Andoriña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Andoriña
Subespecie europea,H. r. rustica en Dinamarca
Subespecie europea,
H. r. rustica en Dinamarca
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Hirundinidae
Xénero: 'Hirundo'
Especie: ''H. rustica''
Nome binomial
''Hirundo rustica''
Linnaeus, 1758
Distribución de H. rustica

Distribución de H. rustica
Sinonimia
  • Hirundo erythrogaster
Hirundo rustica

A andoriña ou anduriña (Hirundo rustica) é unha pequena ave insectívora migratoria que se atopa en África, Europa, Asia e América. As andoriñas europeas pasan a primavera viaxando cara o norte, chegando mesmo ata o Círculo Polar Ártico, mentres pasan o inverno en África.

A plumaxe da andoriña é negra azulada no dorso e branca no peito. O peteiro é curto, a cola acuminada e dividida en dúas gallas, as ás fortes e longas e as patas curtas. Miden arredor de 19 cm e o seu corpo, fusiforme, está adaptado para os vóos rápidos e longos. A andoriña voa baixo en espazos abertos ou semiabertos e atrapa os insectos lanzándose enriba deles desde o aire.

Adoita encontrarse en aldeas e vilas, pero tamén vive no campo aberto. Constrúe os niños de barro e no interior coloca herbas e plumas cun pequeno burato de entrada baixo os beirados dos edificios, pontes, e nas paredes das rochas e cantís. A femia pon catro ou cinco ovos e os dous proxenitores alimentan as crías. As andoriñas teñen un gran sentido da orientación, sendo capaces de atoparen o seu niño do ano anterior.

A andoriña na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Niño de andoriñas no Pazo de Fefiñáns.
Andoriñas en Pinzás, Tomiño.

Antigamente a andoriña consagrábase aos deuses; era o heraldo da primavera, polo que estaba prohibido matalas. En Galicia é popular a lenda que conta que as andoriñas arrincaron as espiñas da coroa que levaba Xesús Cristo, e que do sangue deste vén a mancha vermella que amosan no seu pescozo [1]. Desta crenza procede a consideración das andoriñas como protectoras das casas nas que aniña. Por esta razón son aves que ninguén molesta nin se lle vai ós niños. Mesmo se cre que matar unha andoriña ou destruí-lo seu niño é un pecado e que quen o faga sufrirá axiña unha desgracia na súa casa (Risco, Rodríguez López [2])

Considéranse agoiros do tempo que vai facer: cando as andoriñas voan baixo é que vai cambia-lo tempo.

A Virxe de Padrón leva unha andoriña na coroa e por iso corre un cantar no que se di que O Señor bendiga â ave que leva nosa Señora (Rodríguez López).

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito.
  • Andoriña a rente da auga, choiva na cama.
  • Andoriña que alta voa non teme que chova.
  • Andoriña que voa a rentes da terra, chuvia venta.
  • Andoriñas a rente da auga, chuvia por palla.
  • Andoriñas a rentes da auga, chuvia na praia.
  • Caga máis un boi que cen andoriñas.
  • Día de san Xosé, primeira andoriña se ve.
  • Entre san Xoán e san Pedro, vén o pan ó vencello.
  • Máis caga un boi que cen andoriñas.
  • Máis come un boi que cen andoriñas.
  • Nin un dedo fai man, nin unha andoriña fai vran.
  • Por san Raimundo a andoriña vén do outro mundo [3].
  • San Raimundo, a andoriña trai do outro mundo.
  • San Reimundo tira a andoriña do outro mundo e san Cebrián vólvea a levar.
  • Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
  • Unha andoriña non fai vrau.
  • Unha andoriña soila non fai verau
  • Vale máis unha cagada de vaca que cen de andoriña.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • ¡Ai, quen anduriña fora, / anduriña da outra banda, / que ao meu amor un suspiro / no piquiño lle levara!
  • Catro aves escollidas / son as que pasan o mar: / o cuco e a andoriña, / a rula e o paspallás.
  • Catro aves voadoras / son as que pasan o mar: / a anduriña e mailo cuco, / a rula i o paspallás.
  • Quixera ser dos paxaros / que anduriña se lle chama / para facer o meu niño / ó pé da túa ventana.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • Cen golondrinas/ e un golondrón,/ un mete e saca/ e un quita e pon. [4]

Sinonimia e léxico derivado[editar | editar a fonte]

Outros nomes que recibe a andoriña son os seguintes: andolía, colandrilla. No galego-asturiano: andolía e golondría [5]

Tamén existe a herba da andoriña, celidonia ou ceruda (Chelidonium majus), que antigamente se cría boa para as enfermidades dos ollos. Este uso medicinal, que tamén se chegou a aplicar ás propias andoriñas [6], vén da antiga crenza de que os polos de andoriña nacían cegos pero a nai curábaos ó refregarlles os ollos cun anaco desta herba [7].

Co nome de andoriña desígnanse tamén un molusco (a zamburiña, antes Pectunculus hirundo) e un peixe (Trigla hirundo), semellante ó escacho; tamén á ovella que guía o rabaño. Baixo a forma andoriña do mar designa dúas aves mariñas máis coñecidas como carrán (Sterna spp) e como paíño (Hydrobates pelagicus), respectivamente.

Anduriño é tamén nome dun peixe que o Padre Sobreira describe como Pez pequeño; de forma y color de trucha, y de igual o mejor gusto, con manchas doradas: carne blanca. Vienen por Marzo; en Abril son raros: en años secos son más abundantes. Parecen ser los escalos de Ponte Aréas, y son los reos del Avia.

Tamén di Sobreira que co adxectivo anduriño se designa en Ribadavia a persoa que anda lixeira e que aguanta moito. Eladio Rodríguez aumenta o significado a quen é rápido ó camiñar, traballar, decidirse e mesmo que fala rapidamente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lenda semellante corre respecto ó paporroibo.
  2. Aínda así, este último afirma que este pájaro es de los más dañinos para la agricultura, pues se alimenta con preferencia de abejas.
  3. San Reimundo celébrase o 7 de xaneiro, pero estes refráns deben referirse a san Reimundo Fitero, o 15 de marzo.
  4. Solución: as patacas no pote.
  5. Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández: Vocabulario del bable de occidente, Madrid, 1932. Citado polo Diccionario de Diccionarios.
  6. "Comidas as andoriñas aguzan moito a vista, para o cal tamén serve a cinza das andoriñas" (Dioscórides).
  7. Xosé Ramón Mariño Ferro recolle así as teorías expostas por Aristóteles: "Polo que atinxe ós polos da andoriña, se, cando son aínda novos, lles pica un os ollos, os referidos polos despois sandan e ven" e Plinio o Vello: "A andoriña amosóuno-lo poder curativo para a vista da celidonia ó tratar con esta planta a inflamación dos ollos dos seus pequenos".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego. Pontevedra, 1904
  • CABANILLAS (1951)
  • FERRO RUIBAL, Xesús (Dir.) et al: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones. Madrid 1984
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón (1995): "Os animais na medicina máxica tradicional", en GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé Manuel (Coord.): Medicina Popular e Antropoloxía da Saúde, Santiago de Compostela 1997.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886 (reed. facs. Akal, Madrid 1979).
  • RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza Tomo I (Dirixido por Ramón OTERO PEDRAYO). Ed. Nós, Bos Aires 1962.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]