Garza real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Garza real
Ardea cinerea - Pak Thale.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Ardeidae
Xénero: 'Ardea'
Especie: ''A. cinerea''
Nome binomial
''Ardea cinerea''
Linnaeus, 1758
Verde claro: veránVerde escuro: permanenteAzul: inverno

Verde claro: verán
Verde escuro: permanente
Azul: inverno

A garza real (Ardea cinerea) é unha ave da familia das garzas (Ardeidae), nativa das áreas de clima morno de Europa e Asia e de partes de África.

Descrición[editar | editar a fonte]

Teñen un talle case tan grande coma a cegoña branca. Miden entre 90 e 100 cm. de alto, cunha envergadura de ás de entre 175 e 195 cm e pesan entre 1 e 2 kg. A parte superior da cabeza e a fronte son brancas, o pescozo branco agrisado e o lombo gris cinza con bandas brancas. Teñen unha "cella" negra ancha e tres plumas longas e negras na cabeza que forman una crista fina. Na parte anterior da gorxa amosan unha lista de manchas negras. A parte inferior do corpo e máis abrancazada. Os exemplares novos son de cor marron agrisada polo lombo, co pescozo gris e o ventre branco con raias negras.

Non teñen as plumas longas pendurando da cabeza características dos adultos. Mudan a plumaxe adulta cando teñen dous anos. O seu bico é longo e afiado, de cor amarela rosada, que é máis brillante nos exemplares reprodutores. Os tres dedos anteriores das patas son longos e moi separados para evitar que afonden con facilidade nos fondos brandos. Teñen unhas plumas características no peito que producen unha especie de po que protexe da humidade. Fregan de cando en cando a cabeza contra o peito para despois espallar o po con esta polo corpo.

O seu aspecto é semellante ó da Garza do Canadá, que ocupa o mesmo nicho ecolóxico en Norteamérica.

Voan batendo as alas a modo e co pescozo encollido en xeito de "S". Mentres voan deixan ouvir un berro alto e áspero a intervalos regulares.

Diferéncianse catro subespecies:

  • Ardea cinerea cinerea de Europa, África, e oeste de Asia.
  • Ardea cinerea jouyi do leste de Asia.
  • Ardea cinerea firasa de Madagascar.
  • Ardea cinerea monicae, presente nas illas de Banc d'Arguin, Mauritania.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Ademais de nas partes de clima temperado de Eurasia viven en todo o sur do continente africano, agás a costa meridional de Namibia. Son aves sedentarias, por ben que as poboacións que viven en zonas con invernos moi fríos se desprazen ó sur no verán. As migracións non adoitan superar os 500 km de distancia. A conxelación de lagos e estanques en invernos máis fríos do habitual provoca taxas de morte moi altas entre os exemplares que non emigran.

Frecuentan tódalas áreas húmidas e pouco fondas. O seu hábitat preferido son estanques ou outras áreas acuáticas pouco fondas que estean rodeadas de vexetación mesta. Nos últimos anos achegáronse cada vez máis as cidades, e empezan a verse mesmo no interior destas.

Conduta[editar | editar a fonte]

Caza e alimentación[editar | editar a fonte]

Cazan camiñando coa cabeza baixa polas augas pouco profundas. Estrican o pescozo coma un lóstrego para cazaren peixes, ras, moluscos, cobras e insectos acuáticos. Comen tamén ratas de auga. Nos prados cazan á espreita, agardando moi quietas ata que aparece as presas, que poden incluír ratos de campo e mesmo ovos e polos. Cando pescan poden pousarse na auga, nadar de 1 a 3 segundos e botar de novo a voar, pero o xeito típico é o de pousarse a algúns metros da beira da auga e ir camiñando cara ela pouco a pouco.

Reprodución[editar | editar a fonte]

O niño é unha plataforma plana e non moi estable feita de cotelos e situada no cume dunha árbore, (aínda que tamén fan os niños nos canavais) e á beira da auga. Crían case sempre en colonias. A época reprodutora vai de febreiro a xullo. Poñen catro ou cinco ovos verdes brillantes. Os dous proxenitores róldanse para chocalos durante 25 ou 28 días. Os polos tardan uns 50 días en poderen voar, e afástanse do territorio dos pais cando teñen 8 ou 9 semanas.

A mortalidade dos polos: cálculase que nos primeiros 6 meses de vida morren un 70% das novas garzas. A esperanza de vida en liberdade é duns 24 anos.

Relacións sociais[editar | editar a fonte]

As colonias das garzas reais son ruidosas e de moita actividade. As disputas entre elas, por exemplo para conseguir materiais para o niño, son habituais. Actúan xuntas para defende-los niños dos córvidos que tentan roubar os ovos desprotexidos.

Galería[editar | editar a fonte]