05-22. 
  2. [1], El Progreso, 30 de marzo de 1937 na Biblioteca Virtual de Prensa Histórica do Ministerio de Cultura de España
  3. [2], Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, Fernando na Enciclopedia online do Museo do Prado

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Juan González Regueral
 
Alcalde da Coruña
 
1939
Sucesor:
José Pérez-Ardá