Fonte (arquitectura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fonte de Diana (1866), na praza Irmáns Gardía Naveira, Betanzos, Galiza.
Fonte en Padrón , Galiza.

Unha fonte é unha construción (popular ou culta) cun ou varios canos por onde sae auga[1]. Como elemento arquitectónico adoita estar situado nun espazo urbano ou habitado, con fins utilitarios, de confort ambiental ou decorativos. Así, as fontes áchanse en patios, xardíns, largos, prazas, ou en lugares senlleiros da vila, embelecéndoos e resaltando a súa importancia. En Galiza, pola abondosidade de mananciais, podemos atopar fontes en calquera lugar: par dos lavadoiros, en muros, adros, prazas etc. As máis tradicionais constan dun cano que sae dun muro ou dunha pedra, e que deita a auga nunha pía, son unha simple canalización dunha mina de auga.

Historia[editar | editar a fonte]

Fonte de Castrigo, en Ames, Galiza.
Fonte e lavadoiros en Doade, Lalín , Galiza.

Orixinalmente provén do uso do pío (caída de auga), as fontes nun inicio achábanse nas prazas ou lugares céntricos das aldeas e vilas para forneceren de auga aos moradores e calmar a sede dos seus animais. Adoitaban ser locais de encontro que propiciaban as relacións sociais da comunidade.

Na Idade Media, a cultura islámica elaborou fermosos exemplos de fontes en edificios privados e zonas públicas, tales como pazos, patios, xardíns, prazas e mesquitas, combinando a utilidade coa beleza, servindo estas tamén para aclimatar os citados espazos.

En Europa, os artistas e arquitectos renacentistas amosaron o seu enxeño e destreza en fermosos deseños de fontes, tanto públicas coma de uso privado, culminando nos rebordantes e complexos conxuntos escultóricos que mostran as fontes da arte barroca.

Co avance da tecnoloxía, as fontes incluíron circuítos fechados de auga, que é impulsada mediante bombas de presión; tamén se idearon efectos de alumeado que aínda fau máis vistoso o aspecto da auga á noite.

A fonte na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

As fontes (chamadas fontelas, ou fontenlas cando son pequenas) eran os lugares de reunión da xente nova, que acode a elas á noitiña, unha vez rematado o choio do día para parolar, dicirse enchoiadas e manter vivo o lume dos seus namoros, mentres enchen cántaros e a auga cae do rústico cano, que ás veces, nas fontes máis sinxelas, é unha tella ou unha simple verza. As fontes acollen unha grande etnografía, chea de lendas e antigas crenzas pagás, aínda hai quen cre nas fadas que nelas moran; a outras fontes recoñécenselle virtudes creadoras e purificadoras polo líquido elemento que delas abrolla como algo vivo. De aí o culto que se lles profesa e os apelativos que se lles aplican: fonte boa, fonte crara, fonte fría, fonte milagreira, fonte pequena, fonte sagra, fonte santa, fontaíña, fontecha, fontencha, fonteliña, fontela, fontiña e outros. Cando se soña cunha fonte de auga clara téñeno os labregos por síntoma seguro de que axiña recibirán diñeiro; o soño cunha fonte de auga avolta anuncia un gran pesar que fará verter bágoas; mais xeralmente se considera de mal agoiro soñar coa auga. As cantigas populares, os romances, tradicións e costumes van ligados aos restos do antigo culto que se ofrecía ás augas que abrollan da terra en constante renovación, como xeradoras de todo ben para o home. Para destruír as vellas supersticións non poucas fontes se coroaron co sinal da cruz ou coa representación dalgún santo; e así foron inculcándose as novas doutrinas católicas sen violentar as primitivas crenzas celtas. Aínda hoxe o vulgo supón que as fontes conservan as antigas condicións salutíferas que atribuían ás súas augas a virtude de escorrentar as quenturas; aínda hai quen bebe con fe esas augas, e quen as ten coma menciña contra a garxola beber auga de nove fontes despois das doce da noite do San Xoán. Por iso ao pé de moitas fontes erguéronse santuarios que hoxe son obxecto de popular devoción polas virtudes milagreiras das augas que alí abrollan; por iso os romeiros lavan nelas as mans, a faciana, os pés, as chagas e mailas partes doentes para obteren a arelada cura, e por iso acoden a eses santuarios con ofrendas, como o de Santo André de Teixido, na comarca do Ortegal (fonte dos tres canos). Ao pé dunha fonte celebraban as meigas os seus arangaños e meigallos en Areas Gordas, no areal de Coiro, preto de Cangas. Pode dicirse que as fontes arraigaron de tal xeito en Galiza, que hoxe en día, a través dos séculos, aínda seguen a ser benfeitoras e protectoras para unha gran parte das xentes campesiñas.[2]

Deseño[editar | editar a fonte]

Fonte na Alameda Santiago de Compostela , Galiza

Nas fontes modernas non sempre resulta práctico empregar a presión gravitacional tradicional dende un reservorio non visíbel nun nivel superior. En moitas circunstancias, as fontes obteñen a auga dun sistema fechado, de recirculación que cómpre reencher ao comezo desde un sistema local de subministración de auga e tamén parado ao longo da súa vida polos efectos da evaporación. Cómpre tamén controlar o sobre-fluxo por mor das fortes choivas.

A presión que fai que a auga se mova a través da fonte pode ser producida por unha bomba (xeralmente eléctrica mergullábel). Xeralmente se utiliza un panel solar flexíbel (12 V) para aforrar enerxía e tela funcionando todo o día.

Un filtro, elimina as partículas da auga. As bombas, filtros, caixa eléctrica e controis de fontanaría áchanse xeralmente nun cuarto, nas fontes públicas.

O alumeado de baixa voltaxe, tipicamente utiliza corrente continua de 12 voltios para minimizar os accidentes eléctricos. O alumeado atópase acotío submerxido e ten que ser deseñado especificamente.

Fontes sonadas de Galiza[editar | editar a fonte]

Provincia da Coruña[editar | editar a fonte]

Provincia de Lugo[editar | editar a fonte]

  • Fonte do Rei, na cidade de Lugo.

Provincia de Ourense[editar | editar a fonte]

  • Fontes das Burgas, na cidade de Ourense, son tres mananciais con tres fontes: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ao século XVII; a Burga do Medio, pegada ao muro e de estilo moderno; e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano.

Provincia de Pontevedra[editar | editar a fonte]

O rapto de Europa, en Samil, Vigo.
  • Porta do Atlántico, finais do s.XX, na Praza de América, nas Travesas, en Vigo. O impresionante conxunto arquitectónico é unha homenaxe aos emigrantes galegos que partiron desde o Porto de Vigo cara as Américas. É obra do escultor galego Silverio Rivas está composta por tres bloques graníticos: a porta, que se apoia nun estanque, e outras dúas pezas, situadas ao principio da Gran Vía e da Avenida de Castelao. O monumento pesa 427 toneladas. É a fonte escollida pola afección do Real Club Celta de Vigo para celebrar as vitorias do seu equipo, e na mesma praza instálase unha gran verbena ao ar libre pola Noitevella.
  • Monumento ao traballo (Os redeiros), finais do s.XX, na Gran Vía en Vigo, representa o orgullo como cidade industrial, da súa xente traballadora, do seu vínculo co mar. É obra de Ramón Conde e representa sete mariñeiros que puxan dunha rede. Ten 8,50 m de alto e 3 m de longo[3].
  • Os cabalos, 1991, na Praza de España en Vigo, obra do escultor Juan José Oliveira, estatuas de cabalos de bronce que acadan os 18 m de altura sobre un enorme encoro. Pesa 40 toneladas e representa a unha manda de cinco cabalos que ascenden cara ao ceo por unha fervenza; representa os cabalos bravos que moran nos montes de Vigo[4]. Noutrora no mesmo lugar existiu outra fonte, máis sinxela, que contaba cun sistema de alumeado de cores.
  • O rapto de Europa, é máis ben unha escultura de Juan José Oliveira na Praia de Samil coa avenida de Europa, en Vigo. A obra representa O rapto de Europa, Europa era unha princesa fenicia, á que Zeus raptou convertido nun touro branco. A escultura en bronce, de 7 m de altura, pesa 1.500 kg e representa a Europa de a cabalo dun touro coa bandeira da Unión Europea.
  • Fonte da paellera, século XXI, na rúa do Areal de Vigo, enorme encoro en ferro fundido con chafarices.
  • Outras fontes de Vigo: fontes de Jenaro de la Fuente, fonte da alameda, fonte do Castro, fonte de Balaídos, fontes de Castrelos, fonte da Praza da Princesa, fonte de Venezuela con Camelias etc.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para fonte.
  2. Eladio Rodríguez, (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (Tradución do castelán)
  3. http://www.turismodevigo.org/gl/monumento-ao-traballo
  4. http://www.turismodevigo.org/gl/os-cabalos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]