Couto Mixto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Couto Mixto
Couto Misto

1147–1868
 

Capital Santiago
Lingua Galego-portugués, galego, portugués, castelán
Relixión Catolicismo
Goberno República
Xuíz do Couto Mixto
 • 1863c. 1865 Delfín Modesto Brandón¹
Lexislatura Concello aberto
Historia
 • Establecido 1147
 • O exercito de Soult destrúe os documentos 1809
 • Tratado de Lindes 29 de setembro de 1864
 • Disolución 23 de xuño de 1868
Superficie
 • 1845 26,7 km²
Poboación
 • 1845 est. 800 
     Densidade 30/km²
¹Renunciou ó cargo cando a disolución do Couto Mixto era inminente, sendo sucedido por un último Xuíz.

O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente[1] situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus. Ocupaba unha superficie de 26,9 Km² e tiña, en opinión de Pascual Madoz, unha poboación de 200 veciños no 1845, é dicir, o equivalente a 800-900 habitantes.

Descoñece a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á Casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano[2], que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España. Entre os dereitos e privilexios do Couto Mixto atopábanse os de asilo ós fuxidos da xustiza portuguesa ou española, non dar soldados nin a un reino nin ó outro, exención de impostos, liberdade de comercio (como o do sal, obxecto de estanco[3]), liberdade de cultivos (como o tabaco, obxecto de estanco), liberdade de elixir a nacionalidade española ou portuguesa para os seus habitantes, e outros[4].

Esta situación, moi antiga, foi cualificada de anómala[5] e, tanto España como Portugal, deteminaron unanimemente que non se podía manter, por ser particularmente propicia ó contrabando e por acolleren tamén neses terreos bandos de malfeitores[6]. Coa firma e entrada en vigor do Tratado de Lisboa, no 1868, os seus dominios quedaron baixo a soberanía de España[7], en contrapartida, pasaron á soberanía de Portugal os chamados pobos promiscuos[8]. O territorio do Couto Mixto aínda incluía unha pequena tira deshabitada, dedicada a pastos, que quedou integrada no municipio portugués de Montalegre[1].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Couto deriva do latín cautum, "(lugar) cercado", para poder defendelo mellor[9]. Couto é moi abundante na documentación medieval latina de Galicia como cautum para significar terreos asagurados ou limitados. Tanto no noso nomenclátor como no de Portugal hai moitos lugares que se chaman couto[10].

Mixto deriva do latín mixtus[11], "mesturado", constituído por elementos de distinta clase[12]. Por razóns estratéxicas inherentes ós respectivos modos de vida, algúns dos habitantes do Couto Mixto aceptaban ser presentados como portugueses e outros como españois, mais non se consideraban como suxeitos de ningunha das dúas Coroas[13].

Historia[editar | editar a fonte]

O Couto Mixto constitúese como tal e comeza a formarse arredor do século XII, no 1147, porén a súa creación é anterior. A súa orixe remóntase a independencia da Coroa de Portugal do Reino de León, quedando as fronteiras de xurisdición pouco claras ou nada precisas e ficando os pobos fronteirizos nunha situación política ambigua[1]. O Couto Mixto naceu na Baixa Idade Media ligado ó castelo da Picoña, vinculado co tempo á Casa de Bragança.

No 1518, por causa dos enfrontamentos entre as xentes de Barroso e Randín, os habitantes do Couto procuraron apoio no Conde de Monterrei, apoio que se mantería até a fin do Couto. Un documento de 1530 define os lugares de Santiago e Rubiás como "mistigos" de Portugal e Galicia, consta tamén documentado que no 1540 houbo que ratificar os acordos de 1518, ante a persistencia dos conflitos entre os '"mixtos" e os veciños da "raia".

O Ministerio de Facenda de España propúxolle a Portugal no 1785 que de forma conxunta se procedese á destrución total do tabaco e dos seus muíños. Posteriormente, insistiu nesta iniciativa o conde de Floridablanca, ministro de España, quen escribiu ó embaixador español en Lisboa, o conde de Fernán Núñez, para que mediante os seus bos oficios conseguise da Coroa Portuguesa o consenso na prohibición do cultivo e aprehensión das colleitas de tabaco do Couto Mixto[14]. O conde de Floridablanca, preocupado polo cultivo e a venda de tabaco exento de impostos, describía ós habitantes do Couto Mixto como "independentes das dúas Coroas, e son feroces asasinos, contrabandistas, e receptadores e auxiliadores de todo malfeitor que se refuxia a eles". En Portugal tamén o desembargador, corrixidor e provedor da comarca Francisco de Almada e Mendonça coincidía co anterior e destacaba a "independencia que se ten arrogado, cultivan e venden tabaco"[13].

No transcurso das Guerras Napoleónicas, no 1809, as tropas francesas de Soult na súa fuxida do exercito anglo-luso comandado por Wellington, destruiron tódolos documentos contidos na Arca das tres chaves[1]. Coa perda de toda a documentación non é posible esclarecer hitoricamente a orixe da instauración do Couto Mixto. No 1819 asinouse, no adro da Igrexa de Santiago, un documento no que se recoñecían os privilexios do Couto e se ligaba á Casa de Bragança e á diocese de Ourense, o que non era estraño, pertencendo tamén Tourém a devandita diocese[15].

A mediados do século XIX partidas carlistas entraron en distintas ocasións no Couto Mixto. No 1847 un continxente militar portugués de 700 soldados seguidos por arredor de 300 mulleres, mandado polo xeneral Saldanha e perseguido por outras forzas portuguesas pernoctou unha noite no Couto, repartíndose os homes entre as tres aldeas e marchando ó día seguiente[14]. Arredor do ano 1850 a prohibición de comerciar con tabaco fíxose efectiva, tan só se permitía un máximo de trescentos pés de tabaco ó ano para autoconsumo. Ó parecer nos últimos anos de existencia do Couto era frecuente a destrución das plantacións de tabaco por parte de autoridades de Montalegre, efectuadas no mes de agosto, ás veces coa axuda das autoridades españolas[14].

Detalle da Carta topográfica do Julgado de Montealegre (1836), asinada por Fidencio Bourman, onde pode verse o Couto misto (Miaus, Rubias, S. thiago), Castello da Piconha, Randin, Tourem, rio Salas, Serra de Larouco, Reino de Galliza e Montealegre, entre outros.

Disolución[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tratado de Lisboa (1864).

No 1851 formouse a Comisión Mixta que tería que dirimir os límites entre os dous estados. Esta Comisión visitou as terras do Couto Mixto e dos pobos promiscuos en xullo de 1856 pero non se chegou a acordo ningún porque os portugueses propoñían dividir o Couto seguindo o leito do río Salas, de modo que Santiago e Rubiás pasaran a ser portuguesas e Meaus española. O representante da delegación española, Fidencio Bourman, negouse a esta pretensión argüíndo que a negociación territorial era competencia dos respectivos gobernos e que tiña que resolverse por vía diplomática. En 1863 houbo unha segunda proposta, tamén rexeitada, segundo a cal Santiago pasaría tamén a España. Asemade, os habitantes do Couto Mixto elixiron a Delfín Modesto Brandón en xaneiro de 1863 como Xuíz para tentar pór fin ós abusos continuos e á violación da soberanía cometida polas autoridades portuguesas e españolas[16].

Por fin, o 29 de setembro de 1864 presentouse e asinouse o Tratado de Lindes que remataba definitivamente coa institución do Couto Mixto. España entregaba, a cambio dos lugares que constituían o Couto Mixto, os tres pobos promiscuos a Portugal: Soutelinho da Raia, Lamadarcos e Cambedo. Estes tres lugares están situados poucos quilómetros ó leste do Couto, sobre a mesma raia fronteiriza e vivían nunha situación parecida, pero sen os privilexios que caracterizaban ó Couto Mixto. Á marxe de establecer a territorialidade española do Couto Mixto e portuguesa dos pobos promiscuos, o Tratado deu un prazo dun ano para que os habitantes destes lugares optasen definitivamente pola nacionalidade da súa preferencia.

Delfín Modesto Brandón renunciou ó cargo cando a disolución do territorio era inevitable, foi sucedido por un último Xuíz, que rematou o seu mandato coa partición e anexión formal do territorio[16]. A ratificación do tratado e a entrega dos territorios a España foi celebrada o 23 de xuño de 1868 na igrexa de Santiago. Os días 27 de xuño en Soutelinho e 28 do mesmo mes en Cambedo e Lamadarcos, nunha cerimonia similar, realizouse o acto oficial da entrega dos pobos promiscuos ó goberno portugués. A vixencia do Tratado dos Lindes entrou definitivamente en vigor o 5 de novembro de 1868.

Actualmente, Cambedo pertence a Montalegre, Soutelinho e Lamadarcos a Chaves. As tres aldeas do Couto Mixto foron nun principio asimiladas ó concello de Baltar pero os habitantes de Santiago e Rubiás, máis relacionados con Calvos de Randín, reclamaron a súa inclusión neste segundo concello, o que lles foi concedido pola Deputación de Ourense o 29 de maio de 1870, que creou a tal efecto a parroquia de Rubiás dos Mixtos. En 1906, os gobernos español e portugués recoñeceron terreos para pasto comunal, para uso de gandeiros dos dous lados da fronteira, sen que iso modificase o trazado da antedita fronteira.

Cultura[editar | editar a fonte]

A arca das tres chaves.

Tradición oral[editar | editar a fonte]

Conta unha lenda, de moita sona, que unha princesa desterrada quedou atrapada pola neve na súa fuxida mentres percorría a serra da Pena, estaba a punto de dar a luz e entre terribles dores desfalecía, cando a socorreron os veciños do Couto. Agradecida, concedeulles a independencia e os citados privilexios[1].

Símbolos[editar | editar a fonte]

A arca das tres chaves, unha arca de madeira onde se gardaban o arquivo e os selos do Couto Mixto, custodiada na sancristía da igrexa de Santiago, que se consideraba a capital política do territorio. Fechábase con tres chaves, os representantes de cada unha das aldeas gardaban cadansúa chave, das cales o xuíz custodiaba unha, á que lle correspondía ó seu lugar. Para abrila celebrábase unha solemne cerimonia: debíanse reunir doce homes máis os tres gardiáns das chaves, un total de cinco por pobo. No transcurso da Guerra Peninsular o exercito de Soult destruíu tódolos documentos[14]. Actualmente a arca está restaurada[17].

Réxime administrativo do Couto Mixto[editar | editar a fonte]

A orixinalidade deste enclave foi a de manter a súa propia organización, desvencellada das coroas portuguesa e española, nunha estrutura política equiparable en boa parte a unha república democrática.

Entre os dereitos e privilexios máis representativos sinálanse o de asilo (para os fuxidos da xustiza hispana e lusa), o de non dar soldados, a exención de impostos, a liberdade de comercio (como o sal, produto estanco ata 1868 [18]), liberdade de cultivos como o tabaco e outros máis. Para exercitar ditos privilexios, no tocante ó comercial, dispuñan dun camiño inmune a acción dos gardas da fronteira. Este camiño comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourém, atravesando terras galegas de Randín nun percorrido duns seis quilómetros.

No Couto podían votar para elixir os cargos electivos tódolos cabeza de familia, de cada casa, e mesmo cabía a posibidade de revogar ós representantes electos antes da finalización do seu mandato se os electores detectaban un mal cumprimento das súas funcións, denotándoo así[19].

O arquivo e os selos do Couto Mixto gardábanse na Arca das tres chaves custodiada na sancristía da igrexa de Santiago, considerada a capital política do territorio.

Os privilexios do Couto Mixto[editar | editar a fonte]

Nacionalidade[editar | editar a fonte]

Os habitantes do Couto Mixto non se atopaban obrigados a unha ou outra nacionalidade, podendo inclinarse, dependendo de razóns xeográficas, familiares ou tradicionais, por unha, por outra ou por ningunha. Xa se mencionou que, rematada a independencia do territorio, concedéuselles un ano de prazo para optar por unha ou outra nacionalidade.

O momento en que tradicionalmente se exercía esa opción era no día das vodas, é dicir, o día no que constituían familia propia. Os que optaban por Portugal bebían un cáliz de viño pola honra e á saúde do rei portugués, inscribindo a letra "p", de Portugal, na porta do domicilio conxugal; aqueles que optaban por España, brindaban á honra e saúde do rei español, inscribindo a letra "g", de Galiza, no seu domicilio. Esta práctica, que parece estar limitada aos anos 1842 e 1843, foi substituída pola inscrición doutros símbolos (nomes, datas, cruces etc.) cando as autoridades de ambos os países comezaron a cuestionar os privilexios do Couto.

Con esas marcas na porta da casa, sometíana á lexislación de España ou á de Portugal, coa particularidade de que podían diferenciar espazos dentro da mesma casa baixo unha ou outra soberanía:

... por lo cual bastaba que el propietario, al construir o reedificar su casa, dijera a qué nacionalidad quería perteneciese el inmueble, si ya no aplicaba una habitación a cada una.[20]

Concretamente, os seus habitantes non estaban obrigados a utilizar documentos de identidade persoais, non estando suxeitos aos efectos xurídicos dunha nacionalidade: eran considerados como "mixtos".

Os habitantes do Couto non contribuían nin ao Exército portugués nin ao español, nin sequera en tempo de guerra. Este dereito de exención de sangue foi motivo dun grave conflito en 1809, cando a xunta de armamento da Boullosa chamou a servir ao Rei a tódolos mozos do Couto, orde que tivo que derrogar o Marqués de la Romana.

Os habitantes do Couto non estaban obrigados a participar nos procesos electorais e nos asuntos políticos nin en Portugal nin en España.

Autogoberno[editar | editar a fonte]

Os habitantes do Couto tiñan o privilexio do autogoberno, mediante a elección dun Xuíz ou Alcalde polas cabezas de familia das tres aldeas, elección celebrada no inverno cada tres anos. Este Xuíz exercía as funcións gobernativas, administrativas e xudiciais fronte a delitos cometidos dentro dos límites do Couto, xa que noutros aspectos estaban sometidos ós xulgados de Montalegre (Portugal) e de Xinzo de Limia, segundo a nacionalidade que tivesen. O Xuíz auxiliábase polos homes de acordo ou homes bos, tamén electos en cada un dos tres poboados, dous por lugar, e polo Vigairo do mes, que executaba as decisións do Xuíz. Alén diso, había a posibilidade de tomar acordos en concello aberto (asemblea), na praza pública ou no adro da igrexa, por tódolos veciños.

O nomeamento do Xuíz tiña que ser ratificado polo corrixidor de Montalegre, en nome da Casa de Bragança, quen lle entregaba unha insignia que aquel colocaba no cinto. Cara 1834-1836 desapareceu esta ratificación portuguesa.

A Xunta que rexía o Couto alternaba anualmente a súa sede nun lugar diferente dos tres que o constituían. Os habitantes do Couto con dereito a voto podían empregar o dereito de revogación (volver chamar a votación), que consistía na posibilidade de mudar os representantes electos antes do final do seu mandato se se detectaba un mal desempeño das funcións para as que foron elixidos[2].

Tributos[editar | editar a fonte]

Os habitantes do Couto Mixto non estaban obrigados a pagar tributos a Portugal ou a España, nin os debidos pola terra, pola práctica de actividades comerciais ou industriais, por consumo, sucesión ou outros. Ese feito levou a moitas persoas a contraer matrimonio e estabelecerse no Couto, para evitar o pago de tributos, ao mesmo tempo que estimulou unha dinámica actividade comercial, clasificada moitas veces polas autoridades de ambos os países como contrabando. Beneficiábanse do feito de que os "mixtos" non podían ser detidos ata unha legua dos límites do Couto e nin nos camiños ou vereas privilexiadas, ou por actividades consideradas como ilícitas.

Impresos oficiais[editar | editar a fonte]

Tampouco estaban obrigados ao uso de papel selado, podendo facer uso de papel común en todos os tipos de acordos e contratos. Do mesmo modo tampouco estaban obrigados a pagar dereitos polo rexistro de propiedade, como no caso de hipotecas.

Dereito de asilo[editar | editar a fonte]

Nin as autoridades portuguesas nin as españolas podían entrar no Couto en persecución dun individuo, excepto no caso de determinados delitos, como o homicidio e outros delitos de sangue. Este dereito, probable reminiscencia dos primitivos coutos de homiciados, incomodaba bastante ás autoridades de ambos os países, o que, historicamente, se traduciu pola acción esporádica, ben da xustiza portuguesa, ben da española, no territorio do Couto. Do mesmo modo, o Couto podía negar aloxamento ás forzas militares de ambos os países, práctica que en diversas ocasións non se respectou diante da superioridade numérica das tropas visitantes, especialmente durante as guerras napoleónicas do século XIX.

Agricultura, gandería e comercio[editar | editar a fonte]

Os veciños do Couto dedicábanse ao cultivo de liño, millo, patacas etc., á cría de gando (especialmente de vacas de raza cachena), á fabricación de apeiros agrícolas e ao comercio de todos estes produtos nas feiras dun e doutro lado da fronteira. Esta actividade agrícola e gandeira estaba marcada pola súa situación xeográfica pero nunca pasou de ser unha actividade de subsistencia [21] polo que se dedicaban principalmente ó comercio, amparándose nos privilexios que os dous países lles concederan. Así, destacaba o comercio de sal e de tabaco. Podían cultivar todos os xéneros, inclusive aqueles obxecto de estanco, como o tabaco, controlado con rigor en ambos os países. Canto ó comercio do sal, sometido a réxime de estanco en España pero non en Portugal (ata 1868), tratábase do sal mariño portugués, de excelente calidade, que logo vendían por ferrados por todo Ourense.

Podían frecuentar as feiras das comarcas limítrofes, comprando e vendendo todo tipo de gando e mercadorías sen a obriga de pagar dereitos ou de presentar guías, documentos aduaneiros ou de calquera tipo. Tamén estaban autorizados para a venda de produtos farmacéuticos, para o que non se esixía ningunha titulación.

Camiño privilexiado[editar | editar a fonte]

Os habitantes do Couto dispuñan dun camiño privilexiado que, partindo do Couto, atravesaba as terras de Calvos de Randín ata o seu destino en Tourém. Estaba delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces. Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ambos países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus límites (nin de contrabando), nin podían molestar os seus usuarios. Os habitantes do Couto non necesitaban de licenza para o porte de armas de calquera clase (de caza ou de defensa), nin dentro do Couto, nin no camiño privilexiado.

O Couto Mixto na actualidade[editar | editar a fonte]

En 1998 creouse a Asociación de Amigos do Couto Mixto coa finalidade de recupera-la súa memoria histórica. Forman parte desta Asociación persoeiros da cultura galega como Luís García Mañá, Bieito Ledo Cabido, Xesús Ferro Ruibal, Xosé González Martínez ou Antón Pulido.

Desde o ano 2000, esta Asociación nomea anualmente tres Xuíces honorarios entre as personalidades ou organizacións que destaquen no seu labor cultural e etnográfico. Aos nomeados entréganlle simbolicamente unha chave que lembra a que portaban os homes de acordo.

Outras finalidades da Asociación de Amigos do Couto Mixto son o desenvolvemento de actividades culturais (como os cursos de verán celebrados en colaboración coas universidades de Vigo e de Tras-os-Montes), o proxecto dun Museo Aberto do Couto Mixto (en colaboración co concello de Calvos) e a publicación de diferentes estudos de investigación (como o Inventario microtoponímico do Couto Mixto).

O Couto Mixto recibiu no 2002 o Premio da Fundación Premios da Crítica, na súa sección de Iniciativas Culturais, "pola recuperación da autoestima e memoria histórica coma parte dun espazo xeográfico e cultural, por favoreceren o reencontro da convivencia entre Galicia e Portugal a partir das raíces comúns e por recuperaren unha manifestación de riqueza antropolóxica e cultural que, neste caso, é un exemplo de mestizaxe cultural". Ese mesmo ano, a mesma Fundación elixiu o Couto Mixto para presenta-lo manifesto "Falamos unha lingua milenaria" [1], no que numerosos persoeiros destacados na cultura galega proclamaban a súa fidelidade ao galego como lingua propia e independente. Nese mesmo acto, erixiuse en Santiago de Rubiás un milladoiro de pedras e palabras.

En maio de 2008 inaugurouse no adro da igrexa de Santiago unha estatua en bronce que representa o último Xuíz que tivo o Couto e que asistiu á extinción do seu status especial, don Modesto Delfín Brandón [22]. A falta dunha imaxe deste home, a estatua representa, sentado no banco corrido do muro de pedra do adro, un home coa roupa da época e provisto do bastón de mando que distinguía aos Xuíces, nun deseño obra de García Mañá. O escultor foi o vigués José Molares.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Alonso, Antón (4-7-2014). "El Couto Mixto (Ourense) Caso único en Europa" (pdf). Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera (ACPE) (en castelán). Consultado o 15-5-2016. 
  2. 2,0 2,1 López Mira, Álvaro Xosé (2007). O Couto Mixto: Autogoberno, fronteiras e soberanías distantes (pdf). Madrygal. Revista de estudios gallegos. ISSN 1138-9664. Consultado o 15-5-2016. 
  3. O réxime de estanco consistía na prohibición da produción e venda libre de determinados produtos controlados polo Estado, que fixaba prezos, taxas e puntos de venda autorizados.
  4. Vázquez, Beti (7-7-2007). "Couto Mixto, as tres chaves da memoria". Galiciaé. Consultado o 15-5-2016. 
  5. O Tratado de Lisboa (1864) no seu preámbulo:
    [...] e finalmente, recoñecendo a necesidade de facer desaparecer a anómala situación na que, á sombra de antigas tradicións feudais, permaneceron até aquí algúns pobos inmediatos á liña divisoria de ambos Estados, con notable e común prexuízo destes [...]
  6. Dias, Maria Helena (2009). "O Couto Misto e a sua demarcação". Finis Portugalliæ. Nos Confins de Portugal. Cartografia miitar e identidade territorial (PDF) (en portugués). Instituto Geográfico do Exército. p. 29. Consultado o 24-5-2016. 
  7. O Tratado de Lisboa (1864) no seu Artigo VII:
    [...] Portugal renuncia en favor de España a tódolos dereitos que poida ter sobre o terreo do Couto mixto e sobre os pobos situados no mesmo, que en virtude da división determinada pola liña descrita quedan en territorio español.
  8. García Álvarez, Jacobo, ed. (XII, 2.2015). "La frontera hispano-portuguesa. Representaciones geográficas, paisajes y delimitación territorial (ss. XVII-XXI)". Revista de Historioagrafía (RevHisto) (en castelán) (Universidad Carlos III de Madrid) (23): 28. ISSN 1885-2718. 
  9. Moralejo Laso, A. (1977). Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela: Editorial Pico Sacro. p. 41. ISBN 84-85170-20-2. 
  10. YouTube., ed. (2011). "Coto e Couto". Ben falado!. crtvg. Consultado o 21-5-2016. 
  11. Etimoloxía de mixto no DLE
  12. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mixto.
  13. 13,0 13,1 Cairo, Heriberto; Godinho, Paula (xullo de 2013). "El Tratado de Lisboa de 1864: la demarcación de la frontera y las identificaciones nacionales" (pdf). Historia y Política (en castelán) (30). Consultado o 24-5-2016. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 "Los Privilegios del Coto Mixto". Tinet (en castelán). 2002. Consultado o 15-5-2016. 
  15. García Mañá, Luis Manuel (24-11-2014). "A fronteira galego-portuguesa". La Voz de Galicia. Consultado o 21-5-2016. 
  16. 16,0 16,1 Brandón, Delfín Modesto (1907). Tierra Gallega, ed. Interesante Historieta del Coto Mixto (en castelán). A Coruña. p. 21. 
  17. "Couto Mixto. Un espazo independente entre Galicia e Portugal" (pdf). A Cunca (24). maio 2015. Consultado o 21-5-2016. 
  18. O réxime de estanco consistía na prohibición da produción e venda libre de determinados produtos controlados polo Estado, que fixaba prezos, taxas e puntos de venda autorizados.
  19. López Mira, Álvaro Xosé (2005). "A crise do Estado en zonas transfronterizas: Estudo de caso do Couto Mixto como modelo sociopolítico alternativo ao Estado". Multiconstitucionalismo e multigoberno: estados e rexións na Unión Europea. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-492-5. 
  20. Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Orense.
  21. O Couto Mixto só contaba cunhas 850 hectáreas de terras de cultivo e pasto, menos dun terzo da súa superficie, sendo o resto de terras montañosas.
  22. Outras fontes dan o apelido Branden.

O Couto Mixto, unha terra singular. José Rodríguez Cruz, 3.07.2015 (en galego) (Consultado o 6.08.2015) Los privilegios del Coto Mixto

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Couto Mixto Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]